A CASA ONDE NACÍN

A CASA ONDE NACÍN

          Non debe de ser moi diferente da de calquera dos que sodes daldea. A miña está no Castelo e perteñece a parroquia de Cadrón no Concello de Lalín. A aldeíña atópase entre o Regato das Abellas, o Rio Arnego ou Rio Grande e ao abrigo do Monte da Costa e os montes de Rodís, entre a carretera que vai de Lalín a Agolada e o Fondo do Val.

Captura           A casa foi feita aproveitando unha enorme laxe que fai de eira e arroupada pola casa de Sucasas, palleira e casa de Amador, casa de García de Riba, Miguelez, García e por un enorme penedo que se coñece así, como “O Penedo” onde din que houbo un castelo, unha torre vixía ou algo parecido, e que se supón deu nome a aldea partíndoa en dúas, o Castelo e o Sucastelo.

……..A entrada pra eira e pra casa, vai dende un antigo camiño vello ou camiño Real que é a principal arteria de comunicación da aldea.Na eira estaba o horreo e un anaquiño de terra que facía de horta, e no que había unha oliveira, un par de cortizos e onde se botaban unhas poucas coles para darlle as galiñas. Nesta eira era onde se facía a malla, poñíanse a secar o millo, as fabas milleiras e ó liño. Tamén andaban as galiñas soltas polo día. Na mesma e pegado a casa estaba o cuberto no que se gardaba o carro, os aparellos da labranza e onde había unha pedra facendo de mesa e na que en tempos mazábase o liño. Niste cuberto xuntabámonos pra xogar as rapazas e os rapaces da aldea durante os dias de inverno e que viñamos sendo do mismo tempo; Luís de Ríos, José Antonio Migueles, Victoriña e Pepe da Casa Nova, Benigno Vilariño, os meus curmáns Luís e María Rosa, Marina de Amador, Luísa de García e algúns dos de Souto da Ponte Vilariño que se achegaban moitas veces ate alí pra xogar con nós. Entre o cuberto e o horreo, estaba a subida ao Penedo, que era onde se facian os palleiros e no que había uns cuantos piornos e mimosas, que aproveitabamos pra xogar as agachadas.

Sin título 1           A casa tiña forma de “L”, pero estaba achegada a outra (a casa vella) que tamén perteñecía a familia e que convertía ó conxunto en unha “U”. Nesta casa vella feita de pedras pequenas, entre as que aniñaban centos de gorriós, a parte baixa estaba dedicada a cortes das vacas, e o andar de riba facía de despensa onde se gardaban as patacas, as fabas, as castañas, o millo, as mazás pro inverno envoltas en herba seca para que non apodreceran, os queixos e unhas plantas moi fermosas que tiña a miña tia Asunción. Lémbrome de que o chao de madeira estaba empezando a apodrecer e o meu tio Camilo iba poñendo taboas novas de calquera xeito para poder andar por alí con moito tino pra non caer pras cortes.
———–No espazo interior da “U” estaba a moa onde se afiaban as gadañas, fouces e fouciños e na que os rapaces tamén afiabamos as puntas dos pinchos e dos trompos pra xogar. Tamen estaba a entrada pras cortes, cuadras dos porcos e outra entrada pra corte das vacas e por onde se metía a leña para a lareira e o forno así como a herba pro gando.

Captura 1           A casa propia onde vivíamos tiña dous andares, abaixo tamén había cortes pras vacas e pros porcos. No pé da “L” estaba a lareira que se asentaba nunha pedra retangular de uns vinte centímetros de altura baixo o canizo, e separada das cortes por unha parede de taboas. A súa dereita estaba o forno, que era grande e todo interior e no que se facía a fornada unha vez por semán, ademais de un pesebre onde había sempre dous ou tres cuxos. A ezquerda na veira de unha ventá estaba o fregadeiro, a espiteira e o salgadoiro, todo incrustado na parede de pedra.

Sin título          Sin título 2          Pro andar de riba subíase por unhas escaleiras de madeira. Alí había un corredor onde se atopaban tres arcóns grandes nos que se gardaba o trigo, o centeo e o millo debullado, e tres cuartos, ademais da porta que daba a eira e ao cuberto. Co andar do tempo tamén se fixo a cociña de ferro.
——-A casa moitos anos despois, quedoulle a miña curmá Mari e ao seu home Otilio (+) que arranxaron as dúas casas facendo unha só moi fermosa, e que remataron por vender fai uns anos. Pero a min sempre me quedarán as lembranzas daquela casa tal como foi feita nos tempos dos meus avós pois nela nacín e pasei moito tempo de cativo.

CASA DO CASTELO g

LABREGOS: HEROES

LABREGOS: HEROES

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          Cando alguén se digne escribir sobre as xestas do campesiñado galego, que conseguiu sobrevivir e criar familias numerosas nunha loita permanente coa terra e as adversidades, esa historia terá todas as características da literatura epopeica. Así eran os labregos, así era meu pai e os pais dos meus amigos, os meus veciños. Homes de face curtida, acartonada pola intemperie e as suores, mans enormes e callosas, corpo lanzal sen concesións para adiposidades, cabeza toucada por boina ou chapeu, sempre ao enxoito de chuvias e radiacións solares. Titáns no agro empuñando a rabela do arado, nas encostas dos montes amparando da carga do carro, nas estivadas cavadas a legón, empuñando a fouce para barbear o monte, engavelando herba ou molime en galletadas descomunais, carrexando cestas de herba verde desde o prado da sega, agatuñando aos carballos para podalos, pelando a cortiza das sobreiras…

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          As mulleres labregas teñen protagonizado outra historia de traballos e sacrificios semellantes ou superiores. A Ilíada e a Odisea xuntas. A muller gobernaba a casa, traballaba no campo en tarefas de menos forza pero non de inferior esforzo, ocupacións que soía acompañar con embarazos, partos e crianza dos fillos. Non sei se coñecían a expresión “sentirse realizadas”. Quizais non lles quedaba tempo para pensar niso.

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          Para simbolizar tanta heroicidade escollín tres imaxes tomadas por Ton van Vliet en Esperante (Agolada), Santa Mariña (Antas de Ulla) e Muimenta (Lalín) a finais dos anos 70. A elocuencia das imaxes fai superfluas as palabras.

Deixo aquí expresados o meu recoñecemento e homenaxe aos labregos de Galicia e moi especialmente aos meus pais, que nunca tiveron vacacións nin souberon de luxos, pero criaron seis fillos e a todos lles procuraron estudos, a catro deles universitarios.

(Do blog AQUAM LATAM e fotos de Ton Van Vliet: Entrada do 23 de Maio do 2009)

UN DÍA DE FORNADA

UN DÍA DE FORNADA
           As maiores lembranzas que teño das cousas da aldea, son das fornadas. O día que se cocía o pan viña sendo algo así como o día da festa para os que eramos cativos. Debía de ser dos días nos que máis se madrugaba. Na miña casa había un forno moi grande de pedra, todo interior e de forma semicircular. Cocíanse unha vez á semana uns cuantos moletes grandes de millo.
           Xa de mañá cedo o meu curmán Luís máis eu non saiamos darredor do meu tío Camilo, pois nada máis erguerse da cama, poñíase a preparar o carro para ir á Devesa buscar a leña coa que quentar o forno e non fora ser o demo que marchara sen nós. A leña coa que se quentaba era maiormente de xesta, piornos e uzes,sendo esta última a mellor segundo dicían, pois era unha leña de moita consistencia e que daba moita calor, de feito, as súas raíces rubias usábanse para facer o carbón vexetal e as pipas de fumar.

Imaxe           O de quentar o forno debía de ser unha arte, por saber cando as pedras tiñan a calor adecuada para que se cocera o pan sen que se pasara ou quedara cru. Lembro que no inverno, a noite anterior deixábanse uns cepos ardendo dentro,que segundo dicía o meu tío era para que suaran as pedras e que agora penso que serían para sacarlles a humidade. Tan pronto chegabamos da Devesa co carro ateigado de leña, o meu tío levaba o primeiro brazado de pólas e prendía o forno, e mentres ardía seguía carrexando nela. Nós, polo noso lado, axudando a carretar póla a póla mentres o meu tío non paraba de dicir “estádevos quietos nenos, que vos ides mancar…ide xogar para eira que xa a carreto eu”.
           Mentres se quentaba o forno ata que as pedras se poñían brancas coa calor, a miña nai e a miña tía Asunción, quentaban na lareira a auga coa que remoer a masa que quedara dende o día anterior dentro da artesa, feita de millo misturado con centeo que se moera no muíño do Fondo das Chousas no río das Abellas, e á que lle mesturaban uns puñados de lévedo que quedara envolto nunhas berzas desde a fornada anterior. Así que estaba a masa feita tapábase cunha saba co fin de que non perdese a calor para que levedase. A influenza relixiosa daqueles tempos facía que a miña tía gravara na masa unha cruz cun garabullo.

Imaxe           Unha vez quente o forno, o meu tío barríao cunha vasoira feita de xestas e ía mollando de cando en vez nun caldeiro con auga para que non se queimase. Unha vez limpo, metíanse os moletes de pan e unhas bolas de trigo redondas feitas á maneira das empanadas, ás que se lles metía dentro, chourizo, torresmos, ou xoubas se é que viñamos nós o día antes de cocer e as traiamos de Pontevedra. Tapábase a boca do forno cunha porta de ferro e selábase con bosta de vaca darredor para que o forno non perdese calor.
           E logo viña a espera, entre contos ao pé do lume da lareira e todos ledos polo traballo ben feito. Non lembro o tempo que botaba o pan no forno, penso que ben mais dun par de horas. Primeiro sacábanse as bolas que cocían moito antes, e volvíase a pechar o forno para que seguira cocendo o pan. E unha vez cocido, meu tío sacábao para enriba da artesa e non se gardaba hasta que enfriara. Que fermosos eran aqueles moletes grandes de millo coa codela tostada e oscura, sobre os que brilaba a fariña que se lle botaba por enriba antes de metelos ao forno.

Imaxe           Unha vez baleiro o forno, botábanse dous cestos de mazás para que se asaran e deixábanse alí ata que enfriaba. Durante os días seguintes, había mazás asadas de postre para despois do xantar.
           O día que se cocía pola noite, facíase de cea algo que sempre foi das cousas que máis me gustaron. Fritíanse uns ovos e machacábanse con faragullas de pan de millo. Que ben sabía! De feito, anos despois, en Pontevedra, cando atopaba pan de millo nalgures, sempre compraba un anaco para facelo na casa con ovos. Como dicía a miña nai…”para comidas ricas, as casas dos probes”.

Imaxe

OS ZOCOS

OS ZOCOS

          Segundo parece, a orixe dos zocos está nas rexións húmidas de Europa, e aínda que hai algunhas diferenzas na súa forma, atopámolos dende Inglaterra ata Galicia pasando por Suecia, Holanda, Asturias ou Cantabria, sendo o mellor calzado para as zonas agrícolas.

          Indispensables no noso rural ate hai uns trinta anos, están feitos por dúas pezas, unha de coiro e outra de madeira. Loxicamente, o deseño foi cambiando co tempo ata hoxe en que atopamos zocos de coiro repuxado con fermosos debuxos e cores, madeira tallada etc.

          A madeira preferida polos zoqueiros era a da beira dos rios, ameneiros e vidueiros, por ser unha madeira moi clara e facil de traballar, ao mesmo tempo moi resistente á auga. Tamén se facían de cerdeira, que aínda que era unha madeira mais quente pros pés, había que cocela, pois tiña tendencia a poñerse amarela co  tempo. Segundo teño entendido, as árbores que ian destinadas os zocos, había que cortalas na lúa menguante do mes de Agosto e deixala secar de tres a catro semanas para poder traballala sin que fendese.

          A parte que cubría o pé, estaba feita de coiro de vaca ou cabalo, e cravábase a parte da madeira con craviños curtos e de cabeza ancha. Facíanselle unhas botoeiras na empeña e axustábanse con amallós feitos do mesmo coiro que os zocos.

          Na parte inferior da base de madeira cravábanselle unhas cantas chatolas para que non se gastase tanto a madeira e tamén para que non esvarasen sobre as pedras das congostras e corredoiras por onde se andaba.

          Era un calzado moi cómodo, quente e resistente á humidade. Para que o coiro se fixese impermeable e duradeiro, untábase con graxa de porco sen sal. Na matanza tamén se  gardába o mexadeiro do porco para tal mester, os zocos deixábanse a secar pola noite o pe do lume da lareira, e pola mañá quentábase o mexadeiro e untábanse con el. Os zocos ben engrasados non deixaban pasar a auga. Para facelos mais quentes metíaselles herba seca facendo de niño para o pe e acompañábanse cuns calcetíns de lá ben grosos.

          O meu amigo Alberto Fabrexo, zoqueiro dá Terra Chá, cóntame que o oficio de zoqueiro tal como eran os zocos de antes, era un oficio bastante sinxelo, que non precisaba de moitas ferramentas, e moi estendido, pois había ún en cada parroquia. Tamén que a Terra Chá é moi coñecida polos artesáns da madeira ou da pedra e que en tempos pasados todos os veciños eran zoqueiros. Era un oficio de tempada e compaxinábase coas labores do fogar, xa fosen agrícolas ou gandeiras. Polas terras do Deza de onde eu son, era moi coñecido o zoqueiro Xan da Xesta, natural dá parroquia do mesmo nome e que ademais era un bó músico e mellor gaiteiro.

          A min de cativo mercábanmos sempre no zoqueiro de Cadrón (Lalín), ao señor Manuel de Suaseiras e tempo despois, cando viñen pra Pontevedra, aínda lle merquei tres ou catro pares mais. No pobo usabaos sin chatolas porque con elas, ao andar polas veirarrúas, facían moito barullo e chamaban a atención. En lugar das chatolas poñíalles uns anacos de goma das rodas de unha bicicleta, e aínda así, algúns quedában a mirar pros meus pés e para aquel calzado que, de seguro, nunca viran. A partires dos 19 anos, cando marchei para facer aquela cousa tan rara que chamaban “mili” non os volvín a poñer mais.

          Os zocos foron desaparecendo do rural debido á mellora dos camiños e á mecanización dos labores agricolas anque pola montaña, aínda seguen a verse algúns.

Imaxe

ImaxeP1070715

AS FESTAS EN VILARIÑO, VENTOSA E CADRON (Do Blog AQUAM LATAM)

RELIXIOSIDADE E TON VAN VLIET (Do Blog AQUAM LATAM)Imagen

Aquel mozo holandés que chegara a Agolada no verán de 1977, Ton van Vliet, co seu amigo Jeroën, traía a súa xuventude e a súa cámara para aprender e gravar indeleblemente todo o que a Galicia rural de entón lle ofrecía de singular. Holanda e Galicia, distantes e diferentes, occidentais si, europeas tamén, pero con costumes e desenrolos tan dispares como para sorprender e captar a atención de Ton en elementos que a nós nos resultaban intranscendentes por cotiáns.
A relixiosidade do pobo e as súas manifestacións externas constrastaban claramente coa Holanda de Ton, onde predominaba o protestantismo e unha sociedade máis laicista e menos asidua aos actos relixiosos. Estas imaxes confirman a súa sensibilidade para certificar con intención sociolóxica unha das carcaterísticas da Galicia rural daquela época e que tanto leva mudado nos anos transcorridos desde aquela.


FESTA DA NOSA SEÑORA EN VILARIÑO
Imagen

O comedor da casa (primeira foto) co cadro do Sagrado Corazón e o crucifixo colgando del, xunto co ramalliño de oliveira bendicido no Domingo de Ramos presiden o comedor-salón con outros elementos característicos como o televisor e o calendario.Imagen

A festa da Santa María en Vilariño, os retablos, a tribuna a onde soben os homes…Imagen

O recollemento das feligresas, a señora do pano de flores na cabeza, a serenidade da neniña sentada no banco ben seguro que captaron o interese do fotógrafo holandés…

Imagen

A procesión cos santos sobre andas, arredor da igrexa, coa banda de música interpretando acordes solemnes e repousados. As campás repicando. Os petrucios co pucha na man e o paso marcial… Imagen

No remate da misa solemne, sesión de fogos de artificio e conversas alegres no adro… Antón Torreiro, Miro Galego, Abel Coego, José Antonio Vázquez, José Antonio Sucasas, Manuel Dobarro, Jaime Varela… son algunhas das persoas que recoñezo na imaxe:Imagen

FESTA DO FARO DE VENTOSA EN HONOR A MARÍA AUXILIADORA:
Imagen

En Ventosa Ton observa o momento e a espontaneidade do petitorio monetario, envolto entre o mantón da Virxe e a solemnidade da procesión.

Imagen

Nesta aldea a procesión excede o adro e alóngase algúns centenares de metros para acadar o campo da festa onde torna rodeando o cruceiro pétreo que nuclea o torreiro de carballos.

Imagen

AS ERMITAS DE CADRÓN (LALÍN)

Imagen

Procesión no adro e retrato de Primeira Comuñón dunha nena… Imagen

A imaxe da Virxe coroada coas andas baixas para retornar á igrexa. A mirada recolecta dos porteadores…

Imagen

Estre traballo, está recollido do Blog AQUAM LATAM, editado o día 3 de Novembro do 2011.

O CASTELO (Cadrón – Lalín)

 O CASTELO (Cadrón – Lalín)

          O Castelo é unha aldea moi próxima a Agolada, no veciño concello de Lalín. O Arnego marca no medio unha barreira líquida que antano se salvaba por unha ponte medieval da que aínda quedan vestixios merecentes de atención. A relación entre Agolada e o Castelo sempre foi intensa e amable. Ao Castelo iamos buscar os doces para a festa e cos do Castelo compartiamos a tosta de Vilariño para os baños estivais e as tabernas do Souto e do Ríos para repoñer “combustible”.

          Agolada e o Castelo estiveron unidos desde os albores da historia por un camiño antigo, que logo se dixo medieval. Elisa Ferreira Priegue, estudosa dos camiños, mesmo indica que por aquí transcorrería unha calzada romana de segundo rango. Este camiño viña de Esporiz (Monterroso) polo Marco, pasaba Agolada e descendía ao Arnego ata a Ponte Vilariño. Desde aquí trazaba un pronunciado cóbado para ascender a Cadrón. Seguía ao Castelo e desde o Castelo buscaba a Ponte das Abellas para continuar por Cancelas, Palmou e chegar ao Vento. Collía dirección a Santiso, Bendoiro, Prado, A Borralla e a Ponte medieval de Taboada.

          O topónimo Castelo é moi transparente. Alude a unha fortificación ou a un tor granítico. No fondo da aldea hai un promontorio rochoso que con toda certeza lle deu nome á aldea. Eu aventuro (e perdóenme o atrevemento) que probablemente se trate dun castelo medieval do que descoñezo referencias históricas, pero a conformación do outeiro e a aquitectura dalgunhas casas aledañas parencen indicarnos tal posibilidade. Eu intúo que parte dos perpiaños utilizados nunha casa fidalga, en proceso de restauración actualmente, foron reutilizados dunha construción máis antiga, que moi ben podería ser o orixinario Castelo que lle deu nome á aldea. Portadas molduradas en bisel, lintel apoiado en mochetas,  cornixas en gola baixo o tellado, perpiaños rubricados cos sinais identificativos dos canteiros son propios da Idade Media e moi probablemente pertencentes a un edificio singular e de boas proporcións. Na microtoponimia da aldea designan as leiras e os prados que hai na parte baixa deste outeiro como o Sucastelo, topónimo que indicaría a situación respecto do Castelo situado en lugar máis elevado. Déixoo así para investigadores máis avezados que queiran afondar nesta hipótese.

(Traballo copiado do Blog AQUAM LATAM  editado o día 4 de Febreiro de 2014)

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

Imagen

A FABRICA DE PAPEL DE RODIS – LALIN

A FABRICA DE PAPEL DE RODIS

          San Xiao de Rodís é unha parroquia que perteñece o concello de Lalín. Sitúase nas confluencias dos rios Cello (ou Barbán) e Arnego. Ó carón do rio Cello fundouse a mediados do século XIX unha fábrica de papel que funcionaría ata os primeiros anos do XX.

          O edificio e unha nave industrial feita en pedra e con medio cento de ventás. Está rodeado de outros mais cativos onde estaban os fornos de pedra e as prensas, e que fan un conxunto arquitectónico moi fermoso.

          De cativo e antes de saber o que era este edificio, sempre me chamou a atención a súa fermosura, pois mirábase dende o alto da Cima da Costa no Castelo, ate que fai uns anos e sabendo o que era, decidín visitalo sendo moi ben recibido polo seu dono, o señor David Fernández, que o recibíu en herdanza de uns tios seus.

          Según me conta, o principal material utilizado na fabricación do papel eran os trapos, sendo os trapeiros e os arrieiros os que suministraban material que traían de lonxe, pois a roupa da comarca era maiormente feita con lá, dependendo o papel resultante da calidade dos trapos ós que se lles sacaba o color con productos derivados do cloro. Tamén se utilizaba o liño e o follato interior e branco das espigas do millo. Con estes dous materiais, obtíase un papel de moi boa calidade. O papel de boa calidade iba destinado a escritura e a imprenta e o de mala utilizábase pra envolver as cousas nas tabernas.

          Durante o tempo que estivo activa, dou traballo a moitas mulleres das parroquias do contorno. E me dí o señor David, que a chegada do papel feito con pasta de madeira, e as inexistentes vías de comunicación acabaron coa actividade da fábrica.

          Agora, unha parte da nave está rehabilitada como vivenda, en concreto, unha das sás de secado.

          Diante da entrada da fábrica, hai un vello “arbol de incienso”, que me din que en todo Galicia só se coñecen tres ou catro exemplares, e ningún é mais vello ca este. Dandolle un pequeniño corte no tronco, logo comenza a supurar a resina coa que se fai o incienso.

rodis 2  rodis 1

rodis 3

 

O SÓN DA ALDEA

O SÓN DA ALDEA

          Nos tempos que corren, as aldeas xa non teñen o són propio delas. Aquel son característico que tiñan ate fai uns trinta anos mais ou menos. Apagárono os sons dos tractores, dos coches, das motoserras, desbrozadoras, e dos novos aparellos musicais a plena potencia, sin esquencer que nelas, xa só quedan catro vellos arrimados a un pau, ou sentados na pedra da portela da casa.

          Unha das cousas que formaban o són tradicional, eran os cantos dos carros tirados por unha xugada de vacas ou bois. Producíase pola rozadura do eixo coas treitoiras e as entortas. Según parece, a mellor madeira para facer ó eixo era a de freixo, loureiro ou vidueiro, que era a que mellor cantaba. Pola maneira de cantar que tíñan, sabíase si traían boa colleita ou non, e hasta podía saberse á casa a que perteñecía cada ún. O seu són, tamén servía para animar a tirar a xugada, e de aviso para outro que podía vir pola misma congostra en sentido contrario e por onde non cabían os dous. En moitos casos, era a sinal pra ir poñendo a mesa pro xantar, pois o escoitar o seu canto, sabíase que a xente estaba de volta do traballo.

          A chegada dos tractores remataron co seu monótono pero fermoso cantar.

 

                             Si queres que o carro cante,

                             mellor có do teu veciño,

                             bótalle o eixo de freixo,

                             e as treitoiras de sanguiño.

 

                            Si queres que o carro cante,

                            deixa a tua leria veciño,

                            en vez de regalo con auga,

                            bótalle un xerro de viño.

 

                            Xa é hora de xantar,

                            escoito cantar o carro.

                            Eles están a chegar,

                            vou polo viño no xarro.

           Outra parte deste són, formábano os cantos dos veciños nas leiras e nas hortas, sendo os Alalás os mais cantados para acompañar as labores propias da aldea. De feito están considerados como a música mais característica e mais antiga de Galicia.

           Os Alalás, son unhas pequechiñas pezas musicais que cantaba cada ún para si mesmo. Non se cantaban para ninguén, pois eran cantos solitarios interpretados pola única satisfación de cantar. Cada peza está formada por un pequeniño poema de catro versos octosílabos normalmente, no que se deixa voar a última palabra para rematar coa melodía “Ailalelo, Ailalalo” que non quere decir nada pero que expresa o sentimento do que o cantaba.

           Os Alalas, eran un xeito de comunicarse da xente na aldea, pois según o que se cantaba e según a maneira de facelo sabíase que veciño era o que andaba arrincando nos nabos, mondando no liño, sachando nas patacas ou facendo calquera outra labor . Eran uns cantos que ademais prestábanse para acompañar a laboura ou o que facer de cada día. A min gustábame escoitarllos ó meu avó cando se afeitaba coa súa navalla, porque paraba o canto cún carallo! se se cortaba, ou cando lle daba unha chupada ó pitillo e interrunpía a cantiguiña. O que estaba cantando non perdía sentido, e aínda o facía mais fermoso. De feito, os alalás dos arrieiros teñen un “Arre Faco”, un “Soooo” ou un “volvíchete tola, carallo” polo medio que aínda os fan mais fermosos.

          Estes tres que poño, eran dos que cantaba moitas veces o meu avó mentras se afeitaba, preparaba os pelexos, ou facía calquera outra labor:

 

                               Mozas que tedes irmáns,

                               ter cuidado cos cuñados,

                               non vos vaia ser o demo,

                               que os collas no pecado.

                                     Ailalelo, ailalalo…

 

                                Aquí tedes a este arrieiro,

                                todo cheio de filliños,

                                que vai polo mundo endiante,

                                pra vendervos uns bós viños.

                                      Ailalelo, ailalalo…

 

                                 Marica berrou co xenro,

                                 na carballeira de embaixo,

                                 porque lle picou un toxo,

                                 que levaba no refaixo.

                                       Ailalelo, ailalalo.

cropped-sin-tc3adtulo4.jpg

 

 

 

  

O LIÑO

O LIÑO

         Que importante foi esta planta na vida das nosas aldeas. Ún pódese dar unha pequena idea cando ve os lugares da nosa terra que teñen o nome derivado déla; Liñares, Liñedo, Liñeiro, Liñariño, Liñoso… E a cantidade de palabras no noso bocabuario que lle fan referencia; Sementar, ripar, espadar, espadelar, fiar… Palabras, que anque siñifican un duro traballo e un gran esforzo, tamén levan con elas unha inmensa ledicia e divertimento traducidos en música e bailes.

          Esta clase de traballos, non debería esquecerse nunca, por eso é de agradecer que moitas asociacións de veciños, organizacións culturales e casas e museos etnográficos volvan a dedicarse as distintas labouras que conleva esta planta.

          O liño que se plantaba na miña aldea, chamábase “liño manso”. Era unha planta de un metro de altura mais ou menos con unhas flores azuis do tamaño de unha moeda de dous euros, ainda hoxe vese algunha destas plantas polos balados dos camiños e que dín que son da semente que caía dos carros e que brotan todos os anos. Lémbrome de que había outra casta dél que decían que era o “liño de fora” e que seica non era tan bó, pois a roupa feita con él pesaba moito mais que a feita co “manso”.

Imaxe

          Dende que se plantaba, ate que se convertía nunha peza de roupa había un longo proceso que comenzaba co sementado alá polo mes de Maio, había que arar e gradar ben a terra e unha vez preparada sementábase a liñaza ó voleo, volvendo a gradar despois e terminando por pasarlle un anciño para que a terra quedase ben plana. Na miña casa, botábase no “Prado do Porto” o carón do Rio das Abellas, entre a ponte da carretera que vai do Castelo a Cancelas e o Monte do castro”.

          Mentras a planta estaba na leira o único traballo que requería era o “mondado” que consistía en sacar as malas herbas que nacían entre elas.

          O chegar o mes de agosto e cando as plantas se poñían de cor amarelo, arrincábanse a man coa raiz e batíanse unhas contra outras pra que soltasen a terra que traían pegada a elas. Xuntábanse en manoxos chamados “gavelas ou mañizos”  levábanse no carro pra eira, e alí ripábase no “ripo” para sacarlle a semente ou “liñaza”, esta, deixábase secar durante uns días e gardábase nunhas bolsas de tela para facer a sementeira do seguinte ano. Coas plantas facíanse uns manoxos “mollas” que se volvían a poñer no carro e levábanse pro Rio das Abellas co fin de metelos na auga do rio para que ablandase, poñíase na presa que hai na veira do Prado do Porto con unhas pedra por riba para que non os levase a auga. Non lembro os días que botaba na auga pero debía de ser unha semán mais ou menos. De vez en cando sacábanse unhas plantas para ver si estaba “cocido” que era cando a planta soltaba facilmente a casca. Nesta presa poñían o liño mais veciños da aldeda e cada ún marcaba o seu sitio con uns cordeis atados os ameeiros que había o carón do rio.

          Así que estaba cocido, lavábase ben e  estendíase o sol na leira e dábaselle a volta todos os días para que secase ben. Unha vez seco facíanse uns mollos con él e volvía no carro pra casa.

          Unha vez na casa, estendíase na eira o sol pra mazalo, pois seica tiña que estar moi quente pra facer esta tarea, e unha vez quente golpeábase forte  co “mazo”, que era un anaco de madeira plano e groso con un mango. O motivo de mazalo era para que soltase a parte mais dura da planta e quedase a fibra mais fina do interior que se limpaba despois restregando contra o chao ou entre as mans. Na miña casa, mazábase nunha pedra que estaba no cuberto a maneira de unha mesa e que se coñecía como “mazadoiro do liño”. Durante o mazado era cando se cantaba e se contaban os contos ou os aconteceres de cada día pois no cuberto, xuntábanse tres ou catro familias para facer o traballo mais levadeiro o axudarse úns os outros, e o mismo que se facía cando era a malla, cada ún traía o que podía, xa fose lacón, tortilla, queixo, pan, viño etc. e alí botaban ate as tantas para que quedara o traballo rematado.

          O seguinte paso era o espadelado que consistía en facer o liño mais fino e para eso utilizábase unha peza de madeira  que tiña forma de unha T, pisabanse os dous brazos dela cos pés para que non se movera e coa espadela que era unha taboa que tiña forma de espada golpeábase hasta que quedaba moi fino e envolo en “estrigas” pra que non se liase. Estas “estrigas”, había que rastrelalas despois co “restrelo” que era un banco con un aparello de pinchos cortos entre os que se pasaba o liño para asedalo. Asedábase despois de sairlle duas capas de fibra que se chamaban “cabezo e estopa”, con elo conseguíase que quedase listo para fiar.

          O fiado, faciase despois do rastrelado e pra fiar, utilízabanse a roca e o fuso. A roca era unha vara de uns trinta centímetros con tres ou catro anacos de ramas na súa punta onde se colocaba o liño e o fuso era unha pequena peza de madeira que asemellaba un trompo alongado. Suxetábase a roca entre as costelas e o brazo, con unha man tirábase do liño, e coa outra facíase xirar o fuso, para retorcer o fío dandolle textura e consistencia. Este traballo facíase o longo do inverno e sempre fiaban as mulleres, xuntábanse tres ou catro veciñas o redor da lareira contando contos e cantando ou contando contos mentras fiaban. A estas xuntanzas, chamábaselles fiadeiros ou fiadoiros.

          Todo este traballo remataba co ensarillado e o clareo do liño. O ensarillado consistía  en facer madeixas co sarillo, que era un aparello de madeira con catro aspas nas que se iba enredando o fio hasta formar a madeixa e rematábase todo o proceso fervendo as madeixas en auga durante un tempo e despois poñíanse o sol e regábanse de vez en cando ate que o fio perdía a cor marrón que tiña e volvíase blanco. Si se quería teñír de outra cor, había que levalo a Lalín a unha casa que se dedicaba a eso.

          Co liño, facíase cantidade de roupa pras casas; Colchas, sábenas, camisas e calzóns pros homes, chambras pras mulleres etc.

          A lembranza que temos todos das mantas de liño, era que pesaban moito e abrigaban moi pouco, e as sábenas parecían molladas cando se metía ún na cama. Pero era o que había e o que nos tapaba do frío do inverno, invernos moi crudos pola miña Comarca do Deza. O chegar o vran, toda esta roupa, cargábase no carro, e iba a lavarse o rio para tela limpa pro seguinte inverno. Este feito era moi esperado polos rapaces pois era un día de xantar de campo, de chapuzós no río e de troula. O Rio das Abellas, era unha das principais fontes de vida da miña aldea do Castelo.

          Unha aperta para todos.

Imaxe

 

 

AS CASTAÑAS

AS CASTAÑAS

          Pra min, as ábores mais fermosas de Galicia, xunto cos carballos, son os castiñeiros. Onde son eu, alá pola Comarca do Deza, hai fermosísimos soutos e fragas de castiñeiros centenarios misturados con outros mais novos.

Imagen

          Pra ter castiñeiros novos, e repoboar os que se iban secando ou se cortaban para madeira, había que prantar castañas alá polo mes de Novembro ou Decembro. Decían os vellos que había que buscar ourizos de tres castañas e plantar a do medio pois o castiñeiro que nacía desa castaña, daba o froito sen necesidade de inxertalo, anque o mellor éra inxertalo cando a nova árbore tiña uns seis anos. Para eso, buscábanse pugas dun castiñeiro que dese boas castañas. Os inxertos facíanse durante a semán da lúa chea de Febreiro. As castañas enterrábanse un pouco fondas e na primavera, si era que non as comían os ratos nacían castiñeiros novos, anque non daban castañas ate pasados uns cinco ou seis anos, nos que medrarían ó redor dun metro.

Temporada-de-Castaas

          Ó chegar a primavera, os castiñeiros empezan a gromar e a encherse de follas, pouco despois botan as flores que son uns ramiños longos ós que na miña terra lles chaman “candeas”. Destas flores saen despois os ourizos e dentro deles medrarán entre dúas e cinco castañas. Alá polo mes de Outubro, os ourizos recachan os dentes e soltan as castañas que teñen dentro. Este feito era moi acollido polos veciños, “os castiñeiros xa pingan” decían, debido a importancia da castaña no rural. Despois ó chegar o mes de Novembro, secáballes a folla. A folla dos castiñeiros misturada coa dos carballos con toxos e con fentos era o mellor estrume pras cortes e pra convertilo en esterco pras leiras.

          Polo remate do mes de Outubro ou comenzo de Novembro, chegaba o tempo de ir cara os soutos e recoller as castañas. Collíanse do chao as que estában fora dos ourizos e botanbanse para un canastro. Despois vareábanse os castiñeiros con un pau longo chamado “valoira ou avaloira” e todos os ourizos que non soltaran as castañas, amontonábanse nunha “ouriceira” ate que secasen ben e acabasen por soltalas. A ouriceira, era un pequeño balado en forma redonda onde se metían os ourizos que non habían aberto. Tapábanse con follato dos mesmos castiñeiros e alí botaban un tempo sin que se estragaran as castañas.

ouriceira2

          Así que estaba toda a colleita na casa, empezaba a escolleita para separar as boas das malas. As pequenas e valeiras,  as que tiñen o verme e ás que estában regañadas, dábanselle ós porcos, e as de mellor calidade servían de alimento prós da casa.

          As castañas, podense comer de moitas maneiras, pero como mellor saben son cocidas ou asadas, para esto utilízanse as recén collidas e que non esteñan xa moi secas, para cocelas sácaselles a casca dura de fora e cocense nun cazolo botándolles un par de chourizos ceboleiros, unhas follas de loureiro e un ramiño de fiunchos, e para asalas, dáselles un corte cun coitelo e póñense nas brasas ou nunha lata sobre do lume. Era costume no rural galego comelas na cea acompañadas dun tazón de leite ou de unha cunca de viño.

          Noutros tenpos non moi atrás, a castaña era un dos compoñentes principais da alimentación nas aldeas, e a meirande parte das que se collían botábanse nos canizos pra secalas. O canizo estaba feito con unhas taboas que se poñían enriba da lareira separadas unhas das outras un centímetro mais ou menos e onde se poñían as castañas para que secaran ben, apriveitando o lume do xantar e da cea. De cando en vez había que subir a él e remexelas con un pau que tiña na punta unha taboa de uns 30 cmts. e que se chamaba “burella”. Pola parte de abaixo do canizo tamén se colgaban os chourizos no tempo da matanza para que se curasen. Alá polos primeiros do ano, as castañas estaban xa ben secas, entón metíanse en sacos, e cos estadullos do carro, golpeábanse ben para que soltaran a casca e quedara a castaña limpa, convertindose así en “castañas pilongas”. Pola bisbarra do Deza, tamén se lles chama “cascallos”. Despois escollíanse  e gardábanse no horreo no medio de herba seca para que non humedeceran.

Imagen

          As castañas secas eran moi duras pero moi ricas, os rapaces chupabámolas como si fosen caramelos. Conservábanse durante varios meses e cocíanse coma si fosen patacas, pois eran alimento básico no rural. Hoxe, bótanselle ó cocido garbanzos castelás pola comodidade e porque xa non hai castañas secas,(o que fai que os cocidos modernos o levar productos non autóctonos xa non sexa tan enxebre). O auténtico cocido galego facíase con castañas que se cocían na pota dentro de unha bolsa de liño, para que non se misturaran coas patacas e as berzas , e acompañábanse duns cuantos chourizos ceboleiros.

Imagen

           Agora, e nos tempos que corren, as castañas siguense recollendo, pero non coa necesidade daqueles tempos. Agora consumense maiormente en magostos que están a priliferar polas parróquias e onde é motivo de xuntanza e ledicia dos veciños, tamén se están a facer nos colexios e nas comunidades de veciños, recuperando así unha das mas fermosas tradicións e convertíndose na festa gastronómica popular mais espallada a todo o longo do noso País .

castañada

          Pero unha boa parte das castañas que se recollen destínanse a venta pra fabricación do “marrón glacé” tartas e outros postres derivados delas.

          O que está claro é que a castaña e os castiñeiros son unha parte moi importante da nosa historia e mais cando a meirande parte dos móbeis e as táboas do piso das casas das aldeas eran feitas coa madeira do castaño.

          Dame a min, que a historia do noso país non se escribiría da misma maneira si non existisen os castiñeiros.

          Unha aperta para todos.