PARA QUEN CUCOU O CUCO

PARA QUEN CUCOU O CUCO
…….Tempos atrás, decíase que o cuco cucaba pros cartos, e según os cartos que se tiñan na carteira no momento de escoitalo, así estaría a carteira o resto do ano. Tamén había a creenza de que cando estaban vaias persoas xuntas, so surtiria o efecto dos cartos nunha delas.
…….Entón, sabendo esto, eran dous homes que, indo por un camiño, sentiron cucá-lo cuco, e díxolle un ao outro.
…….– Cucou para min.
…….Ao que o outro respostou: 
…….– Non, ho, ¡ese cucou para min!.
…….E sobre desto tiveron tal disputa que acordaron leválo asunto a un abogado. Ao chegar ao despacho contáronlle ao señor abogado o choio que os levaba xunto del. E o abogado díxolles:
…….– Poñan cincuenta pesos cada un enriba da mesa, e despois dígolles para quen cucou o cuco.
…….Sacaron da carteira e botaron encima da mesa os cincuenta pesos cada un. Entón o abogado, botando man aos cartos, dixo:
…….– Nin para un, nin para o outro, o cuco cucou para min.

Advertisements

AS MIÑAS TRES ALDEAS

Nun comenzo, cando fixen a cantiga, e nun par se sitios onde a cantei, tituleina “Tres lugares de Lalín” Pero gústoume mais “As miñas tres aldeas” e ao remate é como se titula.

A cantiguiña, está dedicada as aldeas onde nacín e onde me criei, e tamén a toda súa xente, de maneita moi especial a todos aqueles amigos e veciños dos que aprendín o que non se ensinaba na escola de Muimenta, e cos que disfrutei de tantas e tantas cousas. Unha apreta moi especial pra todos, e a miña lembranza pros que xa nos deixaron.

Os rios “grande e pequeno” sempre os coñecimos así entre os veciños, anque teñen nome: O grande é o Arnego e o pequeno o das Abellas.

A Costa, é o monte que abriga ás tres aldeas.

Entevista na Voz de Galicia:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2017/10/11/span-langglxose-iglesias-adica-unha-cantiga-as-suas-tres-aldeas-lalinspan/0003_201710D11C6994.htm

 

CUMPLINDO COA PALABRA DADA A D. XOSÉ NEIRA VILAS

CUMPLINDO COA PALABRA DADA A D. XOSÉ
…..Certo día de xa van alá uns anos, atopábame xunto con uns compañeiros e amigos músicos, visitando a D. Xosé Neira na súa casa de Gres.
…..Aquel día, non lembro o porqué, sasiu a conto o seu poema “Xoaniña andeira”
…..Un poemiña moi fermoso pros nenos, dedicado a ise bichiño tan querido por todos.
…..Quén de cativo ou non tan cativo, non puxo unha xoaniña na punta do dedo e cantou aquilo de “Voa, voa, xoaniña voa, que che hei de dar pan de broa”
…..Amais, aquel día contounos (eu nunca o escoitara) que se a xoaniña voaba baixa iamos pro purgatorio, e se voaba alta iamos pro ceo. Se non voaba, xa vos podedes imaxinar.. por iso había que darlle voltas e mais voltas pola mau en diante ata que voara.
…..A min gustábame tanto o poema (amais lembrábame unha taberna que había en Ourense que lle chamaban “A tasca da Xoana” e que tiña o poemiña escrito nunha taboa) que díxenlle que lle iba poñer música, e na próxima vez que o visitara cantaríallo e el acompañaríame no canto coa pandeireta.
…..Pero nunca me puxen a el, e non sei moi ben o porqué. …..Quizais porque os que nacemos e somos uns nugallaos, sempre poñemos a disculpa de que non temos tempo.
…..O conto foi, que o día do seu pasamento, un dos compañeiros de aquel día, lembroumo:
…..– Oes, e ti chegache a musicar o poemiña da Xoaniña?
…..– Meu Deus, non tiven tempo…
…..Pero pensei alá pros meus adentros, que aínda tiña unha taboa de salvación. Don Xosé non me puxera plazos e eu non me comprometera no cando. Así que considerei que a débeda era tan grande para conmigo mismo, que tiña que cumplila, e mais agora, que teño unha netiña de dous aniños e medio á quen cantarlla.
…..Espero que vos guste, xa que non o souben facer mellor, pero que sepades que está feita con todo o meu cariño pra con Don Xosé e a súa dona Anisia.
…..A cantiguiña grabeina co murmurio das augas do Rio das Abellas da miña aldeíña do Castelo como fondo.

A FEIRA DOS CARBALLIÑOS DE VILATUXE

          A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate os derradeiros anos do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
          Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
          Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
          Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo na década dos 80, o non se adaptar ós tempos modernos, e entre outras cousas ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais.
          Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa historia e da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
          Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
           Eu tiven a ledicia de visitala case todos os anos dende o  2012 no que se fixo a primeira, e de verdade que quedei prendado do que alí vin.          Este ano, fun cos meus compañeiros, Benito e a súa zanfona, J. Carlos co acordeón e Antonio á percusión a botarlle unhas cantiguiñas, anque o tempo non axudara moito para ter unha boa feira. O que si é seguro, que por alí andaremos en anos vindeiros sempre que se poida.

SOBRE A CANTIGA “FISTERRA”

SOBRE A CANTIGA “FISTERRA”
…..Algunhas veces pregúntome de onde saiu a mistura tan rara desta cantiga tan popular e que se fixo aínda mais dende que a grabou Treixadura.
…..A primeira vez que a escoitei foi a Suso Vaamonde (se mal non lembro) na do Cuco en Velle xa fai moitos anos. Era das de santo e seña do furancho. Despois cantouna algunha vez no “Luar” e montouna co grupo Xorimas, anque nunca chegaron a grabala.
,….O retrouso tan fermoso desta cantiga, é un anaco do poema “Os teus ollos” de Curros Enriquez, que musicou Chané e que grabou un montón de xente nas últimas décadas. Tamén é moi fermosa. Eu canteina durante moitos anos coa zanfona, anque agora gústame mais coa guitarra:
Tamén eu choro,
tamén eu choro,
cando non me alumean, meu ben
eses teus ollos.
…..A primeira estrofa da cantiga fala de concellos da costa galega pero que non sei se perteñece a algunha cantiga tradicional que se canta por eses lugares. O que si é, que non garda relación algunha coa letra do retrouso:
Fisterra vai na proa,
Camariñas vai no mar-e,
Santa Uxía de Ribeira,
Poboa do Caramiñal-e.
…..Anque é moi parecida a unha que si é tradicional e forma parte de outra cantiga:
Se Fisterra vai na proa,
e Camariñas a remar-e
move as ondas de Ribeira,
vento do Caramiñal-e.
…..A segunda estrofa da cantiga, si parece que quere ser unha continuación do retrouso, pero que non ten nada que ver co poema de Curros, anque seguro que perteñecerá a algunha cantiguiña tradicional, pois tamén forma parte da pandereitada “Os teus ollos eclipsan a Lúa” de Cende e que cantaban as Cantareiras de Lobios:
Se queres que brile a lúa,
pecha os ollos meu amor-e,
que mentra-los tes abertos,
a lúa pensa que hai sol-e.
…..E a terceira estrofa si que é coñecida pola zona de Ribeira e forma parte de unha cantiguiña local, anque moitas estrofas parecidas a esta e que parecen cortadas do mesmo patrón, atopanse por toda Galicia
Para sardiñas Aguiño,
para bolos Castiñeiras,
para rapazas bonitas,
Santa Uxía de Ribeira.
…..Fai uns días que grabei “Os teus ollos” para uns rapaces de un cole que fixeron un traballo sobre Curros Enriquez. Pedíronma pra poñer como música de fondo a un corto que fixeron sobre a vida do poeta. Anque xa a puxera por aquí, volvo facelo, porque para min, e anque é moito menos coñecida, é tan fermosa como a de Fisterra.
…..Apertas para todos.