MAIANAS – Pandereteiras da Maía


MAIANAS

          Somos un grupo de pandereteiras que ten os seus xermolos no Obradoiro de Baile e Música Tradicional do Concello de Ames, onde todas as integrantes nos coñecemos e onde gravamos o disco promocional “Xota da Amaía”, que foi presentado no programa de música galega “Lume na palleira”, da Radio Galega. Neste primeiro traballo o noso repertorio estaba composto por pezas puramente tradicionais dos cancioneiros galegos e tamén de recollida, con especial mención para a señora Herminia, de Cordeiro (Valga), que aos seus cen anos soubo transmitirnos o amor pola tradición oral musical.
          Foi no 2007 cando as ganas por facer algo diferente, a amizade e os anceios de liberdade nos levaron a comezar un novo camiño en solitario e a constituír Maianas. A partires deste momento contamos co apoio incondicional da asociación veciñal Pedra do Fuso e de Dionisio Aboal, que posibilitaron as nosas primeiras actuacións en Ames e na zona de Pontevedra respectivamente.
          De a pouco fomos introducindo temas de composición propia nos que mesturamos a creación melódica e lírica, onde apostamos polos xogos vocais e a esencia da tradición adaptada ao noso sentimento actual. Acompañamos as voces con instrumentos tradicionais de percusión: pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, ademais doutros instrumentos “pobres” como cunchas ou cuncas.                Recentemente temos introducido a frauta tenor e a guitarra española para os arranxos das pezas. Como resultado desta nova andaina xurdiu no 2011 o noso primeiro traballo discográfico como Maianas, o “Como canta”, presentado tamén en “Lume na palleira” e en “Luar”.
          Nestes cinco anos tivemos a oportunidade de actuar polas catro provincias galegas en todo tipo de festivais, concertos, festas, romerías… Tamén levamos a nosa música a colexios de educación infantil e primaria co desenvolvemento dun proxecto de concertos didácticos. Asemade, Maianas organiza dende o 2008 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, celebrado a primeiros do mes de marzo, e por onde xa teñen pasado agrupacións musicais de toda Galicia.
          No 2012 colaboramos co dúo pontevedrés Quodlibet e o seu “Proxecto Mixtura”, partipando na gravación do seu primeiro disco, “A cor do son”. No verán de 2012 as Maianas recibimos o Premio do Xurado do concurso da Radio Galega “Vas sacar nota?” polo tema “Xa te olvidaches de min”.
          Este recoñecemento trouxo consigo a gravación dunha maqueta nos estudos da Radio Galega, realizada no mes de xullo e cuxa produción aínda está en marcha. A presenza de Maianas nos medios públicos galegos intensificouse tamén a partires deste feito, participando neste 2013 nos programas da CRTVG “Heicho cantar”, “E ti que tocas?”, “Somos quen” ou “Un sitio á sombra”.
          No 2013 comezouse a colaboración e a planificación dunha rede de concertos conxuntos coa banda de gaitas Os Coribantes (Pontacaldelas).
          Neste tempo o grupo seguiu a compoñer temas propios, nos que cada vez tiña máis peso a parte musical. Na procura da composición axeitada para introducirse de cheo na música folk sen abandonar a súa identidade como pandereteiras xurdiu Maianas 2.0. Este novo proxecto incorpora tres novos compoñentes, todos músicos cunha ampla formación e longa traxectoria na música galega. Son eles os que arranxan musicalmente as pezas e introducen os novos instrumentos: Julio Abal incorpora a guitarra; Sandra López a batería e outros instrumentos de percusión; e David Valladares o vento co clarinete, o saxo ou a frauta.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s