CANTANDO NAS TABERNAS

CANTANDO NAS TABERNAS.
    Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
.      E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
    A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
    Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
    E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
.      A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
.      E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
.      O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
    O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
    O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
.      Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
    Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
    E aí seguiremos!!
    Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!

LEITE MAZADO

LEITE MAZADO
  Nunha xuntanza que tiven onte na Estrada con amigos dunha asociación cultural, e falando das cousas que vivimos de cativos, chamoime moito, que casi ningún escoitara falar nunca do leite mazado. Na miña casa natal do Castelo, lembro de cativo a miña nai e a miña tía moitas noites mazando nén a carón do lume da lareira, para facer a manteiga.
  Lembroas sentadas cunha ola de barro entre os xeonllos, moi pretas do lume, supoño que para quentala.
  Na ola metían unha vara chamada “mazo” ou “mazarico” que nun cabo tiña unha roda de madeira que me parece que lle chamaban “Rodela” que era a que batía o leite, e unha tapa de madeira tamén para que non saíra o leite para fora e que tiña un buratiño por onde se metía o mazo.
.    Enchíase a ola de leite, e mazaban nél ata sacarlle a manteiga. …. Non lembro o tempo que levaba facela, pero si lembro que pasaban moitas horas mazando nél polas noites.
…. Aquela manteiga despois, comiámola con pan e mel, según saía quentiña 🙂
A foto e no pazo de Arxeriz no Saviñao.

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Laín)

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Lalín)

        Que magoa miralo así, desfeito. E non so este, senón que a meirande parte dos que se atopan nas nosas aldeas, están no mesto estado.

        Foron a despensa da casa ata non fai tantos anos… fonte de vida!!

        Este, era de dúas casas. Os dous claros dde diante eran da miña, e os datrás eran dos da casa de Amador. Como Jesús de Amador e a miña nai eran curmaus, supóñome (anque nono sei) que antes, perteñecería a unha soa familia e dividíuse por herdanza.

        O cuarto e quinto esteos teñen os tornarratos xuntos, polo que supoño que o quinto anaco da cámara, foi engadido despois de estar feito o horreo principal.

        Nel, e na parte do fondo, gardábanse ben aliñadas e asentadas as espigas de millo. E na parte de diante, os sacos coas fabas e cascallos, cestos con mazás, ristras de cebolas e allos, etc.

        Ó horreo, subíase dende un cepo grande que estaba no chao, e lembro que a chave da porta, era daquelas que pesaban medio ferrado, e que facían moito ruído o darlle a volta para abrila. Tanto era así, cas galiñas que andaban devaneando polo alto dunhas enormes penas que coñecemos coma o penedo, ó escoitar o son da chave abrindo a porta, viñan voando, pois sabían que había millo pra comer.

        Teño pasado moitas tardes dentro del, xunto co meu tío Camilo e o meu curmau Luís debullando no millo, e mais, cando era para levalo ó muíño para facer a fornada. Eles debullaban contra un carozo, pero a min, gustabame sentarme enriba dunha fouce e debullar contra o mango.

        O horreo, xa leva moitos anos niste estado, pero as vivencias que encerra, non desaparecerán nunca. Canto mais se vai desfacendo o noso patrimonio material, mais gusta lembrarse del.

        Unha magoa.

 

BOTOAS TANTO DE MENOS…!

BÓTOAS TANTO DE MENOS…

       Dende o confinamento do mes de Marzo, as veces que se contan cos dedos dunha mau… e sen tempo pra nada!!

      E boto moito de menos o cafeciño na Agolada, e a cerveciña na Ponte Vilariño, e uns grolos dauga na fonte de Souto no Castelo. E o que mais, latricar un pouquichiño, coa familia, e cos amigos e veciños!!

      Canto se botan de menos os paseos polas devesas e soutos, polas corredoiras e fragas, e polas congostras e camiños do carro da aldea. Apañar nas castañas pra asalas no lume da lareira nunha lata grande das do pemento asentada no trespés, e coller pan de sapo pra fritilo na tixola.

      E subir á Cima da Costa onde as vistas, dende o Candán ata o Farelo, pasando polo Carrio, son impresionantes, amais, coa miña aldeína natal do Castelo ós pes.

      Lembro aquelas mañás frias de inverno, cando fumegaban as tellas co fume da lareira, e as pedras dos valados, co sol desfacéndolles a xiada.

      E as galiñas pola eira, e os gorrións buscando os graos perdidos entre as pedras.

      E a primeira hora da mañá, co canado do leite na porta das cortes, esperando polo Reino de Cadrón, leiteiro que a recollía nos bidóns que cargaba nas súas mulas camiño de Cancelas. E despois do almorzó, e cos pes quentiños nos zocos, cunha cama de herba seca e cuns bos calcetíns de lá, ir coas vacas po prado xunto co meu curmau José Luís, ata que pasaba o coche de liña do medio día, que era o que nos marcaba a hora da volta pra casa.

      E as tardes de lecer moceando pola estrada, ou pasando o rato na taberna do señor David, na de Souto na Ponte, ou andando (ida e volta) ata Agolada os sábados pra ir o baile. E ó volver ás tantas da noite, pegar uns berros ben fortes, pra que ladraran os cas todos da aldea, e que despertaran ós veciños.

      Lembrome dos meus anos de escola en Muimenta e Goias. A miña mestra Dona Placidia, e os meus mestres Don Licho e outro mais do que sinto non acordarme do nome.

      E lembro ós meus amigos daquelas… Benigno, Manolo e Luís de Ríos, Pepe da Casanova, o meu curmáu Luís, Manolo de Souto, Pepe e Luís de Amador, José Antonio de Miguelez…

      As miñas tres aldeas…

MURAL DA “AAVV OLAIA” EN SILLEDA

MURAL DA “SSVV OLAIA” DE SILLEDA      

      Dos murais mais fermosos que mirei… se non o mais fermoso!!

      Que ledicia pararse diante del e ler as palabriñas mais fermosas da Nosa Fala, e os versos dos nosos grandes das letras.

      Non sei o que daría por cantar diante del, e faríao aínda por riba, convidando a unhas cervexas ós da Asociación Olaia.

      Parabéns por tan fermoso traballo, e que ogallá se espalle o exemplo por outras vilas!!!

 

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA

O DÍA QUE CAMBIEI A MOZA POLA TABERNA
…….. O poema, fíxeno a comenzos de ano, inspirándome nos poemas das alboradas de Cunqueiro, ó volver a ver no blogue “AQUAM LATAM” do amigo Manolo Busto, a foto do Señor Souto na súa taberna. Taberna na que botei moitas noites da miña mocedade cantando cos meus amigos daquel tempo.
…….. Cando o escribín, non foi coa idea de musicalo, pero poucos días despois de facelo, tiña que cantar nos pendellos da Agolada. Así que, pensei que sería bo poñerlle música e cantalo alí.
…….. E aproveitando que o Arnego nace na Serra do Faro, e ás musas andaban a meter os pes nas súas augas, non me fixo falta pensalo dúas veces, e a cantiga, estreneina nos pendellos tal como eu quería.
…….. A taberna, atopábase onda a ponte vella de Vilariño (a casa segue alí reconvertida en “Puticlú” unha magoa non aproveitala como casa de cultura ou algo así) e na parte de riba dela, había unha tosta para a producción de enerxía eléctrica. Os mozos de Cadrón, Agolada e dos seus arredores, iamos a bañarnos nela polo vrau. Eu ia coa miña guitarriña ó lombo dende o Castelo, e despois pola noitiña, botabámoslle unhas cantiguiñas alí mentres bebiamos un “Fis Fas” daqueles que había.
…….. Gardo moi boas lembranzas dese lugar, e de feito, cada vez que paro a tomarlle unha jasiosa no Merendeiro do Arnego, que queda a uns 100 mts. de onde estaba a taberna, sempre paro despois na ponte, e vanseme os ollos pra casa que tantas lembranzas garda baixo o seu teito.
…….. O poemiña, non é que conte a verdade de cómo eran as cousas, xa que daquelas e aínda despois, non cambiaba a música polas mozas, pero bueno, é unha maneira de falar e de dicir que tamén me gustan moito as cantigas nas tabernas. Tabernas reconvertidas hoxe en día en furanchos, pero que seguen gardando o sabor do bo viño e a boa música.
…….. Pois nada. Que teñades un bo día, a ser bos, e levadeo con sosego, que nun mes, andamos perdidos polas congostras mirando como maduran as ameixas e as uvas, e as amoras e as cereixas.
…….. Apertas para todos.

A Cantiguiña está basada nun dos poemas recolleitos nas alboradas de Cunqueiro sobre o poeta Antonio Noriega.

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES

LALIN Ó PE DO PRECIPICIO: O LÍMITE 20.000 HABITANTES
. …..Fai algún tempo que puxera por eiquí, o que pra min sería a solución ó descenso da natalidade do noso concello. Pero como o concello volve sacar o tema nistes días para celebrar o Nadal, pois eu volvo sacar as propostas.
. …..Pro meu entender, a solución ó descenso da natalidade pasaría por istes seis puntos:
. …..PRIMEIRO.- Vender o novo concello, volver ó vello, e cos cartos da venda, recuperar todos os muíños das ringleiras dos rios. Celebraríanse muiñadas os fins de semán.
. …..SEGUNDO.- Prohibir por lei as alpacas de herba seca e volver ás palleiras tradicionais de toda a vida, aproveitando pra iso todas as casas vellas das aldeas.
. …. TERCEIRO.- Limpar as corredoiras e congostras do concello pra que @s moz@s poidan perderse por elas como fixeron por tradición os nosos pais, os nosos avós e os avós dos nosos avós. Ó mesmo tempo, esnafrar todas as “pedras-asento” que hai á porta das casas postas polos pais das mozas.
. …. CUARTO.- Derrubar todos os postes repetidores que dan cobertura ós teléfonos movis e cambialos por inhibidores de frecuencia.
. …. QUINTO.- Prohibir por lei, as orquestras circenses e volver as tradicionais, obligandoas tamén por lei a tocar só pezas pra “Bailar pegados”
. …. SEXTO.- Pedir subvencións á CEE pra potenciar as leiras de millo, trigo e centeo, preto dos campos das festas das parroquias.
. …. Con istes seis puntos, á volta duns anos, subimos o concello de categoría á velocidade dun foguete de seis estralos.
. …. E asunto resolto!!!

80218024_1304019239782757_5708189438224367616_o

ANDARES (A TERRA DO MEDIO)

ANDARES (A TERRA DO MEDIO)

“Nas baiuras do tempo hai dende lonxe unha voz
que nos agarda e soña en berce de familia”…

(Xose Vazquez Pintor).

ANDARES
(A Terra do Medio)….

Os bicos son
o primeiro que se dá ou que se pide,
cando hai amor¡

………(Bicos-Xose Vazquez Pintor).

Xustificar o nacemento dunha obra creativa, neste caso dun libro, é por veces cousa complicada e difícil, mais neste caso, neste traballo colectivo, pensamos que esta tarefa pode resultar un chisco máis doada, pois trátase dun libro de agradecemento, dun libro necesario de recoñecemento do amplo labor á persoa de Xosé de Quián, ese home que tanto leva escrito e tanto leva traballado pola cultura do Noso Pais.
Non é pois un libro de homenaxes, é un agasallo a el e a nós mesmos. A el e á terra onde se criou e na fala coa lingua que medrou, día tras día para deixarnos na memoria vida, berce e soños.
” Somos, Elas e eles. A permanencia. Nós. Felices”.
(ANTOM LAIA).

ANDARES………………………..

Camiñamos facéndonos e así nese andar imos con moitas e con moitos, pero nas e nos de máis cerca sentimos a mornura da amizade e a frescura dos afectos. E naqueles de máis cerca está PINTOR, e canto gustamos de facer camiño e tarefa con el.
O Xose milita nos desexos. A fantasía físoselle divertida e non a deixou (non a soltou) por nunca máis. Canto aprendeu, cantas veces, e canto compartiu, ao triste berro do can que avisa do que chega ou marcha. Todo un pasar a ritmo da vida que o ía colocando na propia vida e gustáballe. A luz da casa, a palabra acariñada e a emotividade, mercaban os cardinais referentes das tarefas e dos lugares por onde camiñar e facer camiño.
Os amenceres dos días fixéronse radiantes e os adeuses volvéronse de a menos. E de Terra fíxose o camiño ao mar. De Quián de Agolada a Cangas ao Morraso, de terra a mar e de mar a terra, desde a referencia esencial do Faro e do Farelo, e do Atlantico mar.

Pinto é a nosa voz, a nosa memoria, o noso faro, perfectamente claro e clarisimamente perceptible, onde a sensibilidade manda, os afectos conquistan corazóns, e a palabra faise camiño por estas Terras do Medio, pola que debagamos na procura morna dun destino incerto pero autentico….Se resisto, se resisto e sobrevivo, tamén é pola túa luz, como ben nos recorda David Otero, na reflexión daqueles outros poetas músicos de Euskal Herria de hai anos ; Kortatu .

(DAVID OTERO)

E como ben din o poeta Carlos Negro;

Poño por ti a musica da banda de Muimenta
e unha cerdeira para os paxaros da amencida.
Poño a sombra dun sobreiral en Carmoega
e unha aperta gorentosa coma un melindre.

Poño un chiscar de ollos e unha carballeira,
sete noites de muiñada e un Seat seiscentos.
Poño un verso de dezasete quilómetros
dende Agolada a Lalin, alá na mocidade.
Poño unha feira do doce para moceares
e unha nación que aínda non plantaba eucaliptos.

—–o0000———-

E seguimos no camiño e andamos, e descansamos e regresamos no sendeiro, na congostra, na senda e corredoira e leva a todas partes e a ningures, da man dos que saben e nos escoitan, dos que falan e contan aquelas lendas, aqueles contos de Mouras, de trasnos e de Meigas, de meter medo, diante das lareiras mentres afora o vento zoa e o can na palleira ventea a noite escura .
E estamos dentro e fora, e somos e non somos, e pensamos e rimos e choramos, fundidos nunha aperta cósmica de carballeiras e rios de non ir mais alá do que sabemos que somos e coñecemos, porque o lonxe do solpor da casa e o descoñecido dos mundos estraños nos que temos a obriga de seguir mergullando e dar conta do que alá atopamos.

ANDARES……Nunca serás morte, Ti como es, Arenga responsorial pola memoria nosa, No acougo das sobreiras e Quián, Melide dos meus retornos, un hoteliño lindo, Pedra, As terras do Medio, conversas sobre un cuestionario, Todas nos tomando a palabra para falarmos do que foi, é e seguirá a ser esta Terra do Medio, de Ida e Volta con que nos amosou a vida Xose Vazquez Pintor .-

Andares , na voz e os textos de;

.- David Otero -Celso Fernandez Sanmartin-Carlos Negro-Xosé de Cea-Antom Laia-Jose Devesa-Inma Lopez Silva.-Daniel Asorey-Cecilia Doporto-Maria Socorro Cea-e a inestimable colaboraciòn de Xulio Garcia Rivas e as súas acuarelas, e s fotografias de Angel Utrera.

Publicado por angel luis utrera baza o martes 12 de Marzo de 2019 no seu blogue “LA TORRE DE LOS SUEÑOS ESMERALDA”

http://espoesiadesdeagolada.blogspot.com/2019/03/andares-terra-do-medio.html