ELISEO E ADELINA DE MUIMENTA


ELISEO E ADELINA DE MUIMENTA         

           Dúas persoas que deixaron en min unha enorme lembranza de cando era cativo foron Eliseo Pedreira e Adelina. Non eran da familia pero como se o fosen, pois os pais de Adelina eran os padriños do meu pai e os meus avós eran os padriños de Adelina e por se fora pouco, a súa filla Rosa xunto co seu home Antonio foron os meus padriños de voda. Todo na casa como quen di.

           Canto me querían a min! Especialmente Adelina que viña moito pola nosa casa. Como ela soubese que estaba miña nai en Muimenta, era a primeira en aparecer.

           Eliseo viña menos pois andaba moi enredado co seu oficio de xastre e sobre todo cos seus músicos da banda da que era director. Cando ía bo tempo, ensaiaban na carballeira que había ao carón da miña casa, e Adelina mentres, pasaba o serán na cociña ou no forno coa miña madriña Maruxa e a miña nai se é que estaba.

          Na casa, tiñamos panadaría  e vendíase moito pan para fóra. Eran tempos nos que o pan trigo andaba algo escaso debido a que o pouco que se recolleitaba nas casas era para vender na feira e así poder mercar outras cousas máis necesarias. Eu erguíame cedo para ir para ao forno antes de marchar para a escola, pois gustábame o almorzo cuns moletiños quentes de centeo con graos da semente do liño que facía o meu padriño Xesús. Cando coincidía que estaba o meu pai en Muimenta, sempre me daba un molete de pan trigo para que llo levara á casa de Eliseo e Adelina, e eu antes de ir para a escola, era o que facía. Sempre me recibía Eliseo pois a porta da entrada daba cara á Xastrería onde estaba el, pero tan pronto me escoitaba Adelina pouco tardaba en aparecer, e sempre tiña para min unhas moedas e un par de bicos. Este feito, sempre mo lembraba Adelina anos despois cada vez que nos atopábamos en Bermés ou en Muimenta: “ O Pepiño do Pidreiro, que sempre nos traía o moletiño de pan trigo debaixo do brazo”, dicía.

          De Eliseo, que vou dicir de Eliseo! Sempre o admirei como músico e a maneira que tiña de tocar a trompeta. Que grande, canto pelexou pola Banda de Muimenta, pola súa banda. Foi o grande culpable dun dito moi espallado pola Bisbarra do Deza “En Muimenta, dáslle unha patada a unha carqueixa e sae unha ducia de músicos”, e aproveito para dicir tamén que o meu pai sempre lles dicía aos seus amigos “cando veñades por Muimenta, traede os instrumentos,  que os músicos poñémolos nós”.

          Eu de rapaz ía sempre aos ensaios cando viña o bo tempo, pois  ensaiaban na carballeira ó carón da casa, como xa dixen. Non facía mais que mirar para el e para os seus brazos, e cando remataban collía un pau, subíame ao balado que había detrás da casa e trataba de arremedalo en todo e tal como el facía. Lembro que se cabreaba moito cos músicos se as notas non ían polos carreiros que lles marcaba o pentagrama. Botáballes unhas berras de moito coidado, marchaba dar unha volta para desafogar, e mentres, e ate que non volvía, na carballeira non se escoitaba nin o son dunha mosca, incluíndome a min, que sentadiño no meu tallo de carballo que me fixera o meu tío Camilo, non tiña nada que ver no asunto. A verdade é que tivo que ter moita paciencia para ensinarlles música e a tocar algún instrumento a tanta xente, tanto de Muimenta como das parroquias dos arredores.

          El sabía do meu amor pola música dende que era cativo e dicíalle ao meu pai que me ía ensinar a tocar o bombardino, pois daquelas non había moita xente  que o tocara, pero os meus gustos pola música ían por camiños que nada tiñan que ver cos da banda, aínda que teño pensado algunha vez, que se a vida non me levara cara a Pontevedra e seguise alí quen sabe… De feito, o meu pai, un namorado da música das bandas,  tíñame dito algunhas veces que non quería morrer antes de verme tocando coa banda de Muimenta, pero o pobre, foise sen ver cumprido o seu soño.

          Pasaron os anos, e chegou unha época alá polos anos 70 na que eu me dediquei á música como profesión. Cada vez que nos atopabamos, Eliseo non deixaba de preocuparse por min e de como me ían as cousas. Como disfrutaba falando da música e como me gustaba a min escoitalo! Agora toupo coa risa pensando de cando era mozo e mentres falaba con el, lembrábame ao mesmo tempo, de que estaba falando coa persoa que tanto admirara sendo cativo.

          Hoxe, moitos anos despois e cando xa non están entre nós, sigo sentindo a presenza dos dous nos seus fillos Luís, Rosa, Adela e Lupe e en dous dos seus netos Toño e Nuria, cos que estou emparentado e aos que vexo moi a miúdo. A Eliseo e Adelina,  levareinos sempre nese recunchiño moi especial do meu corazón, onde gardo a lembranza das persoas que máis quixen sendo neno.

b. muimenta 1260455_176788732384424_3468340_n

182612_144391118956524_2860543_n

Sin título

Advertisements

9 thoughts on “ELISEO E ADELINA DE MUIMENTA

  1. Qué ledicia para min esta homenaxe aos meus avós. Sí foi el o autor da música do himno ao que logo lle escribiron as letras e o resultado é perfecto. Cando o escoito lémbrome deles e da miña infancia en Muimenta e non podo deixar de sorrir e de darlles as gracias polo amor e afecto que me dieron. Gracias Pepe.

  2. Era algo que lles debía Nuria, e non só eu. Era unha debeda compartida cos meus pais e coas miñas irmás. O himno é moi fermoso, vaia si non. Tiven unha inmensa ledicia cando me enterei polo teu tio de que o había deixado escrito, e mais aínda, cando o escoitei en Lalín na compañía de Lucía, unha gran soprano, que foi directora do Consevatorio de Música de Valencia, terra de moi boas bandas.
    Un bico enorme pra ti Nuria, e pra todos os seus descendentes da miña parte.

  3. Tiven a ledicia de coñecelo un ano nun concerto da banda na Agolada, nunha festa que había nun pobo o pasar a Agolada hacia Lugo…¿As trabancas, pode ser? habiamos falado de ti e de D, Jesús Mato.
    Xa non me lembro gran cousa, fai moitos anos

  4. Ola Pepe, moi emocionante esta adicatoria que lle fixeches aos meus pais. Moitas gracias e agardamos máis novidades no teu fermoso blog. Segue así. Abrazos

    • Vaia sorpresiña Lupe. Alégroume moito o teu comentario no blog, a verdade que si. Pois nada, era algo que xa tiña escrito facía tempo e que me animei a poñer en recoñecemento a amistade das dúas familias. E seguirei poñendo algunha cousiña de cando en vez, anque agora volvo a estar mais enredado coa música e disfrutando da netiña, pero bueno, xa irá saíndo algo. Un biquiño pra todos vós e por aquí me esterei pro que faga falta si é que se pode axudar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s