CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

GHALO DAS CRUCES Ó LICOR CAFÉ ( Receita en 15 pasos)

GHALO DAS CRUCES Ó LICOR CAFÉ ( Receita en 15 pasos)

01.- Achegarse ata as Cruces e mercar un ghalo duns cinco quilos. Xa ven esfolado e limpo.

02.- De camiño pra casa, parar na taberna, e mercar dúas botellas de licor café. Botar un par de grolos de cada unha, para ver a calidade.

03.- Xa na casa, rechear o ghalo con un anaco de touciño, medio limón, e herbas con moito arrecendo (Romeo, tomillo, orégano, loureiro e pementa negra). Aproveitar o momento para botar un par de grolos de cada botella de licor café.

04.- Poñer o ghalo nunca fonte e abrir o forno, metelo dentro e pechar. Aproveitar para botar un groliño de licor café.

05.- Poñer o forno a 180 grados, sentarse, esperar, e mirar de cando en vez pro ghalo.

06.- Según se vai mirando, aproveitar para tomar dous licores de grolos no café.

07.- Darlle á manivela de fornear o prendo, ó tempo que se toman catro licores de botellas co café.

08.- Grolear ben o café para que non se queime a manivela do licor.

09,- Beber catro grolos do ghalo con café, mentres se asa o licor.

10,- Apagar o licor, sacar o café e poñelo enriba dos grolos. Aproveitar para manivelar das dúas botellas de cada ghalo.

11.- Sacar o forno, emplatar o café, acoitelar o licor, e ghalear a mesa.

12.- Coller un ghalo grande, enchelo de botellas e licuar os vasos ata a mitade de grolos coa manivela de fornear.

13.- Mentras se ghalean uns grolos, esperar que enfrien as botellas tomando un forno de licor de grolos por riba do café.

14.- Deitarse troceado na bandexa do café, meter o licor na cama e deitarse co ghalo. Xa se comerá mañá xunto co forno de ghalear as botellas da manivela.

15,- A durmila…

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA
…….. O poema, fíxeno a comenzos de ano, inspirándome nos poemas das alboradas de Cunqueiro, ó volver a ver no blogue “AQUAM LATAM” do amigo Manolo Busto, a foto do Señor Souto na súa taberna. Taberna na que botei moitas noites da miña mocedade cantando cos meus amigos daquel tempo.
…….. Cando o escribín, non foi coa idea de musicalo, pero poucos días despois de facelo, tiña que cantar nos pendellos da Agolada. Así que, pensei que sería bo poñerlle música e cantalo alí.
…….. E aproveitando que o Arnego nace na Serra do Faro, e ás musas andaban a meter os pes nas súas augas, non me fixo falta pensalo dúas veces, e a cantiga, estreneina nos pendellos tal como eu quería.
…….. A taberna, atopábase onda a ponte vella de Vilariño (a casa segue alí reconvertida en “Puticlú” unha magoa non aproveitala como casa de cultura ou algo así) e na parte de riba dela, había unha tosta para a producción de enerxía eléctrica. Os mozos de Cadrón, Agolada e dos seus arredores, iamos a bañarnos nela polo vrau. Eu ia coa miña guitarriña ó lombo dende o Castelo, e despois pola noitiña, botabámoslle unhas cantiguiñas alí mentres bebiamos un “Fis Fas” daqueles que había.
…….. Gardo moi boas lembranzas dese lugar, e de feito, cada vez que paro a tomarlle unha jasiosa no Merendeiro do Arnego, que queda a uns 100 mts. de onde estaba a taberna, sempre paro despois na ponte, e vanseme os ollos pra casa que tantas lembranzas garda baixo o seu teito.
…….. O poemiña, non é que conte a verdade de cómo eran as cousas, xa que daquelas e aínda despois, non cambiaba a música polas mozas, pero bueno, é unha maneira de falar e de dicir que tamén me gustan moito as cantigas nas tabernas. Tabernas reconvertidas hoxe en día en furanchos, pero que seguen gardando o sabor do bo viño e a boa música.
…….. Pois nada. Que teñades un bo día, a ser bos, e levadeo con sosego, que nun mes, andamos perdidos polas congostras mirando como maduran as ameixas e as uvas, e as amoras e as cereixas.
…….. Apertas para todos.

A Cantiguiña está basada nun dos poemas recolleitos nas alboradas de Cunqueiro sobre o poeta Antonio Noriega.

DENDE O MEU SOFÁ

DENDE O MEU SOFÁ.
……  Moitas veces, cando as miñas fillas eran cativas, e escomenzaban a estar de actualidade todas estas cousas tan modernas que temos para enredar no tempo de lecer, preguntábanme que, en qué enredabamos e a que xogabamos os nenos do meu tempo se apenas funcionaba a TV, non había Tlf. (Bueno, habíao na taberna) e non tiñamos internet nin rabos de gaitas. Eu tentaba esplicarlles, que tiñamos os nosos propios xogos, e que non nos aburriamos nada, porque eran xogos de compañeirismo e onde participabamos todos os rapaces da aldea.
……  Dame que nunca o entenderon
……  Pois ben. Ven isto a conto, porque estou pensando na xentiña do ano 1918, cando aquela gripe coñecida como a peste, levouse a tantos por diante.
……  Hoxe o meu bo amigo Daniel González Alén, puxo un fermoso artigo no seu muro sobre dela, onde di que solo en Lalín, morreron un cento de persoas, dos que 14 eran da parroquia de Sello.
……  Como farían sen os medios de comunicación e información que temos agora, e sen todos istes enredos que temos nas casas para pasar o tempo mentres estamos pechados, e sen os medios sanitarios e desinfectantes que temos agora.
……  Bueno, podo imaxinalo: Sentarse ó pe do lume na lareira, contar uns contiños… e esperar!!!
……  Que teñades un bo día, e ogallá nos vaia ben a todos.
……  Unha aperta

sin-tc3adtulo3

MENUDA PEZA… O ALCALDE DO DEZA

MENUDA PEZA… O ALCALDE DO DEZA

Gasta o alcalde,
en comendadores,
os euros que “birla”
ós labradores.

Gasta o alcalde,
en ricas ceas,
o que rebaña,
polas aldeas.

Gasta o alcalde,
en copas e viños,
os cartos que cobra,
ós probes veciños.

Gasta o alcalde
os cobros que impón,
en facer un cocido,
pra tanto lambón.

Gasta o alcalde,
en traer de Madrí,
un par de larpeiros,
habendos aquí.

Gasta o alcalde,
nun gran cocido,
pra que os amigos,
veñan a mantido.

Gasta o alcalde,
en presumir…
E os probes gandeiros,
sen ter que vestir!!

Gasta o alcalde,
con pouco sentido.
Saelle de balde,
que sempre é elexido

Gasta o alcalde,
con tanta emoción,
que ata se cré,
“O gran faraón”

(Retrouso)
Ogallá que lles sente,
tan mal o cocido,
que fagan de ventre,
polo calzoncillo.

O alcalde de Madrí, papador oficial do cocido de Lalín por méritos propios, alleos, habidos e por haber
Á gran Benedicta Sánchez (A avoa de todos nós), noméana tamén comendadora, para mitigar efectos.

84516844_2524558964338381_7189952283466006528_n

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES
. …..Fai algún tempo que puxera por eiquí, o que pra min sería a solución ó descenso da natalidade do noso concello. Pero como o concello volve sacar o tema nistes días para celebrar o Nadal, pois eu volvo sacar as propostas.
. …..Pro meu entender, a solución ó descenso da natalidade pasaría por istes seis puntos:
. …..PRIMEIRO.- Vender o novo concello, volver ó vello, e cos cartos da venda, recuperar todos os muíños das ringleiras dos rios. Celebraríanse muiñadas os fins de semán.
. …..SEGUNDO.- Prohibir por lei as alpacas de herba seca e volver ás palleiras tradicionais de toda a vida, aproveitando pra iso todas as casas vellas das aldeas.
. …. TERCEIRO.- Limpar as corredoiras e congostras do concello pra que @s moz@s poidan perderse por elas como fixeron por tradición os nosos pais, os nosos avós e os avós dos nosos avós. Ó mesmo tempo, esnafrar todas as “pedras-asento” que hai á porta das casas postas polos pais das mozas.
. …. CUARTO.- Derrubar todos os postes repetidores que dan cobertura ós teléfonos movis e cambialos por inhibidores de frecuencia.
. …. QUINTO.- Prohibir por lei, as orquestras circenses e volver as tradicionais, obligandoas tamén por lei a tocar só pezas pra “Bailar pegados”
. …. SEXTO.- Pedir subvencións á CEE pra potenciar as leiras de millo, trigo e centeo, preto dos campos das festas das parroquias.
. …. Con istes seis puntos, á volta duns anos, subimos o concello de categoría á velocidade dun foguete de seis estralos.
. …. E asunto resolto!!!

80218024_1304019239782757_5708189438224367616_o

O APARELLO DE RADIO

O APARELLO DE RADIO
           Silverio, era un rapaz dunha fermosa aldea da outra veira do Rio das Abellas alá por Lalín, que como todos os mozos por aquel tempo, traballaba na casa axudando aos seus pais nas labores propias das aldeas pra poder sair pra diante, e ter un anaco de pan que levar a boca despois da fame que deixara a guerra civil. Dorinda, era unha fermosa rapaza dunha parroquia preto da de Silverio, e á que lle andaba a facer as beiras de cando en vez.
           Unha mañá, cando facía un par de anos que rematara a guerra, e despois da misa do domingo, unha parella da Garda Civil, animaba òs mozos das aldeas a que fosen a Lalín para apuntarse e poder mellorar o porvir sendo gardas. Silverio, despois de consultalo cos seus pais, decídíu apuntarse coa idea dun millor futuro fora da aldela, xa que o único traballo pra probar sorte que había por daquelas, chamábase “emigración”
           Dito e feito, apuntouse pra garda, levárono pra academia, e botou un par de anos fora. Despois diste tempo, volveu sendo garda civil e destinado para o cuartel de Pontevedra. Tomou relacións serias con Dorinda e casaron no ano 45. Venderon aos seus irmaus a parte que lles correspondía da herdanza, e cos cartos, mercaron unha casiña xunto con un bo anaco de leira en Tomeza, unha pequechiña parroquia preto de Pontevedra. Mercaron media ducia de vacas, unhas galiñas e un par de porcos da ceba, pra levar a vida tal como facían en Lalín. E a vida foilles ben, xa que todo o que se colleitaba na casa engadido ó soldo de Silverio, ata lles daba pra aforrar unhas boas cadelas na contiña que tiñan no banco.
           Tiveron tres fillos. O maior, Dositeo, decidiu emigrar a Suiza xunto con un compañeiro e veciño. Alí fóronlle moi ben as cousas e alí segue, pois casou cunha moza Suíza, e alí naceron tamén os seus fillos. Según teño escoitado, xa fai moitos anos que non ven por aquí.
           Os meus pais visitábanos moi a miudo, pois coñecíanse dende cativos xa que eran dunha parroquia veciña, amais Dorinda, era prima segunda da miña nai.
           Nunha desas visitas, o meu pai preguntoulle a Dorinda:
           – Qué, como lle andan as cousas a Dositeo alá pola Suiza.
           – Ben, moi ben. Aínda antes donte, un veciño de eiquí do lado que está con el alá, e que veu uns días de vacacións, trouxonos unha carta e un paquetiño con un aparello de radio, pois o que temos, xa vai vello. Magoa que se esquenceu de mandarnos o cable para enchufalo e nono podemos acender. En canto vaia Silverio a Pontevedra, terá que mercar ún.
            O meu pai, pedíulle que llo ensinara e decatouse de que aquel aparello de radio era un transistor, pero non traía as pilas postas. Díxolle que non se preocupara que xa se encargaba él. E foise, a unha taberna que había a 500 metros dalí que se chamaba a de Pepe do Marco. Hoxe segue como bar… nada que ver coa taberna daquelas. Mercou unhas pilas e volveu de seguida. Pediulle a Dorinda que lle trouxera o aparello de radio outra vez, púxolle as pilas, e o homiño da radio empezou a falar e os músicos a tocar.
           Contaba o meu pai, que Dorinda, non facía mais que mirar darredor do aparello, pero que non decía nada. Ata que Silverio lle preguntou:
           – Que andas a facer, que xa fai un anaco que non fas mais que mirar pro aparello e non dis nada…
           – Estou mirando por onde raios entrou a xente que está tocando dentro se non hai ningún cable por onde entrar.

– Non é un conto. A cousa foi certa, i eu cóntovola tal como a miña nai ma contou a min, anque os nomes das persoas non corresponden coas da realidade.

radio

A MOZA, POLA TABERNA

A MOZA, POLA TABERNA

Unha noite de inverno desas de tronada,
tentáronme as ganas de ir á Agolada.
Pra ver unha moza, inda mais feiticeira
ca rosa mais rubia de toda a roseira.

Cheguei ó Arnego, e brinquei polo rio,
e pasei Vilariño sen medo nin frio.
Empezou a chover e busquei un cuberto,
e pechei o paraugas que levaba aberto.

Alí adormiñaba un arado e un carro,
e arrimeime a unha roda pra liar un cigarro.
E buscando o tabaco pola chaqueta,
ouín o “tris-tris” dunha pandeireta.

Pois preto, moi preto, de onde a escoito,
está, onda a ponte, a taberna de Souto.
E alí van as xentes de Cadrón e o Castelo,
e doutras aldeas darredor do Farelo.

Así que, esquecéndome dos meus amores,
fun pra taberna, pronda os labradores.
Papar ovos fritos con migallas de millo,
e “mollar a palleta” cuns grolos de viño.

Que no hai mellor cousa, pra mentras te abrigas,
que botar cos amigos, un par de cantigas.
E comer e beber, ata quedar fartos,
anque ó longo da noite, quedemos sen cartos.

Nesta casa, na vella Ponte Vilariño, estaba a taberna de Souto.

P1190449.JPG

A cantiga está inspirada nun poema de Antonio Noriega.

A OVELLA BRINCADEIRA

A OVELLA BRINCADEIRA

…… O señor Fidel, dedicouse toda a súa vida á cria de ovellas e cabras. Era herdanza do seu pai e avo, que xa dende facía moitos anos, abastecían de carne aos restaurantes e carnicerías de toda a bisbarra do Deza.
…… Fidel, chegou a ter un rebaño tan grande, que cando pacían no monte da costa, parecía que estaba todo nevado. Tal foi a cousa, que atopouse con que era moito traballo para el solo, polo que decidíu contratar a un axudante para levalas e traelas do monte, e el dedicarse por completo ao ordeño e á laboura dos queixos.
…… Con tal motivo, puxo uns letreiriños nuns cuantos sitios de Lalín, buscando un axudante: “Busco unha persoa para coidar rebaño de ovellas e cabras. Non é necesario ter esperencia”
…… Antón, era un rapaz da zona de Vigo que fora traballar a unha fábrica do gas á Lalín. A fábrica iba pechar por falta de rendimento e por aparecer a eletricidade. Deciciu ir onda o señor Fidel para ver de coller o traballo que ofrecía, anque el, non tiña idea do que era o pastoreo… e aínda mais… non sabía como eran as ovellas e as cabras, xa que de onde el era, non había (aínda hoxe, hai rapaces nas cidades que nunca viron unha vaca e pensan que o leite daea o cartón)
…… Ó señor Fidel, gustoulle o rapaz e decidiu poñelo a proba para ver se podía contar coa súa axuda para coidar de semellante rebaño. Con tal motivo esplicoulle:
…… – Pola mañá, coa axuda dos cans, lévalas ó monte. Os cans xa saben por onde ir, e ti tes que ter conta que ningunha quede atrás ou vaia por onde non é. Deixas que pazan todo o día, vixiante de que non se perda ningunha, e pola tardiña, levalas a beber ó rio e volves con elas para casa.
…… Así fixo, levounas ó monte, paceron todo o día tendo tino de que non se perdera ningunha, e alá pola tardiña, decidiu levalas ó rio para beber e marchar para casa. No intre en que iban chegando ó rio, os cans levantaron unha lebre, que pasou feita unha chispa por diante de Antón.
…… Deixou que beberan ata que fartaran, e cando remataron, arrincou con elas para casa. Chegou, meteunas nas cortes e foi onda o señor Fidel:
…… – Boa noite Antón, qué, como che foi o día. Gustouche o traballo?
…… – Pois si señor. Gústame moito, paseino moi ben coidando das ovellas, i é un traballo que non mata a ninguén.
…… – E que tal as ovellas… dironche moito traballo?
…… – Non señon, non. Bueno, solo unha pequeniña que quería marchar, e ata os cans nona deron pillado. Saltaba moitiísimo e corria feita unha chispa. Bó traballo que me costou pillala. Tiven que traela no colo que non quería vir, e ainda agora, queda na corte dando uns cacho brincos por enriba das outras, que chega ata as taboas do teito.