ODA Ó PAN DE LEÑA.

ODA Ó PAN DE LEÑA. 
Isto si que vos é pan,
(e non o que merco a miúdo),
feito nun forno de leña,
ben cocidiño, e non crudo!

Que hai quen vende por un euro,
en vez de pan, unha cousa,
que ás dúas horas ponse dura,
coma se fose unha lousa.

Esta noite cando chegue,
sentirei tal emoción,
que pra cea comereino,
cheo de queixo e xamón!!

Barra de pan mercada nunha panadería artesán da Cañiza

O PAN E A SÚA BENDICIÓN

O PAN E A SÚA BENDICIÓN

.. Cando era cativo, o único pan que tiñamos, era o que se facía na casa: De broa e de centeo. E ó de broa, tamén se lle misturaba centeo porque se non, a masa feita con millo solo, non pegaba nin con cuspe.

.. O único día que se comía pan trigo na casa, era polo día da festa. Ese día era o único do ano en que se comían bistés de tenreira e pan trigo. Amais cando ibamos á feira cos nosos pais, e comiamos o pulpo.

.. O pouco trigo que se sementaba daquelas, era pra vendelo na feira e mercar outras cousas de mais necesidade.

.. Na miña casa paterna de Muimenta, tiñamos panadería. E lembro que viña a xente da aldea, cun saquiño de trigo pra facer un molete de pan o día antes da festa.

Pois ben. Eu non sei se é polo tanto que comín de cativo, que agora, nono podo ver diante. Prefiro pasar sen pan, a comelo de centeo. E debe ser o pan de moda, porque agora, a meirande parte do que se fai, é de centeo. Xa sea solo, ou misturado con semente de ldiñaza, noces, uvas pasas, etc.

..  E agora, aproveitando de cando se facía o pan na casa, tamén me lembro de cando se amasaba a fariña e poñíase a levedar na artesa antes da fornada, a relixiosidade dos nosos ancestros, levaba a que unha vez feita a masa, e antes de tapala cunha manta de liño para que non enfriara, facíaselle unha cruz (nalgúns sitios, tres) na parte de riba da masa, ó tempo que se decía a seguinte letanía: ”San Mamede te levede, San Vicente te acrecente e san Xoán te faga pan”

..  Despois, cando se facían os moletes para metelos no forno, a parte da masa na que tiña dibuxada a cruz, sempre quedaba pro lado de riba. E unha vez cocido o pan, e cortado enriba da mesa, os anacos, nunca se poñían coa corteza pra baixo porque era pecado.

Aquel si era pan. Un pan que sabía o mesmo o día que se facía, que catro días despois.