SOBRE A CANTIGA “FISTERRA”


SOBRE A CANTIGA “FISTERRA”
…..Algunhas veces pregúntome de onde saiu a mistura tan rara desta cantiga tan popular e que se fixo aínda mais dende que a grabou Treixadura.
…..A primeira vez que a escoitei foi a Suso Vaamonde (se mal non lembro) na do Cuco en Velle xa fai moitos anos. Era das de santo e seña do furancho. Despois cantouna algunha vez no “Luar” e montouna co grupo Xorimas, anque nunca chegaron a grabala.
,….O retrouso tan fermoso desta cantiga, é un anaco do poema “Os teus ollos” de Curros Enriquez, que musicou Chané e que grabou un montón de xente nas últimas décadas. Tamén é moi fermosa. Eu canteina durante moitos anos coa zanfona, anque agora gústame mais coa guitarra:
Tamén eu choro,
tamén eu choro,
cando non me alumean, meu ben
eses teus ollos.
…..A primeira estrofa da cantiga fala de concellos da costa galega pero que non sei se perteñece a algunha cantiga tradicional que se canta por eses lugares. O que si é, que non garda relación algunha coa letra do retrouso:
Fisterra vai na proa,
Camariñas vai no mar-e,
Santa Uxía de Ribeira,
Poboa do Caramiñal-e.
…..Anque é moi parecida a unha que si é tradicional e forma parte de outra cantiga:
Se Fisterra vai na proa,
e Camariñas a remar-e
move as ondas de Ribeira,
vento do Caramiñal-e.
…..A segunda estrofa da cantiga, si parece que quere ser unha continuación do retrouso, pero que non ten nada que ver co poema de Curros, anque seguro que perteñecerá a algunha cantiguiña tradicional, pois tamén forma parte da pandereitada “Os teus ollos eclipsan a Lúa” de Cende e que cantaban as Cantareiras de Lobios:
Se queres que brile a lúa,
pecha os ollos meu amor-e,
que mentra-los tes abertos,
a lúa pensa que hai sol-e.
…..E a terceira estrofa si que é coñecida pola zona de Ribeira e forma parte de unha cantiguiña local, anque moitas estrofas parecidas a esta e que parecen cortadas do mesmo patrón, atopanse por toda Galicia
Para sardiñas Aguiño,
para bolos Castiñeiras,
para rapazas bonitas,
Santa Uxía de Ribeira.
…..Fai uns días que grabei “Os teus ollos” para uns rapaces de un cole que fixeron un traballo sobre Curros Enriquez. Pedíronma pra poñer como música de fondo a un corto que fixeron sobre a vida do poeta. Anque xa a puxera por aquí, volvo facelo, porque para min, e anque é moito menos coñecida, é tan fermosa como a de Fisterra.
…..Apertas para todos.

Advertisements

2 thoughts on “SOBRE A CANTIGA “FISTERRA”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s