CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

IR ÓS FURANCHOS É UNHA RELIXIÓN!!!

IR ÓS FURANCHOS É UNHA RELIXIÓN!!!
…   Acabo de mirar un video onde uns mozos, píden ós seus pastores que intercedan pra ter misa católica, que necesítana para limpar a súa alma… E paréceme moi ben, claro que si!
…   Eu respecto as ideas e relixións de cada quén, xa sexa Católico, Protestante, Ortodoxo, Sunita, Chiita, Budista, Theravado, Xudaista, Hinduista, Chinés, ou de Lalín.
…   Creo que todo o mundo ten direito a practicar por un igual, a relixión na que creé.
…   Pero é que eu, creo nos furanchos. Son a miña relixión.
…   Amais, istes si que existen de verdade. Non fai falta inventalos nin miralos en estampiñas ou figuriñas de barro e madeira… están aí, ó lado da casa, ou coma moito, a un par de litros de gasolina de distancia!
…   Para moitos de nós, os furanchos, son unha auténtica relixión, e veñen sendo algo así coma os nosos lugares de culto.
…   Neles acóllen o furancheiro (O noso Pastor) cos brazos abertos, coma bos feligreses que somos, e xuntos, confesamos os nosos pecados e perdonámonos os úns ós outros, así coma os furancheiros perdonan (as veces) as nosas débedas se non son de moita cuantía.
Amais, neles purificamos os nosos corpos por dentro e bendicímolos por fora.
…   O viño tinto, ben sendo o noso sangue. E o Branco, pois eso… os glóbulos da mesma cor.
…   E os furanchos, si que son milagreiros… bufff, se eu vos contara… teño mirado algún feligrés chegar con cara de difunto, ou como se o mataran de morte ben morrida, e a media hora de recollemento, bailar enriba da mesa coma se lle estivera dando o demo co rabo.
…   E a música cultural-relixiosa que temos? Eso si que é unha auténtica gozada… empezamos facendo “gorgoritos” coa cunca na mau, e despois de repetir tres ou catro cuncas, rematamos con uns cantos gregorianos miudiños fermosísimos.
…   E no imposto da renda, tería que haber unha casilla, que marcaríamos cunha equix para subvencionalos coma os coles dos curas, e así, baixar o prezo da cunca vinte ou trinta centimos.
…   Pois eso, meus queridos amigos, como diría Felix R. De la Fuente, falando dos paxaros. Que non estou en contra de que cada quen reclame o culto que cultiva. Agora, eso si, o mesmo trato para todos por un igual.
…   Temos todos o mesmo direito nas nosas creenzas, según esa cousa tan rara de usar e tirar, e que cada ún interpreta da maneira que mellor lle convén, e cando mellor lle conven, que lle chaman Constitución.
…   Así que se abren lugares sagrados como as Igrexas e Mezquitas, ou Templos Mormóns, Budistas, Hinduistas ou Maias, pois que abran os furanchos tamén.
…   É de lei!!!
…   Dixen…

IMG-20191129-WA0000

HOMENAXE A SUSO VAAMONDE

HOMENAXE A SUSO VAAMONDE
……O pasado día 16 de Febreiro, por mor do 20 cabodano do seu pasamento, tivémoslle unha homenaxe en Regodobargo (Ponte Caldelas) ó seu fillo predilecto Suso Vaamonde, e déuselle o seu nome á Casa da Cultura do lugar.
……Alí, pese ó día de invernía que tivemos, xuntámonos unha boa remesa de amigos, que xunto ás irmáns e irmaus de Suso, convertimos a homenaxe, nun fermoso día de recoñecemento ó cantor, entre poesía, música, amizade e lembranzas… moitas lembranzas, e moitos sentimentos compartidos!!!
……Antes, o día 14 ás 13’00 h. en Radio Nova, fixéron un programa dedicado á súa vida e andanzas musicais, no que tiven a ledicia de participar e cantar algunha das súas canatiguiñas, amais de falar e contar algúnhas das cousiñas do amigo, que se foi fai 20 anos, pero que segue na nosa memoria.
……A cantiguiña “Cantiga de amigo” é un fermoso poema que lle dedicou Mini Rivas, que grabou “A Quenlla” no seu disco “Silencios na memoria” e que eu recupero pra ocasión.

CANTIGA DE AMIGO
……As cinzas do cantor Suso Vaamonde, amigo e compañeiro, foron botadas ó río Oitavén polos seus amigos, un primaveral día de inverno.
……O río que acolléu a súa infancia, acolléu tamén os seus restos.
……Nel mora como unha xacia, e a súa música, e a súa enorme persoa, camiñan coa auga cara o mar da inmortalidade.

Baixan as augas caladas
do cantor van namoradas
e a troita no areal.
Baixan as augas mainiñas
do cantor namoradiñas
cantigas para o mar.
O inverno no triste día
quixo esquence-la invernía
e a primavera a raiar.
E os amigos na camposa
fixeron leito de rosas
e as cinzas cara o mar.
E cando a neboa se apouse
e a paz no Oitavén repouse
o silencio cantará.
A lontra fará o seu niño
e danzará en remuiños
ó son dese teu cantar.
E pousado no ameneiro
o cuco teu compañeiro
non parará de cucar.
E os muiños e as maquías
roularán coma nos días
en que a fartura era pan.

Enlace ó programa de “RADIO NOVA”:

https://www.ivoox.com/programa-especial-suso-vaamonde-14022020-audios-mp3_rf_47729615_1.html

A homenaxe no Faro de Vigo:
https://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2020/02/16/regodobargo-recuerda-suso-vaamonde/2248467.html?fbclid=IwAR2jYpgsHQ9xoib0wf1noocUju9hZCGDCoZYEvU8Xj1wio0kWZflCOsmEmU

O video da homenaxe en You Tube:

 

 

 

What do you want to do ?

New mailCopy

BAGOAS POR UN AMIGO MÚSICO

HOXE CHORA A MUSICA TRADICIONAL EN PONTEVEDRA.
……..Choran as gaitas, e as pandeiretas e tamboriles… e choran os bombos mais ca ningún outro instrumento..
……..Foisenos “Chicho” o bombeiro de toda a vida dos “Alegres” de Pontevedra.
……..O “alegre” que eu mais tratei, e choro a súa perda como amigo, pero mais ca nada como músico. E mentras escribo esto, estounos escoitando nunhas grabacións que teño feitas no Teatro Principal de Pontevedra, porque a música é profundamente evocadora e produce emocións moi intensas… amor, tristeza, e ata pena e dor.
……..A través das cancións intentamos drenar a dor, para conectarnos con esa dorosa sensación da que nos arrebatan os asuntos da rutina diaria. A música conectanos dun xeito moi profundo coa dor do loito e faino, ademais, dun xeito espontáneo, case sen intentalo e querelo.
……..Algunhas persoas buscan a música para chorar e deixar voar os sentimentos, porque ponas en contacto coa dor da perda, mentres que outros afastanse dela polo mesmo motivo. Isto non é bo nin malo en si mesmo. Conectar coa dor de perda a través da música pode ser tan beneficioso como facer un exercicio de introspección ou quedar con tristeza e pena sen intentar evitalo.
……..Por eso, mañá cando sexa soterrado, serao na compaña de moitos amigos gaiteiros que botarán ó vento esas notas en forma de bagoas colgadas dun pentagrama, para despedir ó amigo, ó músico… Ó GAITEIRO… A “CHICHO” O BOMBEIRO DOS ALEGRES.
……..A miña aperta mais fonda e sentida, para toda a familia e amigos dos “Alegres” e moi especiais para os seus fillos e irmaus, e mais pra Julio e Carlos, dous dos “Alegres” tamén de toda a vida.
……..Ata sempre, compañeiro músico!

82687162_2753139094746270_7869631394928918528_o

SAN ANTONIO, SAN GONZALO E SANTA ANA.

SAN ANTONIO, SAN GONZALO E SANTA ANA
     Contan os mais vellos do lugar, que cando Deus repartiu as competencias que lle corresponderían a cada santo, cometeu un erro. Un erro de duplicidade, xa que otorgoulles sen decatarse, as labouras de casamenteiro a dous santos ó mesmo tempo: a San Antonio e a San Gonzalo.
.       O conflicto que creou entre os dous santos, foi tan grande e chegou a tal punto, que cando unha moza lle pedía a un deles pra se casar, o outro sentía tantos celos, que armaban tal regueifa, que ata resoaban os berros na terra.
.       Sabendo Deus do asunto, e sentíndose culpable de semellante desfeita, chamounos ós dous, e tomou unha decisión salomónica: Concedeulle ao San Gonzalo as labouras de casamenteiro das mulleres vellas, a ó San Antonio as das novas,
.       San Pedro, que amais de ser o encargado de gardar as  chaves do ceo coñece todos os idiomas do mundo, é o encargado de escriturar as actas das xuntanzas celestiais, e escribíu o conto en portugués e á maneira dun cantar de cego, deste xeito:

Santo Antônio ficou bravo
onda Deus foi reclamar:
– Em assuntos de noivado,
e casório ao pé do altar,
São Gonçalo ainda acaba
ocupando o meu lugar…
O Senhor sorriu e disse:
– Toniquinho, não esquenza:
Você casa as que têm vinte,
ele casa as de cinquenta.
Você para em vinte e nove,
ele assume até os noventa.
Pois não é que o tal acordo
fez o céu se encher de graça?
Os dois santos se abraçaram
e até hoje, sem pirraça.
Santo Antônio acode a uva,
São Gonçalo, a uva passa.

….    E por eso, esta estrofiña que vou pór de seguido, e que perteñece ao cantigueiro tradicional portugués, non ten moito sentido, xa que ningún dos dous santiños pode meterse nas competencias do outro.

Sao Gonçalo de Amarante,
Casamenteiro das velhas,
Porque não casas as novas?
Que mal te fizeram elas?

     Pero o conto non remata aquí, porque durante a xuntanza, e atopándose Santa Ana presente, xa que era a encargada de que estivesen sempre cheas as cuncas do viño de Deus de de San Pedro, díxo en voz alta e dirixíndose a Deus con todo o respecto: Señor, a min aínda non me dou encomenda algunha. E Deus tan sabio él, metendo o dedo índice na orella e sacudíndoa ben, preocupado porque xa estaban todas as encomendas repartidas, respostoulle:
      – Pois xa está o asunto arranxado miña queridiña Ana. Ti serás a casamenteira das viudas.
.       – De cales señor, das novas ou das vellas…
     – Tanto das novas coma das vellas, que non quero enredos e cometer o mesmo erro outra vez.
     E iste, e non outro, é o motivo polo que San António é o casamenteiro das novas, San Gonzalo o das vellas e Santa Ana a casamenteira das viudas.

– O romance ou cantar de cego, ensinoumo un bo amigo cantor portugués: Toniño Zambujo . Pró conto, inspiroume un dos trasnos que durmen na carballeira da Chan, no Caritel de Ponte Caldelas.

zzz

PASACALLES OU PASARRÚAS?

PASACALLES OU PASARRÚAS?
…..Pois según parece, a palabra correcta para definilo en galego, é “Pasacalles”
…..As bandas de música e os grupos de gaitas, dan e diron sempre “Pasacalles”
…..“Pasarrúas” é unha palabra en castrapo que consiste en galeguizar a palabra “Calles” por “Rúas”
…..A Academia Galega, recomenda adoptar a palabra “Pasacalles” decindo que é “Unha marcha popular de ritmo moi vivo tocada nas rúas por unha banda, unha charanga ou un grupo de gaiteiros”. Anque as Charangas (a meirande parte delas) xa perderon a esencia do que en realidade é unha charanga, e non deixan de ser mais ca unha orquesta que toca a pe da rúa ou nun palco.
…..No caso de Galicia, que dende tempos ancestrais as súas rúas sempre foron un rebumbio de música, a palabra que deberíamos utilizar sería a de “ruada”
…..A RAG define “Ruada” como:
…..1.- Reunión de xente, en xeral pola noite, para divertirse con cántigas, bailes, etc.
…..2.- Percorrido que fan os mozos polas rúas bailando e cantando serenatas.
…..Polo tanto, a palabra “Pasarrúas” ou “Pasarúas” non existe no galego, e a correcta é “pasacalles”
…..A palabra que si está na RAG é “pasacorredoiras” que son pezas da música tradicional galega, que teñen un ritmo moi parecido á Polca.
Apertas para todos.

OS XARANGALLO MANGALLO

OS XARANGALLO MANGALLO

Tócate o carallo
tocate o carallo,
qu’en Marín ninguén canta,
como os Xarangallo Mangallo.

Ala polos anos sesenta,
empezaron a cantar’e… Ai lalara lalalala…
un grupo de “vellos chalados”
pra animar o carnaval’e.

Cantaban por Marín en diante,
e ata “foron ó extranxeiro”… Ai lalara lalalala…
Íntimos de San Caralampio,
patrono dos chiquiteiros.

Tócate o carallo…

Formado por uns bos cantores,
e tamén por mariñeiros… Ai lalara lalalala…
Algún que outro conductor,
albañís e “chaboleiros”

Con unha fermosa retranca,
diron moita vida as festas… Ai lalara lalalala…
criticando ó que o merecía,
nunhas copliñas impresas.

Tócate o carallo…

Botándolle ovos á censura,
cantaban todo en galego… Ai lalara lalalala…
así foi como remataron,
algunha vez no “talego”

Mais eles seguironlle dando,
caña a diestro é siniestro… Ai lalara lalalala…
que pras cousas con retranca,,
eran uns grandes maestros.

Tócate o carallo…

Ata que chegou un bo día,
que decidiron parar’e… Ai lalara lalalala…
perdendose a mellor das murgas,
que animan o carnaval’e.

Marín botaos moito de menos,
din que debían volver’e… Ai lalara lalalala…
pois a tradición diste grupo,
e todo un luxo perder’e.

Tócate o carallo…

A letra, escribina por encargo de Benito do grupo “Saljariteiros” para cantala na homenaxe que se lle rendiu o día 1 de Marzo de 2019 en Marín, no “Museo Manuel Torres” aos “Xarangallo Mangallo” e en especial ao seu fundador Manuel Rodriguez “O Norteiro”

https://www.cope.es/emisoras/galicia/pontevedra-provincia/pontevedra/audios/mediodia-cope-pontevedra-20190305_685050  (Minuto 33)

E TI QUE O TES

E TI QUE O TES

E ti que o tes,
sei eu que cho vin,
por un buratiño que tes no mandil.
Que tes no mandil,
que tes no mandil,
e ti que o tes,
sei eu que cho vin.

Heiche de contar un conto
na cabezalla do carro,
e se a cabezalla rompe
agárraste ao meu carallo.

E ti que o tes…

E ti tes o mexar torto,
conocincho no andare,
durme unha noite comigo
que cho hei endereitare.

E ti que o tes…

Se vas ao San Benitiño,
non vaias ao de Paredes,
que hai outro mais milagreiro,
entr’as pernas das mulleres.

E ti que o tes…

Din que a Antona non ten fondo,
mais a Antona fondo ten-he.
Se o trangallo vai pequeno
a Antona que culpa ten.

E ti que o tes…

A Maruxiña do fondo,
ten a paxara pelada,
por andar subindo ós pinos,
e baixar escarranchada.

E sei que a ten,
n’o pode negar,
que lla vin no río, cando iba lavar.
Cando iba lavar,
cando iba lavar,
e sei que a ten,
n’o pode negar.

…..

A cantiguiña aprendina o día de San Brais en Salcedo cantando cuns amigos. O informante dela non quere que figure o seu nome tal e como me gusta poñer nestas cantigas tradicionais, así que deixámola anónima e tradicional. Ten un par de estrofas que xa cantaba a “Señora Felicia Insuela” (Q.P.E) coa música do Caneco.

Captura

GAITEIROS “OS ALEGRES”

GAITEIROS “OS ALEGRES”

Catro vellos gaiteiriños,
xuntaronse nun teatro,
deixaron o bar e os viños,
pra tocar xuntos un rato.

Os Alegres de Pontevedra,
vaia ledicia escoitalos,
son coma os mellores viños,
que van ganando cos anos.

As estrofiñas fíxenllas no ano 2013 mentras se celebraba o festival dos Alegres no teatro Principal de Pontevedra. Para o ano seguinte, loceron proxectadas no escenario.

As fotos perteñecen ao seu perfil do Facebook.

 

FESTIVAL FIN DE CURSO. “Escola de Acordeóns de Campelo”

MOITAS GRAZAS.
…..A “Juan José Mariño” por convidarme o pasado domingo dia un de Xullo, ao festival que organizou como remate do fin do curso da escola.
…..E grazas á “Escola de Acordeóns de Campelo” por deixarme cantar con eles a Rianxeira, peza coa que rematában a súa festa.
…..Non vos pedín permiso para cantala. E a verdade é, que nin siquera tiña pensado facelo porque xa empezarades a tocar.
…..Eu xa cantara o que me correspondía e etaba ao lado dos gaiteiros na parte de atrás do escenario. Pero é que coa música tradicional, pásame unha cousa moi rara… quéntome e férvene o sangue de tal xeito, que teño que cantar si ou si!! E mais cando escoito o ben que tocades e o ben dirixidos que estades polo voso mestre Juan José.
…..Se vos digo a verdade, non o pensei dúas veces… mirei que o único micro que estgaba libre era o do presentador, e que este, estaba inflándo o fol da súa gaita para tocar tamén.
…..Así que alá fun. Botei man do micro, e disfrutei da “Rianxeira” como poucas veces o fixera antes.
…..Para completar a cousa, Julio e Carlos botaron man das gaitas, e toda a xente que enchía o auditorio e pasillos, acompañaron a cantiga como se fora un coro que ensaia tres veces á semán.
…..Saiu perfecto, a verdade que si.
…..Así que, moitísimas grazas a todos por todo, e mais, polo cariño que me amosástedes moitos de vós.
…..Asegúrovos que foi unha auténtica ledicia acompañarvos, e pasar un fermoso serán de música con todos vós.
…..Lembrarei sempre este día. Unha perta para todos!