MAIANAS – Pandereteiras da Maía

MAIANAS

          Somos un grupo de pandereteiras que ten os seus xermolos no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde todas as integrantes nos coñecemos e onde gravamos o disco promocional “Xota da Amaía”, que foi presentado no programa de música galega “Lume na palleira”, da Radio Galega. Neste primeiro traballo o noso repertorio estaba composto por pezas puramente tradicionais dos cancioneiros galegos e tamén de recollida, con especial mención para a señora Herminia, de Cordeiro (Valga), que aos seus cen anos soubo transmitirnos o amor pola tradición oral musical.
          Foi no 2007 cando as ganas por facer algo diferente, a amizade e os anceios de liberdade nos levaron a comezar un novo camiño en solitario e a constituír Maianas. A partires deste momento contamos co apoio incondicional da asociación veciñal Pedra do Fuso e de Dionisio Aboal, que posibilitaron as nosas primeiras actuacións en Ames e na zona de Pontevedra respectivamente.
          De a pouco fomos introducindo temas de composición propia nos que mesturamos a creación melódica e lírica, onde apostamos polos xogos vocais e a esencia da tradición adaptada ao noso sentimento actual. Acompañamos as voces con instrumentos tradicionais de percusión: pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, ademais doutros instrumentos “pobres” como cunchas ou cuncas.                Recentemente temos introducido a frauta tenor e a guitarra española para os arranxos das pezas. Como resultado desta nova andaina xurdiu no 2011 o noso primeiro traballo discográfico como Maianas, o “Como canta”, presentado tamén en “Lume na palleira” e en “Luar”.
          Nestes cinco anos tivemos a oportunidade de actuar polas catro provincias galegas en todo tipo de festivais, concertos, festas, romerías… Tamén levamos a nosa música a colexios de educación infantil e primaria co desenvolvemento dun proxecto de concertos didácticos. Asemade, Maianas organiza dende o 2008 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, celebrado a primeiros do mes de marzo, e por onde xa teñen pasado agrupacións musicais de toda Galicia.
          No 2012 colaboramos co dúo pontevedrés Quodlibet e o seu “Proxecto Mixtura”, partipando na gravación do seu primeiro disco, “A cor do son”. No verán de 2012 as Maianas recibimos o Premio do Xurado do concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” polo tema “Xa te olvidaches de min”.
          Este recoñecemento trouxo consigo a gravación dunha maqueta nos estudos da Radio Galega, realizada no mes de xullo e cuxa produción aínda está en marcha. A presenza de Maianas nos medios públicos galegos intensificouse tamén a partires deste feito, participando neste 2013 nos programas da CRTVG “Heicho cantar”, “E ti que tocas?”, “Somos quen” ou “Un sitio á sombra”.
          No 2013 comezouse a colaboración e a planificación dunha rede de concertos conxuntos coa banda de gaitas Os Coribantes (Pontacaldelas).
          Neste tempo o grupo seguiu a compoñer temas propios, nos que cada vez tiña máis peso a parte musical. Na procura da composición axeitada para introducirse de cheo na música folk sen abandonar a súa identidade como pandereteiras xurdiu Maianas 2.0. Este novo proxecto incorpora tres novos compoñentes, todos músicos cunha ampla formación e longa traxectoria na música galega. Son eles os que arranxan musicalmente as pezas e introducen os novos instrumentos: Julio Abal incorpora a guitarra; Sandra López a batería e outros instrumentos de percusión; e David Valladares o vento co clarinete, o saxo ou a frauta.

ELISEO E ADELINA DE MUIMENTA

ELISEO E ADELINA DE MUIMENTA         

           Dúas persoas que deixaron en min unha enorme lembranza de cando era cativo foron Eliseo Pedreira e Adelina. Non eran da familia pero como se o fosen, pois os pais de Adelina eran os padriños do meu pai e os meus avós eran os padriños de Adelina e por se fora pouco, a súa filla Rosa xunto co seu home Antonio foron os meus padriños de voda. Todo na casa como quen di.

           Canto me querían a min! Especialmente Adelina que viña moito pola nosa casa. Como ela soubese que estaba miña nai en Muimenta, era a primeira en aparecer.

           Eliseo viña menos pois andaba moi enredado co seu oficio de xastre e sobre todo cos seus músicos da banda da que era director. Cando ía bo tempo, ensaiaban na carballeira que había ao carón da miña casa, e Adelina mentres, pasaba o serán na cociña ou no forno coa miña madriña Maruxa e a miña nai se é que estaba.

          Na casa, tiñamos panadaría  e vendíase moito pan para fóra. Eran tempos nos que o pan trigo andaba algo escaso debido a que o pouco que se recolleitaba nas casas era para vender na feira e así poder mercar outras cousas máis necesarias. Eu erguíame cedo para ir para ao forno antes de marchar para a escola, pois gustábame o almorzo cuns moletiños quentes de centeo con graos da semente do liño que facía o meu padriño Xesús. Cando coincidía que estaba o meu pai en Muimenta, sempre me daba un molete de pan trigo para que llo levara á casa de Eliseo e Adelina, e eu antes de ir para a escola, era o que facía. Sempre me recibía Eliseo pois a porta da entrada daba cara á Xastrería onde estaba el, pero tan pronto me escoitaba Adelina pouco tardaba en aparecer, e sempre tiña para min unhas moedas e un par de bicos. Este feito, sempre mo lembraba Adelina anos despois cada vez que nos atopábamos en Bermés ou en Muimenta: “ O Pepiño do Pidreiro, que sempre nos traía o moletiño de pan trigo debaixo do brazo”, dicía.

          De Eliseo, que vou dicir de Eliseo! Sempre o admirei como músico e a maneira que tiña de tocar a trompeta. Que grande, canto pelexou pola Banda de Muimenta, pola súa banda. Foi o grande culpable dun dito moi espallado pola Bisbarra do Deza “En Muimenta, dáslle unha patada a unha carqueixa e sae unha ducia de músicos”, e aproveito para dicir tamén que o meu pai sempre lles dicía aos seus amigos “cando veñades por Muimenta, traede os instrumentos,  que os músicos poñémolos nós”.

          Eu de rapaz ía sempre aos ensaios cando viña o bo tempo, pois  ensaiaban na carballeira ó carón da casa, como xa dixen. Non facía mais que mirar para el e para os seus brazos, e cando remataban collía un pau, subíame ao balado que había detrás da casa e trataba de arremedalo en todo e tal como el facía. Lembro que se cabreaba moito cos músicos se as notas non ían polos carreiros que lles marcaba o pentagrama. Botáballes unhas berras de moito coidado, marchaba dar unha volta para desafogar, e mentres, e ate que non volvía, na carballeira non se escoitaba nin o son dunha mosca, incluíndome a min, que sentadiño no meu tallo de carballo que me fixera o meu tío Camilo, non tiña nada que ver no asunto. A verdade é que tivo que ter moita paciencia para ensinarlles música e a tocar algún instrumento a tanta xente, tanto de Muimenta como das parroquias dos arredores.

          El sabía do meu amor pola música dende que era cativo e dicíalle ao meu pai que me ía ensinar a tocar o bombardino, pois daquelas non había moita xente  que o tocara, pero os meus gustos pola música ían por camiños que nada tiñan que ver cos da banda, aínda que teño pensado algunha vez, que se a vida non me levara cara a Pontevedra e seguise alí quen sabe… De feito, o meu pai, un namorado da música das bandas,  tíñame dito algunhas veces que non quería morrer antes de verme tocando coa banda de Muimenta, pero o pobre, foise sen ver cumprido o seu soño.

          Pasaron os anos, e chegou unha época alá polos anos 70 na que eu me dediquei á música como profesión. Cada vez que nos atopabamos, Eliseo non deixaba de preocuparse por min e de como me ían as cousas. Como disfrutaba falando da música e como me gustaba a min escoitalo! Agora toupo coa risa pensando de cando era mozo e mentres falaba con el, lembrábame ao mesmo tempo, de que estaba falando coa persoa que tanto admirara sendo cativo.

          Hoxe, moitos anos despois e cando xa non están entre nós, sigo sentindo a presenza dos dous nos seus fillos Luís, Rosa, Adela e Lupe e en dous dos seus netos Toño e Nuria, cos que estou emparentado e aos que vexo moi a miúdo. A Eliseo e Adelina,  levareinos sempre nese recunchiño moi especial do meu corazón, onde gardo a lembranza das persoas que máis quixen sendo neno.

b. muimenta 1260455_176788732384424_3468340_n

182612_144391118956524_2860543_n

Sin título

UN FERMOSO DIA DE TROITAS

UN FERMOSO DIA DE TROITAS

Entrei pola porta dentro,
da taberna* que hai no Marco*,
cansado de andar as troitas,
e non mandar ni unha ó saco.

Como as troitas son moi listas,
i eu, á pesca non dou trazas,
pensei alá pros adentros:
¡¡ Voulle mandar unhas tazas !!

Porque as troitas, meus amigos,
como dín alá en Cadrón*,
son igual que os pementiños:
¡Que unhas pican, e outras non!

Fun dereito o mostrador,
saudando ós que alí estaban,
e que miraban para min,
mais pro cesto que levaba.

Algún coa risa entre dentes,
e con certo “cachondeo”,
berrou mirando pra min;
– ¡¡Seica traes o cesto cheo!!

¡¡Veña a sartén señor Pepe!!
Que xa está eiquí o troiteiro,
traia as lescas de xamón,
e unhas follas de loureiro.

Que gracioso o personaxe,
menuda cara que tiña,
mismo parecía un rato,
dos que andaban na fariña.

Contesteille ó individuo
e ós que estaban arredor,
ó ver que tentaban rirse,
diste probe pescador.

– Si tés fame meu amigo,
vai mercar unhas sardiñas,
pois as troitas diste rio,
non pican que son mansiñas.

E achegueime o mostrador,
sin facerlles moito caso.
Pedín unha taza de viño,
e un bocadillo, de paso.

– ¿De xoubas ou patagullos*?
Preguntoume ó taberneiro.
– Fágamo de patagullos,
e póña o molete* inteiro.

E mandeille catro tazas*,
saboreando o seu contido,
e nin siquera as faragullas,
sobraron do bocadillo.

Dei volta coa panza chea,
e erguín ben a cabeza,
amosando o ben que estaba,
anque non pescara peza.

– ¡Que lles vaia ben señores!
dixen como despedida.
E alí os deixei a todos…
a cada cal coa boca abrida.

Taberna* – A taberna do señor “Pepe do Marco” de toda a vida.
O Marco* – Lugar de Pontevedra na ladeira do Monte San Cibrao por onde pasa o Rio dos Gafos, en tempos un rio moi troiteiro.
Cadrón* – Parroquia de Lalín a que eu perteñezo.
Patagullos* – Agullas en aceite e que en bocadillo son mais ricas que as sardiñas.
Molete* – Bolo de pan con pucho.
Tazas* – Cuncas de viño tinto do pais.

UN FERMOSO DIA DE TROITAS

Imaxe

SAN CIBRAN DE TOMEZA – PONTEVEDRA

SAN CIBRAN DE TOMEZA – PONTEVEDRA

Imaxe           O monte de San Cibrán en Pontevedra, atópase na Parroquia de Tomeza, no lugar de Lusquiños, a un par de km. dá cidade. No seu cumio hai unha ermida na que se venera ao santo, e onde se celebra unha romaría os Luns de Pascua.
           Ata hai uns anos, xunto coa do San Benito de Lerez, eran as romaxes campestres pontevedresas por excelencia, chegando mesmo a ser festivo medio día para que a xente fose a pé ao monte, para gozar da primeira romaria do ano, onde se ía degustar ademais dunha boa merenda, a rosca de Pascua, e de paso, cumprir co santo como ben marca a tradición.

ImaxeImaxe           A imaxe do santo que se atopa na ermida, é unha imaxe moi pequena, aínda que segundo os veciños de tomeza é un santo moi grande de corazón ademais de moi milagreiro, sendo o mellor santo para quitar o mal de ollo e o meigallo dun xeito moi chamativo. Para iso, o penitente, ten que dar nove voltas ao redor da capela e a cada volta completa, botar unha pedra ao tellado, cumplíndose o seu desexo se as nove pedras quedan enriba dél. Para espantar o meigallo das casas, véndense a pé da ermida, uns ramiños de loureiro, herba Luísa, Fiuncho…que se bendícen durante a misa.
           Segundo parece, debido ao tamaño das pedras que se botaban ao tellado, había que arranxalo despues de cada Romaxe, polo que se decidiu poñer gravilla nunhas cestas nos arredores da ermita, para amortecer no posible os danos. Agora, estas pedriñas forman parte da penitencia pero parece ser que nun comenzo, tiñan como obxeto non trabucarse nas voltas que se daban, e así poder completar as nove sin erro.
           A romaría, cambiou moito dende hai trinta anos, pois fíxose unha estrada ata o alto do monte e xa non se ven as moreas de mozos e mozas pola rúa da estacion ou polo Marco cargando a cesta coa merenda para subir o monte a pé e pasar alí o día.
           Agora os romeiros, chegan en coche e xántan nos distintos chigres que se montan para ese día.

Imaxe           O que si, segue a ser un lugar con unha vista privilexiada sobre o val do Rio de Tomeza. Fai uns anos fíxose un mirador, dende onde hai unhas fermosas vistas da cidade de Pontevedra e Figueirido así como todo o val por onde serpentea o rio.

ImaxeImaxeImaxeImaxe

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

(Do Blog AQUAM LATAM)

Imaxe obtida nos anos 60 por Manuel Galego Iglesias. Foto cedida por Inmaculada Galego. Nela vese a ponte Vilariño de 1920, aínda en pé na actualidade, con reformas posteriores.

A Ponte Vilariño é un deses lugares de referencia que viron e protagonizaron múltiples eventos no decorrer dos séculos. Paso obrigado para vadear o Arnego no traxecto que discorre entre Lalín e Agolada. Camiñantes, feirantes, arrieiros, comerciantes, cabaleiros, vasalos, campesiños, titiriteiros… todo tipo de personaxes pasaron sobre as táboas da ponte medieval do ano 814. Lugar lendario e literario. Temos noticia de tres pontes que foron erguidas sobre as limpas augas balbordantes do Arnego: unha medieval do ano 814, outra de 1920 e outra de 1990. Canto máis recente, máis arriba no curso do río, máis elevada sobre o cauce e máis atallo no camiño.

Na imaxe aérea de arriba pódese observar o lugar onde aínda están os vestixios da ponte medieval e os restos da antiga calzada. Igualmente aparece sinalado o camiño que sae costa arriba ata a aldea de Esperante. Neste traxecto estaba Tribás, lugar desaparecido a principios do século XX, onde as referencias orais dos veciños de Vilariño nos falaron dunha cantina e pousada para os camiñantes. A última propietaria, viúva que vivía soa na cantina, seica fora asaltada e asasinada nunha triste noite de violencia. Un quilómetro máis arriba estaba a cantina de O Coche (Esperante).

Na imaxe anterior, de Ton van Vliet, aparece o Souto tras o mostrador da súa taberna da Ponte Vilariño, construída á beira da segunda ponte pouco despois de ser inaugurada en 1920. A imaxe é de 1978. O local desta taberna é na actualidade un club de alterne, logo dun intento de convertela en establecemento de turismo rural. Vicisitudes dos tempos.

P1050868P1050879P1050874

A ESMOLA

A ESMOLA
As portas de unha igrexa, un probe pedía esmola:
– Non me dará unha limosniña, devotiño, pola almiña dos seus difuntiños? Que inda nunca pan lle falte!
– Non levo nada, señor. Non levo nada soelto. Cando volva da misa xa lle darei algo.
– E non me dará lume, señor, que me esqueceron os mistos na casa…
– Si, home. Non faltaba máis. Tome.
– Que Dios llo pague, señor: que inda lume nunca lle falte nin neste mundo nin no outro!

(E un anaquiño do conto “Trato a cegas” de Carlos o Xestal)

Imaxe

CEGO SI, PERO SÓ DUN OLLO

CEGO SI, PERO SÓ DUN OLLO

As lenguas de doble filo
contáronme fai un pouco,
tremenda historia gaitera,
desas de “ahí viene el coco”

O Señor Don Diputado,
con un séquito aguerrido,
planearon con moito esmero,
un festival divertido.

– Haberá gaiteiros a esgalla,
de todas partes venidos,
e tamén da nosa terra,
dos que son nosos amigos.

E puxéronse a pensar,
de que modo e que maneira,
podían traer aos mellores,
sin valeirar a carteira.

-Dirémoslles que si veñen,
de seguro promocionan,
e si temos boa sorte,
moitos cartos nos aforran.

E mandou seus emisarios,
coa orden de pactar,
cos gaiteiros unha paga,
con esta escusa sen par:

– Custa moito contratarvos,
aos bailaríns e aos gaiteiros,
así que para vosoutros,
non nos chegan os diñeiros.

E ofreceulles moito menos,
do que de cobrar debían,
nin a mitade chegaba,
do pago que merecían.

E foilles vender a “moto”
que por boa causa era,
que ao achegar posturas,
a pena ben merecera.

-Señor de lonxanas terras,
vaia negocio me ofreces,
vaite rañar a barriga,
que outra cousa non mereces.

Esta historia enseñounos,
ben fermosa moraleja,
“O que queira bós gaiteiros
que os pague a tocateja”

Epílogo:
“Viñéchesme ver Rafael,
pensando que me enganabas
son cego… máis só dun ollo!
Nos outros dous non teño nada.

Sin título

CARBALLOS E SOBREIRAS NA PARROQUIA DE BERMES (LALIN)

CARBALLOS E SOBREIRAS NA PARROQUIA DE BERMES (LALIN)

——Hai que ver o pouco senso que lle teñen os veciños de Bermés ó que debería ser un dos bens mais prezados da parroquia, un carballo ó que se lle supoñen entre 450/500 anos. Atópase no adro da igrexa, e aínda que a súa saúde é boa, está esmagado entre dous balados que están a mancar a súa codia, ademais, para afealo un pouco mais, fixeron a un dos seus lados uns nichos e puxeron un taboleiro de anuncios no outro. Non estaría demais que ós que corresponda, se preocupasen algo por el e axeitasen o lugar onde está, pra así poder incluílo no catálogo galego de árbores senlleiras xunto co de Vilatuxe e ó de Soutolongo, os tres grandes caraballos das terras do Deza.

Imaxe

Imaxe

Imaxe
——Por se fose pouco o asunto do carballo, a 500 metros del, no lugar do Vento e collendo a estrada cara a Santiso, a uns 30 metros podemos ver outra árbore moi fermosa e centenaria tamén. Neste caso é unha sobreira con farola incorporada. Parece ser que a farola puxose alí nos tempos en que Cuíña dixo aquello de “se queredes unha farola para alumear o camiño, poñede vós o poste” A algún debeulle parecer que nada mellor que unha sobreira centenaria para poñela. Como a colocación supóñome que foi cousa de Fenosa, levame a pensar que é unha empresa con moita electricidade pero con poucas luces.

Imaxe

Imaxe

Imaxe

Imaxe
——Pero non todo é malo en Bermés, non. Tamén hai cousas moi boas empezando polos veciños, entre os cales medio me conto.
——No camiño que leva a igrexa, e ó carón da carballeira da festa, hai un fermoso carballo no medio dél, e cando se arranxou e asfaltou este, en vez de chimpalo como se fai a maioría das veces, deixarono estar e fixerono ao seu redor. Asi que tamén deixo reflexado o bó facer desta fermosa parroquia.

Imaxe

Imaxe

OS ZOCOS

OS ZOCOS

          Segundo parece, a orixe dos zocos está nas rexións húmidas de Europa, e aínda que hai algunhas diferenzas na súa forma, atopámolos dende Inglaterra ata Galicia pasando por Suecia, Holanda, Asturias ou Cantabria, sendo o mellor calzado para as zonas agrícolas.

          Indispensables no noso rural ate hai uns trinta anos, están feitos por dúas pezas, unha de coiro e outra de madeira. Loxicamente, o deseño foi cambiando co tempo ata hoxe en que atopamos zocos de coiro repuxado con fermosos debuxos e cores, madeira tallada etc.

          A madeira preferida polos zoqueiros era a da veira dos rios, ameneiros e vidueiros, por ser unha madeira moi clara e facil de traballar, e ó mesmo tempo moi resistente á auga. Tamén se facían de cerdeira, que aínda que era unha madeira mais quente pros pés, había que cocela, pois tiña tendencia a poñerse amarela co  tempo. Segundo teño entendido, as árbores que ían destinadas os zocos, había que cortalas na lúa menguante do mes de Agosto e deixala secar de tres a catro semanas para poder traballala sin que fendese.

          A parte que cubría o pé, estaba feita de coiro de vaca ou cabalo, e cravábase a parte da madeira con craviños curtos e de cabeza ancha. Facíanselle unhas botoeiras na empeña e axustábanse con amallós feitos do mesmo coiro cos zocos.

          Na parte inferior da base de madeira, cravábanselle unhas cantas chatolas para que non se gastase tanto e tamén para que non esvarasen nas pedras das congostras e corredoiras por onde se andaba.

          Era un calzado moi cómodo, quente e resistente á humidade. Para que o coiro se fixese impermeable e duradeiro, untábase con graxa de porco sen sal. Na matanza tamén se  gardába o mexadeiro do porco para tal mester, os zocos deixábanse a secar pola noite o pe do lume da lareira, e pola mañá quentábase o mexadeiro e untábanse con el. Os zocos ben engrasados, non deixaban pasar a auga. Para facelos mais quentes metíaselles herba seca facendo de niño para o pe e acompañábanse cuns calcetíns de lá ben grosos.

          O meu amigo Alberto Fabrexo, zoqueiro dá Terra Chá, cóntame que o oficio de zoqueiro tal como eran os zocos de antes, era un oficio bastante sinxelo, que non precisaba de moitas ferramentas, e moi extendido, pois había ún en cada parroquia. Tamén que a Terra Chá é moi coñecida polos artesáns da madeira ou da pedra e que en tempos pasados todos os veciños eran zoqueiros. Era un oficio de tempada e compaxinábase coas labores do fogar, xa fosen agrícolas ou gandeiras. Polas terras do Deza de onde eu son, era moi coñecido o zoqueiro Xan da Xesta, natural da parroquia do mesmo nome e que ademais era un bó músico e mellor gaiteiro.

          A min de cativo mercábanmos sempre no zoqueiro de Cadrón (Lalín), ao señor Manuel de Suaseiras e tempo despois, cando viñen pra Pontevedra, aínda lle merquei tres ou catro pares mais. No pobo usabaos sin chatolas porque con elas, ao andar polas veirarrúas, facían moito barullo e chamaban a atención. En lugar das chatolas poñíalles uns anacos de goma das rodas de unha bicicleta, e aínda así, algúns quedában a mirar pros meus pés e para aquel calzado que, de seguro, nunca viran. A partires dos 19 anos, cando marchei para facer aquela cousa tan rara que chamaban “mili” non os volvín a poñer mais.

          Os zocos foron desaparecendo do rural debido á mellora dos camiños e á mecanización dos labores agricolas anque pola montaña, aínda seguen a verse algúns.

Imaxe

ImaxeP1070715

A PEGA MERGA (Trabalinguas)

A PEGA MERGA (Trabalinguas)

Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.

Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

——————————-
Unha pega, cega,
faxega e faxegorda,
escotrobellada e xorda
criou os seus tres pegos cegos,
faxegos, faxergordos,
escotrobellados e xordos.

Se a pega non fose cega,
faxega e faxegorda,
escotrobellada e xorda
non criaría os seus tres pegos cegos,
faxegos, faxegordos,
escotrobellados e xordos.

—————————-

Unha peja, merja

zaferja e zafijorda,

pipiriparda, ceja e xorda,

criou cinco pejos, merjos, zaferjos,

zafijordos, pipiripardos, cejos e xordos.

Como faría aquela peja, merja, ferja, zaferja

zafijorda, pipiriparda, ceja e xorda,

para criar aqueles cinco pejos,

merjos, ferjos, zaferjos, zafijordos,

pipiripardos, cejos e xordos?