ODA AO MEU CURMÁN ALFONSO DE MONEIXAS

ODA AO MEU CURMÁN ALFONSO DE MONEIXAS

O rapaz que está na foto,
recollendo o xamonciño,
é o meu primo Alfonso…
Meu curmau mais queridiño!!!

Non pensedes que o que digo,
digo por aproveitarme,
quél a min anque-no diga,
tenme un cariño ben grande.

Así que primiño Alfonso,
vaime dando un anaquiño,
se tes o coitelo cego,
cortámolo cun fouciño.

Todo o que estou dicindo,
que non che pareza mal,
anque só sean dúas lescas,
voute querer igual.

Pero non fagas o feo,
de deixarme sen probalo,
que un primo sempre e bó,
ata que se volve malo.

Pra rematar Alfonsiño!!!
Vaime poñendo hora e día,
que non sexa San Adrián,
i eu siga coa porfía.

Moitos bicos para ti,
para Carla e para Bea,
que se non convidas ti,
elas farán a tarea.

50091102_1118796574958006_1825754768912416768_o

O CU DOS CESTOS

O CU DOS CESTOS
……Estaba chegando o día de arrincar nas patacas. Xa facía un tempo que se lles cortara a ramallada. Estaban ben maduras e a terra ben seca para non ter que sacudilas moito pra que a soltaran.
……Marica e Manuel, decidiron achegarse á feira do dezaoito, pensando en mercar uns cestos para levalas dende a leira ata o carro.
……Nesas estaban, cando mesmo entrando en Lalín, viron un cesteiro na beirarúa ofrecendo unha boa remesa, e moi axeitados para apañalas.
……Manuel, detivo o coche coa idea de mercar un par deles. Baixouse. Botou a andar cara o cesteiro, e cando estaba chegando onda él, Marica berroulle dende a ventaniña:
……– Manuel… ai Manuel… mira que teñan o cu jrande…  o cu ben jrande!!!
……Un paisaniño que pasaba á beira de Manuel, e que non debía saber moi ben de que iba o conto, marmuroulle polo baixo:
……– Eso, Eso… O que conta é que teñan ben a onde poder ajarrarse un.

A NOVE EUROS A RACIÓN!

A NOVE EUROS A RACIÓN!

Boas noites meus amigos,
mirai que vos vou contar,
dn suceso acontecido,
sendo a hora do xantar.

Polo día de Galicia,
e do Patrón Santiaguiño,
acompañei a uns amigos,
pra comer con pulpo e viño.

Aceitadiño e picante,
ben cocido… no seu punto!
E viño tinto e pan de Cea,
para acompañal-o asunto.

Alí botamos catro horas,
entre cantiga e cantiga.
Foi unha fermosa tarde,
polas terras de Loriga*.

E aló, ó remata-la cousa,
chamamos pola pulpeira,
para pagalle as racións,
do tan rico pulpo á feira.

Que lle debemos señora?
E afine ben o punteiro!
Fixo as contas de memoria,
mentres rascaba o sombreiro.

Jesusiño de mi vida!
Que sería o que rachamos!
Miramos os úns pros outros,
polo susto que levamos!

Deixounos coa boca aberta,
e cortada a dixestión-he,
cando sorindo nos dice…
a nove euros a ración-he!

Que carallo terá o pulpo,
que acompañando ás sardiñas,
acabarán por pechalos,
cun candado nas vetriñas.

E que decir dos pulpeiros!
Mirai que finos vos són…
a mais de subir o prezo,
van encollendo a ración!

Dis que abusamos da pesca,
que nos pasamos un chisco,
que o sabroso pulpo á feira,
ben lle gusta a todo Cristo!

Remato tan triste historia,
xogando a ser adeviño,
ao pensar que o bacallau,
leva parello destiño.

I esta foi a triste historia,
que nos deixou dunha peza,
sendo duros como somos,
os da bisbarra do Deza.

*Loriga: Joaquín Loriga Taboada (Lalín (Pontevedra), 23 de setembro de 1895 – aeródromo de Catro Ventos, Madrid 18 de xullo de 1927) foi un aviador  que levou a cabo, xunto con outros dous pilotos e tres mecánicos, o voo Madrid-Manila.

MARIA DO OUTEIRO

..      Maria do Outeiro seica tiña uns peitos moi grandes, tan grandes coma os dous penedos mais grandes da Cima da Costa.

      Era unha gran devota da Virxe do Corpiño,  santuario ó que iba todolos anos para escoitar misa, e facer a procesión detrás da Virxe.

      Anque non era de moitos cartos, sempre tiña algunha peseta daquelas dantes de papel pra espetarlla no manto da Virxe, pedindolle o favor de atoparlle un mozo casadeiro. Ela sabía que non era a Virxe axeitada pra conceder eses desexos, pero contaba con que lle botase unha mau diante da Virxe encargada de tales asuntos.

      Un ano, e mirando que as súas pregarias non tiñan o fin desexado, conseguiu xuntar dez pesetas. A ver se o problema era por falta de liquidez, e facian falta algúns mais.

      Envolveunos nun anaco de papel de estraza, meteu o paquetiño no seu corpiño, colleu o  autobús do Meixide, e alá marchou no día grande do Corpiño para espetarllos no mando da Virse, a ver si así, ese ano e de uhna vez por todas, aparecía o mozo que tantos anos levaba buscando.

      Escoitou a misa con toda a devoción do mundo, e cando saíu a procesíón, púxose a carón da virxe, meteu a mau no seu corpiño para sacar as pesetas que levaba envoltas no papel, e espetarllas no manto para completar a súa pregaria.

      Pero vai ti ver que o paquetiño xa non estaba alí…  ¡¡¡ alguén llo roubara !!!

      Desesperada e chorosa, foise onda a parella da Garda Civil que por aqueles tempos vixiaban as festas mais tradicionais da Nosa Terra, e contoulles  o roubo do que fora vítima.

     – Pero vamos a ver mulleriña, vostede non se decatou de cando lle meteron as mans nas tetas ?  Díxolle un dos guardias

     – Ai!!! Si señor juardia. Si, eu dinme conta no mesmo momento que mas meteron, pero nunca  pensei que lle foran con tan mala intención.

Imaxe

AS MIÑAS TRES ALDEAS

Nun comenzo, cando fixen a cantiga, e nun par se sitios onde a cantei, tituleina “Tres lugares de Lalín” Pero gústoume mais “As miñas tres aldeas” e ao remate é como se titula.

A cantiguiña, está dedicada as aldeas onde nacín e onde me criei, e tamén a toda súa xente, de maneita moi especial a todos aqueles amigos e veciños dos que aprendín o que non se ensinaba na escola de Muimenta, e cos que disfrutei de tantas e tantas cousas. Unha apreta moi especial pra todos, e a miña lembranza pros que xa nos deixaron.

Os rios “grande e pequeno” sempre os coñecimos así entre os veciños, anque teñen nome: O grande é o Arnego e o pequeno o das Abellas.

A Costa, é o monte que abriga ás tres aldeas.

Entevista na Voz de Galicia:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2017/10/11/span-langglxose-iglesias-adica-unha-cantiga-as-suas-tres-aldeas-lalinspan/0003_201710D11C6994.htm

 

O BALNEARIO DA PONTE VILARIÑO

Fermoso documento sobre a inauguración e declive do balneario, no blogue “Aquam Latam” de Manuel Busto Galego.

BALNEARIO DE CALDELAS DE VILARIÑO (AGOLADA): INAUGURACIÓN E DECLIVE

 En 1963 Manuel Galego Iglesias actuou como fotógrafo e como correspondente do Faro de Vigo dándonos conta da inauguración do Balneario de Caldelas de Vilariño, á que asistiran o propietario do mesmo, D. Antonio Vilariño Vázquez, o Xefe Provincial de Sanidade, D. Julio Casal Castro, acompañado dun químico, D.Juan Ugarte Pollano e o médico-director do balneario, D. Enrique Barcala Loureiro. Previamente as instalacións foran bendicidas polo párroco de Vilariño, D. Manuel Diéguez Diéguez.

O edificio que alberga o manancial e o pavillón de duchas e salas lucían recén remozados. Este manancial foi cualificado e recoñecido como auga mineral o 12 de decembro de 1958 pola Dirección General de Minas. No orde terapéutico foron recoñecidas como augas mineromedicinais pola súa condición acratopega, intensamente alcalina, bicarbonatada sódica e sulfurada, rica en fluoruro sódico e en ácido metasilícico, segundo as análises da época.

O edificio posuía varias salas con bañeiras en dependencias alicatadas.
Igualmente había salas de chorros e consultas.

Vista do corredor central do pavillón principal.

 Nestas imaxes vemos ao propietario, o médico e as autoridades provinciais de Sanidade, o día da inauguración.

O balneario funcionou como tal desde 1963 ata os inicios dos anos 70. Descoñecemos as razóns que provocaron o seu peche. Desde entón os edificios foron abandonados e o declive  e deterioración foron sumándose inexorables.
Estado actual do pavillón central.
O balneario está situado na parroquia de Vilariño, moi preto do río Arnego e da actual Ponte Vilariño. O Arnego posúe outras dúas resurxencias  de augas caldas, unha en Ferreiroa na zona de Paizás e outra preto da Ponte dos Cabalos.
Construción que alberga o manancial, completamente absorbida pola vexetación na actualidade.
O pavillón da fonte presentaba este estado o pasado sábado.

A fonte segue a manar augas caldelas, é dicir mornas, temperaturas que seica oscilan entre os 20 e os 30ºC.

 O pavillón central visto desde a caseta da fonte.

Interior e salas en completo abandono e ruína.

Artículo remitido por Manuel Galego Iglesias a Faro de Vigo o 28-8-1963

Fotos de Xosé Iglesias sacadas no ano 2014

 

A VER QUEN MATA MAIS RAPOSOS!

A VER QUEN MATA MAIS RAPOSOS!

      Nestes días, estase a celebrar un concurso ou campionato nos concellos de Dozón e Rodeiro, para ver quen é o machote que mata mais raposos para divertimento e disfrute duns escopeteiros, que no único que pensan é en presumir despois na taberna, de quén foi o que matou mais raposos, e contar, como se fosen á guerra, como os mataron. A cousa é moi sinxela… meten vinte cáns nun toxal para que levanten o raposo, e esperan corenta escopeteiros darredor. O que teña a sorte de que saia polo carreiro onde está posto, é o heroe. E xa está. Non hai nada mais que contar, anque eles despois fan unha película do asunto, e ata apartan as mesas da taberna pra espallarse mellor nas explicacións.

      Lembro de cativo, que o raposo era un animal odiado polas xentes das aldeas polo mal que facía, anque tampouco era moito. O mais, pois papar un par de galiñas de cando en vez, xa que  como un animal carnívoro que é, mantense de carne, o mesmo ca o home, que papamos canto animal se nos pon por diante, e non por iso andan a tiros con nós.

       O probrema é que daquelas, un par de galiñas, era o bocado de tres ou catro días nunha casa das nosas aldeas, e por eso se lle quería tan mal. Anque fose calquera outro animal o que as matara, a culpa, sempre era pro raposo.

      Cando algún paisano mataba ún despois de facer o mal no día anterior, paseabao polas casas da aldea ensinandoo colgado dun pau, para que de paso, lle desen un “aguinaldo” polo feito… uns ovos, un anaco de touciño, de xamón, uns chourizos, etc.

      Pero como ben di Bob Dylan, os tempos cambian, e alá polos anos oitenta, as galiñas xa estaban pechas nos galiñeiros, e non andaban soltas pola eira endiante, nin esjarabellando polos carreiros e congostras das aldeas. O raposo, apenas facia mal. Mantíñanse nos vertedoiros de lixo, a onde ian dar as entranas de animais sacrificados nos matadeiros xunto cos restos de comida nas casas.

      Pero tiña un problema. Un enorme problema…  a súa pel!!!

      A pel do raposo, era ouro para algunhas “señoras” que iban a misa presumindo de abrigo de pel. Lembro saídas de misa, na basílica de Santa María en Pontevedra, onde parecía que o que saía pola porta para fora ao remate da misa, en vez de mulleres, era unha manda de raposos, lóntregas, visóns, etc.

      Por aqueles tempos, andaban os compradores mercándoas polas aldeas e nas feiras de Lalín, e se non hai quen me diga que estou trabucado, cada pel, chegouse a pagar arredor das 5.000 Pts. Todo un diñeiral en aquela época.

      E chegamos aos tempos actuais e nos que non me vou espallar moito sobre a cousa, porque non val a pena. Agora, mátase o raposo porque si, “porque me peta e quero e dame a gana” que diría Celso Emilio.

      É terceiromundista que se fagan concursos e campionatos coa súa morte. Amosamos ser mais matarifes ca iles, xa que iles fano por necesidade e nós por divertimento.

      Hoxe non dan nada pola súa pel nin serven para comer.  Matarán dúas ou tres ducias de raposos neste concurso vergoñento, e os animais xunto coa súa pel, rematarán abandoados en calquera lado ou nun contenedor de lixo.  Bueno, si… valeu para algo a súa morte, para que o seu matarife, presuma da fazaña pola noite na taberna ante os que queiran escoitalo, e terá o “título autonómico” no seu currículo, certificado pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

      MATAR PARA NADA, OU MATAR POR MATAR!

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/01/12/dozon-acogera-campeonato-gallego-caza/1818306.html

RECOÑECEMENTO EN VILATUXE

QUERO FACER PUBLICO O MEU AGRADECEMENTO…
A todos os veciños de Vilatuxe, e de maneira moi especial á comisión organizadora da Feira dos Carballiños, polo recoñecemento que se me fixo onte durante a feira, motivado pola miña labor en prol da cultura e a música galega, e especialmente polo cantar que lle fixen fai seis anos a esta feira tan fermosa. A verdade é que non teño palabras coas que poder expresar todo o que sinto.
A mais, foi unha ledicia recibilo de maus do noso alcalde D. Rafael Cuíña, e estar acompañado por outras sete persoas ás que tamén se lle recoñoceu a sua importante labor nos distintos eidos da vida cotiá da parroquia e da feira.
Moitas grazas pola acollida que me prestades ano tras ano e polas atencións que tedes conmigo.
Sempre no meu corazón, e todos os anos com vós nesta data.
Unha perta para todos.

Na feira dos Carballiños en Vilatuxe. Cantando con Benito, Antonio e Manolo

Enlace ao xornal “La voz de Galicia” no seu artigo sobre a feira.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2017/05/15/secuestro-feira-dos-carballinos/0003_201705P15C4992.htm

PAN DE LEÑA

PAN DE LEÑA

      As panaderías de Pontevedra cidade, deben pensar que somos parvos. Non se decatan de que os parvos son iles tratando de enganarse a si mesmos pensando que nos enganan a nós. Nin que pensaran que todo o ano é antroido para ter as barras do pan disfrazadas de “Pan de leña”

      Oian, que Pontevedra non deixa de ser unha aldea grande ou un pobo pequeno, onde a maioría dos que vivimos nela, ou somos ou temos raíces nas aldeas da provincia, e o que mais e o que menos sabe ben o que é un bo pan, sexa de forno de leña ou non.

      A maioría das panaderías locen un letreiriño co famoso ”Pan de leña” coma se o pan se fixera, ou a súa calidade tivera algo que ver coa leña, e cando todos sabemos que o bo pan e a súa calidade, vai na masa e non na casta do forno, así coma o bo xamón é mellor canto mellor come o porco, e non polo cortello onde se cría.

      Estes panadeiros modernos, aos que so lles preocupa o negocio, véndennos como “Pan de leña” unhas barras de pan que mercan conxeladas, feitas con sabe Deus que tipo de trigo, centeo ou millo, e que cocen nun forno eléctrico da familia dos microondas, media hora antes de vendelo para que esteña algo quente, porque despois en frio, non hai que lle meta o dente. E para que a mentira non sexa tan gorda e mais creíbel, adecéntano cunha pouca de fariña fresca, pra que lixe as mans de quen o merca.

      E que nin as galiñas en tempo de fame son capaces de meterlle o peteiro sen mollalo antes.

      Onte pola noite recén chegado a Pontevedra, merquei unha barra de “Pan de leña” nunha panadería preto da casa, para facer un tentempé de bonito con pementos morróns. Meu Deus, en canto abrín a barra co coitelo e mirei pra miga, decidín tirala barra inteira pro caldeiro do lixo, e botar o atún e o pemento nun prato picandolle unha ceboliña e salpicadolle un chorriño de viñagre. Esstaba crua, e xa mirei morrer xente envenenada con moito menos. Non fixen a proba, pero estou seguro que se deixo a barra de pan no burato dun formigueiro os pulgós dos frutais pretos dil, declararían o día coma festa nacional da liberación formigueira.

      Pero o peor non é que o “Pan de leña” non seña de forno de leña, nin son os cartos que tiras, nin o pan que estragas, nin a fame que pasas, non. O peor é mirarte despois ó espello e decir: Pero valgame Deus noso Señor. Que necesidade tiña eu de mercar unha barra de “Pan de leña” sendo de lalín, e tendo tan bo pan preto da casa, dando o mismo que sexa de forno de leña, eléctrico ou a carbón. Unha cousa si que é certa. Como ben di o refrán… “Vai o burro morrendo e vai aprendendo”

       Así que,  a partires de hoxe, cando non teña pan de Lalín, mercarei ise de molde que venden nos supers e que sabe bastante millor que o “Pan de leña”. Alo menos, pola noite saberei que ten a mesma calidade de cando o merquei pola mañá.

     Unha perta.