Tag Archives: Ponte Caldelas
IGREXA DE TOURÓN (Ponte Caldelas)
IGREXA DE TOURÓN (Ponte Caldelas)
.. Se fai uns días, escribín sobre a lenda de Santa Bárbara, imaxe que se atopa na parede traseira da igrexa desta parroquia, hoxe tócalle á igrexa e ó seu entorno.
.. É unha igrexa románica, anque a fachada foi reformada no Século XVIII e parte do campanario fíxose a comenzos do século pasado.
.. O mais chamativo da igrexa, é un escudo incrustado no lateral dereito da igrexa e que corresponde á familia de fidalgos dos “Pazos de Probén”, xa que poucas igrexas teñen un escudo dos fidalgos da parroquia nas súas paredes, anque si tiñan un banco propio a pé do altar, onde se sentaba a familia fidalga, e ninguén mais.
.. Esta familia era orixinaria de Redondela, e parece ser que foi a que dou nome á vila de Pazos de Borbén. Naturais de Redondela, trasládanse a Vigo no século XV, construíndo alí o Pazo-Figueroa, que seica é o edificio mais antergo de Vigo, sede o Instituto Camoens.
.. Diante da igrexa, hai un fermoso cruceiro, cunha caveira e os dous osos na súa base, xunto con unha inscripción. Na traseira da igrexa, debaixo da imaxe da Santa Bárbara, unha pira bautismal, fai de fonte.
.. Pero o que mais chama a atención, é un “caseto-retrete”, totalmente abandoado no adro, facendo esquina co cemiterio.
.. Pola numeración que teñen as pedras, este retrete, foi trasladado ó adro da igrexa dende outro sitio, pero ninguén me soupo dicir de onde, xa que os mais vellos do lugar, lémbrano sempre alí.
.. Todo o conxunto arquitéctonico, fonte, igrexa epalco da música, son diños de visitar.
TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)
TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)
.. Visitando o conxunto arquitectónico que hai na igrexa de Tourón, chamou a miña atención unha santiña que está encaixada na parede da parte traseira da igrexa. Pois nunca vira un santo aí. Sempre no frente, e nalgúns casos nun lateral, pero nunca na parte traseira.
.. Según me conta o señor Manuel Chamadoira, que andaba por alí dando unha volta, no ano 1727, apareceu unha imaxe de Santa Bárbara feita de pedra, entrerrada a carón dunha fonte que hai a uns 50 metros da igrexa, e que se coñece como “Fonte Santa”
.. Os veciños, limpárona ben, e levarona para igrexa, poñéndoa no altar, e quedando así de cu pra fonte. E tal foi a sorpresa dos veciños, cando pro outro día, viron a imaxe da virxe outra vez na fonte. Volveron collela, e volvérona para igrexa, aparecendo na fonte de novo pro outro día mais.
.. Este feito, seica aconteceu unhas cantas veces, ata que a última vez que o fixeron, descargouse unha enorme tronada sobre a parroquia que durou toda a noite.
.. Entón, os veciños, decatáronse de que o que quería Santa Barabara, era estar onda a fonte, e acordaron facer unha peana na parte traseira da igrexa, e poñer a santiña mirando pra ela.
.. E alí se pode ver hoxe. Dende onde está, mírase a fonte, e dende a fonte, mírase a Santiña.
.. A última foto, está feita dende a “Fonte Santa”
ODA ÁS PIÑAS
ODA ÁS PIÑAS!!
A Cristorrei* achegueime,
no albor dun novo día,
coa miña guitarra en mau,
pra facerme compañía.
E entre cantiga e cantiga,
de vez en cando escoitaba,
un “tris tris” acompasado,
que ó meu cantar axudaba.
Agucei ben o oído,
e pregunteime que sería,
o chasquido acompasado,
de tan fina melodía.
Ata que diron meus ollos,
con tan fermoso instrumento,
e coas maus que o tocaban,
con semellante talento.
Alá, no alto dos pinos,
e coa calor que facía,
iban soltando os piñóns,
as piñas que o sol abria.
*Cristorrei: É unha capeliña que hai no alto dun monte na parroquia de Xustáns en Ponte Caldelas. Arredor dela, hai unha area recreativa moi fermosa e onde se está moi ben.
Alí vou algunhas mañás pola fresca para tocar e escribir.

UNHA CERVEXA EN CARITEL
UNHA CERVEXA EN CARITEL
Indo no antronte prá Lama,
metéuseme na cabeza,
parar alá en Caritel,
pra beber unha cervexa.
E a señora moi amable,
ó mirarme antoxadizo,
deume un anaco de pan,
e unhas lescas de chourizo.
Foi cousa de tanto aprecio,
que despois de agradecerllo,
proseguín o meu camiño,
asubiando coma un merlo.
Que non hai nada millor,
pra sentirse complacido,
que ir toca-la guitarra,
ben comido e ben bebido.
