VALONGO (Cerdedo-Cotobade)

VALONGO (Cerdedo-Cotobade)

IGREXA, REITORAL, E ADRO.
      A igrexa do Santo André, barroca, data de comenzos do século XVIII.
      No conxunto arquitectónico, destaca a chimenea da reitoral dunha impresionante lareira, xa abandoada, como tantos e tantos bens que ten a igrexa espallados por Galicia en diante.
      Parece ser que o edificio da reitoral, foi construído coas pedras dun pazo.
Dende o adro, hai unhas fermosas vistas de todo o val de Valongo.

 

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Laín)

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Lalín)

        Que magoa miralo así, desfeito. E non so este, senón que a meirande parte dos que se atopan nas nosas aldeas, están no mesto estado.

        Foron a despensa da casa ata non fai tantos anos… fonte de vida!!

        Este, era de dúas casas. Os dous claros dde diante eran da miña, e os datrás eran dos da casa de Amador. Como Jesús de Amador e a miña nai eran curmaus, supóñome (anque nono sei) que antes, perteñecería a unha soa familia e dividíuse por herdanza.

        O cuarto e quinto esteos teñen os tornarratos xuntos, polo que supoño que o quinto anaco da cámara, foi engadido despois de estar feito o horreo principal.

        Nel, e na parte do fondo, gardábanse ben aliñadas e asentadas as espigas de millo. E na parte de diante, os sacos coas fabas e cascallos, cestos con mazás, ristras de cebolas e allos, etc.

        Ó horreo, subíase dende un cepo grande que estaba no chao, e lembro que a chave da porta, era daquelas que pesaban medio ferrado, e que facían moito ruído o darlle a volta para abrila. Tanto era así, cas galiñas que andaban devaneando polo alto dunhas enormes penas que coñecemos coma o penedo, ó escoitar o son da chave abrindo a porta, viñan voando, pois sabían que había millo pra comer.

        Teño pasado moitas tardes dentro del, xunto co meu tío Camilo e o meu curmau Luís debullando no millo, e mais, cando era para levalo ó muíño para facer a fornada. Eles debullaban contra un carozo, pero a min, gustabame sentarme enriba dunha fouce e debullar contra o mango.

        O horreo, xa leva moitos anos niste estado, pero as vivencias que encerra, non desaparecerán nunca. Canto mais se vai desfacendo o noso patrimonio material, mais gusta lembrarse del.

        Unha magoa.

 

A “RA” DOS MUÍÑOS DAUGA

A “RA” DOS MUÍÑOS DAUGA

      A ra, era unha peza que se asentaba no arrieiro, e sobre a que daba voltas a agulla que se espetaba no xeonllo do rodicio, pra que non se gastara a madeira tanto do rodicio como do arrieiro.

      Estas pezas, case sempre se facían no ferreiro, anque tamén se facían artesanais de cuarzo.

      Según me contaba o meu tío Camilo do Castelo, as feitas no ferreiro anque duraban moitos anos, tamén se gastaban, pero as feitas de cuarzo, duraban toda a vida.

      Esta ra, e dun muíño que hai no río Almofrei, totalmente desfeito en Loureiro, 50 mts. augas arriba da ponte que vai a Augasantas.