Tag Archives: cruceiros
NO CONCELLO DA LAMA
NO CONCELLO DA LAMA…
.. Hai un pequeno recunchiño moi fermoso, no que é unha ledicia parar, e sentarse a escoitar o son da auga, e o canto dos grilos e dos paxariños.
.. Nél, hai un regueiro cunha pequena pontella, un carballo centenario que naceu e medrou torto, o que o fai moi fermoso.
.. Tamén hai unha fonte cun pilón, e un cruceiro.
.. Chama a atención o cruceiro, con un candil que alumea día e noite, a modo e maneira de cando eramos rapaces, e aínda non chegara a luz ás casas.
.. Nun vaso cheo de aceite, flota unha mariposiña prendida. Chámolle mariposiña, porque é como a coñezo dende pequeno, pero seguro que ten outro nome. É unha base redonda de corcho do tamaño dun Euro, cunha pequena mecha prendida que flota no aceite. De cativos, ós nosos pais, dábannos o vaso con auga e un pouquiño de aceite que flotaba nela pra ir pra cama, xa que o aceite andaba escaso daquelas, e o carburo era mais caro. Este vaso está cheo, polo que supón ter combustible para moitos días e noites.
.. Pero o que mais me chamou a atención foi, que para subilo e baixalo, ten unha pequena cadea, que xira nunha roldana.
.. Na parte traseira do cruceiro, tamén hai un pequeno peto para poñer as velas prendidas.
.. Un recunchiño de paz para visitar pola noita á luz das velas e do candil, e esperar que os da Santa Compaña se acheguen a beber para poder falar con eles.