RIADA NA PARROQUIA DE MUIMENTA

RIADA NA PARROQUIA DE MUIMENTA

A la beira mar pousado,
baixo a sombra dun salgueiro,
bebía birras a esgalla,
un garrido cabaleiro.

Ao non precisar do sol,
por non ter sangue lagarta,
de cervexas e de sombra,
pillou unha boa farta.

E foi tan grande a inchenta,
que emulando unha tronada,
desbordou dunha mexada,
o regato de Muimenta.

Con semellante riada,
de cervexa filosófica,
a parroquia é declarada,
”Nova zona catastrófica”

Sabedores da desgraza,
ós políticos de turno,
puxeron en marcha os “Audis”
sen perder un so segundo.

E chegaron a Muimenta,
en comitiva oficial,
o Rajoy e o Frijolito,
para avaliar o mal.

Nada mais mirar pros prados,
totalmente asulagados,
pasáronlle a bola a outros,
pra resolver o tinglado.

Chamaron ós xornalistas,
pra lles dar a información:
– Tócalle arranxar a riada,
aos da Diputación.

No organismo provincial,
facendo de oidos xordos,
ríronse do mandamento,
que din os dous peixes gordos.

E pola vía de urxencia,
convocaron un consello,
do que saíron decindo:
– Eso é cousa do concello!

No concello deron largas,
pola falta de cartiños,
e escrituraron nun bando…
que o arranxen os veciños!

Os veciños que están cansos,
dos faceres desta xente,
din de botalos ó río,
pra que os leve a corrente.

Mais ó ser unha parroquia,
traballadora e honrada,
deciden ir pra taberna,
e non facer a trasnada.

O Rajoy e o Frijolito,
vendo o asunto rematado,
déronse a mau contentos,
do traballo realizado,

E co peito ben inflado,
pensando en tomar uns viños,
foron dar ó merendeiro,
que hai na Ponte Vilariño.

Como a inchenta foi no Deza,
e o traballo era “a mantido”
pra non viaxar de valde,
largáronlle un bo cocido.

E alá pola media tarde,
despois dos cafés e copas,
achegáronse ata a Ponte,
pra visitar ás “garotas”

O atopar todo pechado,
que ata a noite non abrían,
decidiron dar a volta,
e deixalo pra outro día.

Xa de volta pra Santiago,
os veciños de Cadrón,
berrábanlles dende as fiestras:
– Mira que sodes lambóns!

E os que somos do Castelo,
ó mirar tanto Audi xunto,
pensamos volver ós tempos,
de Don Manuel… o difunto!

E ata aquí chegou a historia,
dun garrido cabaleiro,
que por non mexar amodo,
anegou o pobo inteiro.

Todo empezou con ista foto á veira do mar tomando unha cervexa.  Publiqueina no Face coas tres primeiras estrofas, e un par de amigos (Luís Torres e Javier Anton V.) engadíronlle duas mais. Así que xa posto, convertín tal cousa nun cantar de cego dedicado ás miñas aldeíñas. E de seguro que andando o tempo poreille música tamén.

img_20160702_122716

A FEIRA DOS CARBALLIÑOS DE VILATUXE

          A Feira dos Carballiños, na Parroquia de Vilatuxe (Lalín) foi unha feira de renome ate os derradeiros anos do século pasado. Das mellores que había pola Comarca do Deza.
          Esta Parroquia estaba encadrada no Camiño dos Arrieiros e na que confluían dous deles. Un que saíndo da Almuzara hacia Lalín atravesaba Punxín, Maside, o Carballiño, o Irixo e no alto da Cruz da Grade, partía en dous: un que seguía cara a Lalín, Agolada e As Cruces e outro que baixaba a Vilatuxe para seguir cara a Silleda e Santiago. O outro moito mais importante ca este, saía de Ribadavia e pasaba por Leiro, Gomaríz, Cabanelas, O Torrón, Arenteiro, O Tellado, Zobra e xuntaba en Vilatuxe co do Irixo.
          Polo tanto, a Feira dos Carballiños supoñía un centro ecónomico moi importante debido a riqueza da Comarca e a cantidade de arrieiros que por alí pasaban e onde tiñan parada e fonda. Alí deixaban e vendian ou cambeaban moitas das súas mercadurías, ate sei de boa tinta que unha das actividades mais importantes nos anos seguintes da guerra era o estraperlo e a compra de Wolfran “sustraído” polos miñeiros as agachadas nas minas da Brea en Fontao, e que os arrieiros levaban as agachadas ate a estación do tren no Carballiño, onde había compradores para él.
          Pero esta feira xunto con casi todas as da Comarca foron desaparecendo na década dos 80, o non se adaptar ós tempos modernos, e entre outras cousas ó abandono do rural e a proliferación de Supermercados e grandes Areas Comerciais.
          Mais o seu recordo sigue en moita xente que pensa que certas tradicións hai que conservalas e que non se pode estragar un anaco tan importante da nosa historia e da nosa cultura, polo que por medio de distintas asociacións estánse a recuperar moitas delas.
          Este é o caso da Feira dos Carballiños de Vilatuxe, que trata de recuperar a asociación de veciños da parroquia, no segundo domingo do mes de Maio. E a verdade que están a conseguilo.
           Eu tiven a ledicia de visitala case todos os anos dende o  2012 no que se fixo a primeira, e de verdade que quedei prendado do que alí vin.          Este ano, fun cos meus compañeiros, Benito e a súa zanfona, J. Carlos co acordeón e Antonio á percusión a botarlle unhas cantiguiñas, anque o tempo non axudara moito para ter unha boa feira. O que si é seguro, que por alí andaremos en anos vindeiros sempre que se poida.

PETROGLIFOS DO COTO DO CASTELO-CADRÓN (Video de Angel Luís Utrera Baza)

Petroglifos de Coto do Castelo en Cadron, . Fai uns dias publicaba nos xornais o seu descubridor Daniel González Alén, as suas caracteristicas e localizaciòn, hoxe aproveitei o dia de sol, para darme unha voltiña polo monte de Cadron, mesmo as costas de Muimenta onde xa hai un tempo deu aviso Daniel a patrimonio de novos achadegos. Precisamente onte no face de Jose Iglesias Fernandez, tiñamos un bo debate sobre o noome da aldea.- Muimenta, ou moimenta, e foi Luz Méndez a que apuntou a orixe da toponimio Muimenta, de monumenta polo numero de restos arqueoloxicos que ali podense atopar…..quen sabe, a min particualrmente gustame moito a idea, asi que ai queda xunto con este video destes fermosos petroglifos, e seguro que haberá mais. (Angel Luís Utrera Baza)

http://www.facebook.com/angelluis.utrerabaza/videos/10206263862539926/

sin-tc3adtulo3

UNHA TORRE MEDIEVAL NO CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

O CASTELO DE CADRÓN (LALÍN)

Aínda a risco de resultar reiterativo, creo que é o momento de aportar datos que poñan de relevo a importancia que a historia lle conferiu á parroquia de Cadrón, co paso do camiño real, coa construción da ponte de Vilariño sobre o Arnego e coa existencia no medievo dunha fortaleza no mesmo lugar, que se recolle na primeira imaxe desta entrada (perdóeseme o retoque fotográfico, feito con medios moi elementais). Hoxe estamos en condicións de poder ofrecer a transcrición dun documento que acredita con total certeza a presenza neste outeiro de O Castelo (Cadrón) da fortificación do señor don Alonsso Gondín de Ventossa. O topónimo é outra certeza. E a microtoponimia quixo chamarlle ás terras que hai na parte baixa do outeiro, na pendente que se incia cara o Arnego, o Sucastelo (todo un tratado de toponimia, esa disciplina da lingua que trata de explicar o significado e a orixe dos nomes de lugar). O devandito documento aparece recollido no libro “Realidade Eclesiástica do Concello de Lalín na época postridentina” da autoría de Xoán Carlos García Porral e Óscar González Murado. A referencia do devandito libro foime facilitada por Antonio Presas García.

Da descrición que se fai do castelo e os seus arredores neste documento do ano 1633  hai unha total coincidencia coa fisionomía do terreo e a proximidade da fortaleza ao camiño real. Na imaxe que segue (foto aérea do Voo americano en 1956) o camiño real segue a liña de asteriscos amarelos.

As fortalezas foron na Idade Media fitos importantes dos camiños (moitas veces xurden por e para os camiños); a súa función era a defensa e control das vías de comunicación e da riqueza que por elas circulaba. E non sería moi arriscado afirmar que se na algunha ocasión se tivese cobrado pontádego na Ponte Vilariño, fose este un imposto recaudado polo señor do castelo de Cadrón.

Queda pois a porta aberta para futuras e máis definitorias pescudas.

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.

O CONVITE POLO DIA DO SANTO.
      Que magoa que se vaian perdendo as costumes mais fermosas que tiñamos nas aldeas ata non fai moitos anos. Refírome neste caso, ó feito de coller as botellas dos licores baixo do brazo e marchar polas casas veciñas convidando e festexando o santo de cada ún. Onte un bo amigo da Agolada, veume lembrar este fermoso feito, xa que está a cair o día do meu.
      Agora, non sei si pola velocidade na que vivimos, polas modernidades que temos ou porque nas aldeas xa non queda casi ninguén, perdeuse tan fermosa costume, e imos da man da comodidade. Se cadra, pagar unhas cervexas na taberna e mandar uns Wasaps dando os parabéns ós amigos.
      Na aldeiña onde nacín… na miña aldeíña do Castelo, na parroquia de Cadrón en Lalín, dame que ata os rapaces agardabamos polo día do santo dos nosos pais, avós e veciños, porque ise día sabíamos que había o palique que tanto nos gustaba escoitar, xa que para nós, os maiores sempre foron como unha artesa chea da sabiduría non escrita nos libros que tiñamos na escola.
      Do que mais me lembro é do señor Manuel Vilariño, o carteiro do Castelo como se coñecía alí e nos arredores. O día de San Manuel, aparecía pola casa xa a primeira hora da mañá, coa botelliña de Sanson pras mulleres e a de brandi pros homes, ademais de unhas galletiñas daquelas de María de toda a vida para acompañar. Na casa, había dúas copiñas de antes ás que se lle chamaba “chatos”, unha de cada casta, e que o meu tio Camilo e a miña tía Asunción debían ter só para ises días, pois o resto do ano, non lembro que se usaran pra nada. Sentábanse no carro que estaba gardado no cuberto, e alí latricaban durante un bó anaco, levando a copiña ós beizos de cando en vez e rillando daquelas galletas que tan ben sabían. Mentras, os rapaces, escoitabamos os contos cos que acompañaban o agasaio do Señor Manuel. Aproveito pra mandarlle unha boa aperta todo o meu cariño a súa viuda, a Señora Amparo, que acaba de cumplir os 98 anos e que se conserva tan fermosa coma un caravel.
      Outro que viña pola casa sempre no día do seu santo, era o Señor José de García. Que gran persoa, canto quería eu a este home así como a súa dona Señora Victoria. Levábanse moi ben coa miña familia. O señor José non era de moito madrugar, e o día de San José aparecía alá pola media mañá e só traía unha botelliña de Sansón, amais non era un home de moito enredo. O que si lle traía sempre ao meu tio Camilo era unha faria ou un puro para acompañar coa copa, pois o seu fillo Antonio era médico en Lugo e traíalle moito do tabaco co que o agasaiaban. Tanto él como a súa dona, xa non están entre nos dende fai tempo, pero lembrareime sempre diles.
      E teño que lembrar tamén ó meu pai, que levara tan fermosa costume de Muimenta pra Pontevedra, pronde fomos vivir cando eu tiña poucos anos e de onde escapaba en canto podía de volta pra Muimenta e pro Castelo, xa que sempre foi onde mais lle gustaba estar. Os meus pais arrendaran unha casiña nun lugar chamado o Marco, a un lado de Pontevedra e a onde hoxe casi chega a cidade. Polo San Jose tan pronto se erguía, collía o cesto das troitas que fixera con bimbios, e metía nel tres botellas… sanson, coñac e augardente, e xunto con unha bandexa de rosquillas que fixera a miña nai na sartén o día anterior, percorría as casas dos arredores empezando pola do Señor Benito “O Faracho” que sempre o agasaiaba con unhas botellas de viño tinto do país. Remataba sempre na taberna do Señor Pepe do Marco -co que se levaba moi ben- para convidalo e “para repoñer material” como decía el, pois as botellas coas que saía da casa sempre remataban cheas de aire.
      E vou rematar do mismo xeito que empecei. Unha magoa que se perdan estas costumes tan fermosas, e que tanto nos gustan lembrar ós que imos tendo xa unha edade. Ao mismo tempo que recoñezo parte da culpa de que se perdan por non saber inculcarllas ás fillas, anque na situación delas, sexa moi dificil por vivir na cidade, onde os veciños, non deixan de ser uns grandes descoñecidos.
      Unha perta pra todos.

sin-tc3adtulo3