CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

LEITE MAZADO

LEITE MAZADO
  Nunha xuntanza que tiven onte na Estrada con amigos dunha asociación cultural, e falando das cousas que vivimos de cativos, chamoime moito, que casi ningún escoitara falar nunca do leite mazado. Na miña casa natal do Castelo, lembro de cativo a miña nai e a miña tía moitas noites mazando nén a carón do lume da lareira, para facer a manteiga.
  Lembroas sentadas cunha ola de barro entre os xeonllos, moi pretas do lume, supoño que para quentala.
  Na ola metían unha vara chamada “mazo” ou “mazarico” que nun cabo tiña unha roda de madeira que me parece que lle chamaban “Rodela” que era a que batía o leite, e unha tapa de madeira tamén para que non saíra o leite para fora e que tiña un buratiño por onde se metía o mazo.
.    Enchíase a ola de leite, e mazaban nél ata sacarlle a manteiga. …. Non lembro o tempo que levaba facela, pero si lembro que pasaban moitas horas mazando nél polas noites.
…. Aquela manteiga despois, comiámola con pan e mel, según saía quentiña 🙂
A foto e no pazo de Arxeriz no Saviñao.

O PAN E A SÚA BENDICIÓN

O PAN E A SÚA BENDICIÓN

.. Cando era cativo, o único pan que tiñamos, era o que se facía na casa: De broa e de centeo. E ó de broa, tamén se lle misturaba centeo porque se non, a masa feita con millo solo, non pegaba nin con cuspe.

.. O único día que se comía pan trigo na casa, era polo día da festa. Ese día era o único do ano en que se comían bistés de tenreira e pan trigo. Amais cando ibamos á feira cos nosos pais, e comiamos o pulpo.

.. O pouco trigo que se sementaba daquelas, era pra vendelo na feira e mercar outras cousas de mais necesidade.

.. Na miña casa paterna de Muimenta, tiñamos panadería. E lembro que viña a xente da aldea, cun saquiño de trigo pra facer un molete de pan o día antes da festa.

Pois ben. Eu non sei se é polo tanto que comín de cativo, que agora, nono podo ver diante. Prefiro pasar sen pan, a comelo de centeo. E debe ser o pan de moda, porque agora, a meirande parte do que se fai, é de centeo. Xa sea solo, ou misturado con semente de ldiñaza, noces, uvas pasas, etc.

..  E agora, aproveitando de cando se facía o pan na casa, tamén me lembro de cando se amasaba a fariña e poñíase a levedar na artesa antes da fornada, a relixiosidade dos nosos ancestros, levaba a que unha vez feita a masa, e antes de tapala cunha manta de liño para que non enfriara, facíaselle unha cruz (nalgúns sitios, tres) na parte de riba da masa, ó tempo que se decía a seguinte letanía: ”San Mamede te levede, San Vicente te acrecente e san Xoán te faga pan”

..  Despois, cando se facían os moletes para metelos no forno, a parte da masa na que tiña dibuxada a cruz, sempre quedaba pro lado de riba. E unha vez cocido o pan, e cortado enriba da mesa, os anacos, nunca se poñían coa corteza pra baixo porque era pecado.

Aquel si era pan. Un pan que sabía o mesmo o día que se facía, que catro días despois.

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Laín)

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Lalín)

        Que magoa miralo así, desfeito. E non so este, senón que a meirande parte dos que se atopan nas nosas aldeas, están no mesto estado.

        Foron a despensa da casa ata non fai tantos anos… fonte de vida!!

        Este, era de dúas casas. Os dous claros dde diante eran da miña, e os datrás eran dos da casa de Amador. Como Jesús de Amador e a miña nai eran curmaus, supóñome (anque nono sei) que antes, perteñecería a unha soa familia e dividíuse por herdanza.

        O cuarto e quinto esteos teñen os tornarratos xuntos, polo que supoño que o quinto anaco da cámara, foi engadido despois de estar feito o horreo principal.

        Nel, e na parte do fondo, gardábanse ben aliñadas e asentadas as espigas de millo. E na parte de diante, os sacos coas fabas e cascallos, cestos con mazás, ristras de cebolas e allos, etc.

        Ó horreo, subíase dende un cepo grande que estaba no chao, e lembro que a chave da porta, era daquelas que pesaban medio ferrado, e que facían moito ruído o darlle a volta para abrila. Tanto era así, cas galiñas que andaban devaneando polo alto dunhas enormes penas que coñecemos coma o penedo, ó escoitar o son da chave abrindo a porta, viñan voando, pois sabían que había millo pra comer.

        Teño pasado moitas tardes dentro del, xunto co meu tío Camilo e o meu curmau Luís debullando no millo, e mais, cando era para levalo ó muíño para facer a fornada. Eles debullaban contra un carozo, pero a min, gustabame sentarme enriba dunha fouce e debullar contra o mango.

        O horreo, xa leva moitos anos niste estado, pero as vivencias que encerra, non desaparecerán nunca. Canto mais se vai desfacendo o noso patrimonio material, mais gusta lembrarse del.

        Unha magoa.

 

BOTOAS TANTO DE MENOS…!

BÓTOAS TANTO DE MENOS…

       Dende o confinamento do mes de Marzo, as veces que se contan cos dedos dunha mau… e sen tempo pra nada!!

      E boto moito de menos o cafeciño na Agolada, e a cerveciña na Ponte Vilariño, e uns grolos dauga na fonte de Souto no Castelo. E o que mais, latricar un pouquichiño, coa familia, e cos amigos e veciños!!

      Canto se botan de menos os paseos polas devesas e soutos, polas corredoiras e fragas, e polas congostras e camiños do carro da aldea. Apañar nas castañas pra asalas no lume da lareira nunha lata grande das do pemento asentada no trespés, e coller pan de sapo pra fritilo na tixola.

      E subir á Cima da Costa onde as vistas, dende o Candán ata o Farelo, pasando polo Carrio, son impresionantes, amais, coa miña aldeína natal do Castelo ós pes.

      Lembro aquelas mañás frias de inverno, cando fumegaban as tellas co fume da lareira, e as pedras dos valados, co sol desfacéndolles a xiada.

      E as galiñas pola eira, e os gorrións buscando os graos perdidos entre as pedras.

      E a primeira hora da mañá, co canado do leite na porta das cortes, esperando polo Reino de Cadrón, leiteiro que a recollía nos bidóns que cargaba nas súas mulas camiño de Cancelas. E despois do almorzó, e cos pes quentiños nos zocos, cunha cama de herba seca e cuns bos calcetíns de lá, ir coas vacas po prado xunto co meu curmau José Luís, ata que pasaba o coche de liña do medio día, que era o que nos marcaba a hora da volta pra casa.

      E as tardes de lecer moceando pola estrada, ou pasando o rato na taberna do señor David, na de Souto na Ponte, ou andando (ida e volta) ata Agolada os sábados pra ir o baile. E ó volver ás tantas da noite, pegar uns berros ben fortes, pra que ladraran os cas todos da aldea, e que despertaran ós veciños.

      Lembrome dos meus anos de escola en Muimenta e Goias. A miña mestra Dona Placidia, e os meus mestres Don Licho e outro mais do que sinto non acordarme do nome.

      E lembro ós meus amigos daquelas… Benigno, Manolo e Luís de Ríos, Pepe da Casanova, o meu curmáu Luís, Manolo de Souto, Pepe e Luís de Amador, José Antonio de Miguelez…

      As miñas tres aldeas…

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA
…….. O poema, fíxeno a comenzos de ano, inspirándome nos poemas das alboradas de Cunqueiro, ó volver a ver no blogue “AQUAM LATAM” do amigo Manolo Busto, a foto do Señor Souto na súa taberna. Taberna na que botei moitas noites da miña mocedade cantando cos meus amigos daquel tempo.
…….. Cando o escribín, non foi coa idea de musicalo, pero poucos días despois de facelo, tiña que cantar nos pendellos da Agolada. Así que, pensei que sería bo poñerlle música e cantalo alí.
…….. E aproveitando que o Arnego nace na Serra do Faro, e ás musas andaban a meter os pes nas súas augas, non me fixo falta pensalo dúas veces, e a cantiga, estreneina nos pendellos tal como eu quería.
…….. A taberna, atopábase onda a ponte vella de Vilariño (a casa segue alí reconvertida en “Puticlú” unha magoa non aproveitala como casa de cultura ou algo así) e na parte de riba dela, había unha tosta para a producción de enerxía eléctrica. Os mozos de Cadrón, Agolada e dos seus arredores, iamos a bañarnos nela polo vrau. Eu ia coa miña guitarriña ó lombo dende o Castelo, e despois pola noitiña, botabámoslle unhas cantiguiñas alí mentres bebiamos un “Fis Fas” daqueles que había.
…….. Gardo moi boas lembranzas dese lugar, e de feito, cada vez que paro a tomarlle unha jasiosa no Merendeiro do Arnego, que queda a uns 100 mts. de onde estaba a taberna, sempre paro despois na ponte, e vanseme os ollos pra casa que tantas lembranzas garda baixo o seu teito.
…….. O poemiña, non é que conte a verdade de cómo eran as cousas, xa que daquelas e aínda despois, non cambiaba a música polas mozas, pero bueno, é unha maneira de falar e de dicir que tamén me gustan moito as cantigas nas tabernas. Tabernas reconvertidas hoxe en día en furanchos, pero que seguen gardando o sabor do bo viño e a boa música.
…….. Pois nada. Que teñades un bo día, a ser bos, e levadeo con sosego, que nun mes, andamos perdidos polas congostras mirando como maduran as ameixas e as uvas, e as amoras e as cereixas.
…….. Apertas para todos.

A Cantiguiña está basada nun dos poemas recolleitos nas alboradas de Cunqueiro sobre o poeta Antonio Noriega.

A MIÑA NETIÑA E A ÁRBORE DE NADAL

A MIÑA NETIÑA E A ÁRBORE DE NADAL
……Farto xa de estar tan farto de ver diante e ano tras ano o dichoso arboriño de Nadal, iste ano decidín “innovar” e pasar da árbore.
……E pensando, pensando…e xa que de cativo iba aos montes do Castelo, a buscar o piñeiro para poñerlle as bombillas, e solo dúas ou tres das de diario que lle poñia o meu tio Camilo, xa que as bolas de coloríns, aínda non chegaran ás aldeas… porqué non traer os montes do Castelo para Pontevedra, e que loceran como adorno de Nadal enriba da mesa?
……E nesas estaba, cando ocurrírseme que un tanque dos peixes de cristal (seica se chama así) non estaría nada mal para metelos e loceran alí dentro.
……Dito e feito. Marcheime ao monte cunha bolsa para metelo nela, e xa de paso fun a unha obra en construcción para coller algo de area, e así xuntar os montes do Castelo cos areais da Ría dePontevedra. A mais, merquei nos chinos unhas bombilliñas desas de 3€ a pilas,para que a cousa tivera aires de Nadal.
……Pero vai ti ver que tan pronto tiven todo montado, empecei a dar voltas darredor da mesa coas bombilliñas na mau, sen saber moi ben como poñelas dentro sen facer un derrame, e estragar o traballo feito.
……Non mirei xeito de poñelas. Falei conmigo mesmo e díxenme… “Pepe, non desfagas o que tanto che gusta ver así. Quita os chourizos do bote de cristal onde os tes metidos, e mete as bombilliñas nel.
……Dito e feito. Os montes do Castelo e a area da Ría de Pontevedra dentro dun tanque pros peixes, e as bombillas, dentro do bote dos chourizos.
……O conto foi, que cando estaba embelesado (que fermosa palabra… embelesado!) mirando para miña obra de arte, chegaron as fillas e a netiña para felicitarme polo meu cumpleanos. I eu todo cheo de ledicia, díxenlle á netiña sinalándolle o tanque dos peixes e o bote:
……– Nayma, mira que arboriño de Nadal mais fermoso fixo o avó!!! E botei unha risotada desas de satisfación que solo os que somos avós sabemos botar diante dunha neta.
……– E ela, coa súa inocencia, e nun perfecto castelán de Vigo, repuxo:
……– Abuelo, tu no sabes… Eso no és un árbol de Navidad!
……Jaaa. Canto se lles quere aos netos. Canto a quero. O que ela non sabe, é que eu xa sei que non é unha árbore de Nadal, pero tampouco llo vou dicir. Deixarei que siga coa súa inocencia de catro aniños.
……Bo Nadal para todos.

 

NA LEMBRANZA DE JOSÉ LUIS SUCASAS

NA LEMBRANZA DE JOSÉ LUIS SUCASAS

…..-Onte, cando me chamou o noso común amigo Antón Valcarce para comunicarme a mala nova, apenas puiden creelo, e mais, da maneira que mo dixo: “Foi morrer, facendo o que mais lle gustaba, dando pedaladas na súa burra pola illa da Toxa”

      Eu estaba xogando coa netiña en Pontevedra recén chegados de Lalín. Deixeime caer sentado, e con dúas baguas pelexando por sair dos meus ollos, empecei a percorrer o derradeiro día que estiven con él. Non facía moito, apenas dúas semáns. Eu iba de Meaño para Cambados, e atopeino a cabalo da súa burra (como lle chamaba a súa bici) e paramos nunha cafetería a pe da estrada para tomarlle un café e latricar un pouco. Non lembro moi ben a conversa pero seguro que andivemos percorrendo as corrredoiras e congostras do Castelo e lembrando cousas da nosa xente como facíamos moi a miudo.

      Era un gran tipo, cinco anos mais novo ca min. Lembro que cando de rapaces xogabamos os do meu tempo no cuberto da casa no Castelo, el miraba pra nós dende a ventá da súa, xa que estaban moi a carón unha da outra.

      Xa de mozos, coincidíamos moitas veces na taberna de Rios da nosa aldea, e atopábao moitas mais xogando ó tute con Florentino  Migueles, un veciño ó que todos queriamos moito. Pero os nosos camiños iban moi separados e deixamos de saber un do outro durante uns anos, ata que un día no que estaba eu cantando na Arzúa, achegouse para saudarme, intercambiamos os números de teléfono e anovamos a amizade que tiveramos noutro tempo.

      Non era un tipo de moitas palabras, mais ben, había que sacarllas pra poder levar unha conversa, e mais conmigo, que sempre me gustou falar moito. Quen millor o define, é o noso amigo común, e tamén veciño da misma aldea do Castelo, Luís Fernández Ríos: “Realmente, eu coñecino moi ben. Era tal como di a xente: Tranquilo, socarrón, retranqueiro, silencioso, lector e pouco conversador”

      A min, o que mais me gustabe del, era a retranca que tiña. Sentía admiración por el e polas saídas que tiña para enrevesar as cousas de tal xeito, que non parabas de rir cando estabas o seu lado.

      O seu libro “O paxaro que ninguén ve” é un reflexo da nosa aldea do Castelo e das súas xentes. Un libro que eu debín ler como unha ducia de veces. A finais do ano pasado, un día falando con el, saiu a conto unha das familias da aldea e unha anécdota que lle pasou con ela e que estaba reflexada no libro. Decicín volver a leelo outra vez, pero nono atopei na casa. Chameino e comenteille que perdera o seu libriño e que quería mercalo outra vez, pregunteille onde o podía atopar. Non te preocupes, dixo. Achégome eu a Pontevedra e lévoche un exemplar polo módico prezo dun café.

      E así foi. Uns días antes do Nadal, apareceu en Pontevedra dende Vilanova, cabalgando na súa “burra” e con un paqeutiño con dous libros: “O paxaro que ninguén ve” e “Soñando buratos na terra” con unha fermosa dedicatoria cada un deles.

      Botamos toda a mañá latricando de moitas cousas, e a hora de marchar, eu esquecía o paquetiño cos libros enriba da mesa do bar. Botouse a rir, e díxome: Se fas así coas guitarras, debes ter ós fillos mortos de fame.

      Pero non quedou aí a cousa. A proba da súa retranca, chegou pro outro día en forma de comentario (poño o recorte da captura) no seu muro do Facebook e onde el firmaba como “Em Lis Boa”

      Botareino moito de menos. Foi un gran tipo, un bo compañeiro, un mellor amigo, e ademais veciño da Aldea do Castelo na parroquia de Cadrón en Lalín.

     Ata sempre meu amigo. Que a terra che sexa leve.

Unha foto que me mandou xa fai tempo, como proba do seu paso por Pontevedra, e que poño como homenaxe á súa “burra”

O que é a vida. Sempre se metía conmigo e decíame que tiña que mercar uha bici pra facer exercizo, que andar nela era moi sán. A raiz dun artigo que lin na prensa, e lembrandome dos seus consellos, dediqueille dúas estrofiñas que puxen no seu muro do face… so tres días antes do seu falecemento!

Gardareinas coma ouro en pano…

A lembranza, publicouna o Faro de Vigo na súa edición do Deza o dia 5/IV/2017

A homenaxe na nosa aldeíña natal do Castelo

OS NENOS CANTORES DE CADRÓN E FUXAN OS VENTOS

Artigo de José Luís Sucasas en “Praza Pública” sobre as cantigas de reises na parroquia de Cadrón:
http://praza.gal/opinion/3739/os-nenos-cantores-de-cadron-e-fuxan-os-ventos/?utm_source=dlvr.it&utm_medium=twitter

sin-tc3adtulo3