VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !
                    Ó que me dé un pau doulle un peso,
                     e se é de Carballo… trinta reás!
….. Álvaro Cunqueiro no prólogo do libro de cociña galega, que escribeu na compaña de Araceli Filgueira, cóntanos que “as xentes de imaxinación son, cáseque sempre, as que comen millor, quizas porque como decía o conde de Clemont-Tonnerre asocian a súa sustancia terrea ao lugar de onde son, e perciben entón deica as súas frebas o lazo que os xungue á terra que os soporta; sinten a segreda esencia das cousas incorporarse á súa, e así comulgan coa súa terra nun festín de amor”
….. A verdade é que, os galegos, cando temos a oportunidade de darnos unha pequena homenaxe e disfrutar das ledicias dunhas nécoras, duns percebes, dunha empanada de bacallau con pasas, dun pulpo á feira, dun godello, albariño ou ribeiro, dun café de pota con pingas, sen esquencerse dos consabidos chatos de licor café, e dunha boa compaña para unha longa sobremesa de cantigas, moito nos reconforta a vida, os ósos e a alma.
….. Mesmo parece que xa obtemos o perdón de Deus, so polo ben que tratamos o corpo que él creou a súa imaxe e semellanza.
….. E que decir desa taza de caldiño quente un pouco antes dir pra cama, neses días de duro inverno nos que parece que toda a auga do carreiro da veira da casa, veu dar ás sabenas da cama e teñen mais auga co pozo do Porto no Regato das Abellas do Castelo.
….. E a todo esto, sen esquencerse dun almorzo de papas feitas con fariña de millo, herdanza impagable das nosas avoas, e que nos manteñen direitos durante todo o día coma se foramos un jarabullo ou a aguillada do noso avó.
….. Ser de Lalín, non ten prezo, e se o tivera, non habería cartos pra pagalo, por iso, os chourizos, o lacón e os grelos, deixámolos pro sábado pola noite que hai cocido.
….. Unha perta pra todos e…
….. QUE VIVA LALIN CON RAZÓN OU SEN ELA !

sin-tc3adtulo3

Advertisements

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN.

A MIÑA HOMENAXE NAS CANTIGAS TABERNARIAS EN LALIN
Vaia detallazo que ten a organización das cantigas pra conmigo, sobre todo cando hai moita xente que o merece mais, ou alo menos igual ca min. Empezando por eles mesmos, por ser capaces de levar as cantigas un ano mais ás tabernas de Lalín.
Son un namorado da música tradicional e por suposto das cantigas tabernarias, xa que as tabernas eran o conservatorio que tiñamos os que somos de aldea e onde pasabamos moito tempo os fins de semán.
Que mellor cousa que botar unhas cantigas acompañado polos amigos e diante dun xerro de viño e uns torresmiños recén feitos.
Así que nas tabernas de Cadrón, Muimenta e a Ponte, foi onde empecei a cantar cos amigos ata que o futbolín e o televexo botáronnos pra fora pouco a pouco a nós, e a todos os que cantaban nas tabernas, non tardando moito en desaparecer tan fermosa costume.
Que ledicia que se volvan recuperar en moitos sitios e por moitos grupos que axudan a facelo e entre os que teño moi bos amigos.
Na miña cantiga “Un cocido de Lalín” dediqueilles ás cantigas un par de versiños como non podía ser menos, despois do empeño que están a poñer en recuperalas no noso concello.
Unha magoa non darme tan fermosa noticia uns días antes, e ter comprometida esa data nun festival benéfico do que non me poido librar, pero farei todo o posible por estár no folión do remate no “Picoteo” e así poder saudar a Crespo e á organización pra darlles ás grazas polo detalle que teñen pra conmigo. Amais, a data quedará reservada pra non perdelos nos vindeiros anos.
Unha perta pra todos.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/homenaje-jose-iglesias-fernandez/1615275.html

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/01/quince-bares-seran-escenario-dia/1615276.html

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2017/02/01/recuperar-as-tradicions-antano-musica-cantares/0003_201702D1C11992.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/boboras/2017/02/02/span-langglgrupos-maside-boboras-ourense-cantos-taberna-lalin-span/0003_201702O2C11997.htm

16386886_10208344645556970_7823535951118372534_n

16426120_10208344645676973_4740160327710127420_n-1

img-20170219-wa0001 img-20170219-wa0003 img-20170219-wa0004 img-20170219-wa0005 img-20170219-wa0013 p1170623 p1170625

OS NENOS CANTORES DE CADRÓN E FUXAN OS VENTOS

Artigo de José Luís Sucasas en “Praza Pública” sobre as cantigas de reises na parroquia de Cadrón:
http://praza.gal/opinion/3739/os-nenos-cantores-de-cadron-e-fuxan-os-ventos/?utm_source=dlvr.it&utm_medium=twitter

sin-tc3adtulo3

RIADA NA PARROQUIA DE MUIMENTA

RIADA NA PARROQUIA DE MUIMENTA

A la beira mar pousado,
baixo a sombra dun salgueiro,
bebía birras a esgalla,
un garrido cabaleiro.

Ao non precisar do sol,
por non ter sangue lagarta,
de cervexas e de sombra,
pillou unha boa farta.

E foi tan grande a inchenta,
que emulando unha tronada,
desbordou dunha mexada,
o regato de Muimenta.

Con semellante riada,
de cervexa filosófica,
a parroquia é declarada,
”Nova zona catastrófica”

Sabedores da desgraza,
ós políticos de turno,
puxeron en marcha os “Audis”
sen perder un so segundo.

E chegaron a Muimenta,
en comitiva oficial,
o Rajoy e o Frijolito,
para avaliar o mal.

Nada mais mirar pros prados,
totalmente asulagados,
pasáronlle a bola a outros,
pra resolver o tinglado.

Chamaron ós xornalistas,
pra lles dar a información:
– Tócalle arranxar a riada,
aos da Diputación.

No organismo provincial,
facendo de oidos xordos,
ríronse do mandamento,
que din os dous peixes gordos.

E pola vía de urxencia,
convocaron un consello,
do que saíron decindo:
– Eso é cousa do concello!

No concello deron largas,
pola falta de cartiños,
e escrituraron nun bando…
que o arranxen os veciños!

Os veciños que están cansos,
dos faceres desta xente,
din de botalos ó río,
pra que os leve a corrente.

Mais ó ser unha parroquia,
traballadora e honrada,
deciden ir pra taberna,
e non facer a trasnada.

O Rajoy e o Frijolito,
vendo o asunto rematado,
déronse a mau contentos,
do traballo realizado,

E co peito ben inflado,
pensando en tomar uns viños,
foron dar ó merendeiro,
que hai na Ponte Vilariño.

Como a inchenta foi no Deza,
e o traballo era “a mantido”
pra non viaxar de valde,
largáronlle un bo cocido.

E alá pola media tarde,
despois dos cafés e copas,
achegáronse ata a Ponte,
pra visitar ás “garotas”

O atopar todo pechado,
que ata a noite non abrían,
decidiron dar a volta,
e deixalo pra outro día.

Xa de volta pra Santiago,
os veciños de Cadrón,
berrábanlles dende as fiestras:
– Mira que sodes lambóns!

E os que somos do Castelo,
ó mirar tanto Audi xunto,
pensamos volver ós tempos,
de Don Manuel… o difunto!

E ata aquí chegou a historia,
dun garrido cabaleiro,
que por non mexar amodo,
anegou o pobo inteiro.

Todo empezou con ista foto á veira do mar tomando unha cervexa.  Publiqueina no Face coas tres primeiras estrofas, e un par de amigos (Luís Torres e Javier Anton V.) engadíronlle duas mais. Así que xa posto, convertín tal cousa nun cantar de cego dedicado ás miñas aldeíñas. E de seguro que andando o tempo poreille música tamén.

img_20160702_122716

A FEIRA DOS CARBALLIÑOS DE VILATUXE

          A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate os derradeiros anos do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
          Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
          Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
          Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo na década dos 80, o non se adaptar ós tempos modernos, e entre outras cousas ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais.
          Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa historia e da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
          Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
           Eu tiven a ledicia de visitala case todos os anos dende o  2012 no que se fixo a primeira, e de verdade que quedei prendado do que alí vin.          Este ano, fun cos meus compañeiros, Benito e a súa zanfona, J. Carlos co acordeón e Antonio á percusión a botarlle unhas cantiguiñas, anque o tempo non axudara moito para ter unha boa feira. O que si é seguro, que por alí andaremos en anos vindeiros sempre que se poida.

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

Chamoume San Pedro ó ceo,
xa que en Lalín son nacido,
que lle leve unhas cousiñas,
pra facer un bo cocido.

Un lacón, unha cacheira,
e unha ristra de chourizos,
ademais dunhas castañas,
afumadas nos canizos.

De Muimenta unhas patacas,
uns greliños de Cadrón,
dous botelos do Castelo,
e de Bermés un bo xamón.

Pois xa ten prendido o lume,
co trespés ben asentado,
o pucheiro cheo dauga…
e a Deus sentado ó lado!!!

Seica levan todo o ano,
cunha dieta sen excesos,
pasando mais fame os dous,
que os carrachos dos codesos.

Así que voume pralá,
como un rapaz ben mandado.
Se lles fago un bó cocido,
xa teño o ceo gañado.

Pois eu méritos non teño,
pra gañalo doutro xeito,
que a rezar –eles xa o saben-
a verdá… no-estou afeito!!!

Convidareinos despois,
-pra que estarriquen as pernas-
a uns paseos por Lalín,
e a cantar polas tabernas.

E remato xa este conto,
dando a razón ós que dín,
que non hai mellor cocido…
que o que se fai en Lalín!!!

Nunca escribira nada sobre da Festa  do Cocido de Lalín. Así que considerando tal feito como unha débeda, ahí vai un pequeno poemiña, que andando un pouco o tempo, penso musicar tamén.

images

UNHA TORRE MEDIEVAL NO CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

O CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

Aínda a risco de resultar reiterativo, creo que é o momento de aportar datos que poñan de relevo a importancia que a historia lle conferiu á parroquia de Cadrón, co paso do camiño real, coa construción da ponte de Vilariño sobre o Arnego e coa existencia no medievo dunha fortaleza no mesmo lugar, que se recolle na primeira imaxe desta entrada (perdóeseme o retoque fotográfico, feito con medios moi elementais). Hoxe estamos en condicións de poder ofrecer a transcrición dun documento que acredita con total certeza a presenza neste outeiro de O Castelo (Cadrón) da fortificación do señor don Alonsso Gondín de Ventossa. O topónimo é outra certeza. E a microtoponimia quixo chamarlle ás terras que hai na parte baixa do outeiro, na pendente que se incia cara o Arnego, o Sucastelo (todo un tratado de toponimia, esa disciplina da lingua que trata de explicar o significado e a orixe dos nomes de lugar). O devandito documento aparece recollido no libro “Realidade Eclesiástica do Concello de Lalín na época postridentina” da autoría de Xoán Carlos García Porral e Óscar González Murado. A referencia do devandito libro foime facilitada por Antonio Presas García.

Da descrición que se fai do castelo e os seus arredores neste documento do ano 1633  hai unha total coincidencia coa fisionomía do terreo e a proximidade da fortaleza ao camiño real. Na imaxe que segue (foto aérea do Voo americano en 1956) o camiño real segue a liña de asteriscos amarelos.

As fortalezas foron na Idade Media fitos importantes dos camiños (moitas veces xurden por e para os camiños); a súa función era a defensa e control das vías de comunicación e da riqueza que por elas circulaba. E non sería moi arriscado afirmar que se na algunha ocasión se tivese cobrado pontádego na Ponte Vilariño, fose este un imposto recaudado polo señor do castelo de Cadrón.

Queda pois a porta aberta para futuras e máis definitorias pescudas.