COMO COLLER UNHA CUNCA DE VIÑO. LECCIÓN MAXISTRAL

COMO COLLER UNHA CUNCA DE VIÑO TINTO
…….. O de cómo coller unha cunca de viño para beber, parece unha trangallada, pero non é tal. Collela como Deus manda, e saber soprala como calquera instrumento musical, é unha arte. Habería que facer do viño e da cunca, unha carreira en Belas Artes, para despois facer un master nun furancho durante un ano inteiro e festas de gardar.
…….. Empecemos por decir que si o viño é a bebida dos Deuses, Galicia é o paraíso dos viños. Os da Meseta chámanlle caldo porque non teñen outra casta de caldos, pero o caldo para nós é outra cousa que non ten nada que ver co viño, anque en ocasións bébense os dous por cunca, e ata hai quenos mistura.
…….. Unha vez chea a cunca do viño, pódese coller de catro xeitos: “Estilo señorito” “Á maneira dunha asa” “Xeito trapalleiro” e “Modo galego ou tradicional”
…….. O “Estilo señorito” e o erro mais espallado polas tabernas e furanchos. Pra iso, cóllese a cunca polas veiras coas xemas dos dedos indice e pulgar para levala á boca.   “A maneira dunha asa” ven sendo como o “Estilo señorito” pero collendoa pola cima. E moi incómodo coller a taza  deste xeito, pois sempre acaba tropezando a man co nariz.   “Xeito trapalleiro” que consiste en collela coas dúas maus . Tamén hai quena colle co pulgar no borde e co resto dos dedos no cú da cunca, derramando o viño ó collela a meirande parte das veces.  E como remate, temos o “Modo galego ou tradicional” que merece comentario aparte.
…….. Para coller unha cunca como un bo galego, primeiro hai que enchela ata a cima de todo pero sin que bote por fora. O que todos coñecemos como “Sácarlle o ar á cunca” cando o taberneiro está co xerro botando no viño. Unha vez esteña a cunca chea, hai que pechar a man, collela polo lado de fora co dedo índice encollido, e polo lado de dentro coa xema do dedo pulgar. A punta do dedo pulgar, ten que estar sempre metida no viño. Un bó bebedor de viño tinto coñécese porque ten a uña do dedo pulgar como si estivera arrincando no esterco. Unha vez ben collida, hai que cangarse pra diante, erguer a cunca e levala á boca. Bébese ata a mitade mais ou menos sin respirar e mirando pro viño. Vólvese poñer a cunca no mostrador, lámbese a punta do dedo, e bótase un pequeño aturuxo seguido da frase “Agora xa o homiño é home” pra rematar despois cantando “O Miudiño” ou calquera outra cantiga.
…….. Eu a cunca, colloa como un bo galego que son, da maneira tradicional, da de sempre… da de toda a vida, vaia. E desto podo presumir que sei, porque o meu avó era arrieiro do viño. Así que a arte de collela, venme dada por herdanza
…….. E para rematar esta lección maxistral, decirvos o afortunados que somos os que temos bigote, porque o trago de viño que mellor sabe, é o que queda entre os pelos dél, e lambese media hora despois de tomarlle a penúltima cunca.
…….. Apertas para todos, e bo furancheo.

1350982505806

OS OVOS SAEN POLO CÚ DAS GALIÑAS

OS OVOS SAEN POLO CU DAS GALIÑAS
—– Onte estiven latricando un pouco con Roberto Lema que é un bó amigo dende tempos inmemoriais… dende que fixemos xuntos aquela cousa tan rara que chamaban MILI, alá por Parga en Lugo.
—– Veu acompañado da súa netiña Araia que anda polos cinco aniños.
—– Roberto, contoume que Araia facía un par de meses que non comía ovos;
—– – Dille a Pepe porqué non che gustan os ovos…
—– – Porque saen polo cu das galiñas.
—– Tal cousa lle dixo a súa avoa, que dende aquel día non volveu probar outro.

sin-tc3adtulo3

FESTA DO XAMON EN BERMES (Lalín)

FESTA DO XAMON EN BERMES (Lalín)

IMG-20140801-WA0001

          Dí un coñecido refrán, que a ninguén lle amarga un doce.

          O xamón, é a mellor parte do porco, o producto mais tradicional e exquisito da nosa bisbarra. Utilizado en tempos non moi lonxanos para aprobar un exame ou como agasaio ao político de turno, agora sirve de reclamo gastronómico na parroquia de Bermés dende fai xa 16 anos.

          O que comenzou sendo unha festa casi familiar, convertíuse en unha das mais importantes festas gastronómicas que se celebran en toda a  Bisbarra do Deza.

          Ao abrigo da carballeira que conforma o campo da festa, a unha veira da carretera que vai de Lalín as Cruces, xúntanse uns cuantos milleiros de persoas atraídas pola gran calidade do producto a un precio asequible, e presentado de diferentes maneiras para súa degustación.

          Anque nos comenzos costou poñela en marcha, dezaseis anos despois debido ao bó traballo da comisión organizadora, é unha festa consolidada que axuda a coñecer aínda mais a esta fermosa parroquia, que acolle cos brazos abertos, a quen queira achegarse a ela, co ánimo de pasar unha boa parte da noite ao compás das orquestras que amenizan o evento, e que marca o comenzo das festas patronais na honra de Santa María.

          A calidade do xamón, xunto co pan de Lalín e regado co mellor viño do ribeiro, farán que esa noite sexa inesquecible para todos os que queiran achegarse ata Bermés.

          Boas festas.

P8140004

IMG-20140801-WA000111863342_965430963499611_5612368672949066449_n

AUGA MAXICA DO SAN XOAN

AUGA MAXICA DO SAN XOAN

          A noite de San Xoan, din que é a mais cativa do ano, pero tamén é a mais máxica. En Galicia é a noite do lume, das cacharelas e das augas milagreiras, tamén é a mais rica en lendas e costumes.
          A auga milagreira faise recollendo herbas e plantas con moito arrecendo, pois din que canto mellor cheiren, mais espantan os malos espritos e as bruxas. Recóllense polo serán do día 23 e deixanse na auga toda a noite. Que ledicia, e que días mais fermosos cando se saía ao monte cos avós a recollelas.
          Magoa que esta tradición se vaia perdendo sobre todo nas cidades, onde por mor da velocidade nas que se vive, fai que se estraguen e boten a perder moitas das tradicións que nos ensinaron os nosos avós e que eles aprenderon dos seus.
          As herbas que compre atopar para facer a auga son, o trementelo, abelouro, codeso, herba luísa, fiuncho, malva, fento macho, carrasquiña (é moi dificil de atopar), sabugueiro, romeo, ollo de prata, sanxoás, espadaina, orquideas autóctonas, e algunha que outra mais que embelezan os nosos montes. Con todas elas, elas faise un pequeño moio e métese nunha palangana  coa auga suficente para que queden todas cubertas de auga.
          Hai sete que segun din os entendidos, son as axeitadas para facer a auga do San Xoan, e según di atradicion,  bótanse na auga de sete fontes distintas para purificalas o resto do ano. Non sei si terá algo que ver isto, cos sete días que din que tardou Deus en crear o mundo, anque parece ser que no séptimo non traballou moito:

954793_4957007603122_220121635_n (1)
• O hipérico ou herba de San Xoán alivia a depresión e protexe contra os malos espritos. Ten propiedades cicatrizantes, aptisepticas e diuréticas.
• O fiúncho protexe do mal de ollo e ten propiedades diuréticas e dixestivas
• A herba luísa ou verbena ten propiedades dixestivas.
• O codeso ou xesta ten propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Utilizase para barrer a casa para purificala e protexela dos malos espíritos.
• O fento macho é velenoso. é un antiparásito moi bo e actúa como paralizante muscular. Dise que bota flor a media noite do san Xoán.
• A malva, é boa para a picadura das avellas e queimaduras.. Serve para todo: resfriados, bronquitis, afeccións dixestivas, nervios, etc.
• O romeu purifica e protexe. Ten propiedades tónicas e estimulantes, moi bon para a reuma, artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa, etc.
          Nas aldeas, a palangana coa auga, deixábase sempre forada casa, para que o San Xoan a bendecira durante a noite, amais, tapábase con toxos pra que o demo non cagara nela.
          Ao outro día pola mañá, sácanse as herbas, e coa auga, lavanse as mans e os pes para purificar o corpo e protexelo das enfermedades, e según di a tradición, non se pode secar con trapo ningún. Ten que se secar có ar e co sol. A verdade é que non sei si purifica e cura, o que si sei é que o corpo queda con un arrecendo á natureza que da gloria.
          O moio feito coas herbas, colgábase na parede da lareira o resto do ano, e tamén había a crenza de que si as mozas metíano debaixo da almofada, soñarían pola noite co que ia ser o seu home.

Vinte unha crara noite,
noitiña de San Xoan,
poñendo as frescas herbas
na fonte a serenar. (Rosalía)

599794_3422356357800_308354192_n

A PEGA MERGA (Trabalinguas)

A PEGA MERGA (Trabalinguas)

Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.

Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

——————————-
Unha pega, cega,
faxega e faxegorda,
escotrobellada e xorda
criou os seus tres pegos cegos,
faxegos, faxergordos,
escotrobellados e xordos.

Se a pega non fose cega,
faxega e faxegorda,
escotrobellada e xorda
non criaría os seus tres pegos cegos,
faxegos, faxegordos,
escotrobellados e xordos.

—————————-

Unha peja, merja

zaferja e zafijorda,

pipiriparda, ceja e xorda,

criou cinco pejos, merjos, zaferjos,

zafijordos, pipiripardos, cejos e xordos.

Como faría aquela peja, merja, ferja, zaferja

zafijorda, pipiriparda, ceja e xorda,

para criar aqueles cinco pejos,

merjos, ferjos, zaferjos, zafijordos,

pipiripardos, cejos e xordos?

O BARALLETE (A lingua dos afiadores)

O BARALLETE

          É unha lingua propia dos afiadores creada por eles mismos para entenderse sen que ninguén soupera do que andaban a falar. Así podían estar todo o día latricando das cousas referentes ó seu oficio, das cousas da vida ou das anecdotas que lle pasaban durante o seu traballo, sin que ninguén dos que escoitaban se decatase do que decían.

          Este idioma propio, estaba formado por infinidade de palabras, verbos, definicións e incluso frases inteiras, que facían que dous afiadores poideran manter unha conversa sin tocar para nada o galego ou o castelán.
Moitas das palabras desta lingua, quedaron apegadas polos distintos camiños por onde andaban os afiadores, pasando a formar parte do propio idioma galego. En Ourense, cuna dos afiadores, e sobre todo nas aldeas onde había algún afiador, quedan como herdanza do seu idioma propio. Incluso moitas das palabras son utilizadas fora de Galicia chegando o Uruguay e Arxentina, o que da idea da universalidade do traballo de afiador.

          O Concello de Nogueira de Ramuín, non deixa que se perda tan fermoso legado así como tan fermoso oficio que foi sinal do concello e sustento de moitas das familias que o compoñían permanecendo aínda aberta a única fábrica de “Rodas de molandeira” que queda en Galicia.

          Os meus amigos Pepe Casildo Lamas, de Luíntra, Amadeo Xastre de San Lourenzo de Rivas de Sil, e Jose Casal Rodriguez(+)* da Peroxa, son quenes me contan todo esto, Casildo ven de familia de afiadores e síntese feliz e cheo de ledicia cando fala dos seus parentes afiadores, e loita porque non se esqueza tan preciado tesouro. Entre os tres, e durante moitas horas de taberna, fixéronme un pequeno bocabulario coas palabras que lembran do brallete e que póñovos de seguido:  

Abigarra – barba
afiañar – vestir (afiña – roupa)
afoscada – deitada

aganzuar – pechar (tamén aganzuñar)

agañar – coller, agarrar

agaurra – lúa (tamén angurria)
agustín – leite
albas – uvas (alballo – racimo de uvas)
albeiro – branco
almadurria – almofada (almadea – xergón)
almiranta – cara
altamira – mesa (alteo – banco pra sentar)
amangado – bébedo
amarramento – correa, cinturón
ameixa –  cona, coño
amieiros – xitanos
amigorrio – amigo (amigorrado – moi amigo)
amoranto – amor
ancha – castela
andoliar –  andar, camiñar (andolir – correr)
apicañar – coser
apicholamento – casamento, boda
apurrar- pagar (tamén solepar ou soleupar)
arañeque – bacallao (areinzao – arenque salado)
ardoa – aguardente, caña
arrancia – tortilla (tamén arrainza)
arrancios – ovos de galiña
arreador – afilador (tamén molandeiro)
baixenta – abaixo
barallete – fala dos afiadores
barrosa – feira (tamén barrunta)
barrosanta – gaita
bata – nai
bato – pai
beiro – cabalo (boira – mula)
beirores – piollos
belba – guardia civil, os civís
beligo – carallo, pene
bérreo – millo (barrufa – espiga de millo)
berxena – igrexa
bigarrantes – barbeiros
bigarro – bigote (bigarrela – barba)
biqueque – portugal
boquela – pistola (baquelona – escopeta)
branquiña – prata
cachamea – testa (tamén chamenea)
cafurrio – café
caimana – cebola (tamén camaila)
caimós – allos
calateo – baile
calcañeiros – calcetins (calopas – Medias)
calcarroeiro – zapateiro
calcurros – zapatos (tamén calcairos)
calderilla –  nonedas soltas (tamén realurrios)
callumeira – rúa, calle
calurrio – calor (tamén calorrio)
canear – andar, camiñar

cantear – querer para un. (tamén canté, envexa do que se ve)
capear – chamar (tamén capechar)
carruncheiro – carpinteiro
casateo – baile
catrollos – anteollos, gafas
colgante – candil (tamén colgueiro)
copurrio – vaso
corrente – aceite (cortega – grasa de porco sin sal)
cotroza – pera
courel – tren
chairar – chiscar, beber
delantuxo – mandil, delantal
doco – can
dulzórreo – azúcar
esgueilar –fuxir, botar a correr
facorria – coitelo (falustra ou faiña – navalla)
falmega – barriga, panza
feirear – mercar, vender
fixo – peine (tamén puntiga e puntoria)
follato – paraguas
fosca – leito, cama (tamén foscalla)
frasca – merda
frete – frío
frisgar – ollar, mirar
galeiro – sonbreiro (tamén galoiro)
galluda – fame
garfelo – tenedor
garlea – boca
gasumelo – petróleo, gas pro candil
gaucha – man
gazumelos – dedos das mans (Gazulos – dedos dos pes)
goimolo – pan
gran oreteiro – mar
greleira – camisa
grilar – foder (tamén garllar)
guinchos – pantalons
guinea – testa, cabeza
gumarra – galiña (gumariños – pitos)
gumarro – galo
irmuxo – irman (irmexa, muller irmán)
izarra –  mazá
labreñador – labrego
langaño – chourizo (langañón –  morcilla) (langaruca – androia)
lascar – fuxir
lengumela – lingua (lemgumelar – lamber)
liria – vaca (liraño – becerro, cuxo)
lourenzo – sol
lupantes –ollos (ou loupantes. Tamén lupandas)
macaio – cigarro (tamén petisco)
mamelo – peito, teta
maqueo – tabaco, picadura ( tamén picacha)
maquinar – camiñar, andar despacio
marelas – patacas (tamén malmurrias)
mea – obella (tamén moella)
melante – ladron
mordate – dente (ou mordente) (molenda – moa)
mutilo – rapaz (tamén moutilo)
naceiro – amo
nares – nariz (narela – napia, nariz grande)
obispo – forno
oreteiro – río
oreto – caldo
panarra – pobre
papiloso – libro
patuxo – pulpo (patuxoco- pulpeiro)

pelados – figos (pelingos – brevas)
pecurrio – peixe, pescado
picañar – coser (picañeira – costureira)
picolos – ferretes, cravos
pildar – cagar
pilde –  cú
platuleque – plato (colunca – cunca, taza)
platumea – prata ( en ocasións tamén cartos)
queimar – asar (asar nas brasas)
queimon – allo
queimona – cebola (queimonil – restra de cebolas)
rabón – mes
racha – noite
raleiro – muiño
rañeira – sardiña, xouba
redondas – laranxas
remos – brazos
ría – pedra (mellor; pena, penedo)
ruxas – noces (tamén ruxagas)
sabantar – saber, coñecer
sabuxa – sarna
sangumela – sangue, sangre
sapeira – sal
senturriarse – sentarse (Tamen asurriarse)
sibis – si (afirmación)
tafeno – demo

tafenado o tafeno – arrenejado sea o demo
talufar – caer
tardufo – tarde

tieces – ti
tizar – comer (tizamen – comida)
trena – carcele (trullo – calabozo)
trepes – tres

trepestres – trespés
troles – testículos
troula – mentira
unaza – corda (unzón – adibal)
vaquete – vago
varante – alcalde ou pedaneo
ventanuxa –fiestra, ventá
ventumelo – vento
verdoca – verdura, berzas, coles
vivelo – ouro, chapado en ouro
xabeca – chaqueta (xabuco – chaleco)
xena – cabra
xil – fame
xirar – limosnar, pedir limosna (tamén xirabar)
xotar – pegar, apalizar (xoteo – paliza)
xúa – lume, fogo fuego (xúa de lazo – lume de lareira)
zapique – chocolate (tamén xocote)
zoina – abade, cura, crego
zuro – diñeiro, cartos, reás
zurria – perna
zurrio – pe
zuta – machada (zutón – machado)
zutra – festa

(*) Na agradecida lembranza do meu bó amigo José Casal Rodríguez da Peroxa, que nos deixou  no mes de Decembro do 2013. Compañeiro de  pulpo e música na Palleira do Cuco de Velle en Ourense e na Cafetería Rossli de Pontevedra, así como tantas xornadas de cantigas e leria a pé de rio, nos días de pesca xuntos ao longo mais de trinta anos.

Imagen

 

 

AS TRES FRASES MAIS IMPORTANTES DE UNHA NAI

AS TRES FRASES MAIS IMPORTANTES DE UNHA NAI

Un sábado pola noite, prepáraste para sair de muiñada e vas a túa habitación para os arranxos corporais que te fagan ir coma un pincel. Abres o caixón do armario onde gardas a roupa e buscas os calzóns dos días de festa. Remexes todo pero non os atopas, e entón bérraslle a túa nai que está na cociña:

– ¡¡¡ Miña nai, onde están os calzóns da festa !!!

– ¡¡¡ NO SEU SITIO !!!   (Esta é a primeira frase inconfundible de calquera das nosas nais ante preguntas coma esta)

Volves remexer o caixón, e depaso miras nos outros por si o caso estivesen alí, despacio, con calma e sabendo que si túa nai di que están alí, o mais seguro é que estén alí…pero nada, non aparecen, non están, e entón, volves a berrarlle a túa nai que sigue na cociña:

– ¡¡¡ Aquí, non están !!!

– ¡¡¡ MIRACHES BEN !!!   (Segunda frase inconfundible de calquera nai que se precie)

Pois tés que volver a mirar. Así que, valeiras o contido dos caixóns no chao, e a vista de paxáro, percorres o seu contido coa mirada, despaciño, que non se escape nin ún detalle. Nada, alí non están os calzóns. E volves berrarlle a túa nai:

– ¡¡¡ Miña nai…que non os atopo !!!

– ¡¡¡ A VER SI VOU TER QUE IR EU AHÍ !!!   (Esta é a terceira frase de calquera das nosas nais, e coa que che están a decir que está a punto de ir a habitación co rabo da basoira na man)

E xá con medo a que veña e che dé unhas zoupadas, colles peza por peza do chao e vala metendo outra vez no caixón.. unha por unha, amodiño, sin presa, non vaia ser o demo que:   ¡¡ Coño, pero si están aquí ¡!

¡¡ OS CALZÓS ESTABAN ALÍ, NO CAIXON, ONDE DECIA A MIÑA NAI !!!

As veces, a maioría das veces, pensamos que Deus non existe, e que son as nosas nais, porque non hai outra explicación para tanto traballo, tanta pacencia e tanto cariño.

 

Imaxe