TOURÓN – PONTE CALDELAS (O palco da música)

TOURÓN – PONTE CALDELAS (O palco da música)
…     Anque está fora do recinto relixioso, está tan achegado, que parece formar parte dél.
     É un fermoso palco en pedra, ben conservado, pero pouco coidado.
Nél, destaca unha lira labrada en pedra polo canteiro/escultor José Celso Doval Barbeito, cunha lenda que di “Voluntarios de Tourón y Buchabad”
…     A casualidade quixo que se atopara alí, limpando a escultura, unha filla de José Celso, que me contou que os avós do seu pai, viñeron de caseiros para un fermoso pazo que asemella ser un castelo na parroquia de Tourón, coñecido coma “O Pombal”
…     Co tempo, mercaron un terreo e fixeron unha casa mesmo frente á entrada do pazo, e seguiron traballando nas propiedades que os donos do “Pombal” tiñan por Caldelas e Fornelos.
…     Nesa casa, foi onde naceu José Celso, que dende moi novo, empezou a traballar nunhas canteiras de Ponte Caldelas, e noutras achegadas a Pontevedra.
…     Así comenzou a súa afición e amor polas esculturas de pedra. Sendo autor de multitude de esculturas que hai no concello de Ponte Caldelas e algúns panteóns no cemiterio de Tourón. Tamén restaurou o monumento a San Ramón na mesma parroquia.
…     Pero amais da cantería, tamén traballaba de ferreiro nas súas dúas forxas que tiña na casa frente ó Pombal. E como carpinteiro, dedicábase á fabricación de carros do país.
…     De ideas republicanas, foi detido polos falanxistas un día de feira en Ponte Caldelas, e preso no cárcere da vila, onde coincidíu con Alexandre Bóveda poucos días antes de ser fusilado na Caeira. De alí, foi trasladado a illa de Lazareto, onde compartíu celda con Adrio Barreiro.
     Según parece, os donos do Pombal, intercederon por él, e quedou en libertade pouco tempo despois.
…     Nunha das fotos, está o Cruceiro/monumento ó San Ramón, preto do pazo do Pombal na parroquia de Tourón.

TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)

TOURÓN – PONTE CALDELAS (Lenda de Santa Bárbara)

..      Visitando o conxunto arquitectónico que hai na igrexa de Tourón, chamou a miña atención unha santiña que está encaixada na parede da parte traseira da igrexa. Pois nunca vira un santo aí. Sempre no frente, e nalgúns casos nun lateral, pero nunca na parte traseira.
..      Según me conta o señor Manuel Chamadoira, que andaba por alí dando unha volta, no ano 1727, apareceu unha imaxe de Santa Bárbara feita de pedra, entrerrada a carón dunha fonte que hai a uns 50 metros da igrexa, e que se coñece como “Fonte Santa”
..      Os veciños, limpárona ben, e levarona para igrexa, poñéndoa no altar, e quedando así de cu pra fonte. E tal foi a sorpresa dos veciños, cando pro outro día, viron a imaxe da virxe outra vez na fonte. Volveron collela, e volvérona para igrexa, aparecendo na fonte de novo pro outro día mais.
..      Este feito, seica aconteceu unhas cantas veces, ata que a última vez que o fixeron, descargouse unha enorme tronada sobre a parroquia que durou toda a noite.
..      Entón, os veciños, decatáronse de que o que quería Santa Barabara, era estar onda a fonte, e acordaron facer unha peana na parte traseira da igrexa, e poñer a santiña mirando pra ela.
..      E alí se pode ver hoxe. Dende onde está, mírase a fonte, e dende a fonte, mírase a Santiña.
..      A última foto, está feita dende a “Fonte Santa”

NOITE DE MEIGAS E BRUXAS EN DONRAMIRO (Lalín)

NOITE DE MEIGAS E BRUXAS EN DONRAMIRO (Lalín)
..    Aproveitando que hoxe é a noite mais meiga e con mais lendas do ano, contaba a miña nai, que na parroquia de Donramiro, xa fai moitos anos, había unha casa na que vivian tres irmaus, e que pola noite no fallado seica se escoitaban sons de cadeas, e non se sabía moi ben polo que. Se non lembro mal, a casa chamábase a casa dos Palmaz ou Parmaz.
..    Unha das lendas que me contaba sobre esa casa era, que unha noite, deixaron o chau estrado de fariña triga, e que pro outro día, apareceron nela as marcas das cadeas, polo que decidiron chamar ó cura da parroquia para que bendicira a casa, como así fixo.
..    Dende aquel día, non se volveron escoitar mais sons.
..    Eu metíame con ela, e dicialle que a ver se o cura, de paso que bendiciu a casa, puxo unhas ratoeiras sen que ninguén o soupera.
..    Estes sons, escoitábanse en moitas casas, según contaban cando eu era mozo. E dicíano sobre todo, cando algunha persoa morrerría sen cumplir unha promesa relixiosa feita. Entón, a súa ánima, penaba pola casa en diante, ata que calquera familiar cumplía a promesa feita por ela.
..    Dende que as casas se modernizaron, e fixéronse as placas de formigón e bloques, deixaron de escoitarse as ánimas en pena.
..    Pero ises sons, forman parde da multitude de lendas tan fermosas coas que conta a nosa tradición oral.
..    Que teñades un bo día.

OS NOMES DAS VACAS ( O Santoral das vacas)

OS NOMES DAS VACAS ( O Santoral das vacas)
Pois que estaba eu tranquilamente nunha carballeira, cando se achegou a saudarme unha das catro vacas que coidaba un home.
Estivemos falando un pouco (o home mais eu) e pregunteille:
– Como se chama a vaca esta?
– Chamase Grisella… cousas da muller.
– Jaaaaaa.
– Hai, rise? Pois aquelas tres, chámanse Chenoa, Rosa e Edurne.
– Jaaaaaaaaa.
E quedei pensando despois, que os nomes das vacas cambiaron tanto coma os dos rapaces e rapazas de hoxe en día.
E entón, pensei en facer unha lista, cos nomes das vacas que tiñamos nas casas cando eramos cativos, e despois da boa esperiencia que tiven cos nomes dos estalotes. A min viñeronseme a memoria algunhas das que había na miña aldea do Castelo e vou poñelos, e completan a lista moitos dos que tiñan as vacas das súas casas.
——————–
Argentina, Barrosa, Bendita, Blanca, Blanquita, Bitela, Bonita, Cabana, Cachorra, Candela, Cantinera, Caprichosa, Caraqueña, Careta, Carriza, Castaña, Catrula, Catuxa, Cereixa, Chata, Chica, Chita,Chula, Corneira, Cornexa, Cotena, Croqueta, Cubana, Cuca, Estrella, Florida, Francesa, Galana, Ghalleira, Garbosa, Garota, Garrida, Habanera, Jallarda, Jarduña, Landeira, Leda, Linda, Lindiña, Lucera, Luguesa, Manchada, Marela, Mariposa, Marquesa, Marula, Mazorca, Merla, Mimosa, Mona, Mora, Morena, Morita, Moura, Navarra, Negra, Nevada, Neve, Nevoa, Nova, Pachorra, Pachurriña, Palmera, Paloma, Parda, Parrula, Pasiega, Pementona, Pichona, Pinta, Piñeira, Pitusa, Platera, Princesa, Pucha, Tardona, Rabela, Retorta, Romera, Riza, Rosmona, Roxa, Rubia, Rula, Serena, Silvana, Subela, Suiza, Teixa, Torina, Toura, Touriña, Viana, Viguesa, Xanciña, Xarda, Xata, Xubenca, Zafeira, Zanfona, Zamorana.

ODA ÁS OVELLAS

ODA ÁS OVELLAS

Unha tarde pola fresca,
dun dia primaveral,
achegueime a un carballal,
para botar unha sesta.

E adormiñado xa estaba,
co lombo contra un valado,
cando xusto, do outro lado,
un rebulir me asustaba.

Como son un cajarolas,
encolléuseme a barriga,
e subín carballo arriba,
para sentarme nas polas.

E así, ben camuflado,
mirar dende as alturas,
que casta de criaturas,
rebuliron ó meu lado.

Pois pensei nun par de cobras,
ou algún lobo famento,
que te papan nun momento,
e non deixan nin as sobras.

Cando me vin mais calmado,
e puiden mirar pra diante,
dinme de conta ó instante,
de que estaba equivocado.

Nin lobos nin cobras eran,
nin lajartos dos arnales,
eran outros animales,
os que o medo me meteran.

Estaban triscando na herba
ovellas, cabras e años,
e coma en todo-los rebaños,
tamén unha ovella negra.

E baixeime do carballo,
e volvín pronda o valado,
e ó atoparme acomodado,
mandei o medo ó carallo.

BARCIADEMERA (O Covelo)

BARCIADEMERA (O Covelo)

..      No concello do Covelo, atópase esta fermosa parroquia que ten como patrón ó San Martiño, e un impresionante conxunto arquitectónico que val a pena visitar, formado pola Igrexa, a capeliña de San Xoan, a palaciega casa rectoral, a que en tempos foi a verdadeira rectoral, un pombal, un horreo, e as cabaleirizas.
..      O primeiro que chama a atención, é a enorme cantidade de cruces e pedras de tumbas, apiñadas no lado ezquerdo da Igrexa, e que da a entender que alí, houbo multitude de entrerramentos, cousa que me corroborou despois un paisano que por alí pasaba, e que me dixo que a Inquisición nese concello, fixo auténticos estragos. A tradición popular, di que neste entorno, tiñan lugar as execución, tanto as do Santo Oficio, coma os fusilamentos a represaliados despois da guerra civil. De feito, no Covelo, hai unha casa que data do século XVI, que se coñece como a “Casa da Santa Inquisición”. Un fermoso edificio con varios escudos na súa fachada principal, que seica perteñecen ás familias achegadas o “Santo Oficio”
..      Todo o entorno da Igrexa, é moi fermoso. Por haber, ata hai nun lado, un neumático dun coche aplastado por unha enorme pedra cúbica labrada, e que non me souperon explicar que fai alí.
..      Pero o que mais chama a atención, é a Rectoral . Este señor, contoume como se fixo a Igrexa con ela, pero o non saber se é certo ou non, prefiro omitilo.
..      Non se pode visitar por dentro polo perigo de derrumbe dunha parte do teito, pero seica garda unha gran riqueza artesanal, feita tanto en pedra, coma en barro e madeira, e que quedará estragada en canto caia o tellado.
..      As chimeneas redondas e a entrada principal, son impresionantes, pero está totalmente abandoado como tantos e tantos bens da igrexa. Acumularon tanta riqueza, que agora son incapaces de sostela.
..      A entrada principal, está coronada por un “Atlante” que na mitoloxía americana é un aborixen, con unha enorme bola ó lombo que supoño representa o globo terraqueo. Nos dous lados hai a cabeza dun aguia coronada, e remata cuns pináculos con piñas e outras froitas tropicais.
..      Ó mellor é unha burrada o que vou a decir, pero a min e por estas cousas, tenme pinta de ter moito que ver coa cultura mexicana, non sei se Maia ou Azteca, ou calquera das tantas culturas que ten ese país.
..      Según me contou o paisano que por alí pasaba (Prefire quedar no anonimato), e que me dou toda clase de detalles sobre o pazo, houbo non hai moito un cura novo na parroquia, que tentou facer unha residencia da terceira idade na enorme Rectoral. O problema foi que o cura, seica tiña unhas ideas bastante achegadas á ezquerda, e como o concello está en maus dun partido do outro lado, fixeron unha resicencia nova no pobo para así, tumbar as ideas do cura. Non fora ser o demo que lles sacase os votos coas súas ideas “revolucionarias”
……..De feito, seica acabaron por botalo de alí.
..      En fin, que é unha magoa que cos cartos que ten a Banca Vaticana, deixe estragar verdadeiras obras arquitectónicas coma esta.

ATA SEMPRE VICTOR MAGARIÑOS!!

ATA SEMPRE VICTOR!!
..      Ás veces, a vida parece, ou é tan inxusta, que te preguntas se val a pena perder o día de hoxe pensando no que vas facer mañá, xa que pode ser que o día de mañá se perda na negrura da noite de hoxe, e xa nin amaneza.
..      Coñecinte de mozo, cando tiñas uns quince anos. Teu pai, un dos mellores amigos que teño, mais eu, fomos compañeiros de partidas de dominó e subastado durante moitos anos, e compañeiros de pesca de río, durante moitos mais.
..      Ti daquelas, xa andabas as voltas co teu cart polas carreteras e pistas de Marcón, e ríaste de cara pra min, cando che dicía que viñeras ás troitas con nós.
..      Gustábache a mecánica, e gustábanche os deportes do motor.
..      Aínda me lembro da primeira carreira túa no “Ralli do Alvariño” cando te espetaches contra un valado con aquel Seat-124 de cor marelo, que era coñecido en toda Galicia polos aficionados ó motor, e fomos o teu pai mais eu a unha taberna mercar pementón para botar no radiador, e que non perdera auga pola grieta que tiña debido ó golpe.
..      Penso nos teus pais… acababan de abrir o furancho facía uns días.
….    E venme á memoria que tan solo fai catro ou cinco días que estiven contigo. Querías cambiarlle o nome ó teu taller, e chamarlle “Victor Magariños Sport”
..      Fun alí, e instaleiche o programa de diseño para que fixeras ti o logotipo, xa que me decías que che iba facer as impresións o noso amigo común Nené, pero que sempre andaba coa lingua fora polo traballo que tiña, e así xa lle levabas ti o traballo feito, e era solo imprimilo.
..      Por certo que Nené, foi quen me dou a mala nova chorando coma un neno, cando me atopaba xantando.
..      Hoxe, na estrada que vai de Carballedo a Caroi, atopacheste de súpeto co ceo, facendo o que mais che gustaba.
..      Ata sempre Victor. Sinto ledicia por coñecerche, e que me tiveras sempre os meus coches a punto.
..      A miña aperta mais fonda e sentida pros teus pais Pepe e Rosa, para túa dona Bea, e pros teus fillos Uxía e Noa.
..      Que a terra che sexa leve, meu amigo.

DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS, SOBRE O MACHISMO NA NOSA MÚSICA TRADICIONAL.

DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS, SOBRE O MACHISMO NA NOSA MÚSICA TRADICIONAL.
..      Dun tempo a esta parte, parece que dende certos círculos estremistas, tentan cambiar a nosa tradición musical tachandoa de machista… Así, sen mais, e coma quen non quere a cousa!!
..      – Parece que molestan as estrofas dos curas maila criada.
..      – Non se entenden moitos dos cantares e romances de cego que falan de amoríos.
..      – Censúranse estrofas de Muiñeiras, Alalás, Parrafeos, etc.
..      – Aborrécense cantidade de certas regueifas.
..      Grupos de música, e músicos en xeral, cambian as estrofas dunha cantiga, porque algunha persoa malencarada, tachounos de machistas ó baixar do escenario.
..      A min, xa fai anos na Radio Galega, unha moza duns vinte anos, díxome algo tan absurdo, como que a cantiga do mandil da Carolina era machista porque realza unha prenda de vestir, que simboliza a esclavitude da muller no rural, sen saber nin siquera, que a cantiga fala dunha saia e non dun mandil, que pro caso é o mismo. Anque se fora a saia, diríame que e un simbolo das violacións nas casas.
..      Eu, anque son doutros tempos e doutra cultura, penso que soupen adatarme ben ó andar dos anos. Pero non por eso, vou deixar de cantar as estrofas que dende certos círculos tachan de machistas. Xamais o farei! E nunca renunciarei a calquera copla tradicional por moi machista ou feminista que sexa, mal que lle pese a quen lle pese.
..      A tradición musical, no meu pequeno entender, non é unha foto fixa do que había hai 100-150 anos e da que dís gústame ou non. A tradición musical é un ente tan vivo como o pobo que a vivíu e vive.
..      Se un pobo, non se sinte identificado con ela, como pasa niste caso, ésta non ten sentido. As tradicións musicais deben ir cos tempos, coidalas e respetalas, e se se cambian deixan de ter sentido, e convertiranse en folclore.
..      Que “O paraugas do Xosé” ten contido machista? Pois claro. E a “Lista de Schindler” contido fascista. Que facemos, queimámos as partituras e cintas dún e outra? E que facemos, con Les Lutriers por decir “Los coros de novicias, se miran pero no se tocan”
..      Así que, como xa dixen, seguirei cantando ata que morra, todo tipo de cantigas tradicionais, mal que lle pese a tantos e tantas aprendices de Manuel Fraga. Dictador e censor durante moitos anos, dende aquel famoso Ministerio de Información e Turismo.
…     E xa para rematar, aí van unhas estrofiñas do “Latín Canteiro” (Verbo xido) moi… pero que moi machistas:

O pinrelo foi ó monte,
con gañas de carifaixo,
e alá entre unhas uzes,
puxo a pinrela por baixo.

O piruleiro vai alto,
o Xarabelo nun ven,
a culpa é da cañeira,
que o cañeiro non a ten.

A pulenca do sinfoso,
sinforosa cantu quer,
sinforosa contra a nitra,
como se lintra á muller.

Pola noite na zingada,
eiche botar unhos purrios,
i eiche deixar a estrabela,
colorada coma os murrios.

Verbo xido miña purria
que intervas por areona,
eiche de anisca-los currios,
e pindarche na morrona.

PORTALÉN (Porta do mais alá)

PORTALÉN (Porta do mais alá)
..      Onte andiven pola Serra do Cando, e na cima do Seixo, fun dar á Porta do Outro Mundo.
..      Según a lenda, os vivos estamos do lado Norte da porta, e os mortos do lado Sur, e di tamén que o que a pasa , ten que volver pro lado Norte e non quedar na parte Sur porque pasaría a formar parte do mundo dos mortos.
..      Eu sentín curiosidade, e pasei a porta pro outro lado pra ver se me atopaba por alí con algún amigo dos que xa me faltan, Pero se vos digo a verdade, non sentín nada especial, nin me atopei con ninguén.
..      Agora eso si. Por se o caso, volvín pro lado Norte. Non fora ser o demo…!!
..      Que eu non creo nas meigas, pero habelas, hainas.

ODA ÁS PIÑAS

ODA ÁS PIÑAS!!

A Cristorrei* achegueime,
no albor dun novo día,
coa miña guitarra en mau,
pra facerme compañía.

E entre cantiga e cantiga,
de vez en cando escoitaba,
un “tris tris” acompasado,
que ó meu cantar axudaba.

Agucei ben o oído,
e pregunteime que sería,
o chasquido acompasado,
de tan fina melodía.

Ata que diron meus ollos,
con tan fermoso instrumento,
e coas maus que o tocaban,
con semellante talento.

Alá, no alto dos pinos,
e coa calor que facía,
iban soltando os piñóns,
as piñas que o sol abria.

*Cristorrei: É unha capeliña que hai no alto dun monte na parroquia de Xustáns en Ponte Caldelas. Arredor dela, hai unha area recreativa moi fermosa e onde se está moi ben.
Alí vou algunhas mañás pola fresca para tocar e escribir.