O POZO DAS LANDRAS (Maceira)

O POZO DAS LANDRAS (Maceira)

      No meu paseo de fai uns días polo suído, e na parroquia de Maceira, do outro lado da ponte por onde baixa o rio para a praia fluvial, hai uns penedos enormes, que fan que o río baixe en fervenza, ata chegar mesmo á ponte, onde hai un remanso fondo antes de chegar á área recreativa. A erosión e as fochancas que fixo a auga niles, son impresionantes.

Pois ben. Iste remanso, que foi un enorme pozo ata fai uns anos, coñécese coma “O pozo das Landras”

      Contoumo,xa fai uns anos, o señor Manuel Barcia Vázquez do lugar de Portoparada (Maceira).

      Antes de facerse a ponte actual, había unha pontella de lousas feita sobre dous penedos enormes que facían de embudo á auga do rio, e había un pozo no que se formaba un remuíño moi grande.

      Pois ben. Todas as landras das inmensas carballeiras que había no curso río arraiba, e cando chegaban as primeiras choivas do outono, barrías cara o río, e paraban no remuíño da pontella.

      Contábame, que alí, naquel pozo, xuntábanse toneladas de landras. Os veciños, seica poñían na punta dun pau un saco con un aro na boca para pillalas, e así, axudar á ceba dos ranchos da casa. A inchenta de landras seica duraba uns cuantos días dos choivosos outonos de antes.

      Cando se fixo a carretera nova, dinamitaron as dúas rochas que formaban o embudo, baixou o leito do río, e desapareceu moita da fondura do pozo xunto co remuíño.

      A día de hoxe, as landras seguen baixando en moita menos cantidade, ó ir cortando as caraballeiras para prantar alcolitros, xa non se deteñen alí, e seguen o seu camiño polo río Tea cara a Mondariz.

      O meu agradecemento ó señor Manuel por contarmo.