ESTÁMOSLLE AGASAIANDO A NOSA TERRA ÓS VASCOS, CATALÁNS, E MADRILEÑOS!!

ESTÁMOSLLE AGASAIANDO A NOSA TERRA ÓS VASCOS, CATALÁNS, E MADRILEÑOS!!
   O problema da Nosa Terra, dende tempos inmemoriais, é que sempre estivo gobernada polos caciques, e os de a pé non protestabamos, emigrabamos.
   Na actualidade temos un goberno, ó que lle importa tres carallos a nosa paisaxe, o noso medio ambiente, as nosas fragas e os nosos montes. E aínda menos, lugares emblemáticos das nosas cumes, como este da foto sacada na Ermida da Xestosa, na Serra do Faro de Avión, onde prantaron eólicos ata as mesmas portas da Ermida.
.     Pero parvos non son, que van facer o floclore anual á Carballeira de San Xusto. Xa que no monte do Faro, onde a facían antes, está ateigado deles tamén.
   Todo é unha desfeita.
   Regálanlle os nosos montes ós cataláns, vascos, madrileños, portugueses, daneses, e así un longo etc. para que monten eólicos, mentras nós temos a elitricidade mais cara da peninsula e do resto do mundo.
   Agora, por se fora pouco, encherannos o mar tamén, mentras a serra madrileña e o Manzanares, seguen sen ter ni un siquera… enténdaseme o do Manzanares para rir e non chorar!!
   Rematarán coa pesca, que xa pouca nos queda, despois de ser o primeiro país pesqueiro do mundo non hai tanto tempo.
   E por se todo isto fora pouco, nos montes arrasados polo lume, están permitindo a prantación de alcolitros, para contentar a ENCE..  Despois, dinnos dende a Xunta que os lumes que temos no verán, son provocados. Como se nono seuperamos nós!!
   É o único que saben dicir… “El noventa por cienes de los incendios son provocados” 
   Estoume rindo, porque xa miraredes como este vindeiro verán, din o mesmo!! Sempre o mesmo conto… “El noventa por cien de los incendios son provocados”
Pois claro!
   Que os galegos seremos calquera cousa pero non burros, anque ás veces pareza que sí!
   Pero decatámonos de que o primeiro incendiario é a Xunta, permitindo estas atrocidades. Polo menos, e xa postos, que non gasten os nosos cartos en comunicados absurdos e ridículos.
   Se non hai intereses económicos no monte, iste non arde!!
   Nunca ardeu. Nunca ardeu unha carballeira, todo o contrario, serven de cortafogos ante os alcolitros.
   Por qué non prohíben a venda da madeira queimada? Eh? Por qué?
   Todos sabemos o por qué, e eles tamén o saben, pero nono din… Chámanlle portas xiratorias.
   As miles e miles de Ha. queimadas o ano pasado, seguen sen ser motivo de atención da inutil consellería do Medio Ambiente, e algunhas xa se están convertindo en prantacións de alcolitros.
   or qué non prohiben prantar alcolitros nos montes queimados?
   É que os lumes levan uns intereses detrás ocultos?
.     Rematarán prantandos nos testos dos xeranios, xa veredes. Xa que istes non producen cartos, e o único que fan e dar frores. E en vez de gatos e cans, teremos Koalas como animal de compañía. 
   Nunca entenderei o porqué os nosos avós mataron por defender os marcos das leiras da súa propiedde, e nós somos incapaces de defendernos ante a invasión e roubo da riqueza da Nosa Terra.
   Que foi do espíritu conbativo que tiñamos os mozos dos anos 70-80?
   Que foi daquela loita defendendo a Nosa Terra ó berro de “Galicia é nosa e non de Fenosa” que tantas persecucións, carreiras e malleiras nos causou?
   Bueno. A todo isto, vou calar porque me quento, e non quero.
   Ós meus anos, prefiro tumbarme no meu sofá e tocar a guitarra pra ver se me sae unha cantiguiña nova.
   Se isto me pillara nos meus anos mozos, ó millor tiña algún que outro disgusto por andar arrincando alcolitros recén prantados, e cun mecheiro na mau sen ser fumador.
   E a bos entendedores… por min, que ardan todos cando aínda non valen pra vender.
   Unha aperta, e que teñades bo día.

CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

AS RODEIRAS DOS CARROS NAS LAXES DOS CAMIÑOS.

AS RODEIRAS DOS CARROS NAS LAXES DOS CAMIÑOS.
..    Fai uns días que puxen, as marcas que deixaron os carros nunhas laxes dun camiño interior de Combarro, e que están na primeira foto. Amais metín un pouco a pata ó decir que como se atopaban á veira do mar, os carros servirían tamén pro transporte do peixa. Despois, mirando moitas das fotos que saquei, decateime dos horreos que alí hai. O que quere dicir, que o millo tamén abondou nalgún tempo por Combarro.
..    As outras dúas fotos, fíxenas xa fai moitos anos.
..    A segunda amosa as rodeiras dos carros nunha laxe que estaba nun camiño en Lalín, entras parroquias de Cercio e Oirós, e que despois desapareceron cando fixeron a pista.
..    E a terceira, amosa as rodeiras nunha rocha no monte da Fracha en Pontevedra, e que tamén desapareceron cando fixeron fai uns anos a ampliación do polígono industrial.

AS MATRÍCULAS DOS CARROS DO PAÍS.

AS MATRÍCULAS DOS CARROS DO PAÍS.
…   Anque pensedes que non, os carros tamén se matriculaban e pagaban os seus impostos de circulación pra andar polos camiños, congostras e corredoiras, anque me parece que solo pagaban os arbitrios os que iban a vila nos días de feira.
…   O que si non pasaban era a ITV, nin tiñan multas por exceso de velocidade, ya que daquelas os de tráfico, aínda non inventaran o radar.
…   Eu aínda lembro o último que se fixo na casa. Viñéran un par de carpinteiros da Gouxa e me parece que botaran no Castelo dous ou tres días, xa que fixeran outro mais para un veciño.
…   E lembro tamén, que fun co meu tío Camilo un día de feira a Lalín a recoller a matrícula, e mercar un xugo de dúas vacas mais un loro.
   Bufff, vaia lembranzas que traaen estas cousas…
…   Borreille os números das matrículas pra que non me localicen, por se teño algúnha multa pendente con tráfico

A CIDADE DAS COSTAS DE ALÉN (Fornelos de Montes)

 CIDADE DAS COSTAS DE ALÉN (Fornelos de Montes)
.       A finais do verán pasado, achegueime ata Traspielas, para mirar un foxo do lobo que hai no monte Chan de Anduriña.
     O foxo, non está en moi bo estado, pero é dos poucos dobles que coñezo, con un doble corredor e unha doble trampa.
.       Pero a sorte, quixo que me atopara por alí cun empregado do servizo de montes, que me levou a outro lado do monte, a un lugar coñecido como a cidade das Antas, onde fai pouco se descubriron 39 chozos, e según parece, entre a matogueira, pode haber moitos mais, xunto cunha neveira que se atopa tamén desfeita.
     Contoume que a lenda desta pequena cidade de chozos viña decindo que era unha pequena cidade, a onde viñan morrer os mais vellos dos lugares dos arredores. Por iso é coñecida tamén como a cidade dos mortos.
     Chaman a atención os chocos de dúas medidas. Os mais grandes, onde poden caber tres ou catro persoas, son moi parecidos ós que hai no Suído perteñecentes ó mesmo concello. Estes eran uns refuxios para resgardarse das inclemenzas do tempo ós pastores que pasaban os días nos montes coudando do gando.
     Pero o que é mais chamativo, son os pequenos que non teñen un interior de mais dun metro cadrado de superficie e medio de alto. Penso que serían para gardar os alimentos, roupa, cás, e aperos que necesitaban istes pastores.
     Tamén me di unha persoa coa que falei, que o pasar preto un camiño de arrieiros, poderían ser escondrixos pro contrabando, tales como había na Cruz da grade enLalín, e que foron desfeitos cando se ampliou a carretera que vai ó Irixo.
     As terras, parece que perteñeceron ó mosteiro de Melón, polo que a neveira, debería ser dos monxes perteñecentes á orde do Cister.
     Todo o conxunto, Chozos, Neveira, Foxo do lobo, Petroglifos de Estacas, Mirador de Coto de Eiras, e Area recreativa de Chan da Cavada, son diños de visitar.

 

SAN VICENTE DE PARADA (Ponte Caldelas)

SAN VICENTE DE PARADA (Ponte Caldelas)
     Nestes días, por fotos postas polo concello, e por algún dos veciños da parroquia de Parada, mirei que se limpou o entorno da capeliña do San Vicente de Parada.
     E ven esto a conto, porque xa fai tempo e dando unha volta por alí, atopei un “sartego” debaixo dun valado formando parte dil.
     Ten a tapa partida como se o deixaran para facer o valado por un lado e como bebedoiro pras vacas polo outro. Penso que non sería pra beber as persoas, porque como somos os galegos, non creo que quixera beber alguén onde estivo enterrada unha persoa. 
     Seguramente, ese “sartego” estivo dentro da Capela e sacouse por algún motivo. Así como tamén un monolito de pedra labrada de un metro e medio de altura, que se atopa nos lindes dun dos prados que circundan a capeliña.
     Pero o que é aínda mais chamativo é, que as pedras que conforman o valado, son redondeadas e típicas dos castros, polo que de seguro, preto da capeliña, hai algún castro de onde viñeron.
.       O concello, debería, catalogar esto, limpalo e señalizalo.

IN MEMORIAM: MARÍA OTERO CASAS

IN MEMORIAM: MARÍA OTERO CASAS
  Van alá dúas ou tres décadas de cando un día cantando nas festas de Santa María de Sacos, chamou a miña atención un monumento funerario que hai onda a entrada da igrexa, dedicado a María Otero Casas, que fora mestra na parroquia, e unha estrofa a modo de dedicatoria, coa seguinte inscripción:
                    “LINDERO ENTRE DOS MUNDOS
                    SOLO UNA LOSA NOS SEPARA
                    TU DUERMES EN UNO SIN VIDA
                    YO EN OTRO TE VELO SIN ALMA”
  Preguntando sobre este monumento, ensinaronme uns cuantos mais espallados pola aldea de “Vila de Riba” dedicados tamén a esta muller, e contáronme unha historia de amor.
  O que fora compañeiro dela, para amosarlle o seu amor, e cando esta finou, dedicoulle todos estes monumentos, e ata fixo unha casa semellando á que vivian en Pontevedra.
  En todos puxo tamén un reloxo coa hora na que finou : Ás 10 da mañá.
  Fai uns días, volvinme lembrar desta fermosa historia, e achegueime outra vez á Vila de Riba, para ver como estaban aqueles monumentos que tanto chamaran a miña atención. E alí seguen, anque as inscripcións xa están algo borrosas e os monumentos en total abandono. A historia tan fermosa, perdurará nos tempos.
  Tamén se conserva a a casa na que viviron algún tempo, con un monumento feito en ferro imitando a unha torre, e rematado en punta de flecha e que preguntando, non me souperon dicir moi ben o seu siñificado.

IGREXA DE TOURÓN (Ponte Caldelas)

IGREXA DE TOURÓN (Ponte Caldelas)
..      Se fai uns días, escribín sobre a lenda de Santa Bárbara, imaxe que se atopa na parede traseira da igrexa desta parroquia, hoxe tócalle á igrexa e ó seu entorno.
..      É unha igrexa románica, anque a fachada foi reformada no Século XVIII e parte do campanario fíxose a comenzos do século pasado.
..      O mais chamativo da igrexa, é un escudo incrustado no lateral dereito da igrexa e que corresponde á familia de fidalgos dos “Pazos de Probén”, xa que poucas igrexas teñen un escudo dos fidalgos da parroquia nas súas paredes, anque si tiñan un banco propio a pé do altar, onde se sentaba a familia fidalga, e ninguén mais.
..      Esta familia era orixinaria de Redondela, e parece ser que foi a que dou nome á vila de Pazos de Borbén. Naturais de Redondela, trasládanse a Vigo no século XV, construíndo alí o Pazo-Figueroa, que seica é o edificio mais antergo de Vigo, sede o Instituto Camoens.
..      Diante da igrexa, hai un fermoso cruceiro, cunha caveira e os dous osos na súa base, xunto con unha inscripción. Na traseira da igrexa, debaixo da imaxe da Santa Bárbara, unha pira bautismal, fai de fonte.
..      Pero o que mais chama a atención, é un “caseto-retrete”, totalmente abandoado no adro, facendo esquina co cemiterio.
..      Pola numeración que teñen as pedras, este retrete, foi trasladado ó adro da igrexa dende outro sitio, pero ninguén me soupo dicir de onde, xa que os mais vellos do lugar, lémbrano sempre alí.
..      Todo o conxunto arquitéctonico, fonte, igrexa epalco da música, son diños de visitar.

TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)

TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)

..      Visitando o conxunto arquitectónico que hai na igrexa de Tourón, chamou a miña atención unha santiña que está encaixada na parede da parte traseira da igrexa. Pois nunca vira un santo aí. Sempre no frente, e nalgúns casos nun lateral, pero nunca na parte traseira.
..      Según me conta o señor Manuel Chamadoira, que andaba por alí dando unha volta, no ano 1727, apareceu unha imaxe de Santa Bárbara feita de pedra, entrerrada a carón dunha fonte que hai a uns 50 metros da igrexa, e que se coñece como “Fonte Santa”
..      Os veciños, limpárona ben, e levarona para igrexa, poñéndoa no altar, e quedando así de cu pra fonte. E tal foi a sorpresa dos veciños, cando pro outro día, viron a imaxe da virxe outra vez na fonte. Volveron collela, e volvérona para igrexa, aparecendo na fonte de novo pro outro día mais.
..      Este feito, seica aconteceu unhas cantas veces, ata que a última vez que o fixeron, descargouse unha enorme tronada sobre a parroquia que durou toda a noite.
..      Entón, os veciños, decatáronse de que o que quería Santa Barabara, era estar onda a fonte, e acordaron facer unha peana na parte traseira da igrexa, e poñer a santiña mirando pra ela.
..      E alí se pode ver hoxe. Dende onde está, mírase a fonte, e dende a fonte, mírase a Santiña.
..      A última foto, está feita dende a “Fonte Santa”

BARCIADEMERA (O Covelo)

BARCIADEMERA (O Covelo)

..      No concello do Covelo, atópase esta fermosa parroquia que ten como patrón ó San Martiño, e un impresionante conxunto arquitectónico que val a pena visitar, formado pola Igrexa, a capeliña de San Xoan, a palaciega casa rectoral, a que en tempos foi a verdadeira rectoral, un pombal, un horreo, e as cabaleirizas.
..      O primeiro que chama a atención, é a enorme cantidade de cruces e pedras de tumbas, apiñadas no lado ezquerdo da Igrexa, e que da a entender que alí, houbo multitude de entrerramentos, cousa que me corroborou despois un paisano que por alí pasaba, e que me dixo que a Inquisición nese concello, fixo auténticos estragos. A tradición popular, di que neste entorno, tiñan lugar as execución, tanto as do Santo Oficio, coma os fusilamentos a represaliados despois da guerra civil. De feito, no Covelo, hai unha casa que data do século XVI, que se coñece como a “Casa da Santa Inquisición”. Un fermoso edificio con varios escudos na súa fachada principal, que seica perteñecen ás familias achegadas o “Santo Oficio”
..      Todo o entorno da Igrexa, é moi fermoso. Por haber, ata hai nun lado, un neumático dun coche aplastado por unha enorme pedra cúbica labrada, e que non me souperon explicar que fai alí.
..      Pero o que mais chama a atención, é a Rectoral . Este señor, contoume como se fixo a Igrexa con ela, pero o non saber se é certo ou non, prefiro omitilo.
..      Non se pode visitar por dentro polo perigo de derrumbe dunha parte do teito, pero seica garda unha gran riqueza artesanal, feita tanto en pedra, coma en barro e madeira, e que quedará estragada en canto caia o tellado.
..      As chimeneas redondas e a entrada principal, son impresionantes, pero está totalmente abandoado como tantos e tantos bens da igrexa. Acumularon tanta riqueza, que agora son incapaces de sostela.
..      A entrada principal, está coronada por un “Atlante” que na mitoloxía americana é un aborixen, con unha enorme bola ó lombo que supoño representa o globo terraqueo. Nos dous lados hai a cabeza dun aguia coronada, e remata cuns pináculos con piñas e outras froitas tropicais.
..      Ó mellor é unha burrada o que vou a decir, pero a min e por estas cousas, tenme pinta de ter moito que ver coa cultura mexicana, non sei se Maia ou Azteca, ou calquera das tantas culturas que ten ese país.
..      Según me contou o paisano que por alí pasaba (Prefire quedar no anonimato), e que me dou toda clase de detalles sobre o pazo, houbo non hai moito un cura novo na parroquia, que tentou facer unha residencia da terceira idade na enorme Rectoral. O problema foi que o cura, seica tiña unhas ideas bastante achegadas á ezquerda, e como o concello está en maus dun partido do outro lado, fixeron unha resicencia nova no pobo para así, tumbar as ideas do cura. Non fora ser o demo que lles sacase os votos coas súas ideas “revolucionarias”
……..De feito, seica acabaron por botalo de alí.
..      En fin, que é unha magoa que cos cartos que ten a Banca Vaticana, deixe estragar verdadeiras obras arquitectónicas coma esta.