OS ZOCOS


OS ZOCOS

          Segundo parece, a orixe dos zocos está nas rexións húmidas de Europa, e aínda que hai algunhas diferenzas na súa forma, atopámolos dende Inglaterra ata Galicia pasando por Suecia, Holanda, Asturias ou Cantabria, sendo o mellor calzado para as zonas agrícolas.

          Indispensables no noso rural ate hai uns trinta anos, están feitos por dúas pezas, unha de coiro e outra de madeira. Loxicamente, o deseño foi cambiando co tempo ata hoxe en que atopamos zocos de coiro repuxado con fermosos debuxos e cores, madeira tallada etc.

          A madeira preferida polos zoqueiros era a da beira dos rios, ameneiros e vidueiros, por ser unha madeira moi clara e facil de traballar, ao mesmo tempo moi resistente á auga. Tamén se facían de cerdeira, que aínda que era unha madeira mais quente pros pés, había que cocela, pois tiña tendencia a poñerse amarela co  tempo. Segundo teño entendido, as árbores que ian destinadas os zocos, había que cortalas na lúa menguante do mes de Agosto e deixala secar de tres a catro semanas para poder traballala sin que fendese.

          A parte que cubría o pé, estaba feita de coiro de vaca ou cabalo, e cravábase a parte da madeira con craviños curtos e de cabeza ancha. Facíanselle unhas botoeiras na empeña e axustábanse con amallós feitos do mesmo coiro que os zocos.

          Na parte inferior da base de madeira cravábanselle unhas cantas chatolas para que non se gastase tanto a madeira e tamén para que non esvarasen sobre as pedras das congostras e corredoiras por onde se andaba.

          Era un calzado moi cómodo, quente e resistente á humidade. Para que o coiro se fixese impermeable e duradeiro, untábase con graxa de porco sen sal. Na matanza tamén se  gardába o mexadeiro do porco para tal mester, os zocos deixábanse a secar pola noite o pe do lume da lareira, e pola mañá quentábase o mexadeiro e untábanse con el. Os zocos ben engrasados non deixaban pasar a auga. Para facelos mais quentes metíaselles herba seca facendo de niño para o pe e acompañábanse cuns calcetíns de lá ben grosos.

          O meu amigo Alberto Fabrexo, zoqueiro dá Terra Chá, cóntame que o oficio de zoqueiro tal como eran os zocos de antes, era un oficio bastante sinxelo, que non precisaba de moitas ferramentas, e moi estendido, pois había ún en cada parroquia. Tamén que a Terra Chá é moi coñecida polos artesáns da madeira ou da pedra e que en tempos pasados todos os veciños eran zoqueiros. Era un oficio de tempada e compaxinábase coas labores do fogar, xa fosen agrícolas ou gandeiras. Polas terras do Deza de onde eu son, era moi coñecido o zoqueiro Xan da Xesta, natural dá parroquia do mesmo nome e que ademais era un bó músico e mellor gaiteiro.

          A min de cativo mercábanmos sempre no zoqueiro de Cadrón (Lalín), ao señor Manuel de Suaseiras e tempo despois, cando viñen pra Pontevedra, aínda lle merquei tres ou catro pares mais. No pobo usabaos sin chatolas porque con elas, ao andar polas veirarrúas, facían moito barullo e chamaban a atención. En lugar das chatolas poñíalles uns anacos de goma das rodas de unha bicicleta, e aínda así, algúns quedában a mirar pros meus pés e para aquel calzado que, de seguro, nunca viran. A partires dos 19 anos, cando marchei para facer aquela cousa tan rara que chamaban “mili” non os volvín a poñer mais.

          Os zocos foron desaparecendo do rural debido á mellora dos camiños e á mecanización dos labores agricolas anque pola montaña, aínda seguen a verse algúns.

Imaxe

ImaxeP1070715

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s