VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !
                    Ó que me dé un pau doulle un peso,
                     e se é de Carballo… trinta reás!
….. Álvaro Cunqueiro no prólogo do libro de cociña galega, que escribeu na compaña de Araceli Filgueira, cóntanos que “as xentes de imaxinación son, cáseque sempre, as que comen millor, quizas porque como decía o conde de Clemont-Tonnerre asocian a súa sustancia terrea ao lugar de onde son, e perciben entón deica as súas frebas o lazo que os xungue á terra que os soporta; sinten a segreda esencia das cousas incorporarse á súa, e así comulgan coa súa terra nun festín de amor”
….. A verdade é que, os galegos, cando temos a oportunidade de darnos unha pequena homenaxe e disfrutar das ledicias dunhas nécoras, duns percebes, dunha empanada de bacallau con pasas, dun pulpo á feira, dun godello, albariño ou ribeiro, dun café de pota con pingas, sen esquencerse dos consabidos chatos de licor café, e dunha boa compaña para unha longa sobremesa de cantigas, moito nos reconforta a vida, os ósos e a alma.
….. Mesmo parece que xa obtemos o perdón de Deus, so polo ben que tratamos o corpo que él creou a súa imaxe e semellanza.
….. E que decir desa taza de caldiño quente un pouco antes dir pra cama, neses días de duro inverno nos que parece que toda a auga do carreiro da veira da casa, veu dar ás sabenas da cama e teñen mais auga co pozo do Porto no Regato das Abellas do Castelo.
….. E a todo esto, sen esquencerse dun almorzo de papas feitas con fariña de millo, herdanza impagable das nosas avoas, e que nos manteñen direitos durante todo o día coma se foramos un jarabullo ou a aguillada do noso avó.
….. Ser de Lalín, non ten prezo, e se o tivera, non habería cartos pra pagalo, por iso, os chourizos, o lacón e os grelos, deixámolos pro sábado pola noite que hai cocido.
….. Unha perta pra todos e…
….. QUE VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

sin-tc3adtulo3

Advertisements

O FURANCHO DO JACINTO (2ª Parte)

O FURANCHO DO JACINTO – 2ª Parte
(De cando o Jacinto pechou o furancho)

Na parroquia de Marcón,
provincia de Pontevedra,
un home tiña un furancho,
que abría na primavera.

“O Furancho do Jacinto”
era o nome do recuncho,
sinalado cun ramallo,
de loureiro e mais fiuncho.

Ata alí coma formigas,
chegaban xentes pra farra,
gaiteiros e mais cantores,
que tocaban a guitarra.

Uns cantaban e bebían,
e outros comían a eito,
mentras Jacinto berraba…
– Compañeiros, viño ó peito!

E entre cuncas e xerriños,
de viño branco e mais tinto,
según se enchia o bandullo,
íbase afrouxando o cinto.

E os que por alí pasaban,
sentíanse admirados,
polo ben que se cantaba,
cos paladares mollados.

O carallo foi un día,
que da noite pra mañá,
o furancho pechou porta,
sen nin sequera avisar.

A xente desorientada,
ó non poder tomar viño,
deambulaba por congostras,
corredoiras e camiños.

Ata que un día un tal Pepe,
coma un can que vai cazar,
aguzou ben o fuciño,
e adicouse a investigar.

E despois dunhas pesquisas,
pasando unha sede doente,
dou conta do sucedido,
ós amigos e clientes.

– O Jacinto é o culpable,
de semellante desfeita,
por venderlle a uns ourensans,
todo o viño da colleita.

E agora os bebedores,
andamos todos de loito,
porque pechou o furancho,
que abría a iso das oito.

Soio cabe sacar disto,
a seguinte conclusión,
e vouna decir a todos,
con gran dor no corazón.

O Jacinto fixo o mesmo,
que os curas no sermón:
Kyrieléison, Christeléison,
veñan cartos pro caixón!

– Que como ben di un refrán,
que seguro fixo un beato,
¡Pra beber, hai sempre xente…
O carallo é dar sulfato!

… ………………..Letra;  José Iglesias Fernández
…………..        Axudou;  Julio González Álvarez

.

NOTA SOBRE O CANTAR
…..O Jacinto é un bo amigo, que anque non en moita cantidade, colleita un viño tinto caíño, albariño e branco país, que lle randea o nabo con calquera dos tres.
….. Todolos anos polo mes de Maio vendíao no seu furancho, e uns cuantos amigos xutabámonos alí pra beber e botar unhas cantiguiñas de paso.
….. Fai uns anos fixéralle un cantar titulado “O FURANCHO DO JACINTO” coa idea de cantala no furancho entre os amigos.
….. Agora e xa coa edade bastante avanzada, dende fai un par de anos decidiu venderlle a colleita toda a un restaurante ourensán, para poder librarse de atender o furancho, xa que lles daba bastante traballo tanto a él coma súa dona, que era a que facía as tortillas e fritia os chourizos e pementos para acompañar o viño. Amais non lle compensa abrilo, ante as obras que tiña que facer impostas pola nova normativa da Xunta sobre furanchos.
….. Outro bo amigo meu, e aínda mellor músico e gaiteiro, Julio González Álvarez, deume a idea de facerlle un cantar de despedida e peche ó furancho. E a min como estas cousas non é que me deñan moito traballo facelas que digamos, pois eso. Entre os dous fixémoslle un cantar dedicado o peche do Furancho do Jacinto.

Sin título

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN.

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN
Vaia detallazo que ten a organización das cantigas pra conmigo, sobre todo cando hai moita xente que o merece mais, ou alo menos igual ca min. Empezando por eles mesmos, por ser capaces de levar as cantigas un ano mais ás tabernas de Lalín.
Son un namorado da música tradicional e por suposto das cantigas tabernarias, xa que as tabernas eran o conservatorio que tiñamos os que somos de aldea e onde pasabamos moito tempo os fins de semán.
Que mellor cousa que botar unhas cantigas acompañado polos amigos e diante dun xerro de viño e uns torresmiños recén feitos.
Así que nas tabernas de Cadrón, Muimenta e a Ponte, foi onde empecei a cantar cos amigos ata que o futbolín e o televexo botáronnos pra fora pouco a pouco a nós, e a todos os que cantaban nas tabernas, non tardando moito en desaparecer tan fermosa costume.
Que ledicia que se volvan recuperar en moitos sitios e por moitos grupos que axudan a facelo e entre os que teño moi bos amigos.
Na miña cantiga “Un cocido de Lalín” dediqueilles ás cantigas un par de versiños como non podía ser menos, despois do empeño que están a poñer en recuperalas no noso concello.
Unha magoa non darme tan fermosa noticia uns días antes, e ter comprometida esa data nun festival benéfico do que non me poido librar, pero farei todo o posible por estár no folión do remate no “Picoteo” e así poder saudar a Crespo e á organización pra darlles ás grazas polo detalle que teñen pra conmigo. Amais, a data quedará reservada pra non perdelos nos vindeiros anos.
Unha perta pra todos.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/homenaje-jose-iglesias-fernandez/1615275.html

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/quince-bares-seran-escenario-dia/1615276.html

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2017/02/01/recuperar-as-tradicions-antano-musica-cantares/0003_201702D1C11992.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/boboras/2017/02/02/span-langglgrupos-maside-boboras-ourense-cantos-taberna-lalin-span/0003_201702O2C11997.htm

16386886_10208344645556970_7823535951118372534_n

16426120_10208344645676973_4740160327710127420_n-1

img-20170219-wa0001 img-20170219-wa0003 img-20170219-wa0004 img-20170219-wa0005 img-20170219-wa0013 p1170623 p1170625

OS NENOS CANTORES DE CADRÓN E FUXAN OS VENTOS

Artigo de José Luís Sucasas en “Praza Pública” sobre as cantigas de reises na parroquia de Cadrón:
http://praza.gal/opinion/3739/os-nenos-cantores-de-cadron-e-fuxan-os-ventos/?utm_source=dlvr.it&utm_medium=twitter

sin-tc3adtulo3

A FEIRA DOS CARBALLIÑOS DE VILATUXE

          A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate os derradeiros anos do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
          Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
          Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
          Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo na década dos 80, o non se adaptar ós tempos modernos, e entre outras cousas ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais.
          Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa historia e da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
          Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
           Eu tiven a ledicia de visitala case todos os anos dende o  2012 no que se fixo a primeira, e de verdade que quedei prendado do que alí vin.          Este ano, fun cos meus compañeiros, Benito e a súa zanfona, J. Carlos co acordeón e Antonio á percusión a botarlle unhas cantiguiñas, anque o tempo non axudara moito para ter unha boa feira. O que si é seguro, que por alí andaremos en anos vindeiros sempre que se poida.

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

Chamoume San Pedro ó ceo,
xa que en Lalín son nacido,
que lle leve unhas cousiñas,
pra facer un bo cocido.

Un lacón, unha cacheira,
e unha ristra de chourizos,
ademais dunhas castañas,
afumadas nos canizos.

De Muimenta unhas patacas,
uns greliños de Cadrón,
dous botelos do Castelo,
e de Bermés un bo xamón.

Pois xa ten prendido o lume,
co trespés ben asentado,
o pucheiro cheo dauga…
e a Deus sentado ó lado!!!

Seica levan todo o ano,
cunha dieta sen excesos,
pasando mais fame os dous,
que os carrachos dos codesos.

Así que voume pralá,
como un rapaz ben mandado.
Se lles fago un bó cocido,
xa teño o ceo gañado.

Pois eu méritos non teño,
pra gañalo doutro xeito,
que a rezar –eles xa o saben-
a verdá… no-estou afeito!!!

Convidareinos despois,
-pra que estarriquen as pernas-
a uns paseos por Lalín,
e a cantar polas tabernas.

E remato xa este conto,
dando a razón ós que dín,
que non hai mellor cocido…
que o que se fai en Lalín!!!

Nunca escribira nada sobre da Festa  do Cocido de Lalín. Así que considerando tal feito como unha débeda, ahí vai un pequeno poemiña, que andando un pouco o tempo, penso musicar tamén.

images

O APALPADOR

O APALPADOR.
……..Anque se coñece tamén con outros nomes (pola miña bisbarra do Deza “O Panceiro”) é unha das figuras míticas da Nosa Galicia.
……..Representa a un home que visita ós nenos na noite de Nadal pra apalparlles o bandullo, e saber deste xeito, si foi un ano de fartura pra eles. O meu pai decía que representaba á figura dun borralleiro, anque non sabía explicarme moi ben o que era un borralleiro. Por Pontevedra, teño escoitado que se refíre a un repartidor do carbón que entra polas chimeneas, cousa estrana, pois as lareiras nas aldeas, non tiñan chimenea e o fume saía polas tellas.
……..Na miña casa do Castelo ademais, deixaba unha presiña de cascallos (castañas secas no canizo) debaixo do cabeceiro da cama, e que chupabamos os rapaces pro outro día con toda ledicia, xa que os caramelos daquelas non abondaban moito. Tamén se cadraba, deixaba ademais dos cascallos, algún xoguetiño daqueles “artesáns” que facían os nosos pais.
……..Ó marchar, sempre escribía con un tizon do lume na tapa da artesa a mesma frase ”Ogallá teñades a barriquiña chea durante todo o ano”
……..Anos despois, soupen que era o meu tio Camilo quen escribía.
……..Esta fermosa figura, foise perdendo co tempo por mor de outras culturas que nos son alleas e sustituíada por un tal Papá Noel que non ten nada que ver coas nosas tradicións mais ancestrais e fermosas, anque dende fai uns anos, parece que empeza a recuperarse outra vez e volvendoa ó lugar que lle corresponde, e do que nunca debeu sair.
……..E sería desexable e de agradecer, que a industria e o comercio galego tivéseno presente nas súas campañas publicitarias, xa que a súa figura é moito mais fermosa e mais achegada a nós Ca do Papá Noel.

Vaite logo meu meniño,
marcha agora pra camiña,
que vai vir o Apalpadore
a apalparche a barriguiña.

Durmete miña meniña,
durmete xá meu amor,
que non te atope desperta,
o señor apalpador.

03_06_2010-9_23_35-apalpador

 

COMO COLLER UNHA CUNCA DE VIÑO. LECCIÓN MAXISTRAL

COMO COLLER UNHA CUNCA DE VIÑO TINTO
…….. O de cómo coller unha cunca de viño para beber, parece unha trangallada, pero non é tal. Collela como Deus manda, e saber soprala como calquera instrumento musical, é unha arte. Habería que facer do viño e da cunca, unha carreira en Belas Artes, para despois facer un master nun furancho durante un ano inteiro e festas de gardar.
…….. Empecemos por decir que si o viño é a bebida dos Deuses, Galicia é o paraíso dos viños. Os da Meseta chámanlle caldo porque non teñen outra casta de caldos, pero o caldo para nós é outra cousa que non ten nada que ver co viño, anque en ocasións bébense os dous por cunca, e ata hai quen os mistura.
…….. Unha vez chea a cunca do viño, pódese coller de catro xeitos: “Estilo señorito” “Á maneira dunha asa” “Xeito trapalleiro” e “Modo galego ou tradicional”
…….. O “Estilo señorito” e o erro mais espallado polas tabernas e furanchos, pra iso, cóllese a cunca polas veiras coas xemas dos dedos indice e pulgar para levala á boca.   “A maneira dunha asa” ven sendo como o “Estilo señorito” pero collendoa pola cima. E moi incómodo coller a taza  deste xeito, pois sempre acaba tropezando a man co nariz.   “Xeito trapalleiro” que consiste en collela coas dúas mans . Tamén hai quena colle co pulgar no borde e co resto dos dedos no cú da cunca, derramando o viño ó collela a meirande parte das veces.  E como remate, temos o “Modo galego ou tradicional” que merece comentario aparte.
…….. Para coller unha cunca como un bo galego, primeiro hai que enchela ata a cima de todo pero sin que bote por fora. O que todos coñecemos como “Sácarlle o ar a cunca” cando o taberneiro está co xerro botando no viño. Unha vez esteña a cunca chea, hai que pechar a man, collela polo lado de fora co dedo índice encollido, e polo lado de dentro coa xema do dedo pulgar. A punta do dedo pulgar, ten que estar sempre metida no viño. Un bó bebedor de viño tinto coñécese porque ten a uña do dedo pulgar como si estivera arrincando no esterco. Unha vez ben collida, hai que cangarse pra diante, erguer a cunca e levala á boca. Bébese ata a mitade mais ou menos sin respirar e mirando pro viño. Vólvese poñer a cunca no mostrador, lámbese a punta do dedo, e bótase un pequeño aturuxo seguido da frase “Agora xa o homiño é home” pra rematar despois cantando “O Miudiño” ou calquera outra cantiga.
…….. Eu a cunca, colloa como un bo galego que son, da maneira tradicional, da de sempre… da de toda a vida, vaia. E desto podo presumir que sei, porque o meu avó era arrieiro do viño. Así que a arte de collela venme dada por herdanza
…….. E para rematar esta lección maxistral, decirvos o afortunados que somos os que temos bigote, porque o trago de viño que mellor sabe, é o que queda entre os pelos e lambese media hora despois de tomarlle a penúltima cunca.
…….. Apertas para todos, e bo furancheo.

1350982505806