CANTANDO NAS TABERNAS.
. Dende o mes de Novembro, estou vivindo e disfrutando das cantigas tabernarias tal como as coñecín de cativo alá pola taberna de Souto na Agolada, pola taberna do Reino en Cadrón (Lalín), e cos meus curmáns de Moneixas na taberna de Pachín.
. E solo por poñer tres exemplos, porque polas tabernas das parroquias de Lalín, como nas de tantas e tantas outras, cantábase moito no tempo de lecer despois de facer as labores da casa.
. A cousa é moi sinxela. Xuntarse cuns amigos, chamar por teléfono a unha destas tabernas dos arredores das vilas, e preguntar se se pode e deixan cantar.
. Se che dín que sí, como é na meirande parte dos casos, pois na tardiña alá polas oito, aparecemos, sentámonos nunha mesa, empezamos a cantar, e que me leve o demo se non disfrutan e disfrutamos os que estamos alí, cantando as cantigas que todos sabemos.
. E non importa cantar ben ou mal. O conto é cantar, e que a xente disfrute da música da Nosa Terra.
. A instrumentación? Pois case ningunha, ou ningunha como podedes escoitar no video que acompaño. Có son das cuncas, das mesas e das palmas chegan dabondo, e se non: Unha guitarra, unha acordeón, e calquera instrumento de percusión, ós que hai que acarñar e non petar, para que non molesten as cantigas. Que unha cousa é acariñar un instrumento musical, e outra moi distinta, aporrealo!!
. E o millor de todo, é non avisar a ninguén nin dicir en onde é a taberna a que se vai, porque se non, aparecen os seguidores e a xente de sempre, e as cantigas tabernarias, perden a esencia do que son, e convírtese a cousa nunha especie de concerto entre amigos.
. O bo disto é, que nunca se molesta a ninguén. O que quere cantar canta, e o que non, que escoite. E se alguén di que molestamos, recollemos aparellos, a outro lado e todos tan contentos.
. O pasado luns en Meaño, e o venres nunha taberna de Mourente, vivín a música, como facía moitos anos que non vivía. Chegamos as sete, e ata as 11, música a toda mecha. E as tabernas ateigadas de xente que ou cantaba, ou escoitaba, ou pedíache que cantaras unha cantiga que sabían.
. O millor de todo é que na de Mourente, e según me contaron despois, que nesa taberna á que eu nunca fora, xógase moito a partida. Pois mentras estivemos alí, non houbo partida ningunha, o que quere dicir que disfrutamos todos da mesma música que nos xungue dende que nascemos.
. Por se fora pouco, ata case non podemos beber tódalas cuncas de viño ás que nos convidaron. Pago por pago… eu cántoche e ti dasme de beber
. Non vou dicir o nome das tabernas onde vamos, porque son tabernas con clientela fixa e “familiar”, pero nas sete que levamos ata o de agora, tanto no Deza coma en Pontevedra, pedíronnos volver outro día. Cousa que faremos, antes de que cada ún dos compoñentes dos grupos se dedique ós seus concertos do verán.
. E aí seguiremos!!
. Que nunca morra a Nosa Tradición Musical, na que as tabernas tiveron moito que ver no seu mantemento!!
