ODA ÓS ENSAIOS DA MAQUÍA

ODA ÓS ENSAIOS DA MAQUÍA

Onte á tarde pola fresca,
cando menos o esperaba,
un amigo me chamaba,
pra convidarme a unha festa.

Vente vindo, compañeiro,
pra facer unha foliada,
trae a guitarra afinada,
e ven coa fame dun larpeiro.

Que temos aquí un cociñeiro,
de primeira calidade,
trouxo carne en cantidade,
pra churrascala primeiro.

Pero coidado co homiño,
que é moi sedento tamén,
e mentras atende a sartén,
pódenos deixar sen viño.

Mentras ó garfo se aferra,
trago vai e trago ven,
co bon paladar que ten,
logo valeira unha xerra.

Pero e “un manitas” o homiño,
para facer o churrasco,
e bótalle moito tabasco,
para que tire do viño.

E hai que telo vixilado,
polas jedellas que tén,
se prende lume a sartén,
igual o deixa pelado.

E despois de ben mantidos,
ben bebidos e fartados,
uns cantares ben botados,
polos intres compartidos.

Moitas grazas compañeiro,
pola moi boa man que tés,
eres o rei do trespés,
e o millor dos cociñeiros!

A VOLTAS COA “FOLIADA DE TENORIO”

A VOLTAS COA “FOLIADA DE TENORIO”
……..Fai cousa dun par de anos, e cando me atopaba botando unhas cantiguiñas nunha das mesas que hai na Carballeira de San Xusto, achegáronse a min dúas mulleres entre estranas e curiosas, e con moitas ganas de cantar.
……..E como non. Entre algunha outra, cantamos a Foliada de Tenorio. Pero nada mais empezar, decateime de que as cousas non ian ben, e que o que elas cantaban, non tiña nada que ver co que cantaba eu.
……..Fixéronme saber, que a letra que se canta hoxe en día, non ten nada que ver coa verdadeira da cantiga. Que a actual, foi cousa de Avelino Cachafeiro, e que por iso fala de Soutelo.
……..E díronme o texto que según elas é o verdadeiro, e ata me comentaron que uns canteiros, labraron xa fai moitos anos o retrouxo nun penedo que hai nun lado da estrada que vai a Carballedo, pero que entre a matogueira e os alcolitros que prantaron, xa non se da chegado a el.
……..Así que, sexa certo ou non, alá vai o texto que según elas, é o verdadeiro.

FOLIADA DE TENORIO
Carballeira de Tenorio,
heina de mandar cortare,
cando vou pra Pontevedra,
quítame a vista do mare.
Ea, ea, salerosa… quítame a vista do mar-e.

RETROUSO
Como se colean as troitas n’a i’auga,
asi se menea teu corpo salada.
Como se colean as troitas no rio,
asi se menea teu corpo frorido.

Baila nena, baila nena
e non pares de bailar-e,
qu’as estrelas tamen bailan
sen perder seu alumar-e
Ea, ea, salerosa… sin perder seu alumar-e.

Anque me oiras cantar-e,
un ano mais nove meses,
nunca m-has d’ouir deci-re,
a mesma copla dúas veces.
Ea, ea, salerosa… a mesma copla dúas vece-es.

Se queredes que vos cante,
tendes que darme diñeiro,
porqu’a miña gargantiña,
non m’a fix’un carpinteiro.
Ea, ea, salerosa… non ma fix-un carpinteiro