CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

NUBES

NUBES.
Nubes de tristura no horizonte,
chuvia de bagoas por chegar,
brétemas que se asoman caladas,
van alporizar a nosa paz.

Vidas que se truncan nun respiro,
folgos que parecennos faltar,
dores que se funden co silencio,
só a cor branca nos da paz.

Nubes, nubes…
nubes que non deixan respirar.
Nubes, nubes…
só a cor branca nos da paz.

Foi coma un solpor para os mais vellos,
prós mais novos duro de levar,
un rio no inverno, caudaloso,
sen remansos nos que repousar.

Ventos xa limparon o horizonte,
as bagoas deixaron de brotar,
neboas que se abriron cara ó ceo,
fan que o rio volva ó seu caudal.

Nubes, nubes…
nubes que xa deixan respirar.
Nubes, nubes…
só a cor branca nos dou paz.

……………………………………

NUBES.

É unha cantiga que comencei cando o confinamento da Covid, pero da que solo fixera unha estrofa e unha pequena idea da música.

A verdade é que me pareceu tan triste, que deixeina gardada na miña maleta da desorden.

Fai uns tres meses que me pillou a min a enfermedade da que aínda teño secuelas, e botei man do pouco que tiña para rematala, e así quedou.

É moi triste. Quizais a cantiga mais triste que fixen, pero aí está.

PONTE CALDELAS

“PONTE CALDELAS”
   Ponte Caldelas, é un fermoso concello da provincia de Pontevedra, que según parece, recibe o seu nome da ponte sobre o río Verdugo, e polos manantiais de augas sulfurosas que hai nas súas ringleiras.
   É un concello ó que vou moito polos grandes amigos que teño tanto na vila coma nas parroquias, e porque son un namorado da serra do Suído e dos montes que rodean ó concello.
   Así que, pensei que a vila, merecía unha cantiga a modo de un himno. E como dicimos os músicos, puxen os dedos nas teclas, e non evitei a tentación de facela.
.     A cantiga xa a fixen fai tres anos, pero por diversos motivos que non veñen moito a conto, non decidín publicala ata o de agora.
   Así que, espero que lles guste, alo menos, as xentes desas terras tan fermosas, e que sepan que a fixen con todo o cariño que lle teño.
   Se é así, para o vindeiro ano, estrenareina publicamente na fermosa alameda que hai na vila, acompañado dunha morea de amigos e de todos os que queiran participar.
.     Será toda unha ledicia facelo.
   Unha aperta para todos, e moitas grazas de antemán!
……………….
PONTE CALDELAS.
Ponte Caldelas, Ponte Caldelas,
ti eres a mellor vila,
das da provincia de Pontevedra.
De Pontevedra, de toda Galicia,
ti eres Ponte Caldelas,
a mellor vila desta provincia.
Deitada aos pes do Suido,
entre a Fracha e Castrelada,
durme entre o coto da Brea,
o do Antón, e Penarada.
Neles aniñan as fontes,
que verten súas augas claras,
no Verdugo e no Oitavén,
pra ter súas terras regadas.
Ponte Caldelas…
Que fermosas as parroquias…!!!
As de Anceu e Forzáns,
xunto coa de Taboadelo,
e as de Tourón e Xustáns.
Castro Barbudo e a Insua,
xunto coa de Caritel,
Ponte Caldelas reloce,
como pintada a pincel.
Ponte Caldelas…

UNHA NOVA CANTIGUIÑA.

UNHA NOVA CANTIGUIÑA.
.    Aquí tedes a miña nova cantiguiña. Ata me parece que é a primeira cantiga de amor que fago cun texto meu. E a verdade que quedei contento con ela e gústame. Un dos motivos, seguro que é polo traballo que me dou rematala.
  Os lugares nos que aparece o video, son uns remansos de paz onde me inspirei para facela, e neles naceu. Despois grabeina na tranquilidadeda casa.
  Seguro que a incorporarei ós meus directos pro ano que ven, e como non podo tocar quitarra e piano a un tempo, pois a melodía do piano fareina asubiando, anque non debo facelo moi ben, porque miña nai decíame que non asubiara que asustaba ós melros.
  Pois nada. que espero… e ogallá vos guste!

OS ALEGRES DE PONTEVEDRA

OS ALEGRES DE PONTEVEDRA

Que grande é esta xente,
que sentada a miña veira,
convertiron a mañá,
nunha mañá feiticeira,

Son abertos e alegres,
teñen unha gran conversa,
saben contar uns contiños,
e tocar calquera peza.

Moi coñecidos na vila,
istes gaiteiros sen par,
pois non hai feira nin festa,
á que non vaian tocar.

Levan tocando ben anos,
vivido grandes momentos.
E ata foron teloneiros,
do grupo Fuxan os Ventos.

Ademais son os amigos,
dos que gusta presumir,
tomar un viño con eles,
e volvelo a repetir.

Moitas grazas meus amigos,
foi para min un placer,
que veña logo outro día,
que nos volvamos a ver.

Os Alegres de Pontevedra,
unha ledicia escoitalos,
son coma os mellores viños,
que van ganando cos anos.

A VOLTAS COA “FOLIADA DE TENORIO”

A VOLTAS COA “FOLIADA DE TENORIO”
……..Fai cousa dun par de anos, e cando me atopaba botando unhas cantiguiñas nunha das mesas que hai na Carballeira de San Xusto, achegáronse a min dúas mulleres entre estranas e curiosas, e con moitas ganas de cantar.
……..E como non. Entre algunha outra, cantamos a Foliada de Tenorio. Pero nada mais empezar, decateime de que as cousas non ian ben, e que o que elas cantaban, non tiña nada que ver co que cantaba eu.
……..Fixéronme saber, que a letra que se canta hoxe en día, non ten nada que ver coa verdadeira da cantiga. Que a actual, foi cousa de Avelino Cachafeiro, e que por iso fala de Soutelo.
……..E díronme o texto que según elas é o verdadeiro, e ata me comentaron que uns canteiros, labraron xa fai moitos anos o retrouxo nun penedo que hai nun lado da estrada que vai a Carballedo, pero que entre a matogueira e os alcolitros que prantaron, xa non se da chegado a el.
……..Así que, sexa certo ou non, alá vai o texto que según elas, é o verdadeiro.

FOLIADA DE TENORIO
Carballeira de Tenorio,
heina de mandar cortare,
cando vou pra Pontevedra,
quítame a vista do mare.
Ea, ea, salerosa… quítame a vista do mar-e.

RETROUSO
Como se colean as troitas n’a i’auga,
asi se menea teu corpo salada.
Como se colean as troitas no rio,
asi se menea teu corpo frorido.

Baila nena, baila nena
e non pares de bailar-e,
qu’as estrelas tamen bailan
sen perder seu alumar-e
Ea, ea, salerosa… sin perder seu alumar-e.

Anque me oiras cantar-e,
un ano mais nove meses,
nunca m-has d’ouir deci-re,
a mesma copla dúas veces.
Ea, ea, salerosa… a mesma copla dúas vece-es.

Se queredes que vos cante,
tendes que darme diñeiro,
porqu’a miña gargantiña,
non m’a fix’un carpinteiro.
Ea, ea, salerosa… non ma fix-un carpinteiro

ARRIEIRIÑOS SOMOS…

ARRIEIRIÑOS SOMOS…

Un día do mes de Maio,
fun mercar un pouco viño,
co acordeonista José Carlos,
con Benito, e mais Toniño.

Mercámolo en Ribadavia,
e coa calor que facía,
quixemos mollar a gorxa,
cuns grolos d’auga fría.

Ó non topar unha fonte…
que no camiño non había,
pensamos proba-lo viño,
e non morrer coa sequía.

O conto foi que entre contos,
e trago vai e ven de viño,
valeirámolos pipos antes,
de chegar ó Carballiño.

E menos mal, que aquel día,
non viña Julio. “O jaiteiro”
porque entonces, si que o viño,
non chegaba nin a Leiro.

O poema, está dedicado ós amigos: Jose Carlos, Benito Salgado, Antonio Vázquez e Julio González.

A Cantiga dos arrieiros, foi grabada na Feira dos Carballiños de Vilatuxe (Lalín) no mes de Maio do ano 2016

“HOMENAXE A JOHN BALAN”

“HOMENAXE A JOHN BALAN”

        Fai uns meses, o meu bo amigo Benito, do grupo “Os Saljariteiros” pedíume para a homenaxe ó mariñense de pro, John Balan, unha cantiguiña para cantala os nenos dun cole da vila no “Son de Marín” no Parque Eguren

        Por mor do Covid, os rapaces non puideron cantala, e Benito, grabaouna coa zanfona para proxectala durante a homenaxe que se lle rendíu.

        Acabo de atopala na Canle de You Tube de Beni. Así que aí vai xunto co texto:

 

JOHN BALAN

Vímosvos falar dun home,

que era toda unha orquesta.

O seu nome era John Balan,

e facía el solo a festa.

 

Arrimábase a unha porta,

pra facer a percusión,

e cos sons da súa boca

tocaba calquer canción.

 

Facía o són da trompeta,

tamén o do saxofón,

e coas maus arremedaba,

como se toca o trombón.

 

Imitaba o son do trole,

pitando de tal maneira

que asustaba ós caminantes,

que iban cos ovos pra feira.

 

Mentras esperaba o turno,

pra poder cortar o pelo,

contaba pelis do oeste,

vestido igual cun vaqueiro.

 

Percorreu toda Galicia

e ata America, foi dar,

e fixéronlle un programa

que dou moito que falar.

 

Nos seus derradeiros anos,

era toda unha ledicia,

miralo en moitos programas,

da TV de Galicia.

 

Sempre na nosa memoria,

polo seu gran corazón,

hoxe vimos a cantarlle,

e dedicarlle esta canción.

A MÚSICA VAI POR BARRIOS EN PONTEVEDRA.

      Pois vai ti ver, que fai un par de días, entereime de que o concello, estaba levando a musica ás prazas dos arredores do centro da capital. Algo así como ás provincias con respecto de Madrid.

      E souben, pola súa páxina do Face, que o grupo “Os Ghalos do Curral”, cantaban na Parda, a escasos cen metros da miña casa.

Así que alá fun feito un foguete para disfrutar dunha boa sesión vermú musical.

      Cando cheguei alí, o que vin, pareceume desolador. Xa o di todo que solo se puxeran 20 sillas, como se xa o concello, soupera de antemán, que estaba organizando mal a cousa. Eso si… as medidas de seguridade anti coronavirus, perfectas, que todo hai que dicilo.

      Alí xuntámonos duas ducias de persoas para disfrutar da música tradicional, e falando con algún veciño, decatámonos de que no concello, ou son moi burros, ou non teñen nin idea de facer istes concertos. Porque ninguén sabía do evento que se facía alí, nin quen tocaba, e os que nos achegamos, ou ben eramos amigos do grupo, ou algunhas das persoas que por alí paseaban.

      Escoitas tocar, e vas ver que hai.

      E posto a pensar, digo eu: Pero custa moito facer uns cartaces para poñer nas cafeterías e comercios do lugar onde se celebran estas cousas?

      E non se poderían facer uns papelitos para poñer nos mostradores decindo o que hai?

      Ou unha pequena valla publicitaria no sitio, indicando os días e os concertos que alí se fan, para que o sepan polo menos os veciños?

      Pero se ata nas festas da miña aldea se fai!!!

      Pero o peor, veu despois, cando empezou o concerto.

Cagada (con perdón) de escenario, por chamarlle de algunha maneira.

Baixo un sol, que caía a plomo, e sen toldo por riba!!

      Que se torrisquen os músicos, que total, co que cobran, dalles para mercar un pucho!!

      Xa quixera eu ver un pleno municipal onde se fixo o concerto. E alcalde e concelleiros, sen pucho!!! Anda que non me iba rir nin nada!!

Iban saber o que é un carracho tomando o sol na pola dun codeso.

Se nono vexo, nono creo… co que custan catro cartaces para poñer nos arredores, e alo menos, que nos enteremos os veciños da movida que temos á porta da casa, e un toldo para protexer ós músicos dunha insolación.

      Ó millor, é que gastaron todolos cartos no formigón e pedra labrada empregados na ponte do Burgo, que xa parece aquilo a pista de despegue do aeroporto de Peinador en vez dunha ponte romana!!

Bueno, anque iste é outro cantar e non o dos Ghalos. Menos mal que istes coa súa música, fixeron que se me pasara o cabreo por uns intres.

      Que diferencia… Pola tarde, achegueime ó concello da Lama, a escoltar o concerto da banda de música da miña aldea de Muimenta, e alí, si que o publicitaron ben publicitado. E os músicos, sentíronse moi a gusto ante a xente que acudiu a escoitalos. Se ata se pasou algún membro da corporación que coñezo para supervisar as cousas.

Pois a levalo con calma, porque penso que esto é momentaneo. En canto pase isto do coronavirus, xa non haberá mais música nos barrios, e volverá todo po centro.

      Pois ala, veña. Que teñades bo día, a ser bos, e perdédevos polas congostras dos arredores de Pontevedra, que de momento aínda non lles botaron o formigón que tanto gusta a esta corporación municipal.

      Apertas para todos.

(As fotos son dos Ghalos e de Radio Nova da Lama)

PUIDERA SER…

PUIDERA SER..

      E unha das tres cantiguiñas que fixen durante o confinamento.

Niste caso, dedicada ó día da Patria Galega que celebramos o vindeiro día 25, e feita dun poema do meu amigo e compañeiro Baldomero Iglesias  Dobarrio (Mero), do seu poemario “RECENDOS DE LUZ E SOMBRAS”

      Espero que vos guste e que a compartades se vos presta.

      Que teñades bo día da Nosa Patria, moitas grazas, e unha aperta para todos.

       Deixovos o poemiña de Mero:

 

PUIDERA SER

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se a memoria de quen somos se lembrara.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se nacer nesta Nación

fose a honra aínda gardada.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se a nosa Fala, estivese

en boca madurada.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se os seus fillos deixaran de purgala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se deixaran un día de matala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se os de fóra non viñeran explotala.

Pudiera ser Galicia a Nosa Patria

se os menceres abriran alboradas.

Pudiera ser… E aínda así é a Nosa Patria

se entre todos somos quen de recobrala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

Se a memoria de quen somos se lembrara.

https://www.youtube.com/channel/UCtCBIG_lsq37q26iSqKSzug/featured?view_as=subscriber