UNHA TORRE MEDIEVAL NO CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

O CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

Aínda a risco de resultar reiterativo, creo que é o momento de aportar datos que poñan de relevo a importancia que a historia lle conferiu á parroquia de Cadrón, co paso do camiño real, coa construción da ponte de Vilariño sobre o Arnego e coa existencia no medievo dunha fortaleza no mesmo lugar, que se recolle na primeira imaxe desta entrada (perdóeseme o retoque fotográfico, feito con medios moi elementais). Hoxe estamos en condicións de poder ofrecer a transcrición dun documento que acredita con total certeza a presenza neste outeiro de O Castelo (Cadrón) da fortificación do señor don Alonsso Gondín de Ventossa. O topónimo é outra certeza. E a microtoponimia quixo chamarlle ás terras que hai na parte baixa do outeiro, na pendente que se incia cara o Arnego, o Sucastelo (todo un tratado de toponimia, esa disciplina da lingua que trata de explicar o significado e a orixe dos nomes de lugar). O devandito documento aparece recollido no libro “Realidade Eclesiástica do Concello de Lalín na época postridentina” da autoría de Xoán Carlos García Porral e Óscar González Murado. A referencia do devandito libro foime facilitada por Antonio Presas García.

Da descrición que se fai do castelo e os seus arredores neste documento do ano 1633  hai unha total coincidencia coa fisionomía do terreo e a proximidade da fortaleza ao camiño real. Na imaxe que segue (foto aérea do Voo americano en 1956) o camiño real segue a liña de asteriscos amarelos.

As fortalezas foron na Idade Media fitos importantes dos camiños (moitas veces xurden por e para os camiños); a súa función era a defensa e control das vías de comunicación e da riqueza que por elas circulaba. E non sería moi arriscado afirmar que se na algunha ocasión se tivese cobrado pontádego na Ponte Vilariño, fose este un imposto recaudado polo señor do castelo de Cadrón.

Queda pois a porta aberta para futuras e máis definitorias pescudas.

Advertisements

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.
      Que magoa que se vaian perdendo as costumes mais fermosas que tiñamos nas aldeas ata non fai moitos anos. Refírome neste caso, ó feito de coller as botellas dos licores baixo do brazo e marchar polas casas veciñas convidando e festexando o santo de cada ún. Onte un bo amigo da Agolada, veume lembrar este fermoso feito, xa que está a cair o día do meu.
      Agora, non sei si pola velocidade na que vivimos, polas modernidades que temos ou porque nas aldeas xa non queda casi ninguén, perdeuse tan fermosa costume, e imos da man da comodidade. Se cadra, pagar unhas cervexas na taberna e mandar uns Wasaps dando os parabéns ós amigos.
      Na aldeiña onde nacín… na miña aldeíña do Castelo, na parroquia de Cadrón en Lalín, dame que ata os rapaces agardabamos polo día do santo dos nosos pais, avós e veciños, porque ise día sabíamos que había o palique que tanto nos gustaba escoitar, xa que para nós, os maiores sempre foron como unha artesa chea da sabiduría non escrita nos libros que tiñamos na escola.
      Do que mais me lembro é do señor Manuel Vilariño, o carteiro do Castelo como se coñecía alí e nos arredores. O día de San Manuel, aparecía pola casa xa a primeira hora da mañá, coa botelliña de Sanson pras mulleres e a de brandi pros homes, ademais de unhas galletiñas daquelas de María de toda a vida para acompañar. Na casa, había dúas copiñas de antes ás que se lle chamaba “chatos”, unha de cada casta, e que o meu tio Camilo e a miña tía Asunción debían ter só para ises días, pois o resto do ano, non lembro que se usaran pra nada. Sentábanse no carro que estaba gardado no cuberto, e alí latricaban durante un bó anaco, levando a copiña ós beizos de cando en vez e rillando daquelas galletas que tan ben sabían. Mentras, os rapaces, escoitabamos os contos cos que acompañaban o agasaio do Señor Manuel. Aproveito pra mandarlle unha boa aperta todo o meu cariño a súa viuda, a Señora Amparo, que acaba de cumplir os 98 anos e que se conserva tan fermosa coma un caravel.
      Outro que viña pola casa sempre no día do seu santo, era o Señor José de García. Que gran persoa, canto quería eu a este home así como a súa dona Señora Victoria. Levábanse moi ben coa miña familia. O señor José non era de moito madrugar, e o día de San José aparecía alá pola media mañá e só traía unha botelliña de Sansón, amais non era un home de moito enredo. O que si lle traía sempre ao meu tio Camilo era unha faria ou un puro para acompañar coa copa, pois o seu fillo Antonio era médico en Lugo e traíalle moito do tabaco co que o agasaiaban. Tanto él como a súa dona, xa non están entre nos dende fai tempo, pero lembrareime sempre diles.
      E teño que lembrar tamén ó meu pai, que levara tan fermosa costume de Muimenta pra Pontevedra, pronde fomos vivir cando eu tiña poucos anos e de onde escapaba en canto podía de volta pra Muimenta e pro Castelo, xa que sempre foi onde mais lle gustaba estar. Os meus pais arrendaran unha casiña nun lugar chamado o Marco, a un lado de Pontevedra e a onde hoxe casi chega a cidade. Polo San Jose tan pronto se erguía, collía o cesto das troitas que fixera con bimbios, e metía nel tres botellas… sanson, coñac e augardente, e xunto con unha bandexa de rosquillas que fixera a miña nai na sartén o día anterior, percorría as casas dos arredores empezando pola do Señor Benito “O Faracho” que sempre o agasaiaba con unhas botellas de viño tinto do país. Remataba sempre na taberna do Señor Pepe do Marco -co que se levaba moi ben- para convidalo e “para repoñer material” como decía el, pois as botellas coas que saía da casa sempre remataban cheas de aire.
      E vou rematar do mismo xeito que empecei. Unha magoa que se perdan estas costumes tan fermosas, e que tanto nos gustan lembrar ós que imos tendo xa unha edade. Ao mismo tempo que recoñezo parte da culpa de que se perdan por non saber inculcarllas ás fillas, anque na situación delas, sexa moi dificil por vivir na cidade, onde os veciños, non deixan de ser uns grandes descoñecidos.
      Unha perta pra todos.

sin-tc3adtulo3

A MOZA MAIS FERMOSA

A MOZA MAIS FERMOSA

Teño a moza mais fermosa,
de todas Terras do Deza,
non hai mozo na bisbarra,
que non poña os ollos nela.

Agarradiños da man,
dende o Castelo a Cadrón,
éncholle a cariña a bicos,
en canto teño ocasión.

Ademais de boa dote,
que lla xuntou a súa nai,
ten un pucheiro de barro,
que lle mercou o seu pai.

O pucheiro non val moito,
pois fáltalle un anaquiño,
que llo rillaron os ratos,
pensando quera touciño.

E ademais ten unha horta,
de tres ou catro ferrados,
onde ó chegar o outono,
non sementa mais ca nabos.

Unha leira de patacas,
e un porco no cortello,
ducia e media de galiñas,
e entras pernas un coello.

Ó chegar as noites frías,
cando xía no Penedo,
fai un caldo de nabizas,
que sabe que mete medo.

E despois de ben mantidos,
debaixo do cobertor,
ún o cabaliño doutro,
logo entramos en calor.

E remato eiquí o romance,
que hai moita roupa tendida,
hoxe conteivos o doce,
o picante noutro día.

 

sin-tc3adtulo3

A CASA ONDE NACÍN

A CASA ONDE NACÍN

          Non debe de ser moi diferente da de calquera dos que sodes daldea. A miña está no Castelo e perteñece a parroquia de Cadrón no Concello de Lalín. A aldeíña atópase entre o Regato das Abellas, o Rio Arnego ou Rio Grande e ao abrigo do Monte da Costa e os montes de Rodís, entre a carretera que vai de Lalín a Agolada e o Fondo do Val.

Captura           A casa foi feita aproveitando unha enorme laxe que fai de eira e arroupada pola casa de Sucasas, palleira e casa de Amador, casa de García de Riba, Miguelez, García e por un enorme penedo que se coñece así, como “O Penedo” onde din que houbo un castelo, unha torre vixía ou algo parecido, e que se supón deu nome a aldea partíndoa en dúas, o Castelo e o Sucastelo.

……..A entrada pra eira e pra casa, vai dende un antigo camiño vello ou camiño Real que é a principal arteria de comunicación da aldea.Na eira estaba o horreo e un anaquiño de terra que facía de horta, e no que había unha oliveira, un par de cortizos e onde se botaban unhas poucas coles para darlle as galiñas. Nesta eira era onde se facía a malla, poñíanse a secar o millo, as fabas milleiras e ó liño. Tamén andaban as galiñas soltas polo día. Na mesma e pegado a casa estaba o cuberto no que se gardaba o carro, os aparellos da labranza e onde había unha pedra facendo de mesa e na que en tempos mazábase o liño. Niste cuberto xuntabámonos pra xogar as rapazas e os rapaces da aldea durante os dias de inverno e que viñamos sendo do mismo tempo; Luís de Ríos, José Antonio Migueles, Victoriña e Pepe da Casa Nova, Benigno Vilariño, os meus curmáns Luís e María Rosa, Marina de Amador, Luísa de García e algúns dos de Souto da Ponte Vilariño que se achegaban moitas veces ate alí pra xogar con nós. Entre o cuberto e o horreo, estaba a subida ao Penedo, que era onde se facian os palleiros e no que había uns cuantos piornos e mimosas, que aproveitabamos pra xogar as agachadas.

Sin título 1           A casa tiña forma de “L”, pero estaba achegada a outra (a casa vella) que tamén perteñecía a familia e que convertía ó conxunto en unha “U”. Nesta casa vella feita de pedras pequenas, entre as que aniñaban centos de gorriós, a parte baixa estaba dedicada a cortes das vacas, e o andar de riba facía de despensa onde se gardaban as patacas, as fabas, as castañas, o millo, as mazás pro inverno envoltas en herba seca para que non apodreceran, os queixos e unhas plantas moi fermosas que tiña a miña tia Asunción. Lémbrome de que o chao de madeira estaba empezando a apodrecer e o meu tio Camilo iba poñendo taboas novas de calquera xeito para poder andar por alí con moito tino pra non caer pras cortes.
———–No espazo interior da “U” estaba a moa onde se afiaban as gadañas, fouces e fouciños e na que os rapaces tamén afiabamos as puntas dos pinchos e dos trompos pra xogar. Tamen estaba a entrada pras cortes, cuadras dos porcos e outra entrada pra corte das vacas e por onde se metía a leña para a lareira e o forno así como a herba pro gando.

Captura 1           A casa propia onde vivíamos tiña dous andares, abaixo tamén había cortes pras vacas e pros porcos. No pé da “L” estaba a lareira que se asentaba nunha pedra retangular de uns vinte centímetros de altura baixo o canizo, e separada das cortes por unha parede de taboas. A súa dereita estaba o forno, que era grande e todo interior e no que se facía a fornada unha vez por semán, ademais de un pesebre onde había sempre dous ou tres cuxos. A ezquerda na veira de unha ventá estaba o fregadeiro, a espiteira e o salgadoiro, todo incrustado na parede de pedra.

Sin título          Sin título 2          Pro andar de riba subíase por unhas escaleiras de madeira. Alí había un corredor onde se atopaban tres arcóns grandes nos que se gardaba o trigo, o centeo e o millo debullado, e tres cuartos, ademais da porta que daba a eira e ao cuberto. Co andar do tempo tamén se fixo a cociña de ferro.
——-A casa moitos anos despois, quedoulle a miña curmá Mari e ao seu home Otilio (+) que arranxaron as dúas casas facendo unha só moi fermosa, e que remataron por vender fai uns anos. Pero a min sempre me quedarán as lembranzas daquela casa tal como foi feita nos tempos dos meus avós pois nela nacín e pasei moito tempo de cativo.

CASA DO CASTELO g

UNHA MOZA DO CASTELO

UNHA MOZA DO CASTELO

Unha tarde no Val do Castelo,
a unha nena mireina chorar,
pregunteille que era o que tiña,
e de pronto empezoume a contar.

No balado do Prado das Chousas,
enredei cun fermoso rapaz,
e o moi tolo, tanta forza fixo,
que rachoume todo o delantal.

E agora eu voume pra casa,
miña nai o que me vai berrar,
porque o levo todo rachado,
e non teño con que o remendar.

Dille nena que foi nunha silva,
que enganchoucho cando ibas pasar,
non lle digas que foi enredando,
no balado con aquel rapaz.

Image

UN DÍA DE FORNADA

UN DÍA DE FORNADA
           As maiores lembranzas que teño das cousas da aldea, son das fornadas. O día que se cocía o pan viña sendo algo así como o día da festa para os que eramos cativos. Debía de ser dos días nos que máis se madrugaba. Na miña casa había un forno moi grande de pedra, todo interior e de forma semicircular. Cocíanse unha vez á semana uns cuantos moletes grandes de millo.
           Xa de mañá cedo o meu curmán Luís máis eu non saiamos darredor do meu tío Camilo, pois nada máis erguerse da cama, poñíase a preparar o carro para ir á Devesa buscar a leña coa que quentar o forno e non fora ser o demo que marchara sen nós. A leña coa que se quentaba era maiormente de xesta, piornos e uzes,sendo esta última a mellor segundo dicían, pois era unha leña de moita consistencia e que daba moita calor, de feito, as súas raíces rubias usábanse para facer o carbón vexetal e as pipas de fumar.

Imaxe           O de quentar o forno debía de ser unha arte, por saber cando as pedras tiñan a calor adecuada para que se cocera o pan sen que se pasara ou quedara cru. Lembro que no inverno, a noite anterior deixábanse uns cepos ardendo dentro,que segundo dicía o meu tío era para que suaran as pedras e que agora penso que serían para sacarlles a humidade. Tan pronto chegabamos da Devesa co carro ateigado de leña, o meu tío levaba o primeiro brazado de pólas e prendía o forno, e mentres ardía seguía carrexando nela. Nós, polo noso lado, axudando a carretar póla a póla mentres o meu tío non paraba de dicir “estádevos quietos nenos, que vos ides mancar…ide xogar para eira que xa a carreto eu”.
           Mentres se quentaba o forno ata que as pedras se poñían brancas coa calor, a miña nai e a miña tía Asunción, quentaban na lareira a auga coa que remoer a masa que quedara dende o día anterior dentro da artesa, feita de millo misturado con centeo que se moera no muíño do Fondo das Chousas no río das Abellas, e á que lle mesturaban uns puñados de lévedo que quedara envolto nunhas berzas desde a fornada anterior. Así que estaba a masa feita tapábase cunha saba co fin de que non perdese a calor para que levedase. A influenza relixiosa daqueles tempos facía que a miña tía gravara na masa unha cruz cun garabullo.

Imaxe           Unha vez quente o forno, o meu tío barríao cunha vasoira feita de xestas e ía mollando de cando en vez nun caldeiro con auga para que non se queimase. Unha vez limpo, metíanse os moletes de pan e unhas bolas de trigo redondas feitas á maneira das empanadas, ás que se lles metía dentro, chourizo, torresmos, ou xoubas se é que viñamos nós o día antes de cocer e as traiamos de Pontevedra. Tapábase a boca do forno cunha porta de ferro e selábase con bosta de vaca darredor para que o forno non perdese calor.
           E logo viña a espera, entre contos ao pé do lume da lareira e todos ledos polo traballo ben feito. Non lembro o tempo que botaba o pan no forno, penso que ben mais dun par de horas. Primeiro sacábanse as bolas que cocían moito antes, e volvíase a pechar o forno para que seguira cocendo o pan. E unha vez cocido, meu tío sacábao para enriba da artesa e non se gardaba hasta que enfriara. Que fermosos eran aqueles moletes grandes de millo coa codela tostada e oscura, sobre os que brilaba a fariña que se lle botaba por enriba antes de metelos ao forno.

Imaxe           Unha vez baleiro o forno, botábanse dous cestos de mazás para que se asaran e deixábanse alí ata que enfriaba. Durante os días seguintes, había mazás asadas de postre para despois do xantar.
           O día que se cocía pola noite, facíase de cea algo que sempre foi das cousas que máis me gustaron. Fritíanse uns ovos e machacábanse con faragullas de pan de millo. Que ben sabía! De feito, anos despois, en Pontevedra, cando atopaba pan de millo nalgures, sempre compraba un anaco para facelo na casa con ovos. Como dicía a miña nai…”para comidas ricas, as casas dos probes”.

Imaxe

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

UNHA ANTIGA TABERNA NA PONTE VILARIÑO

(Do Blog AQUAM LATAM)

Imaxe obtida nos anos 60 por Manuel Galego Iglesias. Foto cedida por Inmaculada Galego. Nela vese a ponte Vilariño de 1920, aínda en pé na actualidade, con reformas posteriores.

A Ponte Vilariño é un deses lugares de referencia que viron e protagonizaron múltiples eventos no decorrer dos séculos. Paso obrigado para vadear o Arnego no traxecto que discorre entre Lalín e Agolada. Camiñantes, feirantes, arrieiros, comerciantes, cabaleiros, vasalos, campesiños, titiriteiros… todo tipo de personaxes pasaron sobre as táboas da ponte medieval do ano 814. Lugar lendario e literario. Temos noticia de tres pontes que foron erguidas sobre as limpas augas balbordantes do Arnego: unha medieval do ano 814, outra de 1920 e outra de 1990. Canto máis recente, máis arriba no curso do río, máis elevada sobre o cauce e máis atallo no camiño.

Na imaxe aérea de arriba pódese observar o lugar onde aínda están os vestixios da ponte medieval e os restos da antiga calzada. Igualmente aparece sinalado o camiño que sae costa arriba ata a aldea de Esperante. Neste traxecto estaba Tribás, lugar desaparecido a principios do século XX, onde as referencias orais dos veciños de Vilariño nos falaron dunha cantina e pousada para os camiñantes. A última propietaria, viúva que vivía soa na cantina, seica fora asaltada e asasinada nunha triste noite de violencia. Un quilómetro máis arriba estaba a cantina de O Coche (Esperante).

Na imaxe anterior, de Ton van Vliet, aparece o Souto tras o mostrador da súa taberna da Ponte Vilariño, construída á beira da segunda ponte pouco despois de ser inaugurada en 1920. A imaxe é de 1978. O local desta taberna é na actualidade un club de alterne, logo dun intento de convertela en establecemento de turismo rural. Vicisitudes dos tempos.

P1050868P1050879P1050874

A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

 A CARMIÑA DE MUIMENTA (Parrafeo)

De mañá estaba Carmiña,
lavando a roupa no pilón,
e achegueime ata onda ela,
pra lle dar conversación.

Das rapazas de Muimenta,
é con moito, a mais fermosa,
e ten a pel coloradiña,
coma os pétalos da rosa.

— Bos días teñas Carmiña,
tés uns fermosos colores…
Vés… que vou levalas vacas,
alá pro Alto de Corres?

En canto escoitou aquilo,
mirou pra min de seguida,
e acoiteloume cos ollos,
como matándome en vida.

– Vaite de eí condenado,
non sei que facer contigo.
Ti queres enamorarme,
i eu non te quero conmigo!

– Ai por Dios miña Carmiña,
vaia rabia que me tés,
i eu de ti enamorado,
dende a cabeza ata os pes.

– ¡Que non te quero ver diante,
ben sabes o que che digo!
¡Podes ir collendo o coche,
e marchando cara Vigo!

– Dime que foi o que fixen,
que non foi do teu agrado,
ou que me viches facendo,
pra ter semellante enfado.

– Andabas onte na festa,
do San Lourenzo bailando,
e viñeches roubar-mo bico,
polo que estabas rabeando.

– E que pecado cometín,
nin que cousa parecida?
Solo quería que foras,
o amor da miña vida.

-Levache chasco, Pepiño
e quedáchete coas ganas.
Eu non son desas rapazas,
que se fian das palabras.

– Pois sen vez do San Lourenzo,
fose o día do San Brais,
roubábache un par de apertas,
e algunha cousiña mais.

– Arrenejado Pepiño!
Xa podes ir pro Castelo!
Pois seguro que ó meu niño,
non lle vas tocar ni un pelo!

E alí a deixei rosmando,
como se fose un cadelo.
Metín as vacas na corte,
e marcheime pro Castelo.

– Pois pralá me vou Carmiña.
Vou collendo carretera,
e xa que ti non me queres,
buscarei outra calquera.

Fai xa moitos anos que fíxen iste “romance” de desamor e desencontro a unha rapaza, inspirado nos parrafeos que se facían entre os namorados nas nosas aldeas, para contar e cantar as conversas entre iles. Relataban o encontro, a conversa e remataban na maioría das veces felizmente, anque moios deles tiñan un remate non moi ledo, como é o caso deste.  A tal Carmiña do romance, tanto pode ser que existira na realidade coma que non, e de existir de verdade, pode que se chamase Carmiña como tamén pode ser que non, asi como que fose de Muimenta ou que non o fose…

Imaxe

Imaxe