UN DIA DE FEIRA NA AGOLADA

UN DIA DE FEIRA NA AGOLADA  

Saín pensando ir a feira,

un día de mañá cedo,

montado no meu cabalo,

dende a casa no Castelo.

 

Pra pasar o dia nela,

ia eu todo ben posto,

co meu traxeciño fino,

e zapatos de alto costo.

 

E levaba nunha cesta,

un lacón case que inteiro,

unha bola de pan trigo,

e un bó anaco de queixo.

 

Mais dúas botas de  viño,

de bó viño do Ribeiro,

nunha petaca café,

e augardente do Garello*.

 

No peto levaba cartos,

pra mercar unha xugada,

pois era a feira do doce,

nos pendellos da Agolada.

 

Puxen o cabalo en camiño,

e pra facer unha atallada,

fun por medio d-uns centeos

e crucei unha leira arada.

 

O chegar ó rio Arnego,

e antes de atravesalo,

din un alto no camiño,

e baixeime do cabalo.

 

Sacudín ben o meu traxe,

pois o chao era polvento,

e entón pediume o corpo,

botar un grolo… ¡¡e boteino!!

 

Nada mais pasar a Ponte,

e atoparme do outro lado,

vin a dous tipos sentados,

sobre a lousa dún valado.

 

Moi bós días, cabaleiro,

seica vai moi apurado,

abra esa cesta que leva,

e enseñema de contado.

 

Obedecín sin protestar,

ó enseñarme unha escopeta,

e meteu na sua saca,

o que eu levaba na cesta.

 

¡¡A ve-los cartos que leva!!

dixo o que era mais chaval,

meteu a mau no meu peto,

e atopou o diñeiral.

 

¡¡Carallo pro cabaleiro!!

-Dixo ó mais espabilado-

¡Con tanto carto que leva,

deixarémoslle ó  cabalo!

 

Fuxiron despois os tipos,

camiño de Vilariño,

papando o lacón e o queixo,

e bebendo do meu viño.

 

Volvín montar no cabalo

e dei volta pró Castelo.

pensando en como contalo,

sen que me caera o pelo.

 

E chegando onda muller,

que é moi boa costureira,

nada mais abrirme a porta,

preguntoume pola feira.

 

Á  feira non din chegado,

roubáronme no camiño,

o lacón, o pan e o queixo,

mail-as dúas botas do viño.

 

Pois dame os cartos, meu home,

pra agochalos no chineiro.

Hai que telos ben gardados,

porque son moito diñeiro.

 

Os cartiños queridiña,

tamén mos levaron todos,

pois eran vinte os ladrós,

e atracados era eu solo.

 

E a muller deu tal berrido,

tan pronto dixen aquelo,

que hai quen dí que se escoitou,

dende ó Carrio ata ó Farelo.

 

E  mirándome pra cara,

como quen mira pron sapo,

desta maneira falou,

a este pobre condenado.

 

¡Funme casar cun burro,

esa foi a miña sorte!

¡¡A partir do dia de hoxe,

vas co cabalo pra corte!!

 

Dende entón aquí me tedes,

durmindo no galiñeiro.

As galiñas pola eira,

i eu, subido no poleiro.

 

Agora falan na aldea,

que non houbo tal atraco,

seica me quedei cos cartos,

pra poder comprar tabaco.

 

I eu os cartos non os choro,

nin me quitan o sentido,

choro o lacon e o queixo,

mai-las dúas botas de viño. 

.-

E aquí rematou o conto,

deste atraco a man armada,

que sofrín un día de feira,

nos Pendellos de Agolada. 

….

  O Garello*- Arrieiro das Cruces que vendia augardente polas portas.

… 

     O Cantar relata un feito acontecido na Ponte Vilariño, unha ponte

que está a tiro de pedra entre a Agolada e o Castelo, e pra facelo,

inspireime nun conto que a miña nai e o meu tío Camilo, contaban

cando eu era cativo.

     Aconteceu un día de feira na Agolada de xa fai moitos anos.

     O asaltado era un veciño da miña Parroquia, e anque dígo que

era da aldea do Castelo, tampouco ten poque ser así, e por suposto

que non vou decir o seu nome.

     Aos asaltantes, detivéronos os civís pouco tempo despois, e seica

eran de unha parroquia das Cruces, da que tampouco vou dar o nome.

     As malas linguas da aldea, decían que coñecendo ó personaxe,

non houbera tal atraco, que todo era un invento seu pra quedarse

cos cartos, pois a súa muller seica non lle daba nin pra unha chiquita

e na taberna seica bebía sempre de prestado.

sin-tc3adtulo3

AS FEIRAS

A vida na nosa Galicia estivo sempre moi vencellada ao rural, pois a maior parte da súa economía xiraba entorno a agricultura e a gandería e onde tamén tiña un posto preferente o traballo artesanal da roupa, calzado, cestería, ferrería, cerámica,  etc.

O mercadeo destes productos tiña lugar nas feiras que se facían periódicamente e que se procuraba non facelas coincidir coas das vilas proximas. Normalmente facíanse cada semana, ou cada 15 días en espazos públicos dedicados a tales eventos.

Feiras importantes pola comarca do Deza eran a de Lalín, a do Vento, a da Agolada, Silleda, Vilatuxe, etc.  casi todas elas xa son un mero recordo.

Eran anos nos que en cada casa había un pequeño rebaño de ovellas, media ducia de cabras, catro ou cinco vacas e unha parella de porcos, ademais das galiñas, coellos e algunha que outra colmea…

Duas ou tres horas antes de que saíra o sol iban chegando polos camiños desde distintos lugares os carros co gando e cos productos agrícolas case sempre traídos polos seus donos, anque tamén había xornaleiros contratados para estes menesteres, ademais de feirantes e tratantes. Ó chegar, distribuíanse nos lugares axeitados para cada cousa dependendo de si no recinto había pendellos ou non, así un era pro gando novo, outro pras vacas, outro pras ovellas e porcos e outro mais pros productos da horta, galiñas, queixos, ovos, mel etc.

Nalgunha destas feiras rapabanse as ovellas e vendíase a lá para fabricación de roupa, e anque os xergóns das casas case sempre eran de follato de millo, algunha vez tamén se facían de lá.

A estas feiras tamén chegaban carros cargados con leña e piñas e que se vendían ós clientes das vilas pras súas cociñas de ferro.

Era moi habitual a presenza dun cego, que acompañado case sempre de un violín cantaba as novas e os aconteceres das Parroquias, e que xunto con un acompañante que con unha vara iba amosando un lenzo onde estaba dibuxada a cantiga, facían así moitas veces de periódicos onde relataban os crimes e outros aconteceres. Un reloxeiro que ademais de arranxar os reloxos, poñíalle os pendentes as nenas, un fotógrafo que pasaba o día percorrendo a feira en busca de clientes que quixeran ser fotografiados,e así poder mandarlle unha foto os familiares ausentes, tamén atopaban sitio para traballar, un dentista e un barbeiro, asi como afiadores e capadores. Tamén se gañaban o día os carteiristas é os trapalleiros que facían xogos de cartas ou de chapas, para sacarlle os cartos a xente. Moitos incautos que ían cos cartos para mercar unha becerra quedaron sen eles antes de mercala, ou o contrario, que vendían a becerra e non chegaban con eles a casa.

Pero a figura mais popular das feiras eran os tratantes de gando ou feirantes, eran inconfundibles. Coa súa gorra, a chaqueta negra, as batas oscuras, o bastón colgando do brazo e o paraugas colgado do pescozo da chaqueta, percorrían as feiras de Galicia coa súa besta na percura do mellor gando. Nas feiras da Comarca do Deza, estes feirantes eran a meirande parte deles das terras de Maside en Ourense, de feito decía Otero Pedrayo que non entendía unha feira sin a presenza dos “masiados”, sobre todo da parroquia de Garabás, cuna por automasia dos feirantes .

Imaxe

Outra das figuras mais importantes das feiras eran al pulpeiras. É que si nunha feira non estaban, xa non era unha feira. Eran todas do Carballiño, e inconfundibles, coa súa pota de cobre cocendo o pulpo dende media mañá e rodeadas de platos de madeira e leña de carballo para facer o lume. A hora do xantar, formabanse colas diante delas para mercarlles o pulpo e xantalo naquelas longas mesas de madeira onde xa esperaba o pan e a xerra do viño.

Ás feiras casi sempre se iba por necesidade, pola necesidade de mercar productos que se necesitaban e de vender os productos da casa que sobraban ou que se producían para vender.

Viñan sendo coma un día de festa, e o mellor dos pretextos para visitar a Vila, sobre todo para a xente nova que aproveitaba para  andar a conquista de algunha moza.

O que sí é que iba xente de toda a Comarca, xa fose a pé, a cabalo, no carro ou nos poucos autobuses que había daquelas.

A feira era o acto máis fermoso e importante do concello. Aquel movemento desenfreado remataba a media tarde, despois de xantar o pulpo ou o bacallao e de latricar durante un par de horas cos veciños que facía días que non se vían…. entón os camiños volvían a encherse de xente, animais e carros de volta para casa.

Hai moitas teorías sobre a desaparición destas feiras, uns din que as deixaron morrer, outros que non souberon adaptarse a modernidade dos tempos e os mais que a emigración, o abandono do rural e a despoboación das aldeas remataron con elas.

O que sí é certo é, que os que tivemos a sorte de vivilas e disfrutalas, botámolas moito de menos, e matamos a morriña visitando algunhas das sostibles que se están a facer e de algunhas outras que están tratando de recuperar.

Imaxe(Fotos da páxina Web do Concello de Lalín)