O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA
…….. O poema, fíxeno a comenzos de ano, inspirándome nos poemas das alboradas de Cunqueiro, ó volver a ver no blogue “AQUAM LATAM” do amigo Manolo Busto, a foto do Señor Souto na súa taberna. Taberna na que botei moitas noites da miña mocedade cantando cos meus amigos daquel tempo.
…….. Cando o escribín, non foi coa idea de musicalo, pero poucos días despois de facelo, tiña que cantar nos pendellos da Agolada. Así que, pensei que sería bo poñerlle música e cantalo alí.
…….. E aproveitando que o Arnego nace na Serra do Faro, e ás musas andaban a meter os pes nas súas augas, non me fixo falta pensalo dúas veces, e a cantiga, estreneina nos pendellos tal como eu quería.
…….. A taberna, atopábase onda a ponte vella de Vilariño (a casa segue alí reconvertida en “Puticlú” unha magoa non aproveitala como casa de cultura ou algo así) e na parte de riba dela, había unha tosta para a producción de enerxía eléctrica. Os mozos de Cadrón, Agolada e dos seus arredores, iamos a bañarnos nela polo vrau. Eu ia coa miña guitarriña ó lombo dende o Castelo, e despois pola noitiña, botabámoslle unhas cantiguiñas alí mentres bebiamos un “Fis Fas” daqueles que había.
…….. Gardo moi boas lembranzas dese lugar, e de feito, cada vez que paro a tomarlle unha jasiosa no Merendeiro do Arnego, que queda a uns 100 mts. de onde estaba a taberna, sempre paro despois na ponte, e vanseme os ollos pra casa que tantas lembranzas garda baixo o seu teito.
…….. O poemiña, non é que conte a verdade de cómo eran as cousas, xa que daquelas e aínda despois, non cambiaba a música polas mozas, pero bueno, é unha maneira de falar e de dicir que tamén me gustan moito as cantigas nas tabernas. Tabernas reconvertidas hoxe en día en furanchos, pero que seguen gardando o sabor do bo viño e a boa música.
…….. Pois nada. Que teñades un bo día, a ser bos, e levadeo con sosego, que nun mes, andamos perdidos polas congostras mirando como maduran as ameixas e as uvas, e as amoras e as cereixas.
…….. Apertas para todos.

A Cantiguiña está basada nun dos poemas recolleitos nas alboradas de Cunqueiro sobre o poeta Antonio Noriega.

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES
. …..Fai algún tempo que puxera por eiquí, o que pra min sería a solución ó descenso da natalidade do noso concello. Pero como o concello volve sacar o tema nistes días para celebrar o Nadal, pois eu volvo sacar as propostas.
. …..Pro meu entender, a solución ó descenso da natalidade pasaría por istes seis puntos:
. …..PRIMEIRO.- Vender o novo concello, volver ó vello, e cos cartos da venda, recuperar todos os muíños das ringleiras dos rios. Celebraríanse muiñadas os fins de semán.
. …..SEGUNDO.- Prohibir por lei as alpacas de herba seca e volver ás palleiras tradicionais de toda a vida, aproveitando pra iso todas as casas vellas das aldeas.
. …. TERCEIRO.- Limpar as corredoiras e congostras do concello pra que @s moz@s poidan perderse por elas como fixeron por tradición os nosos pais, os nosos avós e os avós dos nosos avós. Ó mesmo tempo, esnafrar todas as “pedras-asento” que hai á porta das casas postas polos pais das mozas.
. …. CUARTO.- Derrubar todos os postes repetidores que dan cobertura ós teléfonos movis e cambialos por inhibidores de frecuencia.
. …. QUINTO.- Prohibir por lei, as orquestras circenses e volver as tradicionais, obligandoas tamén por lei a tocar só pezas pra “Bailar pegados”
. …. SEXTO.- Pedir subvencións á CEE pra potenciar as leiras de millo, trigo e centeo, preto dos campos das festas das parroquias.
. …. Con istes seis puntos, á volta duns anos, subimos o concello de categoría á velocidade dun foguete de seis estralos.
. …. E asunto resolto!!!

80218024_1304019239782757_5708189438224367616_o

TEMPO DE CASTAÑAS

-XOGO DE NENOS:
“Debaixo dun castiñeiro
paseando unha galiña
caeu degarado ourizo
e un golpe lle deu na crista.
Bota a correr a galiña
e dille de presa ao galo:
-Fuxa, señor galo, fuxa,
que cae o ceo en anacos.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Apreta o galo a correr
e, cô raposo encarando:
-Fuxa, -dille,- señor raposo,
que cae o ceo en anacos.
– Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bota o raposo a correr
e, atopando o can ao paso:
-Fuxa, -dille,- siñor can,
que cae o ceo en anacos.
-Quém llo dís, señor raposo?
-Díxomo o siñor galo.
-Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bótase o can a correr
e cô lobo tropezando:
-Fuxa, -dille,- señor lobo,
que cae o ceo en anacos.”

FRASES COTIÁS DAS CASTAÑAS:
-Traeme as medias castañas: traeme as zocas
– Auga de castañas : dise do café pouco cargado.
– Quedouse en auga de castañas: algo que non tivo moita importancia.
– Duras coma cascallos:- dise das fabas do caldo cando non coceron ben (Os cascallos, ou castañas pilongas, son as que se secaban no canizo)
– Estalarlle a castaña na mau: cando un cae na propia trampa.
– Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.
– Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.
– Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.
– Come que vas quedar coma a castaña do medio: díselle ós rapaces que coman que van quedar delgados (Polo regular, a castaña do medio do ourizo é a mais delgada.
– ¡Toma castaña!: levar un chasco.
– ¡Pegarse un castañazo! Pegarse un golpe forte.
– Coller unha castaña. Emborracharse.
– Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.
– ¡Manda castaña! Algo que non ten xustificación, que – sorprende a un

ADIVIÑAS DAS CASTAÑAS:

“Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón,
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
¿Que cousa cousiña son?

“Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba:
quen puña a mau non tornaba… Entre cidades e cortes me desexan ver crescida,
e as mulleres preguizosas comigo gañan a vida”

“¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?”

“Outo me vexo no meu lugarexo.
Por unha risada, perdín miña añada”

“Outos pais capeludas nais
e os fillos incha-foles, adiviña ti, si podes”

“Outo estou, color de ouro teño,
por unha risada perdo canto teño”

“Outo me vexo no meu canguerexo,
vexo vir e non podo fuxir”

“Outo, outo cabaleiro
dalle a risa e caelle o diñeiro”

“Alto foi meu nascimento de doncela recollida;
cando ia para me rir, tal foi a queda que dei
que a casa non máis voltei”

“Altetes, altetes con seus carrapetes;
con o riso que lle deu, todo se perdeu”

Ten pelexo coma a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tés.

Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedeime sen nada.

Alto está,
barbas ten,
ri e solta o que ten .

No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.

ESTROFAS SOBRE AS CASTAÑAS
As castañas son castañas,
os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara,
para min son dous feitizos.

Acabáronse as castañas,
secáronse os castiñeiros,
acabáronse as rapazas;
quedan os mozos solteiros.

Acabáronse as vendimas,
ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas,
catro castañas asadas.

Ábreme a porta, Marica,
que che quero dar castañas;
-Eu a porta non cha abro,
que ben sei as tuas mañas.

Naquela banda do río,
ten meu pai un castiñeiro;
bota castañas no outono,
uvas no mes de Janeiro.

Aquel vello castiñeiro,
esquecendo a súa cañota,
ergue os brazos rexoubeiro;
faise roncón e punteiro,
e quere bailar a jota.

Santiña do Soutarelo,
bota castañas abaixo;
anque non teño mantelo
collereinas no refaixo”.

“Santo que estás no canizo
bota castañas embaixo
que anque non teño mandil
acádochas no refaixo.

Castiñeiro, dás castañas
que eu ben che vexo as candeas;
ao te ver falar con outro
sáltame o sangue nas veas”.

“Castiñeiro sin galiñas
castañas non pode dar;
rapaza que non tén gracia
Qué amores pode tomar?“.

“Ó Carballo cáille a folla
i ó castiñeiro o ourizo;
as mociñas, as de agora
todas andan ó castizo”.

“Ó Carballo cáille a folla
i o ourizo nona ten;
as mociñas que hai agora
moi pouca vergoña ten.

“Cereixas nun castiñeiro
foi cousa que nunca vín;
non te alaudes que me deixas
que eu nunca te pretendín”.

“Eu quero un mozo que sexa
forte coma un castiñeiro,
que sexa bon beilador,
saiba tocalo pandeiro”.

“Sentaivos mozos, sentaivos,
anque as mozas sean poucas;
habémosvos dar castañas
anque non comades outras”.

“Teño un castiñeiro á porta
que me dá moitas castañas;
heiche de dar un saquete
xa que todas más apañas”.

Dáseme tanto por ti,
coma se nunca te vira!
encólgate dun castaño,
coas pernas para riba!

A aldea de do Castelo,
De lonxe parece vila,
Cunha corredoira na entrada,
E un souto na saída.

-Ábrema porta Marica,
que che Quero dar castañas,
-eu a porta non cha abro,
que ben sei das túas mañas.

A castaña no ourizo,
quixo rir e reventou,
caindo castiñeiro abaixo,
mira que golpe levou.

As castañas ben se comen,
o viño vaise bebendo,
o cariño vai entrando,
e a honra vaise perdendo.

20191104_202437

O APARELLO DE RADIO

O APARELLO DE RADIO
           Silverio, era un rapaz dunha fermosa aldea da outra veira do Rio das Abellas alá por Lalín, que como todos os mozos por aquel tempo, traballaba na casa axudando aos seus pais nas labores propias das aldeas pra poder sair pra diante, e ter un anaco de pan que levar a boca despois da fame que deixara a guerra civil. Dorinda, era unha fermosa rapaza dunha parroquia preto da de Silverio, e á que lle andaba a facer as beiras de cando en vez.
           Unha mañá, cando facía un par de anos que rematara a guerra, e despois da misa do domingo, unha parella da Garda Civil, animaba òs mozos das aldeas a que fosen a Lalín para apuntarse e poder mellorar o porvir sendo gardas. Silverio, despois de consultalo cos seus pais, decídíu apuntarse coa idea dun millor futuro fora da aldela, xa que o único traballo pra probar sorte que había por daquelas, chamábase “emigración”
           Dito e feito, apuntouse pra garda, levárono pra academia, e botou un par de anos fora. Despois diste tempo, volveu sendo garda civil e destinado para o cuartel de Pontevedra. Tomou relacións serias con Dorinda e casaron no ano 45. Venderon aos seus irmaus a parte que lles correspondía da herdanza, e cos cartos, mercaron unha casiña xunto con un bo anaco de leira en Tomeza, unha pequechiña parroquia preto de Pontevedra. Mercaron media ducia de vacas, unhas galiñas e un par de porcos da ceba, pra levar a vida tal como facían en Lalín. E a vida foilles ben, xa que todo o que se colleitaba na casa engadido ó soldo de Silverio, ata lles daba pra aforrar unhas boas cadelas na contiña que tiñan no banco.
           Tiveron tres fillos. O maior, Dositeo, decidiu emigrar a Suiza xunto con un compañeiro e veciño. Alí fóronlle moi ben as cousas e alí segue, pois casou cunha moza Suíza, e alí naceron tamén os seus fillos. Según teño escoitado, xa fai moitos anos que non ven por aquí.
           Os meus pais visitábanos moi a miudo, pois coñecíanse dende cativos xa que eran dunha parroquia veciña, amais Dorinda, era prima segunda da miña nai.
           Nunha desas visitas, o meu pai preguntoulle a Dorinda:
           – Qué, como lle andan as cousas a Dositeo alá pola Suiza.
           – Ben, moi ben. Aínda antes donte, un veciño de eiquí do lado que está con el alá, e que veu uns días de vacacións, trouxonos unha carta e un paquetiño con un aparello de radio, pois o que temos, xa vai vello. Magoa que se esquenceu de mandarnos o cable para enchufalo e nono podemos acender. En canto vaia Silverio a Pontevedra, terá que mercar ún.
            O meu pai, pedíulle que llo ensinara e decatouse de que aquel aparello de radio era un transistor, pero non traía as pilas postas. Díxolle que non se preocupara que xa se encargaba él. E foise, a unha taberna que había a 500 metros dalí que se chamaba a de Pepe do Marco. Hoxe segue como bar… nada que ver coa taberna daquelas. Mercou unhas pilas e volveu de seguida. Pediulle a Dorinda que lle trouxera o aparello de radio outra vez, púxolle as pilas, e o homiño da radio empezou a falar e os músicos a tocar.
           Contaba o meu pai, que Dorinda, non facía mais que mirar darredor do aparello, pero que non decía nada. Ata que Silverio lle preguntou:
           – Que andas a facer, que xa fai un anaco que non fas mais que mirar pro aparello e non dis nada…
           – Estou mirando por onde raios entrou a xente que está tocando dentro se non hai ningún cable por onde entrar.

– Non é un conto. A cousa foi certa, i eu cóntovola tal como a miña nai ma contou a min, anque os nomes das persoas non corresponden coas da realidade.

radio

A MOZA, POLA TABERNA

A MOZA, POLA TABERNA

Unha noite de inverno desas de tronada,
tentáronme as ganas de ir á Agolada.
Pra ver unha moza, inda mais feiticeira
ca rosa mais rubia de toda a roseira.

Cheguei ó Arnego, e brinquei polo rio,
e pasei Vilariño sen medo nin frio.
Empezou a chover e busquei un cuberto,
e pechei o paraugas que levaba aberto.

Alí adormiñaba un arado e un carro,
e arrimeime a unha roda pra liar un cigarro.
E buscando o tabaco pola chaqueta,
ouín o “tris-tris” dunha pandeireta.

Pois preto, moi preto, de onde a escoito,
está, onda a ponte, a taberna de Souto.
E alí van as xentes de Cadrón e o Castelo,
e doutras aldeas darredor do Farelo.

Así que, esquecéndome dos meus amores,
fun pra taberna, pronda os labradores.
Papar ovos fritos con migallas de millo,
e “mollar a palleta” cuns grolos de viño.

Que no hai mellor cousa, pra mentras te abrigas,
que botar cos amigos, un par de cantigas.
E comer e beber, ata quedar fartos,
anque ó longo da noite, quedemos sen cartos.

Nesta casa, na vella Ponte Vilariño, estaba a taberna de Souto.

P1190449.JPG

A cantiga está inspirada nun poema de Antonio Noriega.

A OVELLA BRINCADEIRA

A OVELLA BRINCADEIRA

…… O señor Fidel, dedicouse toda a súa vida á cria de ovellas e cabras. Era herdanza do seu pai e avo, que xa dende facía moitos anos, abastecían de carne aos restaurantes e carnicerías de toda a bisbarra do Deza.
…… Fidel, chegou a ter un rebaño tan grande, que cando pacían no monte da costa, parecía que estaba todo nevado. Tal foi a cousa, que atopouse con que era moito traballo para el solo, polo que decidíu contratar a un axudante para levalas e traelas do monte, e el dedicarse por completo ao ordeño e á laboura dos queixos.
…… Con tal motivo, puxo uns letreiriños nuns cuantos sitios de Lalín, buscando un axudante: “Busco unha persoa para coidar rebaño de ovellas e cabras. Non é necesario ter esperencia”
…… Antón, era un rapaz da zona de Vigo que fora traballar a unha fábrica do gas á Lalín. A fábrica iba pechar por falta de rendimento e por aparecer a eletricidade. Deciciu ir onda o señor Fidel para ver de coller o traballo que ofrecía, anque el, non tiña idea do que era o pastoreo… e aínda mais… non sabía como eran as ovellas e as cabras, xa que de onde el era, non había (aínda hoxe, hai rapaces nas cidades que nunca viron unha vaca e pensan que o leite daea o cartón)
…… Ó señor Fidel, gustoulle o rapaz e decidiu poñelo a proba para ver se podía contar coa súa axuda para coidar de semellante rebaño. Con tal motivo esplicoulle:
…… – Pola mañá, coa axuda dos cans, lévalas ó monte. Os cans xa saben por onde ir, e ti tes que ter conta que ningunha quede atrás ou vaia por onde non é. Deixas que pazan todo o día, vixiante de que non se perda ningunha, e pola tardiña, levalas a beber ó rio e volves con elas para casa.
…… Así fixo, levounas ó monte, paceron todo o día tendo tino de que non se perdera ningunha, e alá pola tardiña, decidiu levalas ó rio para beber e marchar para casa. No intre en que iban chegando ó rio, os cans levantaron unha lebre, que pasou feita unha chispa por diante de Antón.
…… Deixou que beberan ata que fartaran, e cando remataron, arrincou con elas para casa. Chegou, meteunas nas cortes e foi onda o señor Fidel:
…… – Boa noite Antón, qué, como che foi o día. Gustouche o traballo?
…… – Pois si señor. Gústame moito, paseino moi ben coidando das ovellas, i é un traballo que non mata a ninguén.
…… – E que tal as ovellas… dironche moito traballo?
…… – Non señon, non. Bueno, solo unha pequeniña que quería marchar, e ata os cans nona deron pillado. Saltaba moitiísimo e corria feita unha chispa. Bó traballo que me costou pillala. Tiven que traela no colo que non quería vir, e ainda agora, queda na corte dando uns cacho brincos por enriba das outras, que chega ata as taboas do teito.

O CAZOLIÑO DE CAROI

O CAZOLIÑO DE CAROI.

Desconfiaba o cazoliño,
que calquera camiñante,
dos que lle pasan por diante,
levario no bolsiño.

E mercou unha cadea,
pra encadearse á parede.
Mentras esteña el aí,
ninguén morrerá de sede.

Pois leva dado el mais auga,
ca que move un vello muíno,
tanta como leva o Lérez,
e ata o mesmo rio Miño.

Deixa xá tal desacougo,
meu querido cazoliño,
que o que te leve roubado,
encherate de bo viño.

   

O LABREGO MAIS A VIUVA

O LABREGO MAIS A VIUVA
……A un labrego dos da contorna escangállaselle o tractor mentras gradaba nunha leira e levao ao mecánico da vila. Iste, dille que ten que deixalo un par de días porque hai que pedir unha peza que se esnafrou.
……O home, bota a andar de volta pra casa, e de camiño, pasa pola ferraxaría e compra un balde pra auga mais unhas caixas de chatolas pros zocos. E ao ser día de feira, merca tamén dúas galiñas e un parrulo.
……Mentres se atopa na veirarua pensando en como facer para levar camiñando todo o que mercou, achégaselle unha señora que lle pregunta por unha aldea que resulta ser a misma ca súa. Él dille que si quere acompañalo, que espere a que sexa capaz de coller ben as cousas que leva.
……E a señora, mirando para él dille:
……– Oi que pouco amañado é vostede. Mire, pon as caixas de chatolas dentro do balde e lévao nunha mau, o parrulo na outra e unha galiña debaixo de cada brazo.
……O granxeiro fai todo como lle dí, e agradecido empeza a andar a carón da señora ao mesmo tempo que lle comenta:
……– Coñezo un atallo que nos saca do camiño da aldea, e vai polo medio de unha fraga, pero aforramos un bo treito a mais de levarnos menos tempo chegar.
……A señora míra pro gandeiro con desconfianza e responde:
……-Son unha viúva solitaria, sen un home que me defenda. Como sei que non me vai poñer de cu contra dun carballo e vai abusar de min?
……– Pero señora! Aínda cando quixese facelo, como o fago? Levo un balde, unhas caixas de chatolas, dúas galiñas e un parrulo. Como tería que facer para abusar de vostede?
……-Pois moi facil: Pos o parrulo no chan, cóbrelo co balde, pos as caixas de chatolas enriba para que non escape, e as galiñas aguántochas eu mentres. ¡¡Vese que non és moi amañado pras cousas!!

.- Contoumo o Señor Alfredo Fidalgo Rodríguez de 86 anos e veciño da parroquia do Marcón. Seica o sabe de escoitarllo a súa nai.

 

sin-tc3adtulo3