O SAPO DA ARRIBADA

O SAPO DA ARRIBADA

Poñan atención señores,
a iste caso tan bestial,
sucedido na Cañiza,
e que o cego vai contar.

Tremendísima é a historia,
a dun “sapo” da Arribada,
nado no lugar do Sixto,
e criado na estercada.

Vivía onda o rio Manso,
alá nos anos sesenta,
un rapaz duns trinta anos,
e actitude moi violenta.

Malas artes tiña o bicho,
según contan os veciños,
seica merecía a morte,
dun trancazo nos fuciños.

Acostumado a tratar-e,
ás mulleres a malleiras,
foise achegar onda unha,
do lugar das Estripeiras.

A rapaza, xornaleira,
entregáballe o gañado,
ante a mau de cachetazos,
que lle daba aquel malvado.

Ata que chegou o día,
que cansada do maltrato,
escapouse do seu lado,
como fuxe da auga o gato.

Ó non permitirllo o tipo,
foise correndo tras dela,
menos mal que a defenderon,
os veciños da súa aldea.

O animal ó verse solo,
decidiu marchar pra Vigo,
e mirar de atopar outra,
coa que seguir seu castigo.

E atopouna no Berbés…
unha moza recatada,
ademais de ben fermosa,
traballadora e honrada.

Pouco tardou o animal,
en berrarlle e bater nela,
ata que a chamou súa nai,
que volvera pronda ela.

Como pasa nistes casos,
e sentíndose obligada,
quixo seguir onda el,
e vivir amedrentada.

E o tempo foi pasando,
levando a vida amargada,
entre tundas e malleiras,
ata que quedou preñada,

E foi polo 11 de Xullo,
que se escoitaron na aldea,
uns infernais berridos,
que pintaban cousa fea.

Os veciños da parroquia,
pensando xa no peor,
avisaron ós ceviles,
o asaltalos mal temor.

Nada mais entrar na casa,
semellante cousa viron,
que aínda sendo ús homes fortes,
nun mar de bagoas saíron.

A rapaza maltratada,
desangrada e mal ferida,
tirada estaba no chao,
que parecía ata sen vida.

Os veciños reanimandoa,
coa calor do seu cariño,
lévana correndo a urxencias…
pero morre no camiño!

O pedazo de animal,
andivo fuxido un tempo,
agochado nunca cova,
e tapado polos fentos.

Anque dous meses despois,
deron os gardas con el,
e encerrárono na Lama,
ata a sentencia do xuez.

Dos vinte anos de condena,
o “sapo” cumpliu só catro,
e seica xa anda metido,
noutro asunto de maltrato.

E remato xa o cantar,
con unha fonda tristura
pensando en tantas mulleres,
que padecen tal tortura.

Tende coidado rapazas,
cando escollades marido,
por se buscades galán,
e vos toca un malnacido

Non facer caso dos contos,
e coas fadas moito tino,
xa que os sapos non encerran,
a un cabaleiro escondido.

Este Cantar de cego, feito por encargo do meu bo amigo Antonio Vazquez Blasco, está basado nun feito real acontecido nos anos sesenta nunhas parroquias dos arredores da Cañiza.
Tan de rabiosa actualidade a violencia de xénero, é o relato dunha serie de malos tratos cometidos por un malnacido para coas súas mulleres, e que rematan co crime horrendo dunha delas. Como pasa na maioría distes casos, o “sapo” despois dunha leve condea, volveu ás andadas nada mais sair do carcere.

14956590_10154240488569794_7158481846189844287_n

 

sin-tc3adtulo3

Advertisements

A FEIRA DOS CARBALLIÑOS DE VILATUXE

          A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate os derradeiros anos do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
          Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
          Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
          Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo na década dos 80, o non se adaptar ós tempos modernos, e entre outras cousas ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais.
          Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa historia e da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
          Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
           Eu tiven a ledicia de visitala case todos os anos dende o  2012 no que se fixo a primeira, e de verdade que quedei prendado do que alí vin.          Este ano, fun cos meus compañeiros, Benito e a súa zanfona, J. Carlos co acordeón e Antonio á percusión a botarlle unhas cantiguiñas, anque o tempo non axudara moito para ter unha boa feira. O que si é seguro, que por alí andaremos en anos vindeiros sempre que se poida.

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

UN COCIDO DE LALÍN (Como Deus manda)

Chamoume San Pedro ó ceo,
xa que en Lalín son nacido,
que lle leve unhas cousiñas,
pra facer un bo cocido.

Un lacón, unha cacheira,
e unha ristra de chourizos,
ademais dunhas castañas,
afumadas nos canizos.

De Muimenta unhas patacas,
uns greliños de Cadrón,
dous botelos do Castelo,
e de Bermés un bo xamón.

Pois xa ten prendido o lume,
co trespés ben asentado,
o pucheiro cheo dauga…
e a Deus sentado ó lado!!!

Seica levan todo o ano,
cunha dieta sen excesos,
pasando mais fame os dous,
que os carrachos dos codesos.

Así que voume pralá,
como un rapaz ben mandado.
Se lles fago un bó cocido,
xa teño o ceo gañado.

Pois eu méritos non teño,
pra gañalo doutro xeito,
que a rezar –eles xa o saben-
a verdá… no-estou afeito!!!

Convidareinos despois,
-pra que estarriquen as pernas-
a uns paseos por Lalín,
e a cantar polas tabernas.

E remato xa este conto,
dando a razón ós que dín,
que non hai mellor cocido…
que o que se fai en Lalín!!!

Nunca escribira nada sobre da Festa  do Cocido de Lalín. Así que considerando tal feito como unha débeda, ahí vai un pequeno poemiña, que andando un pouco o tempo, penso musicar tamén.

images

A MULLER DO PASTOR

A MULLER DO PASTOR
Estando na miña porta,
pola raiada do sole,
vira vir un cabaleiro, * ¡hai meu amor!
nun cabaliño andadore.

Perguntou si era casada,
i eu lle dixen; Si señore.
Perguntárame con quen,*
i eu lle dixen cun pastore.

Vente conmigo casada,
e deixa ó probe pastore,
comeremos, beberemos,*
faremos vida de amore.

Prometoche unha almena,
con ventana e corredore,
e teremos castelos fortes,*
con ventanas ó redore.

Vaite con Dios cabaleiro,
que eu non quero teu amore,
nin os teus castelos fortes,*
con ventanas o redore.

Que si ti es cabaleiro,
meu marido é un señore,
e ten un fato de ovellas,*
que nubra os raios do sole.

Raios partan as ovellas,
e volvan polo pastore,
e as pernas lle queden tortas
o pasar os barrancon-hes.*

E os ombreiros encentados
das correas do zurron-he
I os dentes apodrecidos,*
de comer os requeixon-hes.

0026_8741or

CANTAR PRO TIO FACUNDO

CANTAR PRO TIO FACUNDO
A modo dun cego veño,
pra falar do que me dixo,
o meu avogado de oficio,
e mais da sorte que teño.

Coa xiada do domingo,
morreu meu tío Facundo,
e antes de deixal-o mundo,
contareivos o que fixo.

Deixou ben escriturado,
que me deixaba o que tiña;
Unha pequena casiña.
mai-los cartos aforrados.

A casa quere uns amaños,
e hai que pagala a diario,
pois o prestamo bancario,
seica vai durar cen anos.

E dos cartos aforrados,
casi millor non falar,
fun o banco prós sacar,
e ríronse os empregados.

Pois voaron convertidos,
en non sei que “Preferentes”.
feitas por ser bos clientes,
que acabaron sendo un timo.

E o ladrón do direutor,
escapouse a toda presa…
– Por consello de un tal Blesa –
¡Canto mais lonxe millor!

E como se foran nabizas,
fixo cos cartos un feixe,
gardounos nun saco do peixe,
e levounos pra Suiza.

Asi que, si eu xa era probe,
e agora non teño nada,
eses que fan a fornada,
podían mandarme un sobre.

Pois seica os reparten a centos,
enchendo as caixas dos puros,
pra asegurase o futuro,
con billetes de quinientos.

E si non, xa irei pedir,
e non declaro a Facenda.
¡Que fagan iles a renda!
… a nai que os á parir.

E deixo eiquí o debate,
sin que se entere Montoro,
… por si dí que son un loro
e me quita o chocolate.

E a ti, tio Facundo,
débeche estar dando a risa.
Xa che terei unha misa…
¡Que disfrutes no outro mundo!

Iste cantar de cego, puden facelo inspirándome en feitos reais pero non foi así. Inventeime un tal “Tio Facundo” e ata tardei uns cuantos meses en facelo, pois eran tantos os aconteceres en que inspirarme que non sabía moi ben por onde empezar. Así que toda coincidencia coa realidade só e iso… nada mais que realidade.

sin-tc3adtulo3

un-fermoso-dia-de-troitas

 

SE QUERE-LA BOA MOZA

SE QUERE-LA BOA MOZA
Se quére-la boa moza,
non vaias  á romaría;
vaina buscar á súa casa.
coa roupa de cada día.

Aí che vai, Maruxiña! aí che vai,
aí che vai! aí che vai, Maruxiña!
no curral de teu pai;
no curral de teu pai
encirráronme o can,
e saíu miña sogra
cunha tranca na man;
cunha tranca na man
e un zapato no pé
ela quéreme male
e eu ben sei porque é.

Se quére-la boa moza
non vaias por ela á feira;
vaina buscar á súa casa
o día da sementeira.

Aí che vai, Maruxiña!…

Se chove, deixa chovere,
se orballa, deixa orballare;
eu ben sei dun abriguiño
onde me hei de ir abrigare.

Aí che vai, Maruxiña!…
O caravel cando nace
de pequeniño recende;
non hai cousa máis humilde
có amor cando pretende.

Captura

A MOZA MAIS FERMOSA

A MOZA MAIS FERMOSA

Teño a moza mais fermosa,
de todas Terras do Deza,
non hai mozo na bisbarra,
que non poña os ollos nela.

Agarradiños da man,
dende o Castelo a Cadrón,
éncholle a cariña a bicos,
en canto teño ocasión.

Ademais de boa dote,
que lla xuntou a súa nai,
ten un pucheiro de barro,
que lle mercou o seu pai.

O pucheiro non val moito,
pois fáltalle un anaquiño,
que llo rillaron os ratos,
pensando quera touciño.

E ademais ten unha horta,
de tres ou catro ferrados,
onde ó chegar o outono,
non sementa mais ca nabos.

Unha leira de patacas,
e un porco no cortello,
ducia e media de galiñas,
e entras pernas un coello.

Ó chegar as noites frías,
cando xía no Penedo,
fai un caldo de nabizas,
que sabe que mete medo.

E despois de ben mantidos,
debaixo do cobertor,
ún o cabaliño doutro,
logo entramos en calor.

E remato eiquí o romance,
que hai moita roupa tendida,
hoxe conteivos o doce,
o picante noutro día.

 

sin-tc3adtulo3

O ALTO DOS BURROS – PILOÑO

O ALTO DOS BURROS – PILOÑO
Atención ós labradores,
o que vos vou a falar
que vos é interesante
si me queredes escoitar.

Tedes ahí varias obras
pagas polo Monecipio
pero tedes que axudar
en prestación do servizo.

De todos estes traballos
serei eu o encargado
que xa pasan de oito días
que os teño contratado.

E ti que tés boa facenda
podes quedar avisado
tés que vir botar a pedra,
entre mañá e pasado.

– Pois eu non che podo ir
arrejla por outro lado
que nin acabei a labra
nin teño herba pro ghado.

– Non me andes con escusas
que eu xa trato a mantido
que o gando come no monte
e beber, bebe no rio.

Ademais dese alimento
tamén xa teño pedidas
vintecinco toneladas
desa palla de Castilla.

Pero ademais da facenda
tamén hai o personal
eu non como todo a eito
que me pode facer mal.

Pois para te manter a ti
tamén xa teño acordado
as galiñas dos veciños
si llas damos requisado.

– Si andas detrás das jaliñas
non me meto nese lio
ti xa te pareces o raposo
e o mellor pejoche un tiro.

– As de saber con quen falas
que non son un animal
son un contratista d’obras
da Casa Consistorial.

– De que seas contratista
eso sí que non cho creo
és moi feo de figura
e ós obreiros metes medo.

-Que son raro de figura
xa o decía o meu abuelo
pero eu vouna virando
e ríome de todo o pueblo.

– E se miro ben para ti
taste facendo parecido
a un fragueiro da madeira
deses que tratan o pino.

– Na madeira xa tratei
unha boa temporada
axudeime da ocasión
porque a comprei barata.

Eu tiña a sorte que quería
que hasta os mismos carreteiros
porteábanme de balde
por interés dos casqueiros.

E vendo o que pasaba
algún que era canteiro
tirou co pico ó inferno
e meteuse a carreteiro.

– Inda que chovan centellas
mesturadas con granizo
non te achegues os piñeiros
que corres moito perigro.

O negocio era rodado
si non foran os veciños
porque el iballes co engano
do resío dos camiños.

– Hasta a misma providencia
non che acepta a construcción,
porque os primeiros acimbres
xa marcharon pra Padrón.
(Porque cando tiña a ponte encofrada
para botarlle o formigón veu unha invernía e levou todo)

– Pidovos perdón a todos
e marcho pro Paraguai
porque un home sin sentido
non vos sabe o que fai.

– Haberá que perdonarche
porque vexo que estás tolo
que te leven trinta demos
e que te vaias do Coto.

(Fai uns anos, fun ate a Parroquia de Gres, para recoller da Señora Ofelia este cantar de cego dedicado a un constructor que facía traballos en representación do Concello, e que o había contratado para facer unha ponte coas estradas correspondentes. Debía de ser tan bó constructor que cando tiña o encofrado feito levoullo a inchenta do rio nunha noite de inverno. Despois para subsanar as perdas, quixo cortar os pinos da carretera das Cruces e embolsarse o seu importe.
Moitas grazas á Señora Ofelia pola súa bondade e a súa pacencia para conmigo)

sin-tc3adtulo3