Vaia por diante que eu non son ningún experto na historia destes inmensos gaiteiros, e de seguro que no que vou contar haberá algún que outro erro, polo que estou aberto as modificacións que me propoñan moitos dos amigos que teñen, e que seguro saben moito mais ca min sobre da historia dos Dezas de Moneixas, pero aválame o ser sobriño do caixa Manoliño e da súa dona a miña tía Sara, e por lei de vida curmán dos seus fillos, dos que houbo algúns (Mario, Luís e Alfonso) que tamén tiveron moito que ver nos derradeiros anos do grupo dos Dezas.
A miña historia paréceme que non vai moi desencamiñada do que foi a realidade, e según se conta, foi o cura párroco de Moneixas D. Andrés Cajide alá polo ano 1920 o que xuntou a un puñado de mozos da parroquia para ensinarlles as cousas mais elementais da música, educación da voz e ó aprendizaxe de instrumentos como a gaita, guitarra, pandeireta etc. O motivo principal desto era entreter os mozos pero como sempre pasa nestes casos, a cousa derivou nun grupo de gaiteiros xunto con unha ou dúas parellas de baile e canto.
O grupo na súa primeira formación estaba composto polos gaiteiros Xosé Benito, Darío e Amancio Gonzalez, na caixa Celso Gonzalez, a pandeireta Manoliño e Luís Portas ó bombo, e complementabase con un grupo de canto e baile formado ademais dos gaiteiros por Laureano, Isaura e María González. Como se pode ver polos seus apellidos o grupo era moi familiar, formado por irmáns e curmáns.
Durante a República Os Dezas eran xa úns grandes da Música Galega e tiñan un prestixio gañado ó traveso de tada Galicia, actuan no ano 1933 no San Froilan de Lugo xunto aos Gaiteiros de Soutelo de Montes e percorren a meirande parte de Galicia facendo actuacións. Os anos seguintes marcan ún dos aspectos que menos se coñecen do grupo.
Poño un anaco de un artigo de Manuel Igrexas sobre a historia dos Dezas:
“Quixera deixar aquí patente a vinculación de Os Dezas co Partido Galeguista. Os membros do grupo afílianse ao Partido Galeguista o 27 de febreiro de 1935. Pero non son uns simples militantes pois as súas actuacións eran sempre presentadas por membros do PG. Tamén hai que sinalar que na homenaxe que o Grupo Galeguista de Lalín lle fixo a Loriga, ao cumprirse un ano da inauguración do seu monumento, participaron e actuaron Os Dezas. E na velada da despedida aos membros do Seminario de Estudos Galegos logo da súa estadía en Lalín en 1935, presentados por Manuel González.
Esta vinculación vese subliñada en varios artigos de apoio á labor dos gaiteiros, aparecidos no xornal A Nosa Terra, semanario do Partido Galeguista, no mesmo ano 1935 e asinados por militantes de Lalín como Fernando Goyanes (Ánimo Dezas) e o mesmo Manuel González. Nun artigo de Xesús Froiz, publicado en setembro, este anuncia a todos os Grupos do Partido e ás Mocidades Galeguistas, a organización dunha homenaxe aos Dezas, que consistiría nunha festa coa entrega dunha bandeira galega ao grupo. Propón que sexan Castelao e Víctor Casas os que fagan o ofrecemento, porque di, son moi admirados polos gaiteiros. O Grupo Galeguista de Lalín, daquela presidido por Enrique Vidal Abascal, inicia a subscrición para a bandeira con cinco pesetas.
Os propios gaiteiros sosteñen un anuncio en A Nosa Terra no que ofertan a súa actuación como grupo enxebre con este texto dirixido aos militantes galeguistas:
IRMÁNS: Cando queirades ter unha festa propia d’a Terra, non deixés de chamar os Gaiteiros «OS DEZAS» de Lalín-Moneixas (Pontevedra) CANTO PROPIO. PAREXAS DE BAILE. CADRO DE DECLAMACIÓN.
Unha das últimas actuacións das que temos noticia no período republicano, foi a que fixeron no mitin do Partido Galeguista da Estrada o 12 de xaneiro de 1936. Os Dezas deron antes do mitin un concerto de música popular, e despois das intervencións de Ramón de Valenzuela, Alexandre Bóveda e Castelao, o coro e os gaiteiros interpretaron o Himno galego e outras pezas”.
Durante a Guerra Civil, o grupo leva un duro golpe ó morrer Amancio. As actuacións vense mermadas polo desastre da guerra. Nestas datas Darío convirtese nun virtuoso da Gaita e Xosé Benito dedícase os arranxos e composición de obras pros gaiteiros entre as que destaca a “Marcha de Procesión”. Co andar do tempo tamén participarían nos Dezas, Manuel e Julio Gonzalez fillos de Darío e Felix fillo de José Benito.
Sobre Xosé Benito vou poñer unha nota da súa neta Carmen Baldonedo ó cumplirse os cen anos do seu nacemento;
“ai hoxe cen anos nacía en Moneixas Xosé Benito González, o máis vello de oito irmáns que, pasados os anos, se convertirían nunha saga musical de Lalín. Xosé Benito aprendeu de neno o oficio de seu pai, zapateiro, pero no 1920 entraba a formar parte dun grupo de catro guitarras e catro bandurrias de man do cura da parroquia. Como queira que naqueles anos non había cartos para amañar as cordas que se estragaban, fixeron unhas gaitas: do 1920 a 1923, cun mestre de O Carballiño, formaron o grupo Os Dezas, que tocaron no recibimento ao aviador Loriga na súa aterraxe no monte do Toxo no ano 1927.
A emigración levouno en 1930 a Cuba, onde se fixo cargo da zapatería do seu pai. Aos catro anos regresou a Galicia, compaxinando o seu traballo como zapateiro coa súa paixón pola música. A súa neta, Carmen Baldonedo, suliña tamén a súa tarefa como compositor, con temas como o pasodobre Lalín e a Marcha procesional de San Benito. Esta última peza sería gravada, anos máis tarde, polo grupo Milladoiro: Carmen lembra a satisfacción que tivo Xosé Benito cando veu actuar en Lalín ao famoso grupo interpretando a súa composición.
Xosé Benito González foi o encargado de facer os arranxos dos temas de Os Dezas, que levaron o nome de Moneixas por toda España dende a década dos anos 60. Deste xeito, no ano 1968 estiveron na Casa de Campo de Madrid, onde actuaron dezaoito días. Tamén levaron o seu arte a Porto de Sagunto, en Valencia, a Asturias, e a tantos outros lugares, ata a súa desaparición no ano 1984.
Unha familia de músicos
Xosé Benito González, de quen hoxe se cumpre o centenario do seu nacemento, finou o 23 de febreiro de 1990 na súa casa de Moneixas, como lembra a súa neta Carmen Baldonedo, que non quere deixar pasar esta data sen lembrar ao célebre Gaiteiro de Moneixas, iniciador dunha saga musical. O seu irmán, Claudio González, foi director da banda de Lalín; outro irmán, Julio González, foi director da orquesta Caracas; e Ismael e Darío foron compoñentes de Os Dezas, como os seus primos Laureano e Manolo, e os fillos deste ultimo, Mario e Alfonso, sinala Carmen Baldonedo, quen relata orgullosa a historia desta saga musical.”
No ano 1963, coa morte de Darío e a de Luís Portas pouco despois, dase por rematada a primeira etapa dos Dezas de Moneixas.
A partires do ano 1965, comenza a segunta etapa dos Dezas, etapa que según moitos entendidos da música galega (Antonio Santalices, Castro de Santona…) foi moito mais prolífera que a primeira. Esta nova etapa estaba formada por; Xosé Benito, Ismael, Manolo de Laro, Manoliño, Laureano e Mario fillo de Manoliño, e ocasionalmente Alfonso e Luís irmaos de Mario. A calidade musical do grupo levaos a actuar fora de Galicia, actuando durante anos en Madrid, Asturias, Valencia…
Durante esta nova etapa xa non teñen o grupo de baile, e as cancións interpretábanas os propios gaiteiros colabourando con eles nalgunha ocasión a contralto Amalia Gonzalez, o que facía dos Dezas, un grupo de enorme calidade. Algunha vez teño escoitado na casa dos meus curmáns de Moneixas unha grabación de Xosé Benito cantando “Unha noite na eira do trigo” e de verdade que nunca esquecerei aquela voz e a súa maneira de cantar.
Transcurría o ano 1974, cando o grupo recibe un duro golpe o morrer Manoliño. Pero esta vez non chegou a recuperarse e desapareceu no ano 1982 coa morte de Laureano.
E esta é a miña pequena historia deste inmenso grupo de gaiteiros que durante anos encheron coa súa música as Festas e Romarías de toda Galicia e ós que o Concello de Lalín lles debe unha Rúa ou unha Praza co seu nome.
Algúns dos datos están collidos de traballos de Mónica Gonzalez, Manuel Igrexas, Aldara Iglesias é Carmen Baldonedo.
As tarxetas dos Dezas.-
FOTO;Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos XIX-XX
Aportaión de Anxo Coya
Gaiteiros ” OS DEZAS DE MONEIXAS”
Fonte: Faro de Vigo
Data: 26 de Agosto de 1928
FESTAS DE BAIONA – ANO 1955
ESCAPARATE DE UNHA ACADEMIA DE MÚSICA EN PONTEVEDRA.
PARTITURAS MANUSCRITAS DE JOSÉ BENITO.