MUIMENTA – O CASTELO E CADRÓN

Advertisements

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.
      Que magoa que se vaian perdendo as costumes mais fermosas que tiñamos nas aldeas ata non fai moitos anos. Refírome neste caso, ó feito de coller as botellas dos licores baixo do brazo e marchar polas casas veciñas convidando e festexando o santo de cada ún. Onte un bo amigo da Agolada, veume lembrar este fermoso feito, xa que está a cair o día do meu.
      Agora, non sei si pola velocidade na que vivimos, polas modernidades que temos ou porque nas aldeas xa non queda casi ninguén, perdeuse tan fermosa costume, e imos da man da comodidade. Se cadra, pagar unhas cervexas na taberna e mandar uns Wasaps dando os parabéns ós amigos.
      Na aldeiña onde nacín… na miña aldeíña do Castelo, na parroquia de Cadrón en Lalín, dame que ata os rapaces agardabamos polo día do santo dos nosos pais, avós e veciños, porque ise día sabíamos que había o palique que tanto nos gustaba escoitar, xa que para nós, os maiores sempre foron como unha artesa chea da sabiduría non escrita nos libros que tiñamos na escola.
      Do que mais me lembro é do señor Manuel Vilariño, o carteiro do Castelo como se coñecía alí e nos arredores. O día de San Manuel, aparecía pola casa xa a primeira hora da mañá, coa botelliña de Sanson pras mulleres e a de brandi pros homes, ademais de unhas galletiñas daquelas de María de toda a vida para acompañar. Na casa, había dúas copiñas de antes ás que se lle chamaba “chatos”, unha de cada casta, e que o meu tio Camilo e a miña tía Asunción debían ter só para ises días, pois o resto do ano, non lembro que se usaran pra nada. Sentábanse no carro que estaba gardado no cuberto, e alí latricaban durante un bó anaco, levando a copiña ós beizos de cando en vez e rillando daquelas galletas que tan ben sabían. Mentras, os rapaces, escoitabamos os contos cos que acompañaban o agasaio do Señor Manuel. Aproveito pra mandarlle unha boa aperta todo o meu cariño a súa viuda, a Señora Amparo, que acaba de cumplir os 98 anos e que se conserva tan fermosa coma un caravel.
      Outro que viña pola casa sempre no día do seu santo, era o Señor José de García. Que gran persoa, canto quería eu a este home así como a súa dona Señora Victoria. Levábanse moi ben coa miña familia. O señor José non era de moito madrugar, e o día de San José aparecía alá pola media mañá e só traía unha botelliña de Sansón, amais non era un home de moito enredo. O que si lle traía sempre ao meu tio Camilo era unha faria ou un puro para acompañar coa copa, pois o seu fillo Antonio era médico en Lugo e traíalle moito do tabaco co que o agasaiaban. Tanto él como a súa dona, xa non están entre nos dende fai tempo, pero lembrareime sempre diles.
      E teño que lembrar tamén ó meu pai, que levara tan fermosa costume de Muimenta pra Pontevedra, pronde fomos vivir cando eu tiña poucos anos e de onde escapaba en canto podía de volta pra Muimenta e pro Castelo, xa que sempre foi onde mais lle gustaba estar. Os meus pais arrendaran unha casiña nun lugar chamado o Marco, a un lado de Pontevedra e a onde hoxe casi chega a cidade. Polo San Jose tan pronto se erguía, collía o cesto das troitas que fixera con bimbios, e metía nel tres botellas… sanson, coñac e augardente, e xunto con unha bandexa de rosquillas que fixera a miña nai na sartén o día anterior, percorría as casas dos arredores empezando pola do Señor Benito “O Faracho” que sempre o agasaiaba con unhas botellas de viño tinto do país. Remataba sempre na taberna do Señor Pepe do Marco -co que se levaba moi ben- para convidalo e “para repoñer material” como decía el, pois as botellas coas que saía da casa sempre remataban cheas de aire.
      E vou rematar do mismo xeito que empecei. Unha magoa que se perdan estas costumes tan fermosas, e que tanto nos gustan lembrar ós que imos tendo xa unha edade. Ao mismo tempo que recoñezo parte da culpa de que se perdan por non saber inculcarllas ás fillas, anque na situación delas, sexa moi dificil por vivir na cidade, onde os veciños, non deixan de ser uns grandes descoñecidos.
      Unha perta pra todos.

sin-tc3adtulo3

A MOZA MAIS FERMOSA

A MOZA MAIS FERMOSA

Teño a moza mais fermosa,
de todas Terras do Deza,
non hai mozo na bisbarra,
que non poña os ollos nela.

Agarradiños da man,
dende o Castelo a Cadrón,
éncholle a cariña a bicos,
en canto teño ocasión.

Ademais de boa dote,
que lla xuntou a súa nai,
ten un pucheiro de barro,
que lle mercou o seu pai.

O pucheiro non val moito,
pois fáltalle un anaquiño,
que llo rillaron os ratos,
pensando quera touciño.

E ademais ten unha horta,
de tres ou catro ferrados,
onde ó chegar o outono,
non sementa mais ca nabos.

Unha leira de patacas,
e un porco no cortello,
ducia e media de galiñas,
e entras pernas un coello.

Ó chegar as noites frías,
cando xía no Penedo,
fai un caldo de nabizas,
que sabe que mete medo.

E despois de ben mantidos,
debaixo do cobertor,
ún o cabaliño doutro,
logo entramos en calor.

E remato eiquí o romance,
que hai moita roupa tendida,
hoxe conteivos o doce,
o picante noutro día.

 

sin-tc3adtulo3

A CASA ONDE NACÍN

A CASA ONDE NACÍN

          Non debe de ser moi diferente da de calquera dos que sodes daldea. A miña está no Castelo e perteñece a parroquia de Cadrón no Concello de Lalín. A aldeíña atópase entre o Regato das Abellas, o Rio Arnego ou Rio Grande e ao abrigo do Monte da Costa e os montes de Rodís, entre a carretera que vai de Lalín a Agolada e o Fondo do Val.

Captura           A casa foi feita aproveitando unha enorme laxe que fai de eira e arroupada pola casa de Sucasas, palleira e casa de Amador, casa de García de Riba, Miguelez, García e por un enorme penedo que se coñece así, como “O Penedo” onde din que houbo un castelo, unha torre vixía ou algo parecido, e que se supón deu nome a aldea partíndoa en dúas, o Castelo e o Sucastelo.

……..A entrada pra eira e pra casa, vai dende un antigo camiño vello ou camiño Real que é a principal arteria de comunicación da aldea.Na eira estaba o horreo e un anaquiño de terra que facía de horta, e no que había unha oliveira, un par de cortizos e onde se botaban unhas poucas coles para darlle as galiñas. Nesta eira era onde se facía a malla, poñíanse a secar o millo, as fabas milleiras e ó liño. Tamén andaban as galiñas soltas polo día. Na mesma e pegado a casa estaba o cuberto no que se gardaba o carro, os aparellos da labranza e onde había unha pedra facendo de mesa e na que en tempos mazábase o liño. Niste cuberto xuntabámonos pra xogar as rapazas e os rapaces da aldea durante os dias de inverno e que viñamos sendo do mismo tempo; Luís de Ríos, José Antonio Migueles, Victoriña e Pepe da Casa Nova, Benigno Vilariño, os meus curmáns Luís e María Rosa, Marina de Amador, Luísa de García e algúns dos de Souto da Ponte Vilariño que se achegaban moitas veces ate alí pra xogar con nós. Entre o cuberto e o horreo, estaba a subida ao Penedo, que era onde se facian os palleiros e no que había uns cuantos piornos e mimosas, que aproveitabamos pra xogar as agachadas.

Sin título 1           A casa tiña forma de “L”, pero estaba achegada a outra (a casa vella) que tamén perteñecía a familia e que convertía ó conxunto en unha “U”. Nesta casa vella feita de pedras pequenas, entre as que aniñaban centos de gorriós, a parte baixa estaba dedicada a cortes das vacas, e o andar de riba facía de despensa onde se gardaban as patacas, as fabas, as castañas, o millo, as mazás pro inverno envoltas en herba seca para que non apodreceran, os queixos e unhas plantas moi fermosas que tiña a miña tia Asunción. Lémbrome de que o chao de madeira estaba empezando a apodrecer e o meu tio Camilo iba poñendo taboas novas de calquera xeito para poder andar por alí con moito tino pra non caer pras cortes.
———–No espazo interior da “U” estaba a moa onde se afiaban as gadañas, fouces e fouciños e na que os rapaces tamén afiabamos as puntas dos pinchos e dos trompos pra xogar. Tamen estaba a entrada pras cortes, cuadras dos porcos e outra entrada pra corte das vacas e por onde se metía a leña para a lareira e o forno así como a herba pro gando.

Captura 1           A casa propia onde vivíamos tiña dous andares, abaixo tamén había cortes pras vacas e pros porcos. No pé da “L” estaba a lareira que se asentaba nunha pedra retangular de uns vinte centímetros de altura baixo o canizo, e separada das cortes por unha parede de taboas. A súa dereita estaba o forno, que era grande e todo interior e no que se facía a fornada unha vez por semán, ademais de un pesebre onde había sempre dous ou tres cuxos. A ezquerda na veira de unha ventá estaba o fregadeiro, a espiteira e o salgadoiro, todo incrustado na parede de pedra.

Sin título          Sin título 2          Pro andar de riba subíase por unhas escaleiras de madeira. Alí había un corredor onde se atopaban tres arcóns grandes nos que se gardaba o trigo, o centeo e o millo debullado, e tres cuartos, ademais da porta que daba a eira e ao cuberto. Co andar do tempo tamén se fixo a cociña de ferro.
——-A casa moitos anos despois, quedoulle a miña curmá Mari e ao seu home Otilio (+) que arranxaron as dúas casas facendo unha só moi fermosa, e que remataron por vender fai uns anos. Pero a min sempre me quedarán as lembranzas daquela casa tal como foi feita nos tempos dos meus avós pois nela nacín e pasei moito tempo de cativo.

CASA DO CASTELO g

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

(Do Blog AQUAM LATAM)

Imaxe obtida nos anos 60 por Manuel Galego Iglesias. Foto cedida por Inmaculada Galego. Nela vese a ponte Vilariño de 1920, aínda en pé na actualidade, con reformas posteriores.

A Ponte Vilariño é un deses lugares de referencia que viron e protagonizaron múltiples eventos no decorrer dos séculos. Paso obrigado para vadear o Arnego no traxecto que discorre entre Lalín e Agolada. Camiñantes, feirantes, arrieiros, comerciantes, cabaleiros, vasalos, campesiños, titiriteiros… todo tipo de personaxes pasaron sobre as táboas da ponte medieval do ano 814. Lugar lendario e literario. Temos noticia de tres pontes que foron erguidas sobre as limpas augas balbordantes do Arnego: unha medieval do ano 814, outra de 1920 e outra de 1990. Canto máis recente, máis arriba no curso do río, máis elevada sobre o cauce e máis atallo no camiño.

Na imaxe aérea de arriba pódese observar o lugar onde aínda están os vestixios da ponte medieval e os restos da antiga calzada. Igualmente aparece sinalado o camiño que sae costa arriba ata a aldea de Esperante. Neste traxecto estaba Tribás, lugar desaparecido a principios do século XX, onde as referencias orais dos veciños de Vilariño nos falaron dunha cantina e pousada para os camiñantes. A última propietaria, viúva que vivía soa na cantina, seica fora asaltada e asasinada nunha triste noite de violencia. Un quilómetro máis arriba estaba a cantina de O Coche (Esperante).

Na imaxe anterior, de Ton van Vliet, aparece o Souto tras o mostrador da súa taberna da Ponte Vilariño, construída á beira da segunda ponte pouco despois de ser inaugurada en 1920. A imaxe é de 1978. O local desta taberna é na actualidade un club de alterne, logo dun intento de convertela en establecemento de turismo rural. Vicisitudes dos tempos.

P1050868P1050879P1050874

OS ZOCOS

OS ZOCOS

          Segundo parece, a orixe dos zocos está nas rexións húmidas de Europa, e aínda que hai algunhas diferenzas na súa forma, atopámolos dende Inglaterra ata Galicia pasando por Suecia, Holanda, Asturias ou Cantabria, sendo o mellor calzado para as zonas agrícolas.

          Indispensables no noso rural ate hai uns trinta anos, están feitos por dúas pezas, unha de coiro e outra de madeira. Loxicamente, o deseño foi cambiando co tempo ata hoxe en que atopamos zocos de coiro repuxado con fermosos debuxos e cores, madeira tallada etc.

          A madeira preferida polos zoqueiros era a da beira dos rios, ameneiros e vidueiros, por ser unha madeira moi clara e facil de traballar, ao mesmo tempo moi resistente á auga. Tamén se facían de cerdeira, que aínda que era unha madeira mais quente pros pés, había que cocela, pois tiña tendencia a poñerse amarela co  tempo. Segundo teño entendido, as árbores que ian destinadas os zocos, había que cortalas na lúa menguante do mes de Agosto e deixala secar de tres a catro semanas para poder traballala sin que fendese.

          A parte que cubría o pé, estaba feita de coiro de vaca ou cabalo, e cravábase a parte da madeira con craviños curtos e de cabeza ancha. Facíanselle unhas botoeiras na empeña e axustábanse con amallós feitos do mesmo coiro que os zocos.

          Na parte inferior da base de madeira cravábanselle unhas cantas chatolas para que non se gastase tanto a madeira e tamén para que non esvarasen sobre as pedras das congostras e corredoiras por onde se andaba.

          Era un calzado moi cómodo, quente e resistente á humidade. Para que o coiro se fixese impermeable e duradeiro, untábase con graxa de porco sen sal. Na matanza tamén se  gardába o mexadeiro do porco para tal mester, os zocos deixábanse a secar pola noite o pe do lume da lareira, e pola mañá quentábase o mexadeiro e untábanse con el. Os zocos ben engrasados non deixaban pasar a auga. Para facelos mais quentes metíaselles herba seca facendo de niño para o pe e acompañábanse cuns calcetíns de lá ben grosos.

          O meu amigo Alberto Fabrexo, zoqueiro dá Terra Chá, cóntame que o oficio de zoqueiro tal como eran os zocos de antes, era un oficio bastante sinxelo, que non precisaba de moitas ferramentas, e moi estendido, pois había ún en cada parroquia. Tamén que a Terra Chá é moi coñecida polos artesáns da madeira ou da pedra e que en tempos pasados todos os veciños eran zoqueiros. Era un oficio de tempada e compaxinábase coas labores do fogar, xa fosen agrícolas ou gandeiras. Polas terras do Deza de onde eu son, era moi coñecido o zoqueiro Xan da Xesta, natural dá parroquia do mesmo nome e que ademais era un bó músico e mellor gaiteiro.

          A min de cativo mercábanmos sempre no zoqueiro de Cadrón (Lalín), ao señor Manuel de Suaseiras e tempo despois, cando viñen pra Pontevedra, aínda lle merquei tres ou catro pares mais. No pobo usabaos sin chatolas porque con elas, ao andar polas veirarrúas, facían moito barullo e chamaban a atención. En lugar das chatolas poñíalles uns anacos de goma das rodas de unha bicicleta, e aínda así, algúns quedában a mirar pros meus pés e para aquel calzado que, de seguro, nunca viran. A partires dos 19 anos, cando marchei para facer aquela cousa tan rara que chamaban “mili” non os volvín a poñer mais.

          Os zocos foron desaparecendo do rural debido á mellora dos camiños e á mecanización dos labores agricolas anque pola montaña, aínda seguen a verse algúns.

Imaxe

ImaxeP1070715

A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

 A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

De mañá estaba Carmiña,
lavando a roupa no pilón,
e achegueime ata onda ela,
pra lle dar conversación.

Das rapazas de Muimenta,
é con moito, a mais fermosa,
e ten a pel coloradiña,
coma os pétalos da rosa.

— Bos días teñas Carmiña,
tés uns fermosos colores…
Vés… que vou levalas vacas,
alá pro Alto de Corres?

En canto escoitou aquilo,
mirou pra min de seguida,
e acoiteloume cos ollos,
como matándome en vida.

– Vaite de eí condenado,
non sei que facer contigo.
Ti queres enamorarme,
i eu non te quero conmigo!

– Ai por Dios miña Carmiña,
vaia rabia que me tés,
i eu de ti enamorado,
dende a cabeza ata os pes.

– ¡Que non te quero ver diante,
ben sabes o que che digo!
¡Podes ir collendo o coche,
e marchando cara Vigo!

– Dime que foi o que fixen,
que non foi do teu agrado,
ou que me viches facendo,
pra ter semellante enfado.

– Andabas onte na festa,
do San Lourenzo bailando,
e viñeches roubar-mo bico,
polo que estabas rabeando.

– E que pecado cometín,
nin que cousa parecida?
Solo quería que foras,
o amor da miña vida.

-Levache chasco, Pepiño
e quedáchete coas ganas.
Eu non son desas rapazas,
que se fian das palabras.

– Pois sen vez do San Lourenzo,
fose o día do San Brais,
roubábache un par de apertas,
e algunha cousiña mais.

– Arrenejado Pepiño!
Xa podes ir pro Castelo!
Pois seguro que ó meu niño,
non lle vas tocar ni un pelo!

E alí a deixei rosmando,
como se fose un cadelo.
Metín as vacas na corte,
e marcheime pro Castelo.

– Pois pralá me vou Carmiña.
Vou collendo carretera,
e xa que ti non me queres,
buscarei outra calquera.

Fai xa moitos anos que fíxen iste “romance” de desamor e desencontro a unha rapaza, inspirado nos parrafeos que se facían entre os namorados nas nosas aldeas, para contar e cantar as conversas entre iles. Relataban o encontro, a conversa e remataban na maioría das veces felizmente, anque moios deles tiñan un remate non moi ledo, como é o caso deste.  A tal Carmiña do romance, tanto pode ser que existira na realidade coma que non, e de existir de verdade, pode que se chamase Carmiña como tamén pode ser que non, asi como que fose de Muimenta ou que non o fose…

Imaxe

Imaxe

AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

AQUELAS VIAXES NO GÓMEZ DE CASTRO

        As viaxes naqueles autobuses, alá polos anos 60/70, cando a estrada entre o Castelo(Lalín) e Pontevedra era tan estreita que apenas cabían dous ao par, cando non tiña máis ca curvas, cando a subida á cima do Candán facíana a “paso de tartaruga” e cando paraban en todos os pobos da ruta (O Castelo, Muimenta, Goiás, Lalín, Botos, Soutolongo, Vilatuxe, Laro, Refoxos, Candán, Aciveiro, Cachafeiro, Folgoso, Cerdedo, Pedre, Santa María e San Xurxo de Sacos, Viascón, Tenorio, Bora e Pontevedra ) facíanse interminables. Chegaba un tan canso ao seu destiño, que lle facían falta dous días pra repoñer forzas.
        Non lembro o tempo que lle levaba percorrer os 90 Km. que habería daquelas entre os dous sitios, pero debía pasar ben das tres horas de viaxe. En cada sitio que paraba (que era en todos), perdía tres ou catro minutos pois daquela, todo o mundo andaba con maletas que había que subir para baca do coche, onde ían tapadas cunha gran lona para que non se mollaran nin se mancharan, xa que os maleteiros baixos eran tan pequenos que apenas collían tres ou catro maletas. Amais, algunhas veces, a lona soltábase e había que parar pra atala de novo. E aínda por riba, en Lalín e Cerdedo sempre paraban uns dez minutos para estarricar as pernas e mollar a palleta na de Mouriño ou na do Roxo.
        Chegaba un a Pontevedra coa cabeza tola polo ruído que facían e polo cheiro o gasoil, pois o motor levábano dentro. Lémbrome daquelas palancas de cambio que tiñan e que medían un metro, tremían todo o camiño dun lado pra o outro e cada cambio de velocidade leváballe ao condutor un tempo, pois o percorrido que facía era ben grande e había que embragar dúas ou tres veces, co que o coche perdía bastante velocidade nos cambios. Algunhas veces, cando a viaxe era pola noite, o revisor levaba unha escopeta, porque había moitos coellos entre Aciveiro e Cachafeiro. Moitos cruzaban por diante das luces do coche e disparáballes pola ventanilla de diante. Mataba tantos que algúns dáballos ós viaxeiros
        Pasar o Candán no inverno coas nevadas que había daquela, era un perigo que había que estar alí para velo. A maior parte das veces, cando o autobús esvarexía, baixaban os homes que viaxaban para axudarlle ao revisor a coller pedras dos balados para poñer diante das rodas e poder seguir. Un ano baixando cara Aciveiro, (lémbrome que era revisor o Sr. Manuel de Borraxeiros na Agolada e que rematou despachando billetes na parada de Pontevedra) o autobús foise da estrada e arrimou contra un torreón na ladeira do monte nunha curva que había antes do Río Lérez. Tiveron que vir uns veciños con vacas, e o mesmo tempo que tiraban del, os viaxeiros empurraban ata que o sacaron de alí. A cousa rematou ben e con celebración nunha taberna que había en Aciveiro, mentres as mulleres e os rapaces esperabamos no coche.
        Pero o certo é que nos anos que viaxei nunca tivo un accidente ningún dos autobuses que viaxaban entre Lugo e Vigo. Eran bos condutores, si señor. Lémbrome dun (o Sr. Pepe) que conducía sempre agarrado a un puro e gustáballe moito cantar, en canto me miraba na parada botábame un sorriso pois sempre cantabamos algo durante a viaxe, ata que o mareo empezaba a facer efectos.
        Os revisores eran uns artistas do equilibrio pois tan pronto subía alguén, e o coche empezaba a moverse dun lado pro outro, polas curvas e o mal estado da estrada, eles, espetaban os pés no chan e escribían o billete sen que lles tremera o pulso e iso que o corpo íalles bailando de un lado pro outro. Ademais do Sr Manuel tamén me lembro dos Castros, o grande e o pequeno como eran coñecidos. O grande aínda ía indo, pero o pequeno, tiña unhas malas pulgas doentes de moito nabo. Berraba con todo o mundo e non podías levantar a voz máis cá súa ou ameazaba con baixarte na próxima parada.  Pero non era mala persoa, non. Eu penso que o facía para entreterse en tan longas viaxes pois dende Lugo a Vigo, debía llevarlles todo o día. Unha vez na que eu ía coller o autobús para Pontevedra, atopábame en Muimenta e pensei que aínda me daba tempo de chegar ó Castelo para collelo alí. Botei a andar, pero calculei mal a cousa, porque na metade de camiño, nun sitio que se chama o Alto de Corres, xa o escoitei. Tan pronto o vin levantei a man para paralo e nada máis subir ,mirei para o revisor e pensei “vaia oh, tiña que ser el, o Castro pequeno” teméndome o peor. Nada máis sentarme, arrimouse á miña orella e díxome máis ou menos:
        – Rapaz, tiveches sorte de que che parase o chófer, que se é por min, quedas na estrada. Así que xa sabes, para a próxima estás na parada, ou esperas para o outro día, e se tes apuro vas pola besta e fas a viaxe nela.
        Pero o malo foi que non quedou aí a cousa, non. Cada vez que non tiña nada mellor que facer, achegábase á miña orella e rosmabamo unha e outra vez, e así foi todo o camiño ata chegar a Pontevedra. E eu caladiño, e aguantando o chaparrón que para iso os rapaces de antes eramos ben educados según decían.
        Viaxaba moita xente daquela. De Pontevedra cara a Lugo sempre ían dous ou tres autobuses de reforzo e daban a volta segundo ían baixando os viaxeiros. En Cachafeiro case sempre quedaba un baleiro ao baixar moita xente de Forcarei. E a partires de Lalín, xa sempre seguían dous ou un só. O peor era cando había que ir de pé toda a viaxe e íaselle preguntando aos sentados onde baixaban para ter xa o sitio collido.
        Agora despois de tantos anos, dá gusto mirar para aqueles autobuses tan fermosos e que se están tentando recuperar. Que ledicia velos pola estrada, e ata dan ganas de viaxar neles outra vez… claro que as condicións nas estradas de hoxe xa non son as mesmas que as de antes.

Imaxe

A PONTE DAS ABELLAS (O Castelo)

A PONTE DAS ABELLAS (O Castelo)

          Aquela ponte,  feita con unhas táboas mal postas, era a unión das aldeas das dúas veiras do Regato das Abellas. Por alí pasaba xente a cotío. Eu iba moitas veces coas vacas para un prado que está o seu carón, o Prado do Porto, e coñecía moita da xente que por alí pasaba só polo feito de mirala dun lado pro outro mentras o meu curmán Luís mais eu, rillabamos nas mazás dunha maceira que había o pé do balado que separaba o noso prado do de Sucasas.

          Como as vacas eran boas de gardar, a meirande parte do tempo que estabamos con elas, pasabámola  enriba da ponte aselando nas troitas ou chuzando nos avispeiros que había sempre por debaixo das táboas.

          Era paso obrigado  pras xentes do Castelo que levaban as vacas ó boi onda o Sr. Abonxo de Cangas, así como pro Reino de Cadrón coas súas bestas cargadas nas costas cos bidóns do leite, leite que el recollia polas casas do Castelo, Cancelas, Cangas, Rodís… Sempre me lembrarei daquel home ó que esperabamos os rapaces co canado do leite diante das cortes das vacas e que nos facía sempre a misma pregunta:

          – A ver, rapaces, cantas cuncas de auga lle misturaron os vosos pais hoxe?

          E botáballe unhas risas mentras metía aquel aparello de ferro no canado e que debía de marcar algo así como a densidade do leite.

          Pero o movemento mais grande de xente o traveso da ponte, era os fins de semán e os días de feira na Agolada e en Lalín. A xente das aldeas  da outra veira do rio hacia o Monte do Carrio, viñan dar onda a tabena do Sr. David de Rios no Castelo, para coller os autobuses de Gomez de Castro cara a Lugo e Pontevedra, o Meixide pra feira ou o Pereira pra Agolada, Lalín  e ó Carballiño. Os días 3 é 18 de cada mes, que eran feirados en Lalín e os días 12 na Agolada, dende a mañá pola fresca ate mediado o serán, aquela ponte era un fervideiro de xente pasando dun lado pro outro do rio.

           A derradeira vez que mirei a ponte coas táboas, foi un ano de xa fai moitos (pode que mais de trinta) en que o meu cuñado Luís de Bermés e o tio Pedro (+) fomos levar a un coñecido que non tiña coche a Palas de Rei. Cando viñamos de volta pra Bermés e xa sendo moi noite ocurríusenos facer unha atallada pola ponte pra non ter que ir dar a Lalín. Ó chegar alí, atopámonos conque as taboas estaban todas escachadas e mal postas pero aínda así, demos pasado pra outra veira.

          Pouco tempo despois arranxárona tal como se atopa hoxe, polo que segue a ser unha boa ponte de comunicación entre as dúas veiras do rio  e que a min valme pra facer as atalladas entre Bermés e o Castelo-Muimenta sin ter que ir dar a volta por Lalín.

Imagen

Imagen

Imagen

 

O CASTRO DE CADRON (LALIN)

O CASTRO DE CADRON (Coto da Croa)

          Anque se coñece como o Castro de Cadrón, está situado na aldea do Castelo a un  lado da pista que vai dende a carretera de Lugo ó lugar de Cancelas, no alto de un coto coñecido como Monte do Castro e rodeado casi na súa totalidade polo rio das Abellas, como parecendo que este fose aproveitado para a seguridade do recinto. Na aldea tamén é coñecido como o Coto da Croa.

          Según a súa catalogación  *GA36024014* perteñece a edade de ferro e está situado a unha altitude de 476 m. Ten forma ovalada e según un letreiro que houbo en tempos mide de Norte a Sur 69 m. e de Este a Oeste 102 m. e estaba protexido por un muro de pedra.  O carón del, hai outro recinto moito mais pequeño de forma circular e rodeado tamén por un muro de pedra.

          O coto onde se atopa é moi granítico cheo de piñeiros, eucaliptos e matogueira moi alta, o que fai moi dificil a súa visión, ademais  só quedan uns poucos restos, pois casi toda a súa pedra foi aproveitada en tempos pra construcción dos balados e casas dos arredores.

          O ser un coto con moita pedra, o seu entorno estivo sempre libre dos traballos da agricultura  sendo utilizado unicamente pra pacer o gando. As leiras  atópanse a pe do coto a carón do rio das Abellas nuns prados que se coñecen como prados do Porto e situados entre o coto e a Ponte das Abellas.

          Lembrome da lenda que contaban os mais vellos do lugar, que decían que estivo habitado polos mouros e que se comunicaban con señais cos da Veiga e os de Palio de Riba, tamén se dí que foi o Apostol Santiago quen os botou. Esto último escoiteino en boca de Don Manuel, que era o cura que tiñamos na parroquia de Cadrón e Muimenta alá polos anos 60/70

Imagen

Imagen

Imagen