OS ZOCOS

OS ZOCOS

          Segundo parece, a orixe dos zocos está nas rexións húmidas de Europa, e aínda que hai algunhas diferenzas na súa forma, atopámolos dende Inglaterra ata Galicia pasando por Suecia, Holanda, Asturias ou Cantabria, sendo o mellor calzado para as zonas agrícolas.

          Indispensables no noso rural ate hai uns trinta anos, están feitos por dúas pezas, unha de coiro e outra de madeira. Loxicamente, o deseño foi cambiando co tempo ata hoxe en que atopamos zocos de coiro repuxado con fermosos debuxos e cores, madeira tallada etc.

          A madeira preferida polos zoqueiros era a da beira dos rios, ameneiros e vidueiros, por ser unha madeira moi clara e facil de traballar, ao mesmo tempo moi resistente á auga. Tamén se facían de cerdeira, que aínda que era unha madeira mais quente pros pés, había que cocela, pois tiña tendencia a poñerse amarela co  tempo. Segundo teño entendido, as árbores que ian destinadas os zocos, había que cortalas na lúa menguante do mes de Agosto e deixala secar de tres a catro semanas para poder traballala sin que fendese.

          A parte que cubría o pé, estaba feita de coiro de vaca ou cabalo, e cravábase a parte da madeira con craviños curtos e de cabeza ancha. Facíanselle unhas botoeiras na empeña e axustábanse con amallós feitos do mesmo coiro que os zocos.

          Na parte inferior da base de madeira cravábanselle unhas cantas chatolas para que non se gastase tanto a madeira e tamén para que non esvarasen sobre as pedras das congostras e corredoiras por onde se andaba.

          Era un calzado moi cómodo, quente e resistente á humidade. Para que o coiro se fixese impermeable e duradeiro, untábase con graxa de porco sen sal. Na matanza tamén se  gardába o mexadeiro do porco para tal mester, os zocos deixábanse a secar pola noite o pe do lume da lareira, e pola mañá quentábase o mexadeiro e untábanse con el. Os zocos ben engrasados non deixaban pasar a auga. Para facelos mais quentes metíaselles herba seca facendo de niño para o pe e acompañábanse cuns calcetíns de lá ben grosos.

          O meu amigo Alberto Fabrexo, zoqueiro dá Terra Chá, cóntame que o oficio de zoqueiro tal como eran os zocos de antes, era un oficio bastante sinxelo, que non precisaba de moitas ferramentas, e moi estendido, pois había ún en cada parroquia. Tamén que a Terra Chá é moi coñecida polos artesáns da madeira ou da pedra e que en tempos pasados todos os veciños eran zoqueiros. Era un oficio de tempada e compaxinábase coas labores do fogar, xa fosen agrícolas ou gandeiras. Polas terras do Deza de onde eu son, era moi coñecido o zoqueiro Xan da Xesta, natural dá parroquia do mesmo nome e que ademais era un bó músico e mellor gaiteiro.

          A min de cativo mercábanmos sempre no zoqueiro de Cadrón (Lalín), ao señor Manuel de Suaseiras e tempo despois, cando viñen pra Pontevedra, aínda lle merquei tres ou catro pares mais. No pobo usabaos sin chatolas porque con elas, ao andar polas veirarrúas, facían moito barullo e chamaban a atención. En lugar das chatolas poñíalles uns anacos de goma das rodas de unha bicicleta, e aínda así, algúns quedában a mirar pros meus pés e para aquel calzado que, de seguro, nunca viran. A partires dos 19 anos, cando marchei para facer aquela cousa tan rara que chamaban “mili” non os volvín a poñer mais.

          Os zocos foron desaparecendo do rural debido á mellora dos camiños e á mecanización dos labores agricolas anque pola montaña, aínda seguen a verse algúns.

Imaxe

ImaxeP1070715

A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

 A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

De mañá estaba Carmiña,
lavando a roupa no pilón,
e achegueime ata onda ela,
pra lle dar conversación.

Das rapazas de Muimenta,
é con moito, a mais fermosa,
e ten a pel coloradiña,
coma os pétalos da rosa.

— Bos días teñas Carmiña,
tés uns fermosos colores…
Vés… que vou levalas vacas,
alá pro Alto de Corres?

En canto escoitou aquilo,
mirou pra min de seguida,
e acoiteloume cos ollos,
como matándome en vida.

– Vaite de eí condenado,
non sei que facer contigo.
Ti queres enamorarme,
i eu non te quero conmigo!

– Ai por Dios miña Carmiña,
vaia rabia que me tés,
i eu de ti enamorado,
dende a cabeza ata os pes.

– ¡Que non te quero ver diante,
ben sabes o que che digo!
¡Podes ir collendo o coche,
e marchando cara Vigo!

– Dime que foi o que fixen,
que non foi do teu agrado,
ou que me viches facendo,
pra ter semellante enfado.

– Andabas onte na festa,
do San Lourenzo bailando,
e viñeches roubar-mo bico,
polo que estabas rabeando.

– E que pecado cometín,
nin que cousa parecida?
Solo quería que foras,
o amor da miña vida.

-Levache chasco, Pepiño
e quedáchete coas ganas.
Eu non son desas rapazas,
que se fian das palabras.

– Pois sen vez do San Lourenzo,
fose o día do San Brais,
roubábache un par de apertas,
e algunha cousiña mais.

– Arrenejado Pepiño!
Xa podes ir pro Castelo!
Pois seguro que ó meu niño,
non lle vas tocar ni un pelo!

E alí a deixei rosmando,
como se fose un cadelo.
Metín as vacas na corte,
e marcheime pro Castelo.

– Pois pralá me vou Carmiña.
Vou collendo carretera,
e xa que ti non me queres,
buscarei outra calquera.

Fai xa moitos anos que fíxen iste “romance” de desamor e desencontro a unha rapaza, inspirado nos parrafeos que se facían entre os namorados nas nosas aldeas, para contar e cantar as conversas entre iles. Relataban o encontro, a conversa e remataban na maioría das veces felizmente, anque moios deles tiñan un remate non moi ledo, como é o caso deste.  A tal Carmiña do romance, tanto pode ser que existira na realidade coma que non, e de existir de verdade, pode que se chamase Carmiña como tamén pode ser que non, asi como que fose de Muimenta ou que non o fose…

Imaxe

Imaxe

AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

        As viaxes naqueles autobuses, alá polos anos 60/70, cando a estrada entre o Castelo(Lalín) e Pontevedra era tan estreita que apenas cabían dous ao par, cando non tiña máis ca curvas, cando a subida á cima do Candán facíana a “paso de tartaruga” e cando paraban en todos os pobos da ruta (O Castelo, Muimenta, Goiás, Lalín, Botos, Soutolongo, Vilatuxe, Laro, Refoxos, Candán, Aciveiro, Cachafeiro, Folgoso, Cerdedo, Pedre, Santa María e San Xurxo de Sacos, Viascón, Tenorio, Bora e Pontevedra ) facíanse interminables. Chegaba un tan canso ao seu destiño, que lle facían falta dous días pra repoñer forzas.
        Non lembro o tempo que lle levaba percorrer os 90 Km. que habería daquelas entre os dous sitios, pero debía pasar ben das tres horas de viaxe. En cada sitio que paraba (que era en todos), perdía tres ou catro minutos pois daquela, todo o mundo andaba con maletas que había que subir para baca do coche, onde ían tapadas cunha gran lona para que non se mollaran nin se mancharan, xa que os maleteiros baixos eran tan pequenos que apenas collían tres ou catro maletas. Amais, algunhas veces, a lona soltábase e había que parar pra atala de novo. E aínda por riba, en Lalín e Cerdedo sempre paraban uns dez minutos para estarricar as pernas e mollar a palleta na de Mouriño ou na do Roxo.
        Chegaba un a Pontevedra coa cabeza tola polo ruído que facían e polo cheiro o gasoil, pois o motor levábano dentro. Lémbrome daquelas palancas de cambio que tiñan e que medían un metro, tremían todo o camiño dun lado pra o outro e cada cambio de velocidade leváballe ao condutor un tempo, pois o percorrido que facía era ben grande e había que embragar dúas ou tres veces, co que o coche perdía bastante velocidade nos cambios. Algunhas veces, cando a viaxe era pola noite, o revisor levaba unha escopeta, porque había moitos coellos entre Aciveiro e Cachafeiro. Moitos cruzaban por diante das luces do coche e disparáballes pola ventanilla de diante. Mataba tantos que algúns dáballos ós viaxeiros
        Pasar o Candán no inverno coas nevadas que había daquela, era un perigo que había que estar alí para velo. A maior parte das veces, cando o autobús esvarexía, baixaban os homes que viaxaban para axudarlle ao revisor a coller pedras dos balados para poñer diante das rodas e poder seguir. Un ano baixando cara Aciveiro, (lémbrome que era revisor o Sr. Manuel de Borraxeiros na Agolada e que rematou despachando billetes na parada de Pontevedra) o autobús foise da estrada e arrimou contra un torreón na ladeira do monte nunha curva que había antes do Río Lérez. Tiveron que vir uns veciños con vacas, e o mesmo tempo que tiraban del, os viaxeiros empurraban ata que o sacaron de alí. A cousa rematou ben e con celebración nunha taberna que había en Aciveiro, mentres as mulleres e os rapaces esperabamos no coche.
        Pero o certo é que nos anos que viaxei nunca tivo un accidente ningún dos autobuses que viaxaban entre Lugo e Vigo. Eran bos condutores, si señor. Lémbrome dun (o Sr. Pepe) que conducía sempre agarrado a un puro e gustáballe moito cantar, en canto me miraba na parada botábame un sorriso pois sempre cantabamos algo durante a viaxe, ata que o mareo empezaba a facer efectos.
        Os revisores eran uns artistas do equilibrio pois tan pronto subía alguén, e o coche empezaba a moverse dun lado pro outro, polas curvas e o mal estado da estrada, eles, espetaban os pés no chan e escribían o billete sen que lles tremera o pulso e iso que o corpo íalles bailando de un lado pro outro. Ademais do Sr Manuel tamén me lembro dos Castros, o grande e o pequeno como eran coñecidos. O grande aínda ía indo, pero o pequeno, tiña unhas malas pulgas doentes de moito nabo. Berraba con todo o mundo e non podías levantar a voz máis cá súa ou ameazaba con baixarte na próxima parada.  Pero non era mala persoa, non. Eu penso que o facía para entreterse en tan longas viaxes pois dende Lugo a Vigo, debía llevarlles todo o día. Unha vez na que eu ía coller o autobús para Pontevedra, atopábame en Muimenta e pensei que aínda me daba tempo de chegar ó Castelo para collelo alí. Botei a andar, pero calculei mal a cousa, porque na metade de camiño, nun sitio que se chama o Alto de Corres, xa o escoitei. Tan pronto o vin levantei a man para paralo e nada máis subir ,mirei para o revisor e pensei “vaia oh, tiña que ser el, o Castro pequeno” teméndome o peor. Nada máis sentarme, arrimouse á miña orella e díxome máis ou menos:
        – Rapaz, tiveches sorte de que che parase o chófer, que se é por min, quedas na estrada. Así que xa sabes, para a próxima estás na parada, ou esperas para o outro día, e se tes apuro vas pola besta e fas a viaxe nela.
        Pero o malo foi que non quedou aí a cousa, non. Cada vez que non tiña nada mellor que facer, achegábase á miña orella e rosmabamo unha e outra vez, e así foi todo o camiño ata chegar a Pontevedra. E eu caladiño, e aguantando o chaparrón que para iso os rapaces de antes eramos ben educados según decían.
        Viaxaba moita xente daquela. De Pontevedra cara a Lugo sempre ían dous ou tres autobuses de reforzo e daban a volta segundo ían baixando os viaxeiros. En Cachafeiro case sempre quedaba un baleiro ao baixar moita xente de Forcarei. E a partires de Lalín, xa sempre seguían dous ou un só. O peor era cando había que ir de pé toda a viaxe e íaselle preguntando aos sentados onde baixaban para ter xa o sitio collido.
        Agora despois de tantos anos, dá gusto mirar para aqueles autobuses tan fermosos e que se están tentando recuperar. Que ledicia velos pola estrada, e ata dan ganas de viaxar neles outra vez… claro que as condicións nas estradas de hoxe xa non son as mesmas que as de antes.

Imaxe

HISTORIA DA BANDA POPULAR DE MUIMENTA

HISTORIA DA BANDA POPULAR DE MUIMENTA

          A banda máis antiga do municipio de Lalín da que da conta Enrique Alvarellos Iglesias no seu libro é a de Noceda, fundada en 1859 e desaparecida en 1924. Desta agrupación saiu unha abundante canteira de músicos, que máis tarde nutrirían outras moitas da comarca. O primeiro director coñecido foi Ángel Riádigos (bombardino) a principios do século XX. A súa morte, aos 80 anos, supuxo tamén a defunción da banda. A súa desintegración case coincidiu coa creación da veciña de Bendoiro. Os seus compoñentes repartíronse entre varias agrupacións, como a da Xesta ou a de Gregorio, tamén antiga, pois durante un tempo esta –da que non hai datos concretos– e a de Noceda foron as únicas do municipio.

Imagen


A seguinte recollida no libro Bandas de música de Galicia é a de Filgueira, aínda que a súa traxectoria se limita ao século XIX (1862-1898). Os seus fundadores foron os irmáns Balado e non debía sobrepasar a quincena de compoñentes, iso si, todos con solfeo. Florentino Pampín García, bombardino falecido en 1915, foi o encargado de impartilo aos seus compañeiros, pero negouse a ensinarllo ao seu fillo, malia ás presións: “Para pillar fame e calamidades, ben cheguei eu”. A anécdota, citada por Alvarellos, ilustra o que era ser músico daquela. Cando ían tocar a casas pudentes co gallo da onomástica do seu patriarca despedíanos cun “moitas gracias” e, se algunha vez lle daban a comida, tíñanos apartados da familia, coma se non foran persoas. Era un dos peores desprezos para os músicos da época.

Imagen

          Fundada en torno a 1875, a Popular de Muimenta é a única decimonónica do municipio que se mantén en activo. Alvarellos indica que o promotor foi José Vilariño, axudado por nove compañeiros. Está considerada como a “nai da Banda de Goiás”, coa que chegaría a fusionarse puntualmente cando ésta última se vía debilitada de intérpretes. “Tan pronto los músicos de Goiás llegaban a ser mayores en número, prescindían de la de Muimenta y reorganizaban la suya –recolle o libro das bandas–. No obstante, la de Muimenta resistió cuantos vendavales le han surgido, que no fueron pocos, y con más o menos músicos, fue aguantando heroicamente hasta nuestros días, sin haber llegado nunca a desintegrarse”. O fillo do fundador, do mesmo nome, que tocaba a trompeta, asumiu as rendas ata 1946, “en que tuvo que dejarla por motivos de salud”. Mecánico de profesión, “su fama la adquirió por afinar instrumentos para un gran radio geográfico”, prosegue o relato dunha das agrupacións máis documentadas polo autor. Parece que mesmo chegou a fabricar unha gaita para o ditador Francisco Franco, por encargo do Concello de Santiago, “logrando en ella un sonido como si hubiera sido construída en boj”.

260455_176788732384424_3468340_n

           Relevouno Eliseo Pedreira Fernández, trompeta da banda desde os 16 anos, que levaría a batuta ata 1972. Formou a gran número de músicos e levou a Muimenta por toda Galicia e ata fóra dela. De feito, disque un ano mesmo foron invitados ás Fallas de Valencia, pero renunciaron por temor a que o repertorio non lles dese para catro días de actuacións. Eliseo aboliu o costume que a banda tiña de dividirse para poder atender dúas ou máis festas á vez. “Máis vale facer menos festas, e facer boa banda”, dicía. Soubo compaxinar a música coa súa profesión de xastre ata tal punto que en tres ocasións atendeu tamén a dirección da Banda de Vilatuxe (1947, 1949 e 1974). Unha vez reuniu aos poucos músicos que quedaban de Lalín e Vilatuxe, formando un grupo de 25 que actuaría no San Cristovo. A experiencia foi tan positiva que logo tocaron tamén nas Dores, no Montserrat e incluso saíron a Portugal.

banda-de-muimenta-1980          Alvarellos destaca o interese da parroquia por manter viva a formación, mesmo chegando a implicarse economicamente en momentos delicados. Tamén relata algunha anécdota, coma cando en 1967, a música da “Popular” soou en todo o Estado, xa que Televisión Española proxectou unha actuación que tivera en Cambados co gallo da Festa do Albariño. En 1972 asume o mando Secundino Pedreira Prado, que dirixira a Bermés, ao que seguirían Anatole Pallás Fuertes e Manuel Gato Soengas, teniente director da Banda da Policía Nacional, do que Alvarellos escribía a comezos dos anos 80: “Su experta y técnica dirección hizo notar un marcado cambio en la Banda de Muimenta, necesitada, desde hace años, de un auténtico profesional”. Os directores máis recentes foron Cándido Alvarado, José Luis Represas Carrera e José Bugallo Senra, batuta actual dunha formación que fai honra á denominación “popular” e, lonxe de aventurarse en certames e competicións, mantense fiel á tradición dos pasarrúas e dos campos das festas.

 (Esta pequena historia da nosa banda está copiada do seu blog)

bloghttp://bandademuimenta.vifito.eu/historia/

Imagen

 261645_176790349050929_4460370_n

Fotos cedidas por José iglesias Fernández.-

261645_176790349050929_4460370_n

Fotos cedidas por José Angel Silva Mejuto.-

b. muimenta 1

b. muimentaFotos incluídas no Face da banda.-

aaaaaaaaaaaaaaa

Fotos cedidas por Pepe Fdez. Vilariño

261645_176790342384263_6087966_n

Sin título 1

Fotocopia da tarxeta de felicitación das festas do Nadal do ano 1997 e que conservo na miña colección de músicos da terra.

baada-de-muimenta

  • A banda no ano 1972

338104_258916944155354_326991770_o

A LAMA: Praza da Pedreira. 2019

O FURRIEL (De Muimenta)

O FURRIEL (De Muimenta)

          Fai tantos anos que aquel home traballou na nosa casa de Muimenta, que xa apenas me lembro del, e aínda menos do seu nome se é que algunha vez o souben. Era o Furriel para todos, non sei se por herdanza do servizo militar ou porque era o seu propio apelido.

          Na casa, había unha pequena taberna mesmo na entrada debaixo das escaleiras que daban ao andar de riba, ademais dunha panadería que se fixera nova fóra da casa arrimada á eira. Hai uns anos que os meus curmáns Afonso e Isabel desfixérona e levárona para detrás da casa, e ben fermosa que loce alí. Vén ao caso porque o Furriel era o que traballaba na panadería e na taberna, anque nesta algo menos,  pois con él preto, corrían perigo as botellas da augardente.

          Era un home moi traballador e de moita confianza na casa. O meu pai dicía dél, que era das persoas máis leais que coñecía, sobre todo facendo as contas, cando o mandaban a Lalín mercar as cousas  para a casa e para o traballo.

          Fumaba e bebía augardente coma un carreteiro, sen que teña eu nada en contra dos carreteiros. El foi o que me meteu o vicio do tabaco sendo eu moi cativo. Polas tardes mandábano  picar na leña para o forno na eira. Alí  había moita broza e carqueixas amontonadas, polo que o meu padriño Jesús non quería que fumara alí porque podía prender lume. Pero el tiña unha solución, mandábame a min para detrás do valado co pitillo prendido e cando me chamaba, dáballo por un buraco que había, botáballe unha chupada e volvíamo. Claro que iso levou a que eu empezase a darlle tamén unhas chupadiñas de cando en vez.

          Non me lembro nin sei de como chegara á nosa casa, de onde viña e se tiña familia ou non.

           Pero volvendo ao de antes, e como dícía, era moita a augardente que bebía. Pola noite xuntábase moita xente na casa, pois a taberna, ao ter o mostrador pequeniño, o viño e ó café poñíanse na cociña, que era moi grande e na que se estaba moi ben nos seráns do longo inverno ao pé da cociña de ferro. A cociña hoxe en día, segue tal cual era daquelas. Sentábase nun tallo que levara eu do Castelo para min, e que me fixera o meu tio Camilo e que rematou sendo del, e alí botaba a noite bebendo augardente e dándolle de cando en vez uns grolos aos cans, que era unha cousa que lle gustaba facer non sei moi ben o porqué, e iso que o meu padriño Jesús berraba sempre con él para que non o fixera.

          Había un capón na casa que andaba sempre solto e ao que lle gustaba o viño. Aproveitaba as pingas que caían nas tazas que se poñían debaixo dos pichos dos pipos para que non caesen pro chan, e ademais moitos dos que alí viñan, deixábanlle un grolo no cu da taza para darllo. O caso é que o Furriel e mailo capón, andaban a tumbos a diario dun lado para o outro.

          Segundo contaba o meu pai, unha noite pillou ao Furriel dándolle augardente ao capón cunha botella daquelas que tiña un bico para botar as pingas no café. O caso é que ao outro día o galo apareceu teso na eira. O meu padriño, seica lle botou unha berra de moito nabo,e el tomouno tan a peito que lle dixo ao meu pai que se ía aforcar nunha viga. Alá polo medio da tarde e ao non aparecer pola casa, foron ver se o atopaban e seica estaba no que foi a palleira subido nun tallo e cunha corda ao pescozo atada a unha viga. Contaba o meu pai que a corda estaba moi frouxa e que lle díxo meu padriño:

          – Pero ti que andas a facer?

          – Voume aforcar.

          – Pero terás que estarricar máis a corda carallo, ou? Non ves que así vas sofrir moito o andar arrastrando os pés polo chao ata que morras…

          – Bueno, vostede déixeme, que eu ben sei o que me fago.

          Marcharon e deixárono alí pensando en que non corría ningún perigo, pois non tiña nin a máis mínima intención de aforcarse. O remate do conto segundo dicía o meu pai, foi que cando se fixo noite, foino buscar a miña madriña Maruxa para que viñese cear e seica chegou á cociña, sentouse no seu tallo que era o meu e ceou e bebeu a augardente que quixo sen falar palabra con ninguén.

           Non lembro o momento no que marchou de Muimenta. Pode ser que fora, cando a miña madriña marchou  vivir para Vigo, pero non o sei certo. O que sí, é que un tempo despois, eu fun facerlles unha visita aos meus curmáns de Moneixas, e cal é a miña sorpresa cando me di a miña curmá  Fe que o Furriel da nosa casa de Muimenta, casara cunha muller da aldea que tiña uns nove fillos, que preguntaba moitas veces por min e que cando fora por alí que non deixara de facerlle unha visita, como así fixen. Pola noite, o meu curmán Pepe, levoume a casa dél e sentín unha gran ledicia por volver velo, e no seu abrazo notei tamén que se alegraba moito de verme.

          A estampa que vin alí, pareceume cómica, el era cativo e delgado,  penso que non pasaba dos  cincuenta kilos e a muller coa que casara, tres veces máis grosa e máis alta ca el. Alí estaban tamén tres ou catro fillas da muller, moi fermosas todas, e ela diante da cociña de ferro facendo unhas rosquillas. Alí estiven un bo anaco falando con eles e comendo daquelas rosquillas… das que non vou dicir nada.

          E alí viviu durante un tempo, en Moneixas. Ata que cheguei un día e a miña curmá contoume que marchara (non lembro se pra Vigo) pois a muller seica lle metía cada tunda que pra qué, e ata me parece que unha vez andivo detrás del pola aldea  en diante cunha machada na man.

          Pero o que é a vida. En Pontevedra, onde eu vivía, estaba o asilo moi preto, e ao seu carón había unha taberna que se chamaba “Casa Lino” onde paraba sempre para coller o pan e tomarlle unha cervexa. Un día cando ía entrar, escoitei que chamaban por min, volvinme, e quen era o que me chamaba dende o alto do muro….¡¡¡ O FURRIEL!!!, mecajo no demo,o mismo Furriel da miña casa de Muimenta, o que se quedera co meu tallo. Saltei o muro e démonos un abrazo dos que non se esquecen tan facil.

……….Alí estaba, pero non o deixaban salir porque dicia a superiora que sempre chegaba “moi alegre”. Eu daquela, dedicábame á música e pasaba moito tempo en Lugo e en Santiago. Encargueille ao Sr. Lino que non lle faltase tabaco, e que lle dese de cando en vez algunha botella de viño ás agachadas.

          E alí estivo un tempo, pouco tempo. Ata que un día cheguei, e o Sr. Lino, díxome que había uns días que non aparecía polo muro do asilo. Fun falar coa superiora e díxome que escapara unha mañá, e que seica o viran polos arredores da estación do tren. Non volvín a saber nunca máis del, do Furriel…do meu Furriel, do Furriel da miña casa de Muimenta…aquel que se quedou co tallo que me fixera o meu tio Camilo do Castelo.

cropped-sin-tc3adtulo4.jpg

 

A TRADICION DO CLAMOR EN LALIN

A TRADICION DO CLAMOR EN LALIN

          Existe unha tradición pola Comarca do Deza chamada “O Clamor”. Ten lugar entre as parroquias de Vilariño (Agolada) e Bermés (Lalín) e ven sendo coma unha rogativa que se fai por dous motivos, ou ben porque apreta moito a calor para pedir que chova, ou para pedir calor porque moitos días de auga poden estragar as colleitas. Pra facer a cousa mais sinxela, pra que chova ou que deixe de chover.

          É unha tradición relixiosa que se remonta uns cuantos séculos atrás e na que a Virxe de unha das dúas parroquias vai visitar á Virxe da outra situada a uns 15 kilómetros mais ou menos. Faise entre estas dúas parroquias pola lenda que dí que as súas Virxes son irmás. Antiguamente, tamén participaba a de Ventosa pois según se decía, era a nai das outras dúas. Ademais destas tres parroquias, participan no clamor unhas vinte mais.

Imagen

          A rogativa faise en Vilariño para pedir o bó tempo e en Bermés para pedir a choiva e consiste nunha procesión que se fai a pé entre as dúas parroquias, e na que os gastos que ocasiona cubrense cos donativos que se conquiren entre os veciños das parroquias polas que pasa. En ela participan os fieis, os curas das parroquias, a banda de música e o fogueteiro.

          A procesión comenza as sete da mañá  nunha das dúas parroquias para facer coincidir a chegada coas 12 do medio día, momento cume no que se xuntan as dúas Virxes, quedando despois ambalas dúas na igrexa durante os días que dura o clamor e que deben ser os que dura unha novena. Ó remate deste tempo, volve a imaxe a iglesia de procedencia repetindo os mesmos actos e percorrido.

          A comitiva, pasa por Vilariño, Esperante, Cadrón, o Castelo, Cancelas, Erbo, Palmou, Camiño Real e Bermés. Por cada parroquia que pasa, o santo ou santa da igrexa do lugar sácase ó camiño e saúdanse as dúas imaxes, mentras a banda de música toca o himno español e o fogueteiro arrealle lume os foguetes mentras dura o acto. No Castelo pasa por un camiño que hai polo medio das casas pero o ser aldea e non ter igrexa, faiselle un arco de polas de caraballo e de oliveira con fiunchos e unha pequena alfombra de flores para darlle a benvida.

          Eu tiven a ledicia de participar no penúltimo que se celebrou fai uns trinta anos, e anque non son de moita devoción, si que disfrutei coa compañía dos veciños percorrendo os camiños que andiven de cativo pra ir as festas das parroquias dos arredores do Castelo.

           Que despois da rogativa chova ou deixe de chover, xa é outro cantar no que eu non me meto. Ese ano, choveu ó cabo de quince días mais ou menos, úns decían que por milagre das Virxes e outros  porque estaba de chover. Que cada ún fale da feira según lle vaia nela como dí o refrán.

           O que si sei é que si se celebrase outra vez e anque non son nada creente destas andainas, si que me gusta que se conserven as nosas tradicións e sentiría un enorme pracer en volver a facer o percorrido e volver a compartir uns intres cos meus veciños de sempre.

          Unha aperta pra todos.

Imagen

Sin título      11949582_869204223126620_1595525732_n

         

 

ROMANCE PRAS MOZAS DE LALIN

ROMANCE PRAS MOZAS DE LALIN  (1976)

Na Agolada hai boas mozas,

moi fermosas en Silleda,

e en Lalín témosvos moitas,

bonitiñas coma estrelas.

 

As que temos no Castelo,

cando fai moita calor,

non fan uso do refaixo,

e andan sen suxetador.

 

E os domingos, de paseo,

o chegar onda a taberna,

recachan as súas saias,

para enseñarno-las pernas.

 

As da Ponte e as de Muimenta,

que fan uso do sostén,

rabean por se casar-e,

e non atopan con quen.

 

Pásalles por presumir,

e por ser tan recatadas,

e por ter pechado o muiño,

nas noites de muiñada.

 

A unha de Cadrón mireina,

-que non mo dixo ninguén-

asomándose ó balcón,

sen brajas e sen sostén.

 

E mirou pra min berrando:

¡¡ Que non se mira o alleo !!

E mandoume pro inferno

despois de enseñarme o ceo.

 

Que fermosas as de Lamas

e tamén as de Parada,

non hai día que se perdan,

unha noite de muiñada.

 

Das de Palio e de Cancelas,

non darei ningunha queixa,

son quentiñas e encendidas,

coma o lume da carqueixa.

 

Que llo digan a un amigo

que foi antubiar con elas,

tivo que baixar zumbando,

ata o Rio das Abellas.

 

Botouse de cú pra auga,

e mollouse ata o pescozo.

Seica lle alumeaba o sangue,

coma o lume do carozo.

 

E as de Rodís e de Cangas…

vaia mozas mais xeitosas,

aquilo parece Marzo,

pechadiño de mimosas.

 

Vou  ir rematando a cousa,

que o Concello évos moi grande,

vai de Bermés a Moneixas,

e de Cadrón a Gresande

 

Aceptádesme un consello?

“Vós facede coma min,

que podendo ir proutro lado,

funme casar a Lalín”.

 

E anque alá na miña aldea,

gustábanme dúas ou tres,

atopeina mais fermosa,

na parroquia de Bermés.

(O Romance fixeno no ano 76. Nos anos 80,

e pocousas que non veñen a conto, engadinlle

as dúas últimas estrofas e musiqueino)

sin-tc3adtulo3

AS FEIRAS

A vida na nosa Galicia estivo sempre moi vencellada ao rural, pois a maior parte da súa economía xiraba entorno a agricultura e a gandería e onde tamén tiña un posto preferente o traballo artesanal da roupa, calzado, cestería, ferrería, cerámica,  etc.

O mercadeo destes productos tiña lugar nas feiras que se facían periódicamente e que se procuraba non facelas coincidir coas das vilas proximas. Normalmente facíanse cada semana, ou cada 15 días en espazos públicos dedicados a tales eventos.

Feiras importantes pola comarca do Deza eran a de Lalín, a do Vento, a da Agolada, Silleda, Vilatuxe, etc.  casi todas elas xa son un mero recordo.

Eran anos nos que en cada casa había un pequeño rebaño de ovellas, media ducia de cabras, catro ou cinco vacas e unha parella de porcos, ademais das galiñas, coellos e algunha que outra colmea…

Duas ou tres horas antes de que saíra o sol iban chegando polos camiños desde distintos lugares os carros co gando e cos productos agrícolas case sempre traídos polos seus donos, anque tamén había xornaleiros contratados para estes menesteres, ademais de feirantes e tratantes. Ó chegar, distribuíanse nos lugares axeitados para cada cousa dependendo de si no recinto había pendellos ou non, así un era pro gando novo, outro pras vacas, outro pras ovellas e porcos e outro mais pros productos da horta, galiñas, queixos, ovos, mel etc.

Nalgunha destas feiras rapabanse as ovellas e vendíase a lá para fabricación de roupa, e anque os xergóns das casas case sempre eran de follato de millo, algunha vez tamén se facían de lá.

A estas feiras tamén chegaban carros cargados con leña e piñas e que se vendían ós clientes das vilas pras súas cociñas de ferro.

Era moi habitual a presenza dun cego, que acompañado case sempre de un violín cantaba as novas e os aconteceres das Parroquias, e que xunto con un acompañante que con unha vara iba amosando un lenzo onde estaba dibuxada a cantiga, facían así moitas veces de periódicos onde relataban os crimes e outros aconteceres. Un reloxeiro que ademais de arranxar os reloxos, poñíalle os pendentes as nenas, un fotógrafo que pasaba o día percorrendo a feira en busca de clientes que quixeran ser fotografiados,e así poder mandarlle unha foto os familiares ausentes, tamén atopaban sitio para traballar, un dentista e un barbeiro, asi como afiadores e capadores. Tamén se gañaban o día os carteiristas é os trapalleiros que facían xogos de cartas ou de chapas, para sacarlle os cartos a xente. Moitos incautos que ían cos cartos para mercar unha becerra quedaron sen eles antes de mercala, ou o contrario, que vendían a becerra e non chegaban con eles a casa.

Pero a figura mais popular das feiras eran os tratantes de gando ou feirantes, eran inconfundibles. Coa súa gorra, a chaqueta negra, as batas oscuras, o bastón colgando do brazo e o paraugas colgado do pescozo da chaqueta, percorrían as feiras de Galicia coa súa besta na percura do mellor gando. Nas feiras da Comarca do Deza, estes feirantes eran a meirande parte deles das terras de Maside en Ourense, de feito decía Otero Pedrayo que non entendía unha feira sin a presenza dos “masiados”, sobre todo da parroquia de Garabás, cuna por automasia dos feirantes .

Imaxe

Outra das figuras mais importantes das feiras eran al pulpeiras. É que si nunha feira non estaban, xa non era unha feira. Eran todas do Carballiño, e inconfundibles, coa súa pota de cobre cocendo o pulpo dende media mañá e rodeadas de platos de madeira e leña de carballo para facer o lume. A hora do xantar, formabanse colas diante delas para mercarlles o pulpo e xantalo naquelas longas mesas de madeira onde xa esperaba o pan e a xerra do viño.

Ás feiras casi sempre se iba por necesidade, pola necesidade de mercar productos que se necesitaban e de vender os productos da casa que sobraban ou que se producían para vender.

Viñan sendo coma un día de festa, e o mellor dos pretextos para visitar a Vila, sobre todo para a xente nova que aproveitaba para  andar a conquista de algunha moza.

O que sí é que iba xente de toda a Comarca, xa fose a pé, a cabalo, no carro ou nos poucos autobuses que había daquelas.

A feira era o acto máis fermoso e importante do concello. Aquel movemento desenfreado remataba a media tarde, despois de xantar o pulpo ou o bacallao e de latricar durante un par de horas cos veciños que facía días que non se vían…. entón os camiños volvían a encherse de xente, animais e carros de volta para casa.

Hai moitas teorías sobre a desaparición destas feiras, uns din que as deixaron morrer, outros que non souberon adaptarse a modernidade dos tempos e os mais que a emigración, o abandono do rural e a despoboación das aldeas remataron con elas.

O que sí é certo é, que os que tivemos a sorte de vivilas e disfrutalas, botámolas moito de menos, e matamos a morriña visitando algunhas das sostibles que se están a facer e de algunhas outras que están tratando de recuperar.

Imaxe(Fotos da páxina Web do Concello de Lalín)

AS MIÑAS DUAS ALDEAS

O Castelo e Muimenta (Lalín). Do Castelo é a miña nai e de Muimenta era o meu pai. Eu nacín no Catelo, e alí pasei os primeiros anos da miña vida, quizais me marcou máis ca Muimenta, pois alí vivín máis tempo, anque ate os oito anos fun a escola a Muimenta e botaba o día na casa dos meus tios. Pero quero por igual ás miñas dúas aldeas, nelas aprendín o que non se aprende na escola (como dí a cantiga); crieime coa fertilidade das súas terras e bebín da sabiduría dos seus vellos dos que algún coma o Señor José de García estarán sempre no meu corazón. Qué grandes lembranzas teño de todos aqueles prados e montes, das  congostras das corredoiras e dos muíños… Cantos días de vrao cos meus amigos e co meu puchiño de palla, e cantos de duro inverno cos zoquiños de madeira enlameados e postos a secar ó carón do lume da lareira. Cantas cantigas e que bos intres cos amigos na taberna do Sr. David, na de Souto, na Ponte ou na do Reino en Cadrón.

E qué boas lembranzas  dos traballos da vida nelas; a matanza, a fornada, os traballos do liño, a seitura, a malla,  (algunhas veces ainda parece que teño metido no nariz aquel cheiro característico da malla e nas orellas aquel són infernal que producía a máquina de mallar), a miña tía Asunción mazando no leite a pe do lume, a miña nai e o meu tío Camilo debullando no millo, e mentras, nós xogando entre a herba das vacas e como non, o meu curmán Pepe berrandonos por facelo, que pra iso era omais vello.

Mozas que sachades o millo,

e as que sementades patacas,

as que mondades o liño,

e as que muxides as vacas.

E cando andando o tempo tiven que marchar, xamais me esquecín delas e aparecen nalgunhas canciós que fixen:

Si é que pasas por Lalín,

Manueliño das areas,

dálleme un bico a cada unha

das dúas miñas aldeas.

tampouco  me esquecín dos seus Santos , nin das festas na súa honra e que sempre se facían coa Banda de Música de Muimenta:

O San Lourenzo de Muimenta,

e o San Estevo de Cadrón,

son, xunto coas Ermidas

da miña maior devoción.

 

¡San Lourenzo de Muimenta!

eiquí estou pra che rezar,

pra ver se me atopas moza,

porque me quero casar,

que teño a cama valeira,

e a roupa sin lavar.

 

E non mo podes negar,

que ès meu santo queridiño,

ou deixarás de ser Lourenzo

e serás San Lourenciño

E como esquecer as tardes dos domingos, onde de paseo pola estrada que as une, atopabámonos os mozos e mozas das dúas Parroquias:

A onde van aquelas,

que van de bermello?

son as de Muimenta,

que van pro castelo.

 

As rapazas de Muimenta,

para escorrentar o frio,

van ós mozos ó Castelo,

e quecen nun asubío

 

Rapaciñas de Muimenta,

xa non sei o que vos diga,

que os rapaces do Castelo,

non vos inflen a barriga.

O paso dos anos non fai que as esqueza, todo o contrario, visitoas moi a miudo e en cnto podo. Moitas veces preguntome que raios terán as nosas aldeas pra cas queiramos tanto , e que terá a Nosa Terra pra que sexa tan fermosa.

ImagenImagenImagen