O GATO NEGRO!!

O GATO NEGRO!!
.     Resulta que vou a Soutelo de Montes. Cando chego ó coche pra volver para Pontevedra, zasca!! A roda dianteira dereita pinchada.
   Collo o inflador ese de conectar no mecheiro… e non furula!! 
   Co que estaba chovendo, chamo a axuda na estrada, e despois de esperar tomando unha cerveciña no bar do Roque, aparecen 40 minutos despois, e párchana eles.
   Arrinco.
.     Chego a Cerdedo, e na rotonda que hai ó remate da vila, un rapaz que viña de Sabucedo, métese nela sen cederme o paso, dame un golpe, e escangállame a aleta dianteira dereita. 
.     Díxenlle de facer o parte amistoso, pero non conforme con que a culpa era dél, chama ó pai por teléfono, e este faino entrar en razón uns dez minutos despois.
   Metémonos no meu coche, e facemos o parte amistoso.
.     Pois queredes ver, que cando estou na recta que hai en San Xurxo de Sacos, vai , e non cruza ó tolo un gato negro, que non pillei por un par de metros, e porque peguei un frenazo?
   E o moi ca… brito, cando chega ó outro lado onda unha fonte que hai alí, séntase, e queda mirando pra min como dicindo… anda, segue… segue camiño, que por hoxe xa te amolei ben!
   E non se ríu de min porque os gatos non saben rir!!
   A nai que o…!!!
   Se chego ter a cospeta no coche, zorrégolle un tiro, que o mando pro inferno directamente, sen pasar siquera polo purgatorio.
.     I e que eu supersticioso, supersticiosoooo… non son! Pero tampouco creo nas bruxas, e van coma tolas montadas nas escobas polo ceo en diante.
.     A todo esto, cando tiña que estar en Pontevedra ás dúas, cheguei ás catro menos vinte… e a pulpeira onde iba xantar, xa estaba recollendo!!
   Ala, veña. Unha aperta, sentidiño na carretera, e non vos perder polas congostras.