ESTALOTES, SANXOÁS…

ESTALOTES, SANXOÁS…

……Dias atrás, atopei un par de variñas de cor branco, do que eu sempre coñecín como “Estalotes” ou “Sanxoás”. A rareza da cor, levoume a poñer a foto no Facebook, e pedirlle aos amigos que me dixeran os nomes de como se coñecían no seu lugar, xa que ben sabedes a variedade de nomes cos que se coñece esta fermosa “Orquidea autóctona”.

……En poucos días, conseguín algo mais de oitenta nomes diferentes, cousa que di moito da enorme riqueza da nosa fala. Esa misma fala, que moitos queren estragar e rematar con ela dunha vez.

……Pediríavos que se sabedes algún nome mais que non esteña na relación, poñelo nas opinións ao fondo do artigo para poder engadilo.

……Moitas grazas.

Abellocas, albocas, abelurias, abellonas, alcloques, alcroques, avespóns, belicroque, belitroques, bulertas, cálzamos, campanelas, campelos, cloques, consolda, coquelos, croquetes, croquis, croscallos, crostelos, dedaleiras, dedales, estalos, estalotes, estaloucos, estoupallo, estoupacloque, estoupatroques, estoupetos, estoupillos, estoupichos, estoupóns, estoupós, estoupois, estoupotes, estralantes, estraloques, estralotes, estrincóns, estrinquelos, estroques, estroupelos, estroupiños, folla de sapo, herba da cobra, herba de San Xoán, herba dos croqueles, herba dos troques, melincroques, melitroques, palotes, palitroques, pelitroques, quiquiricallo, quiquirinchos, relicroques, retriscos, retrincotes, sanxoáns, sabáns, sapoqueiros, tastalás, tastrincóns, torques, trascos, trasquelos, trastalos, trincotes, triscalotes, triscotes, tróqueles, troques, trouquelos, vara das cobras, vespellós, vespóns, xoanas, xalocas, xolcas, xoucas.

 

A DESFEITA DO NOSO PATRIMONIO MATERIAL.

A DESFEITA DO NOSO PATRIMONIO MATERIAL.

      Non sei se vos pasa a vós, pero eu según vou entrando en anos, e ao volver a vista atrás, énchenseme as noites de moitas lembranzas de cando era cativo na miña aldea, non moi diferente a calquera outra aldea do noso país, onde todos eramos unha familia, onde non había diferencias entre uns e outros, onde se cantaba e se contaban aquelas cousiñas que mantiñan viva a tradición oral dos nosos ancestros, e onde se axudaban os úns aos outros polo mero feito de axudarse e sen ningún interese mais que non fora ese.

      Non tiñamos auditorios, nin centros DIA, nin clubes de xubilados, pero tiñamos centros de reunión veciñal tan fermosos coma o cuberto da casa, a lareira, a cociña económica, as leiras, hortas, muíños, lavadoiros, fontes, etc.

      Agora, anos despois, ao percorrer camiños e  corredoiras, e mirar pras nosas aldeas, véñense as bagoas aos ollos ao ver o abandono e a desfeita que se está a producir no noso patrimonio. Mires pronde mires, o resultado é desolador. O que foi un auténtico paraíso en tempos non moi lonxanos, hoxe adoece entres silveiras, toxos, xestas e hedras.

      As casas de pedra feitas desobedecendo as normas arquitectónicas e erguidas por simples maos que teceron con auténtica beleza os nosos avós, casiñas que deberían ser un paraíso inmortal, finan dunha maneira tráxica.

      Os muíños e horreos, auténticos almacéns de vida, desfeitos.

      Os camiños carreiros e congostras, inaccesibles.

      O que foron as terras mais productivas… leiras de millo, de trigo, centeo e, patacas, morren afogadas por matogueiras.

      O montes, soutos e fragas cheos de carballos, castiñeiros, piornos, acivros,uces, etc. hoxe adoecen afogados, resecos, e desterrados baixo inmensos alcolitais.

      As veces, penso que nós mesmos somos os culpables da desfeita. Por desgraza, somos alleos a ela, e non somos quen de darlla volta ás cousas que representan a nosa identidade cultural e etnográfica.

      Vivimos efectivamente alleos e impasibles ante esta desaparición perante os nosos ollos, e eliximos corporacións municipais e autonómicas que son os culpabales en primeira persoa. Nós, non facemos nada e eles aínda menos.E así nos vai, e así nos irá.

      Cando a sociedade se decate da riqueza cultural e beleza que está deixando estragar, xa será demasiado tarde. Metéronos nos miolos o odio a todo o galego, á nosa lingua, aos nosos bosques autóctonos, e á fermosísima estampa das nosas aldeas. A perda do mundo rural, non solo rematará coas nosas aldeas. Perderemos  con el algo moito mais importante, algo tan valioso como é a nosa identidade como pobo, a nosa cultura e as nosas tradicións ancestrais… esa tradición oral que eu tanto amo, xa está a mitade de camiño da morte por desgraza.

      Polo camiño que levamos, os nosos netos preguntaranlle ós seus pais por que non se parecen en nada aos seus avós, e porqué Galicia tampouco se parece en nada ao que din os libros que era, e porqué a nosa inmensa cultura, foi sustituida por outras alleas.

      Este puñadiño de fotos que vos amoso, non vou decir a onde perteñecen por vergoña allea, e porque iguais a estas podédelas atopar en calquera das nosas aldeas.

      Que sirvan como tarxeta de presentación para nosa vergoña diante dos que veñan visitarnos, e saiban do que está acontecendo no noso rural.

      Unha perta.

 

GALICIA

GALICIA

XEOGRAFÍA:
Galicia é un país formado por varias provincias: Galicia Nación, O Bierzo, Portugal, Brasil, Buenos Aires, Angola e Mozambique. A súa vez, a provincia de Galicia Nación, está formada pola Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e un Castro Celta reconvertido en urbe, chamado Vigo.
Limita ao Norte e ao Oeste co chapapote. No Sur e o Leste coas terras do extranxeiro.
É un pais hidrograficamente falando moi impotante, xa que se coñece como o país dos 3.000 rios, aínda que como chove tanto, non se sabe moi ben por onde discorren xa que está todo o chao mollado. Anque ten fama nos países da contorna, de ser un sitio moi frio, non é así. De feito, están enchendo os montes de ventiladores para poder refrescar algo o medio ambiente. Un dos nativos galegos, ata chegou a popularizar unha frase  que se define por si mesma e que di: “Fai un sol de carallo”. Tamén hai rías, que son coma os rios pero mais grandes, tan grandes que se confunden co mar, e diferéncianse en que nos rios hai troitas e nas rías pulpo, centolas e nécoras.

POBOS IMPORTANTES:

CORUVIGO; Foi o pobo mais importande de Galicia ata que chegaron os curas e os políticos. Tanto os úns coma os outros, fundaron unha cidade residencial chamada SANTIAGO, e partiron a Coruvigo en dous pobos. A Coruña na parte de riba e Vigo na dabaixo.
A CORUÑA; A vila de riba, solar patrio dos insignes personaxes Arsenio, Franc, Paco Vazquez e Lendoiro. O seu principal atractivo son os temporais, mais un candil moi grande que se esqueceu un tal Hercules nunha noite de troula e magosto.
VIGO; A vila dabaixo. Ven sendo un enorme Castro Celta moi populoso e reconvertido en urbe. O seu xefe/druída, é un tal Abelix Cabaleirux.
No castro, teñen un clube de xogos tradicionais celtas, e o que seguen moitos nativos que se fan chamar a si mesmos “Celtarras” 
LUGO; É a cidade mais viciosa de toda a Galicia Nación. Herdeira das famosas orxías romanas famosas en Galicia inteira. Tanto é así, que amurallárona pra evitar aos curiosos e voyeurs.
OURENSE; É a cidade mais quente de Galicia. Presumen de que se cocen os ovos na auga das súas fontes.
PONTEVEDRA; Capital da provincia do mesmo nome. Cidade dormitorio do Castro Celta de Vigo. É a terra dos “caciques” por excelencia. O seu principal atractivo son as celulosas, que veñen sendo como unhas esterqueiras das que presumen os seus acólitos (non confundir con alcólitros).
FERROL DO CAUDILLO; Metrópolis vinda moito a menos ao deixar de fabricar barcos e caudillos. Tanto é así, que perdeu o apellido e quedouse solo en Ferrol.  ……………………… BUENOS AIRES; A cidade máis populosa e mais  fachendosa de Galicia. Os seus habitantes, son os que mais presumen e mellor falan, aínda que ao remate non digan nin fagan nada. Un bo exemplo é o actual Papa Francisco. 
BAQUEIRA BERET; En galego sería “Gandeira Verás”, pero os cataláns, tan seus e tan independentistas eles, traduciron o nome ao catalán.
BECERREÁ; Lugar onde van parir as vacas galegas.
O CARBALLIÑO; En castelán “El Roblecito“  un dos pobos mais famosos de Galicia porque o seu rio, o Arenteiro, leva mais pulpos ca auga. 
BETANZOS; O seu nome deriva dos “betanzolos” (repolos, no galego normativizado) típica verdura que se come cocida nun pote e misturada cun montón de cousas.
LALÍN; O seu nome tamén deriva da gastronomía. O “lalinolo” é un típico marisco gasterópodo que se cria nos cortellos. Posúe dous pes carnosos traseiros, que lle serven para andar polas corredoiras ás landras, e anque perdeu o caparazón, segue a conservar as dúas antenas na cachola, moi ricas cocidas e adornadas con pemento picante e aceite cru. Prato exquisito son os Lalinolos cocidos con Betanzolos.
Lalín a mais, é coñecido como “O Exipto galego”, polas obras faraónicas das que presume o alcalde/faraón que as fixo.

O IDIOMA

Galicia, ven sendo algo así como un paraíso pros idiomas, xa que nela conviven en perfecta harmonía seis linguas ou falas romances: O galego, o castelán, o castrapo, o chapurrao, o xunteiro e o portugés.
GALEGO; Case extinguido. É o idioma falado por unha pequena minoría inculta que vive nas aldeas dos montes do interior, e que resiste con todas as súas forzas ao invasor. É a forma orixinal do idioma, e do galego, deriva directamente o latín, e non ó revés. 
CASTELÁN; Falado polos valisoletanos aclimatados a Galicia e polos politicos galegos aclimatados a Madrid. O castelán é unha forma arcaica, aínda que moi evolucionada, do galego.
CASTRAPO; Falado polo 90% da poboación. É o galego moderno. Unha frase típica en castrapo é: “Ou t’apartas ou vouche partir os fuciños, lanjrán do carallo!”
CHAPURRAO; Tamén chamado ” lingua conselleira”, é o intento de falar castrapo polos que falan castelán. É realmente patético. De feito non posúe aínda Real Academia.
XUNTEIRO; Unificación artificial do idioma que é considerada como lingua oficial. É o idioma no que se escriben as publicacións da Xunta, e se  fala pola radio e a televisión galegas e no que, con grandes dificultades, tentan ensinar aos nenos nos colexios para borrarlles da mente o nefasto castrapo. En xunteiro, tamén escriben os xornais na primeira folla unha vez ao ano… polo 17 de Maio.
PORTUGUÉS; Idioma falado nalgunhas das provincias externas de Galicia, como Portugal, Brasil e Angola. 
Tenta meterse e influenciar no galego ao traveso da “gh” por exemplo; aghora, cegho, pésegho, figho, longho etc. De momento resisten a tal invasión Lugo (Lugho) grazas a que a cidade está amurallada, e Vigo (Vigho) porque eles seguen ao seu alá no castro, enredados da produción de troncomovis.


 

UN TAL RISTO MEJIDE …

UN TAL RISTO MEJIDE …
……..E nesto que estaba eu mirando na TV un resumo do progama “Got talent” cando de súpeto, un tipo mal encarado. de roupa enloitada e mirada fúnebre, con un aire moi chulesco, gafas de sábelo todo, e co cu atravesado na silla onde estaba sentado, como se estivese cagando entre os toxos e limpando o cu cuns fentos, deixoume mais esmendrellado que un croio da corredoira que baixa á Devesa.
……..Vaia por diante que non me gustan os concursos de ningunha casta, e menos aínda deste tipo, onde non sei como se pode valorar quen é mellor entre unha mistura rarísima de musicos, bailarís, magos, cantantes de jondo, bailaores, contadores de chistes, contorsionistas, malabaristas, etc.
……..O concurso, solo me gusta pola xente que participa cantando (que os hai moi bós) e polos que fan xogos de maxia.
Pois resulta que unha parella de músicos, antes de concursar, agasaian aos membros do xurado con un disco que acaban de grabar. Despois fan a súa actuación. Son matrimonio, ela canta e el toca a guitarra. Non vou entrar en si o fan ben, mal ou regular.
……..Ao remate, fan valoración os menbros do xurado da actuación, e o señor mal encarado do que falei ao comenzo, dilles mais ou menos:
……..– “A mi no me habeis gustado, es mas, no quiero el disco que me regalasteis y os lo devuelvo, porque total, no lo voy a escuchar”
……..– “Es igual, dejalo” díxolle a rapaza.
……..– “Bueno, si no lo cogeis lo tiro a la basura”
……..Non vou comentar nada sobre a postura do tipo de cara fúnebre, porque teño mais que facer que contestar a un insolente que sofre de diarrea permanente, e que xa se pasara outra vez con unha cantante galega, metendose con ela decindo que cantaría mal porque estaba gorda.
.-……Simplemente, deixarei de mirar o programa, para evitarme os vómitos que me produce mirar para o diarreico personaxe.
……..Debería de saber que hai un vello refrán que di que a cabalo agasaiado, non se lle mira o dente, e non andar facendo o pailán pola vida en diante.
……..Apertas para todos.

sin-tc3adtulo3

 

A VER QUEN MATA MAIS RAPOSOS!

A VER QUEN MATA MAIS RAPOSOS!

      Nestes días, estase a celebrar un concurso ou campionato nos concellos de Dozón e Rodeiro, para ver quen é o machote que mata mais raposos para divertimento e disfrute duns escopeteiros, que no único que pensan é en presumir despois na taberna, de quén foi o que matou mais raposos, e contar, como se fosen á guerra, como os mataron. A cousa é moi sinxela… meten vinte cáns nun toxal para que levanten o raposo, e esperan corenta escopeteiros darredor. O que teña a sorte de que saia polo carreiro onde está posto, é o heroe. E xa está. Non hai nada mais que contar, anque eles despois fan unha película do asunto, e ata apartan as mesas da taberna pra espallarse mellor nas explicacións.

      Lembro de cativo, que o raposo era un animal odiado polas xentes das aldeas polo mal que facía, anque tampouco era moito. O mais, pois papar un par de galiñas de cando en vez, xa que  como un animal carnívoro que é, mantense de carne, o mesmo ca o home, que papamos canto animal se nos pon por diante, e non por iso andan a tiros con nós.

       O probrema é que daquelas, un par de galiñas, era o bocado de tres ou catro días nunha casa das nosas aldeas, e por eso se lle quería tan mal. Anque fose calquera outro animal o que as matara, a culpa, sempre era pro raposo.

      Cando algún paisano mataba ún despois de facer o mal no día anterior, paseabao polas casas da aldea ensinandoo colgado dun pau, para que de paso, lle desen un “aguinaldo” polo feito… uns ovos, un anaco de touciño, de xamón, uns chourizos, etc.

      Pero como ben di Bob Dylan, os tempos cambian, e alá polos anos oitenta, as galiñas xa estaban pechas nos galiñeiros, e non andaban soltas pola eira endiante, nin esjarabellando polos carreiros e congostras das aldeas. O raposo, apenas facia mal. Mantíñanse nos vertedoiros de lixo, a onde ian dar as entranas de animais sacrificados nos matadeiros xunto cos restos de comida nas casas.

      Pero tiña un problema. Un enorme problema…  a súa pel!!!

      A pel do raposo, era ouro para algunhas “señoras” que iban a misa presumindo de abrigo de pel. Lembro saídas de misa, na basílica de Santa María en Pontevedra, onde parecía que o que saía pola porta para fora ao remate da misa, en vez de mulleres, era unha manda de raposos, lóntregas, visóns, etc.

      Por aqueles tempos, andaban os compradores mercándoas polas aldeas e nas feiras de Lalín, e se non hai quen me diga que estou trabucado, cada pel, chegouse a pagar arredor das 5.000 Pts. Todo un diñeiral en aquela época.

      E chegamos aos tempos actuais e nos que non me vou espallar moito sobre a cousa, porque non val a pena. Agora, mátase o raposo porque si, “porque me peta e quero e dame a gana” que diría Celso Emilio.

      É terceiromundista que se fagan concursos e campionatos coa súa morte. Amosamos ser mais matarifes ca iles, xa que iles fano por necesidade e nós por divertimento.

      Hoxe non dan nada pola súa pel nin serven para comer.  Matarán dúas ou tres ducias de raposos neste concurso vergoñento, e os animais xunto coa súa pel, rematarán abandoados en calquera lado ou nun contenedor de lixo.  Bueno, si… valeu para algo a súa morte, para que o seu matarife, presuma da fazaña pola noite na taberna ante os que queiran escoitalo, e terá o “título autonómico” no seu currículo, certificado pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

      MATAR PARA NADA, OU MATAR POR MATAR!

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/01/12/dozon-acogera-campeonato-gallego-caza/1818306.html

RECOÑECEMENTO EN VILATUXE

QUERO FACER PUBLICO O MEU AGRADECEMENTO…
A todos os veciños de Vilatuxe, e de maneira moi especial á comisión organizadora da Feira dos Carballiños, polo recoñecemento que se me fixo onte durante a feira, motivado pola miña labor en prol da cultura e a música galega, e especialmente polo cantar que lle fixen fai seis anos a esta feira tan fermosa. A verdade é que non teño palabras coas que poder expresar todo o que sinto.
A mais, foi unha ledicia recibilo de maus do noso alcalde D. Rafael Cuíña, e estar acompañado por outras sete persoas ás que tamén se lle recoñoceu a sua importante labor nos distintos eidos da vida cotiá da parroquia e da feira.
Moitas grazas pola acollida que me prestades ano tras ano e polas atencións que tedes conmigo.
Sempre no meu corazón, e todos os anos com vós nesta data.
Unha perta para todos.

Na feira dos Carballiños en Vilatuxe. Cantando con Benito, Antonio e Manolo

Enlace ao xornal “La voz de Galicia” no seu artigo sobre a feira.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2017/05/15/secuestro-feira-dos-carballinos/0003_201705P15C4992.htm

PAN DE LEÑA

PAN DE LEÑA

      As panaderías de Pontevedra cidade, deben pensar que somos parvos. Non se decatan de que os parvos son iles tratando de enganarse a si mesmos pensando que nos enganan a nós. Nin que pensaran que todo o ano é antroido para ter as barras do pan disfrazadas de “Pan de leña”

      Oian, que Pontevedra non deixa de ser unha aldea grande ou un pobo pequeno, onde a maioría dos que vivimos nela, ou somos ou temos raíces nas aldeas da provincia, e o que mais e o que menos sabe ben o que é un bo pan, sexa de forno de leña ou non.

      A maioría das panaderías locen un letreiriño co famoso ”Pan de leña” coma se o pan se fixera, ou a súa calidade tivera algo que ver coa leña, e cando todos sabemos que o bo pan e a súa calidade, vai na masa e non na casta do forno, así coma o bo xamón é mellor canto mellor come o porco, e non polo cortello onde se cría.

      Estes panadeiros modernos, aos que so lles preocupa o negocio, véndennos como “Pan de leña” unhas barras de pan que mercan conxeladas, feitas con sabe Deus que tipo de trigo, centeo ou millo, e que cocen nun forno eléctrico da familia dos microondas, media hora antes de vendelo para que esteña algo quente, porque despois en frio, non hai que lle meta o dente. E para que a mentira non sexa tan gorda e mais creíbel, adecéntano cunha pouca de fariña fresca, pra que lixe as mans de quen o merca.

      E que nin as galiñas en tempo de fame son capaces de meterlle o peteiro sen mollalo antes.

      Onte pola noite recén chegado a Pontevedra, merquei unha barra de “Pan de leña” nunha panadería preto da casa, para facer un tentempé de bonito con pementos morróns. Meu Deus, en canto abrín a barra co coitelo e mirei pra miga, decidín tirala barra inteira pro caldeiro do lixo, e botar o atún e o pemento nun prato picandolle unha ceboliña e salpicadolle un chorriño de viñagre. Esstaba crua, e xa mirei morrer xente envenenada con moito menos. Non fixen a proba, pero estou seguro que se deixo a barra de pan no burato dun formigueiro os pulgós dos frutais pretos dil, declararían o día coma festa nacional da liberación formigueira.

      Pero o peor non é que o “Pan de leña” non seña de forno de leña, nin son os cartos que tiras, nin o pan que estragas, nin a fame que pasas, non. O peor é mirarte despois ó espello e decir: Pero valgame Deus noso Señor. Que necesidade tiña eu de mercar unha barra de “Pan de leña” sendo de lalín, e tendo tan bo pan preto da casa, dando o mismo que sexa de forno de leña, eléctrico ou a carbón. Unha cousa si que é certa. Como ben di o refrán… “Vai o burro morrendo e vai aprendendo”

       Así que,  a partires de hoxe, cando non teña pan de Lalín, mercarei ise de molde que venden nos supers e que sabe bastante millor que o “Pan de leña”. Alo menos, pola noite saberei que ten a mesma calidade de cando o merquei pola mañá.

     Unha perta.

NA LEMBRANZA DE JOSÉ LUIS SUCASAS

NA LEMBRANZA DE JOSÉ LUIS SUCASAS

…..-Onte, cando me chamou o noso común amigo Antón Valcarce para comunicarme a mala nova, apenas puiden creelo, e mais, da maneira que mo dixo: “Foi morrer, facendo o que mais lle gustaba, dando pedaladas na súa burra pola illa da Toxa”

      Eu estaba xogando coa netiña en Pontevedra recén chegados de Lalín. Deixeime caer sentado, e con dúas baguas pelexando por sair dos meus ollos, empecei a percorrer o derradeiro día que estiven con él. Non facía moito, apenas dúas semáns. Eu iba de Meaño para Cambados, e atopeino a cabalo da súa burra (como lle chamaba a súa bici) e paramos nunha cafetería a pe da estrada para tomarlle un café e latricar un pouco. Non lembro moi ben a conversa pero seguro que andivemos percorrendo as corrredoiras e congostras do Castelo e lembrando cousas da nosa xente como facíamos moi a miudo.

      Era un gran tipo, cinco anos mais novo ca min. Lembro que cando de rapaces xogabamos os do meu tempo no cuberto da casa no Castelo, el miraba pra nós dende a ventá da súa, xa que estaban moi a carón unha da outra.

      Xa de mozos, coincidíamos moitas veces na taberna de Rios da nosa aldea, e atopábao moitas mais xogando ó tute con Florentino  Migueles, un veciño ó que todos queriamos moito. Pero os nosos camiños iban moi separados e deixamos de saber un do outro durante uns anos, ata que un día no que estaba eu cantando na Arzúa, achegouse para saudarme, intercambiamos os números de teléfono e anovamos a amizade que tiveramos noutro tempo.

      Non era un tipo de moitas palabras, mais ben, había que sacarllas pra poder levar unha conversa, e mais conmigo, que sempre me gustou falar moito. Quen millor o define, é o noso amigo común, e tamén veciño da misma aldea do Castelo, Luís Fernández Ríos: “Realmente, eu coñecino moi ben. Era tal como di a xente: Tranquilo, socarrón, retranqueiro, silencioso, lector e pouco conversador”

      A min, o que mais me gustabe del, era a retranca que tiña. Sentía admiración por el e polas saídas que tiña para enrevesar as cousas de tal xeito, que non parabas de rir cando estabas o seu lado.

      O seu libro “O paxaro que ninguén ve” é un reflexo da nosa aldea do Castelo e das súas xentes. Un libro que eu debín ler como unha ducia de veces. A finais do ano pasado, un día falando con el, saiu a conto unha das familias da aldea e unha anécdota que lle pasou con ela e que estaba reflexada no libro. Decicín volver a leelo outra vez, pero nono atopei na casa. Chameino e comenteille que perdera o seu libriño e que quería mercalo outra vez, pregunteille onde o podía atopar. Non te preocupes, dixo. Achégome eu a Pontevedra e lévoche un exemplar polo módico prezo dun café.

      E así foi. Uns días antes do Nadal, apareceu en Pontevedra dende Vilanova, cabalgando na súa “burra” e con un paqeutiño con dous libros: “O paxaro que ninguén ve” e “Soñando buratos na terra” con unha fermosa dedicatoria cada un deles.

      Botamos toda a mañá latricando de moitas cousas, e a hora de marchar, eu esquecía o paquetiño cos libros enriba da mesa do bar. Botouse a rir, e díxome: Se fas así coas guitarras, debes ter ós fillos mortos de fame.

      Pero non quedou aí a cousa. A proba da súa retranca, chegou pro outro día en forma de comentario (poño o recorte da captura) no seu muro do Facebook e onde el firmaba como “Em Lis Boa”

      Botareino moito de menos. Foi un gran tipo, un bo compañeiro, un mellor amigo, e ademais veciño da Aldea do Castelo na parroquia de Cadrón en Lalín.

     Ata sempre meu amigo. Que a terra che sexa leve.

Unha foto que me mandou xa fai tempo, como proba do seu paso por Pontevedra, e que poño como homenaxe á súa “burra”

O que é a vida. Sempre se metía conmigo e decíame que tiña que mercar uha bici pra facer exercizo, que andar nela era moi sán. A raiz dun artigo que lin na prensa, e lembrandome dos seus consellos, dediqueille dúas estrofiñas que puxen no seu muro do face… so tres días antes do seu falecemento!

Gardareinas coma ouro en pano…

A lembranza, publicouna o Faro de Vigo na súa edición do Deza o dia 5/IV/2017

A homenaxe na nosa aldeíña natal do Castelo

VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !
                    Ó que me dé un pau doulle un peso,
                     e se é de Carballo… trinta reás!
….. Álvaro Cunqueiro no prólogo do libro de cociña galega, que escribeu na compaña de Araceli Filgueira, cóntanos que “as xentes de imaxinación son, cáseque sempre, as que comen millor, quizas porque como decía o conde de Clemont-Tonnerre asocian a súa sustancia terrea ao lugar de onde son, e perciben entón deica as súas frebas o lazo que os xungue á terra que os soporta; sinten a segreda esencia das cousas incorporarse á súa, e así comulgan coa súa terra nun festín de amor”
….. A verdade é que, os galegos, cando temos a oportunidade de darnos unha pequena homenaxe e disfrutar das ledicias dunhas nécoras, duns percebes, dunha empanada de bacallau con pasas, dun pulpo á feira, dun godello, albariño ou ribeiro, dun café de pota con pingas, sen esquencerse dos consabidos chatos de licor café, e dunha boa compaña para unha longa sobremesa de cantigas, moito nos reconforta a vida, os ósos e a alma.
….. Mesmo parece que xa obtemos o perdón de Deus, so polo ben que tratamos o corpo que él creou a súa imaxe e semellanza.
….. E que decir desa taza de caldiño quente un pouco antes dir pra cama, neses días de duro inverno nos que parece que toda a auga do carreiro da veira da casa, veu dar ás sabenas da cama e teñen mais auga co pozo do Porto no Regato das Abellas do Castelo.
….. E a todo esto, sen esquencerse dun almorzo de papas feitas con fariña de millo, herdanza impagable das nosas avoas, e que nos manteñen direitos durante todo o día coma se foramos un jarabullo ou a aguillada do noso avó.
….. Ser de Lalín, non ten prezo, e se o tivera, non habería cartos pra pagalo, por iso, os chourizos, o lacón e os grelos, deixámolos pro sábado pola noite que hai cocido.
….. Unha perta pra todos e…
….. QUE VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

sin-tc3adtulo3

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN.

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN
Vaia detallazo que ten a organización das cantigas pra conmigo, sobre todo cando hai moita xente que o merece mais, ou alo menos igual ca min. Empezando por eles mesmos, por ser capaces de levar as cantigas un ano mais ás tabernas de Lalín.
Son un namorado da música tradicional e por suposto das cantigas tabernarias, xa que as tabernas eran o conservatorio que tiñamos os que somos de aldea e onde pasabamos moito tempo os fins de semán.
Que mellor cousa que botar unhas cantigas acompañado polos amigos e diante dun xerro de viño e uns torresmiños recén feitos.
Así que nas tabernas de Cadrón, Muimenta e a Ponte, foi onde empecei a cantar cos amigos ata que o futbolín e o televexo botáronnos pra fora pouco a pouco a nós, e a todos os que cantaban nas tabernas, non tardando moito en desaparecer tan fermosa costume.
Que ledicia que se volvan recuperar en moitos sitios e por moitos grupos que axudan a facelo e entre os que teño moi bos amigos.
Na miña cantiga “Un cocido de Lalín” dediqueilles ás cantigas un par de versiños como non podía ser menos, despois do empeño que están a poñer en recuperalas no noso concello.
Unha magoa non darme tan fermosa noticia uns días antes, e ter comprometida esa data nun festival benéfico do que non me poido librar, pero farei todo o posible por estár no folión do remate no “Picoteo” e así poder saudar a Crespo e á organización pra darlles ás grazas polo detalle que teñen pra conmigo. Amais, a data quedará reservada pra non perdelos nos vindeiros anos.
Unha perta pra todos.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/homenaje-jose-iglesias-fernandez/1615275.html

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/quince-bares-seran-escenario-dia/1615276.html

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2017/02/01/recuperar-as-tradicions-antano-musica-cantares/0003_201702D1C11992.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/boboras/2017/02/02/span-langglgrupos-maside-boboras-ourense-cantos-taberna-lalin-span/0003_201702O2C11997.htm

16386886_10208344645556970_7823535951118372534_n

16426120_10208344645676973_4740160327710127420_n-1

img-20170219-wa0001 img-20170219-wa0003 img-20170219-wa0004 img-20170219-wa0005 img-20170219-wa0013 p1170623 p1170625