O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Laín)

O HORREO DA MIÑA CASA NATAL DO CASTELO (Lalín)

        Que magoa miralo así, desfeito. E non so este, senón que a meirande parte dos que se atopan nas nosas aldeas, están no mesto estado.

        Foron a despensa da casa ata non fai tantos anos… fonte de vida!!

        Este, era de dúas casas. Os dous claros dde diante eran da miña, e os datrás eran dos da casa de Amador. Como Jesús de Amador e a miña nai eran curmaus, supóñome (anque nono sei) que antes, perteñecería a unha soa familia e dividíuse por herdanza.

        O cuarto e quinto esteos teñen os tornarratos xuntos, polo que supoño que o quinto anaco da cámara, foi engadido despois de estar feito o horreo principal.

        Nel, e na parte do fondo, gardábanse ben aliñadas e asentadas as espigas de millo. E na parte de diante, os sacos coas fabas e cascallos, cestos con mazás, ristras de cebolas e allos, etc.

        Ó horreo, subíase dende un cepo grande que estaba no chao, e lembro que a chave da porta, era daquelas que pesaban medio ferrado, e que facían moito ruído o darlle a volta para abrila. Tanto era así, cas galiñas que andaban devaneando polo alto dunhas enormes penas que coñecemos coma o penedo, ó escoitar o son da chave abrindo a porta, viñan voando, pois sabían que había millo pra comer.

        Teño pasado moitas tardes dentro del, xunto co meu tío Camilo e o meu curmau Luís debullando no millo, e mais, cando era para levalo ó muíño para facer a fornada. Eles debullaban contra un carozo, pero a min, gustabame sentarme enriba dunha fouce e debullar contra o mango.

        O horreo, xa leva moitos anos niste estado, pero as vivencias que encerra, non desaparecerán nunca. Canto mais se vai desfacendo o noso patrimonio material, mais gusta lembrarse del.

        Unha magoa.