A VOLTAS COA “FOLIADA DE TENORIO” ……..Fai cousa dun par de anos, e cando me atopaba botando unhas cantiguiñas nunha das mesas que hai na Carballeira de San Xusto, achegáronse a min dúas mulleres entre estranas e curiosas, e con moitas ganas de cantar. ……..E como non. Entre algunha outra, cantamos a Foliada de Tenorio. Pero nada mais empezar, decateime de que as cousas non ian ben, e que o que elas cantaban, non tiña nada que ver co que cantaba eu. ……..Fixéronme saber, que a letra que se canta hoxe en día, non ten nada que ver coa verdadeira da cantiga. Que a actual, foi cousa de Avelino Cachafeiro, e que por iso fala de Soutelo. ……..E díronme o texto que según elas é o verdadeiro, e ata me comentaron que uns canteiros, labraron xa fai moitos anos o retrouxo nun penedo que hai nun lado da estrada que vai a Carballedo, pero que entre a matogueira e os alcolitros que prantaron, xa non se da chegado a el. ……..Así que, sexa certo ou non, alá vai o texto que según elas, é o verdadeiro.
FOLIADA DE TENORIO
Carballeira de Tenorio,
heina de mandar cortare,
cando vou pra Pontevedra,
quítame a vista do mare.
Ea, ea, salerosa… quítame a vista do mar-e.
—
RETROUSO
Como se colean as troitas n’a i’auga,
asi se menea teu corpo salada.
Como se colean as troitas no rio,
asi se menea teu corpo frorido.
—
Baila nena, baila nena
e non pares de bailar-e,
qu’as estrelas tamen bailan
sen perder seu alumar-e
Ea, ea, salerosa… sin perder seu alumar-e.
Anque me oiras cantar-e,
un ano mais nove meses,
nunca m-has d’ouir deci-re,
a mesma copla dúas veces.
Ea, ea, salerosa… a mesma copla dúas vece-es.
Se queredes que vos cante,
tendes que darme diñeiro,
porqu’a miña gargantiña,
non m’a fix’un carpinteiro.
Ea, ea, salerosa… non ma fix-un carpinteiro
Os foxos, son unhas trampas fixas, que se facían para cazar e dar morte ós lobos. Facíanse con uns valados en forma de embudo que podían chegar a medir mais dun Quilómetro, e remataban nun pozo fondo. Facíanse de pedras, anque coñezo un par deles feitos con estacas espetadas no chau e con terra encostada achegada a elas pola parte de fora do embudo.
Neste caso, está feito con cachotes, e moitos deles, pola súa feitura, parecen sacados dun castro. Tanto os arredores do foxo, coma o monte onde está, non son pedregosos, o que fai pensar que as levaron ata alí en carros ou outros medios de transporte.
A caza, consistía en facer cuadrillas de varias aldeas e sair pola noite facendo moito barullo, ladrando os cans, ir petando latas con paus e berrar seguido. Eu, aínda me lembro de cativo, cando na casa, chegada a noite, dician que “iban correr o lobo”
Esto facía que o lobo, se vira acorralado pouco a pouco. Ibase levando cara o foxo, onde remataba meténdose no embudo no que se facían unhas porteliñas nos balados para que tivera por onde entrar. Según do lado que se acosaba ó lobo, deixábanse abertas as do lado por onde viña, e pechábanse as do outro lado, para que non atopara saída.
Tan pronto se sabía que estaba dentro, facíase por levalo cara o pozo, onde caía e xa non tiña ningunha saída.
O que non sei, é como facían para matalo. Se coas escopetas, ou a pedradas. En algún caso, teño escoitado que seica se espetaban no chau do pozo unhas estacas afiadas, para que o lobo morrera na caída, ó espetarse nelas.
Os foxos mais fondos, como é o deste caso, ten unha porta pola que seguramente sacaban ó lobo despois de morto. Diante, hai unha lousa fendida en dous anacos, que podería facer de porta, anque tampouco é seguro, xa que é unha suposición miña.
Este foxo, é un pouco dificil de atopar ó estar sen señalización algunha, anque hai un cartaz ilustrativo preto dél. Non está señalizado na estrada, e non hai ningún carreiro orientativo.
É dos mais grandes que coñezo. Saqueime unha foto ó lado do pozo, para que vos fagades unha idea do tamaño que ten.