CONCELLO DE CERDEDO/COTOBADE… VERGOÑENTO!!!

CONCELLO DE CERDEDO/COTOBADE… VERGOÑENTO!!!

Pouco antes de chegar á vila de Cerdedo, a man dereita vindo de Ourense, e antes de chegar á pista de frenado, atópase esta fonte nun anaco da estrada vella, onde paran moitos coches para botar un grolo, óu encher unhas botellas como foi o meu caso, xa que cando veño de Lalín sempre paro nela por iso de non beber solo viño.

Quero que vexades o estado no que se atopa ista fonte. E non é de hoxe nin de onte. Isto ven de moitos anos atrás, xa que ós meus anos sempre a lembro así.

No verán bota pouca auga, e para beber un grolo hai que pousar a mau na pedra a modo dunha culler para recollela.

No inverno, bota tanta, que non hai maneira de achegarse sen mollar os pés.

Chama a atención a obra de inxeniería que fixeron para que non salpique os pés dos sedentos… un caldeiro de pintura, ó que lle sacaron o cú!

Que pasa… non ten o concello uns poucos euros para poñerlle un picho á fonte en condicións, e un pilonciño para recollela e que non salpique?

Pero se co que gastan nun “vinito español” xa poden adecentar un pouco esta fonte tan visitada.

A ver se é que o Sr. Alcalde ó estar agora o concello en Carballedo, moi lonxe de Cerdedo, non sabe do asunto.

Pois mandareilles eu as fotos para ver se toman nota e fan algo cando volvamos estar en tempo de eleccións, porque antes non creo!

Unha aperta, e moi bos días.

 

UN PETO DE ÁNIMAS SEN ÁNIMAS…

UN PETO DE ÁNIMAS SEN ÁNIMAS…
Fai uns días, mirei este peto de ánimas en Pazos de Borela de Cotobade
O peto estaba valeiro, e pregunteille polas ánimas a un velliño que estaba sentado no valado do lado:
– E logo ás ánimas do peto rezáronlle tanto que xa van no ceo,, ou?
– Non, estanlle na de Senra gastando en viño os cartos que lles botan.
A de Senra, ven sendo unha taberna das da aldea de toda a vida que está a 20 mts. do peto.
Quixen mirar cos meus propios ollos a cousa, e echegueime á taberna pra miralas bebendo viño. Pero alí non estaban. Estiven esperando se entraban mentras valeiraba un par de cuncas de tinto, pero non apareceron.
Cando saín, o vello non estaba sentado no valado, e pregunteime se sería unha aparicióm desas, ou un das ánimas do peto.
Por se o caso, marchei dalí a toda presa, por se aparecía a Santa Compaña e me levaba con ela.
Non teño ganas de pasar o resto da vida cunha cadea nos pes, un candil de carburo na mau, e coa cabeza tapada asustando á xente polas congostras en diante.
Que teñades moi bo día. 

NO MEDIO DUNHA PISTA DO MONTE DA FRACHA

NO MEDIO DUNHA PISTA DO MONTE DA FRACHA !!
Facía tempo que non miraba unha, tan abundantes nas brañas dos prados neste tempo, ata non fai tantos anos.
Ata parecía que desapareceran por mor do purín, pesticidas, etc.
Nan fontes baixas e puzos, tanto a píntega como a escura, eran sinal de que a auga era limpa, e non tiña contaminación algunha.
Unha ledicia volver a miralas.

REFLEXIÓS DENDE A CARBALLEIRA SOBRE O REI E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN!

REFLEXIÓS DENDE A CARBALLEIRA SOBRE O REI E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN!

Hoxe, que ata nin me apetecía tocar a guitarra coa calor que facía, púxenme a escoitar a radio pra saber o que se coce no mundo mundial.

A miña sorpresa é, que a noticia mais escoitada é que, a ver a quen propón o Rei para presidente do goberno… jaaaa.
A ver. O Rei, non pinta nada neste asunto, nin pode pintar.

O traballo do Rei e familia é, regatear no verán e esquiar no inverno, que para iso lle pagamos.

O Rei non pode dispoñer, nin nomear, nin gobernar. É coma os xerros chineses, un adorno. Ou coma os xenros que na casa do sogro fan o que lles mandan.
Primeiro: Quen ten que presentarse é Feijóoo se quere, que para iso gañou as elecións, e se o decide, o Rei non pode dicirlle que non.
Segundo: Se Feijóoo, decide non presentarse porque non ten os apoios necesarios, non se presenta. E o Rei non pode dicir que sí!
Terceiro: Se Feijóoo decide non presentarse, farao Sanchez como segundo partido mais votado.
Cuarto: Se Sanchez ten os apoios necesarios para presentarse, farao, anque o Rei diga que non.
Quinto: Se Sanchez non conta cos apoios necesarios, presentarase ou non se quere porque o decide él, non o Rei, que non lle pode dicir nin si nin non.

Sexto: Se non se presentan nin Feijóoo nin Sanchez, imos a novas eleccións, anque o Rey diga que non:

Concluíndo…
Que sea o que Feijóoo e Sanchez queiran, porque o Rey o único que pinta é sair na foto e que se fale dél.
Apertas, e boas noites!!

ESTÁMOSLLE AGASAIANDO A NOSA TERRA ÓS VASCOS, CATALÁNS, E MADRILEÑOS!!

ESTÁMOSLLE AGASAIANDO A NOSA TERRA ÓS VASCOS, CATALÁNS, E MADRILEÑOS!!
   O problema da Nosa Terra, dende tempos inmemoriais, é que sempre estivo gobernada polos caciques, e os de a pé non protestabamos, emigrabamos.
   Na actualidade temos un goberno, ó que lle importa tres carallos a nosa paisaxe, o noso medio ambiente, as nosas fragas e os nosos montes. E aínda menos, lugares emblemáticos das nosas cumes, como este da foto sacada na Ermida da Xestosa, na Serra do Faro de Avión, onde prantaron eólicos ata as mesmas portas da Ermida.
.     Pero parvos non son, que van facer o floclore anual á Carballeira de San Xusto. Xa que no monte do Faro, onde a facían antes, está ateigado deles tamén.
   Todo é unha desfeita.
   Regálanlle os nosos montes ós cataláns, vascos, madrileños, portugueses, daneses, e así un longo etc. para que monten eólicos, mentras nós temos a elitricidade mais cara da peninsula e do resto do mundo.
   Agora, por se fora pouco, encherannos o mar tamén, mentras a serra madrileña e o Manzanares, seguen sen ter ni un siquera… enténdaseme o do Manzanares para rir e non chorar!!
   Rematarán coa pesca, que xa pouca nos queda, despois de ser o primeiro país pesqueiro do mundo non hai tanto tempo.
   E por se todo isto fora pouco, nos montes arrasados polo lume, están permitindo a prantación de alcolitros, para contentar a ENCE..  Despois, dinnos dende a Xunta que os lumes que temos no verán, son provocados. Como se nono seuperamos nós!!
   É o único que saben dicir… “El noventa por cienes de los incendios son provocados” 
   Estoume rindo, porque xa miraredes como este vindeiro verán, din o mesmo!! Sempre o mesmo conto… “El noventa por cien de los incendios son provocados”
Pois claro!
   Que os galegos seremos calquera cousa pero non burros, anque ás veces pareza que sí!
   Pero decatámonos de que o primeiro incendiario é a Xunta, permitindo estas atrocidades. Polo menos, e xa postos, que non gasten os nosos cartos en comunicados absurdos e ridículos.
   Se non hai intereses económicos no monte, iste non arde!!
   Nunca ardeu. Nunca ardeu unha carballeira, todo o contrario, serven de cortafogos ante os alcolitros.
   Por qué non prohíben a venda da madeira queimada? Eh? Por qué?
   Todos sabemos o por qué, e eles tamén o saben, pero nono din… Chámanlle portas xiratorias.
   As miles e miles de Ha. queimadas o ano pasado, seguen sen ser motivo de atención da inutil consellería do Medio Ambiente, e algunhas xa se están convertindo en prantacións de alcolitros.
   or qué non prohiben prantar alcolitros nos montes queimados?
   É que os lumes levan uns intereses detrás ocultos?
.     Rematarán prantandos nos testos dos xeranios, xa veredes. Xa que istes non producen cartos, e o único que fan e dar frores. E en vez de gatos e cans, teremos Koalas como animal de compañía. 
   Nunca entenderei o porqué os nosos avós mataron por defender os marcos das leiras da súa propiedde, e nós somos incapaces de defendernos ante a invasión e roubo da riqueza da Nosa Terra.
   Que foi do espíritu conbativo que tiñamos os mozos dos anos 70-80?
   Que foi daquela loita defendendo a Nosa Terra ó berro de “Galicia é nosa e non de Fenosa” que tantas persecucións, carreiras e malleiras nos causou?
   Bueno. A todo isto, vou calar porque me quento, e non quero.
   Ós meus anos, prefiro tumbarme no meu sofá e tocar a guitarra pra ver se me sae unha cantiguiña nova.
   Se isto me pillara nos meus anos mozos, ó millor tiña algún que outro disgusto por andar arrincando alcolitros recén prantados, e cun mecheiro na mau sen ser fumador.
   E a bos entendedores… por min, que ardan todos cando aínda non valen pra vender.
   Unha aperta, e que teñades bo día.

CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

O TEXTIL: ENTRE A RIQUEZA E OS DONATIVOS.

O TEXTIL: ENTRE A RIQUEZA E OS DONATIVOS.
    E ven isto a conto, pola folga das empregadas de certa casa de moda, que como dí o refrán “Moito presumir e a casa sen barrer”.
    As mulleres galegas, son as grandes estafadas das fábricas textís.
    E sei moi ben do que falo, porque son de Lalín, noutrora o centro da moda de Galicia e da península inteira.
.      Houbo un tempo, no que as grandes fábricas de moda, estaban en Lalín.
.      En Pontevedra capital, facíase unha pasarela de moda chamada “Pontus Veterís” na que solo participaban os modistos lalinenses, e presumíase de que equipos de futbol coma o Madrid ou o Sevilla, vestían moda galega.
    Todo esto ven a conto, porque como repito, os que somos de Lalín, sabemos como se fixeron as grandes fortunas textís da comarca.
    As nosas nais e avóas, traballaron de lúa a sol, e noite tras noite zurcindo roupa para estas casas. Remataron coa espalda feita trizas, e coa vista desfeita de coser un día si e outro tamén, para que os seus fillos e netos, puideran levar ás oito da maña ás fábricas, as pezas de roupa que colleran o día antes ás oito da tarde.
    Eu mesmo, teño o tacatá da máquina de coser da miña nai metido nos oídos de escoitala noite tras noite. Anque a ela, explotouna unha casa de modas de Pontevedra e non de Lalín.
    Estragaron a súa saúde por unha miseria, e sin nin siquera cotizaron por elas.
    Todo en negro… centos e centos de mulleres, traballando para enriquecerse o patrón con cartos en negro!
    E agora aínda por riba, que moitas delas piden unha paga disas que chaman mínimo vital, hai algúns malnacidos, que din que estas pagas pídenas @s vag@s.
    Pero o peor foi cando a crise do 2011, que moitas ou casi todas estas empresas, fundiron, ou medio fundiron, e pedioron axudas que a Xunta lles concedeu a baixo ou mínimo interese, pare que retomaran o traballo nas fábricas. Nunca remontaron o voo. Todo o contrario, coas axudas oficiais que recibiron, largáronse para Marrocos e Portugar, para fabricar mais barato, e ós galegos, que lles dean por onde a espalda perde o seu casto nome pola parte de abaixo. E o que aínda é peor, os organismos oficiais, nunca lle pediron contas das subvencións concedidas.
.      Agora, aí os tedes, presumindo de riqueza, fabricando e cotizando fora do país, e explotando ás fillas e netas, daquelas nais e avoas que co seu sudor e a súa saúde fixeronos ricos.
    Os seus beneficios anuais, contanse por miles de millóns, mentras as súas traballadoras, seguen mendigando unha paga diña. Que por certo, e nestas empresas, as mulleres seguen gañando ata un cincoenta por cen menos cós homes, non se sabe moi ben por qué. Quizais pola famosa lei do embudo!
    E aínda hai quen os defende, e aplaude as migallas que gastan en publicide en modo e maneira de donativos para saúde, como se foran uns salvapatrias.
    Galicia, non lles debe nada, e as mulleres galegas, menos!!
.      Son iles, quenes lle deben moito a Galicia e as nosas mulleres!!
    Que teñades bo día.

AS BAGOAS…

AS BAGOAS…
O neno, choraba desonsolado, despois de vir do cemiterio de soterrar ó seu avó.
A avoa, mirando pra él, e sentada no seu tallo á carón do lume da lareira, díxolle:
– Deixa que se vaian. Deixas marchar a todas.
– A quen?
– Ás bágoas! As veces parece que son tantas, que ata pensas que vas afogar nelas. Pero non che é así.
– Avoa, pensas que pronto me deixarán de saír?
– Claro! Respondeulle a avoa con ese sorriso doce que só teñen as avoas.
As bágoas saen, pero non se quedan moito tempo. Cumplen unfa función moi importante, e pouco despois, seguen o camiño ata que desaparecen.
– E que traballo cumpren?
– Son somentes auga! Limpan, lavan e aclaran, tal como fai a choiva. Todo se ve distinto despois da choiva, verdade?
– Si avoa.
– Mañá, o teu avó, seguirá metido no teu corazón para sempre, pero aínda con mais forza que ata o de agora. E as bagoas, deixaranlle sitio ós sorrisos que sairán dos teus ollos, en canto penses nél.
(De Pepe, para o meu amigo Elisardo e o seu filliño Brais)

O GATO NEGRO!!

O GATO NEGRO!!
.     Resulta que vou a Soutelo de Montes. Cando chego ó coche pra volver para Pontevedra, zasca!! A roda dianteira dereita pinchada.
   Collo o inflador ese de conectar no mecheiro… e non furula!! 
   Co que estaba chovendo, chamo a axuda na estrada, e despois de esperar tomando unha cerveciña no bar do Roque, aparecen 40 minutos despois, e párchana eles.
   Arrinco.
.     Chego a Cerdedo, e na rotonda que hai ó remate da vila, un rapaz que viña de Sabucedo, métese nela sen cederme o paso, dame un golpe, e escangállame a aleta dianteira dereita. 
.     Díxenlle de facer o parte amistoso, pero non conforme con que a culpa era dél, chama ó pai por teléfono, e este faino entrar en razón uns dez minutos despois.
   Metémonos no meu coche, e facemos o parte amistoso.
.     Pois queredes ver, que cando estou na recta que hai en San Xurxo de Sacos, vai , e non cruza ó tolo un gato negro, que non pillei por un par de metros, e porque peguei un frenazo?
   E o moi ca… brito, cando chega ó outro lado onda unha fonte que hai alí, séntase, e queda mirando pra min como dicindo… anda, segue… segue camiño, que por hoxe xa te amolei ben!
   E non se ríu de min porque os gatos non saben rir!!
   A nai que o…!!!
   Se chego ter a cospeta no coche, zorrégolle un tiro, que o mando pro inferno directamente, sen pasar siquera polo purgatorio.
.     I e que eu supersticioso, supersticiosoooo… non son! Pero tampouco creo nas bruxas, e van coma tolas montadas nas escobas polo ceo en diante.
.     A todo esto, cando tiña que estar en Pontevedra ás dúas, cheguei ás catro menos vinte… e a pulpeira onde iba xantar, xa estaba recollendo!!
   Ala, veña. Unha aperta, sentidiño na carretera, e non vos perder polas congostras.

ENCE E OS NOSOS MONTES

ENCE E OS NOSOS MONTES
   Onte cando iba pra Lama escoitei en Radio Pontevedra, un anuncio de ENCE, onde din mais ou menos “Se tés alcolitros de 15 anos, mercámoschos. ENCE coida dos vosos montes!!
   E xa que estaba nun concello ateigado de alcolitros e acababa de pasar por Ponte Caldelas, outro tanto do mesmo, ou aínda peor, déuseme por pensar de que o anuncio é unha mentira tan grande coma o deserto do Sahara. E amais de ser mentira, como diría o meu amigo Jose M Canabal… Non é certo, nin verdade!!
ENCE, non coida dos nosos montes. Coida dos seus intereses nos nosos montes, que é moi distinto.
.     Cando ENCE se preocupou das carballeiras e soutos dos nosos montes?
.     Saben os de Ence que é un carrrasco? Unha carqueixa? Un codeso?
   Cando lle preocuparon a ENCE as matogueiras que os fan tan fermosos?
   Cando ENCE prantou outra cousa que non foran alcolitros?
.     Cantos carballos, vidros, ameeiros, sobreiras, salgueiros, freixos, loureiros, aveleiras, etc. prantou ENCE para decir a burrada de que coida dos nosos montes?
   Cando se preocupou ENCE de limpar os montes onde non hai alcolitros?
.     Cando se preocupou ENCE dos montes do Deza, antes de que apareceran eses alcolitros que se dan en altura superior a 600 mts.?
.     Que fixo ENCE polos montes de Agolada e Lalín ata fai uns anos que está enchendo prados e terras de labradio de alcolitros, co beneplácito da consellería do Medio Ambiente galego?
   Se ENCE coida dos nosos montes, por qué permitíu que un sitio tan emblemático e fermoso como o Pedregal da Irimia, nacemento do noso pai Miño, se enchera de alcolitros?
.     Preocupáronse algunha vez os de ENCE da fauna e flora autóctona que desaparece nos alcolitais que prantan? desaparece dos alcolitais que prantan?
.     Non me fagan rir, que sáenme prantos en vez de risas.
.     Hai un vello refrán que di que en boca pechada non entran moscas. No caso da súa, polo tamaño, en vez de moscas entran avestruces. Así que millor para os montes galegos… péchena!!