AGORA QUE XA NON QUEDAN, NIN CURAS, NIN FEIRAS, NIN TRATANTES

AGORA QUE XA NON QUEDAN, NIN CURAS, NIN FEIRAS NIN TRATANTES

..    Alá xa fai moitos anos, cando a feira do 12 na Agolada era das mais importantes de toda Galicia, cando o número de cabezas de gando casi era igual co de feirantes, e cando os pendellos estaban cheos de vida, seica chegou a unha delas un cura, coa idea de mercar un porco pra ceba.

..    E nesas andaba, mirando os cochos polos distintos caixóns dos vendedores, cando se lle achegou un feirante, que sen mediar palabra algunha, berroulle por detrás da orella:

..    – Nesta feira, non hai mais ca curas e porcos.

..    – O cura, dou a volta e preguntoulle.

..    – E logo, señor… vostede é cura?

..    – Pois non señon, non lle son cura, por sorte!

..    – Vaites!!  Entón é porco!

* Contoumo: Manoliño Areán Fernández. Un cura amigo, da parroquia de Parada de Lalín.

ACABARÉMOLO PAGANDO!!! 

ACABARÉMOLO PAGANDO!!! 

..      Estar prantando alcolitros a eito, e sen sentido ningún, vai levar ó país da choiva e dos 3000 ríos, a convertirse nun deserto.

..      Ó mellor nós, nono veremos, pero os nosos fillos e netos si.

Levo un tempo, percorrendo serras e montes polas provincias de Pontevedra e Ourense, e o que estou mirando, clama ó ceo.

..      Xa falara días atrás do nacemento do río Tea, na serra do Faro de avión, e hoxe vouno facer polo que vin antesdonte en Taboadelo (Ponte Caldelas)

..      Achegueime ó monte onde está a capeliña de Cristo Rei, pra mirar a rocha coñecida como “A cama do home”

..      Despois de deixar a explanada que hai indo pra Ermida, hai que seguir subindo monte durante un bo treito, completamente poboado de alcolitros.

..      Ben, pois polas pistas onde están os alcolitros, non había ni unha gota de auga, e iso que choveran chuzos o día antes.

..      Pero vai ti ver, que tan pronto deixas os alcolitros, e na cima empezan a aparecer os piñeiros, uces, codesos, carrascos e demais matos que conforman a nosa matogueira tradicional, as pedras e rochas suan, e na terra rezuma auga por canto sitio hai.

..      Non se miran mais que pequechiños regueiros arredor das pistas enlamadas.

..      Nalgúns sitios por Pontevedra, empezan a decatarse de que a cousa non vai ben, e polos lugares de Salcedo, a Fracha, San Vicente de Oitavén, etc. están arrincando os alcolitros e prantando castiñeiros microrrizados e carballos.

..      Caso curioso, é o dos arredores do castelo de Sobroso, a onde me acheguei fai poucos días tamén, e mirei con asombro, que o que alí prantan, son uces. En vindeiros dias, en canto me entere ben do asunto, direi o motivo polo que as prantan.

..      Pola contra, na miña vila natal de Lalín, e na veciña Agolada, empezan a prantar inmensos alcolitais, ata nas terras de labradío e pasto. En canto lles falte a auga, xa refrescarán a gorxa con caramelos de alcolitro.

..      Nas dúas últimas fotos, podedes ver os novos soutos de Salcedo con castiñeiros microrrizados e onde xa non se mira un alcolitro, e as uces onda o castelo de Sobrado.

..      Que teñades bo día.

MUIÑEIRA DA LÚA CHEA!!

MUIÑEIRA DA LÚA CHEA!!

Miña lúa, lúa chea,
lúa da noite mais crara,
lúa de gardar segredos,
de saber estar calada.

Pola mañán cedo iraste,
e volverás mais delgada,
e o teu sorriso de lúa,
borrarase da túa cara.
Esquecereite algúns días,
e ti, noite a noite, calada,
volverás en vinteoito días,
a amosarme a túa cara.

Mentras eu esperarei que volvas,
de sorrisos dibuxada,
e disfrutarei outra vez ó verte,
de resplandor, preñada!!

(Pepe 27.4.21)

GAXATE (A Lama)

GAXATE (A Lama)

..      Un fermoso cruceiro, doado polos amigos de Gaxate no Brasil, e unha congostra na que se atopa, o que supoño sería unha antiga mina dauga, chea de caixas de madeira, que tamén supoño, serán pra que ninguén caia nela.

..      De Gaxate, tamén son famosas, unhas fermosas casas indianas construídas na parroquia.

FRASES PARA BOTAR A SORTES NOS XOGOS

FRASES PARA BOTAR A SORTES NOS XOGOS

* Un café lle diron o gato, ó que lle toque o número catro… un, dous, tres, catro.

Tamén: Catro patas ten un gato… un, dous, tres, catro  (para xogar ó burro)

* Pinto, pinto, gorgorito, pronde vas ti tan bonito. Ó que lle toque o número cinco… un, dous, tres, catro e cinco.

* O gato caiu ó pozo, as tripas fixeron “guá”, arremoto, pitipoto, arremoto, pitipás…. Ti salvadiño estás!! (Pro xogo do escondite)

* China, china, capuchina, en que mau está a china (Pros xogos das bolas) adiviñar en que mau estaba.

* Díxome Deus e a Virxe María, que perda que gañe, que nesta estaría.

Díxome Deus, que estaba naquela, e dixome a Virxe, que estaba nesta.

E díxome Deus a pura verdá, que se o di a Virxe, nesta estará (Para escoller a mau na que se agochaba algo)

* Teño un paxariño que canta e que voa. Onde está a china? Quedou dentro ou vai fora. (Metíase a canica nunha mau, e logo no peto, e o  sacala, había que adiviñar se quedara no peto ou seguía na mau.

* Rabo de boi, rabo de besta… dixo túa nai, que estaba nesta:

   – Nesta estará, díxomo o cura.

   – Se o dixo o cura, verdade será. (Se se acertaba na mau na que estaba a china.

* Lagarto, lagarto, dime a verdade, que o rabo che parto.

* Leite de cabra, leite de besta, ou está no furado, ou dentro da cesta. (Para descubrir cousas que se agochaban)

* Puñín, puñín. Quen esta dentro? Xan do convento. Quen está fora? Xan da gaiola. O que se ria, paga a carriola. (Non me lembro moi ben: Enriba da mesa, poñiamos os puños pechos, un enriba doutro, e contabamos contos, o que se rira, sacaba un puño)

* Pico, pico, mazarico, quen che dou tan grande pico. Doumo Deus pro meu traballo, e derramar este carballo. (Para saber a quen lle tocaba quedar no xogo do escondite)

* Na parroquia de Cadrón, hai tres galiñas e un capón. As galiñas estaban mortas e o capón anda na horta. Tris, tris… tris, tras… fora estás!

* Escondo lorito de quiquiricón, tres galiñas y un capón. O capon etaba muerto, las gallinas en el huerto, tutururú, que salgas tú por las puestas de Manbrú. ( Inf. Margarita Fernández Vázquez)

* Teño un gato na cociña e estame dicindo que é mentira. Teño un gato no corral, e estame dicindo que é verdá. (Pras adiviñas)

* Arroz con leite, me quero casar, cunha rapaciña diste lugar, que sepa decir pe, que sepa decir pa, que a deixen ir a festa e que sepa contar… un, dous, tres, catro!

 * Para vis, para vós. A filla do rei casada con vós. ¿A quen escolledes vós? (Para os equipos dos rebumbios) (Inf. Xan Perez)

* Rato, rayo 24, dame a mau que se non te mato, coa punta do meu zapato… que 1, que 2, que 3, que 4. (Inf. Estrella Luz Rivera)

* Botón, botón, de la bota botera. Criribitón, fora cañón. (Inf. María Vidal Solla)

* Nesta, nesta, o cu dunha cesta. Dixo meu pai, que estaba nesta. (Para adiviñar en que mau estaba) (Inf. Maribel Viéitez)

* Manzana, manzana, manzana podrida. Un, dous, tres… salida!!! (Para saída nas carreiras) (Inf. Laura Freire)

* Ó montón, que pouquiños son. Que entre… María, por este rincón! (Pro xogo da corda. No sitio de María, dicíase o nome de quen se quería que entrara) (Inf. Marta Alonso Álvarez)

* Pin, pin, seramatapín. Esconde a bandexa que ven o galopín, pin, pin. (Inf. María Esther Crespo Ardao)

DE CONVERSA POR SAN VICENTE DE OITAVÉN!

DE CONVERSA POR SAN VICENTE DE OITAVÉN!

..      Onte, convidado a unhas cervexas polo amigo Andres Lorenzo, que celebraba a bombo, platillo, e jaita, amais de con moito rebumbio, o seu cumpleanos …ta e tantos! Tiven a ledicia de conversar, e escoitar como contaba uns contiños a súa avoa. A Sra. Anuncia.

..      Unha das cousas que me contou, e coa que mais rin foi, que seica facía tempo que un home probe, iba pedindo esmola polas casas da parroquia de San Vicente. E para facelo, senpre decía o seguinte:

         “Deme una limosnita, por el amor de Diós,  que en esta mano tengo cinco dedos y en la otra, tres y dos”

..      Pensei escachar coa risa. E que decir ten, que tempo despois, cando baixaba para Pontevedra, viña rindo eu só no coche, lembrando o conto.

..      Que ledicia falar cos nosos vellos. Cantas cousiñas se aprenden diles.

..      Andrés díxome que pro ano que ven, cumplirá 90 anos, e eu comenteillo a ela:

..      – Así que seica vai cumplir 90 anos pro ano que ven. Vai ser grande a festa en San Vicente…

..      – Primeiro, deixeme cumplir vostede 89 dentro duns días.. e despois falamos!

..      Foi unha ledicia, Sra. Anuncia.

…..    Volverei visitala, e cantareille desas cantiguiñas que lle gustan, e a ben seguro que me ensinará algunha, das que vostede sabe.

..      A aperta mais grande para vostede!!

A PONTE MEDIEVAL DE ALMOFREI (Cerdedo-Cotobade)

A PONTE MEDIEVAL DE ALMOFREI (Cerdedo-Cotobade)

..      Vaia lugar mais fermoso.

..      Un entorno único, cheo de penedos e rochas totalmente erosionadas, e un río cheo de cantos rodados, labrados ó traveso dos tempos, polos rápidos e pequenas fervenzas que ten.

..      A ponte, medieval, data do século XVI. Ten unha altura duns 8-10 mts. e un solo arco asentado sobre grandes rochas nas dúas veiras do río.

..      Parece ser que por él, pasaba un antergo camiño dos arrieiros cara á parroquia de Tourón en Ponte Caldelas, e que remataba en Marín, según leo nun libro de Castro Sucasas sobre os camiños dos arrieiros.

..      Ó seu lado, un muíño con tres andares de altura, e dous infernos en dous deles, perfectamente conservado. Polo que me dá, que con catro moas, tivo que ser un muíño de maquía ben importante na zona.

AS RAZÓNS POLAS QUE FOI COLÓN, E NON OUTRO,  O QUE DESCUBRIU AS AMERICAS!!!

AS RAZÓNS POLAS QUE FOI COLÓN, E NON OUTRO,  O QUE DESCUBRIU AS AMERICAS!!!

Pois a razón, é moi sinxela… porque estaba solteiro. E a cousa é así, porque imaxinadesvos o que lle diría a súa muller se estivese casado?

– E por qué tés que ir ti?  Por qué non mandan a outro?

– Que vas mirar se é redonda? Ti tas parvo!! E a ti que mais che ten!!! Ti velo todo redondo!!!

– Tas tolo ou és idiota? Non coñeces á miña familia e vas coñecer o novo mundo!!

– Que escondes? Nin siquera sabes por onde vas ir.

– E iso de viaxar solo homes… tomasme por parva, ou? Quen cho vai crer!!

– E por qué non podo ir eu se ti és o xefe?

– A min nunca me levas a ningures… desgraciado!!!

– Xa non sabes que inventar pra estar fora da casa uns días.

– Se cruzas esa porta, voume pra casa da miña nai, que na aldea ainda está solteiro aquel mozo que tiven antes de coñecerte a ti!!!

– E quen e esa tal María? Que Pinta na viaxe? E dis que aínda é unha Nena? Sinvergonza!!! Abusador de menores!!

– Saído!! Que eres un saído!! que todo o tiñas planeado e ben planeado!!

– Vaste prondas indias, que son todas de vida lixeira!!! A min vasme enganar…!!

– Que a raíña vai vender todas as xúas xoias pra que poidas viaxar?

– Pensas que son parva ou qué. A ver que tes ti con esa vella, que non fas mais que ir todolos días o seu pazo!

– Non deixarei que vaias a ningún lado!!!

– Non sei como te apañas pra deixarme sempre soa!!

– Non vai pasar nada se o mundo é plano!

– ASI QUEEEE… NON TE VISTAS QUE NON VAS!!!

ERMIDA DA XESTOSA (Covelo)

..      A fermosa capeliña e o seu recuncho, atópanse na parroquia de Prado no concello do Covelo. Según unha referencia do cartaz indicativo, é a capeliña mais alta da provincia, situada por riba dos 900 mts.

..      Data do século XVI, cadrangular, e cun gran arco de medio punto que marca a entrada.

..      Ó entrar no recinto da capeliña, o primeiro que se atopa é un enorme penedo, cunha cruz labrada nél, e outra asentada na súa cima, e mesmo frente déla, un merendeiro con unhas mesas dus 30-40 mts. de longo dos comuneiros do lugar, pro xantar do día da festa.

..      Na parte dereita da capeliña, hai un pequeno pendello, onde unha tella coa Virxe pintada nela, pende da parede interior.

..      E na parte traseira, nunha rocha, está labrado un sartego, que se supón que labrou o eremita que viviu alí.

..      A auga diste sartego, di a tradición que cura as verrugas, e pra elo, hai que levar un anaco de pan duro, mollase na auga, e frótanse con él as verrugas do corpo, o tempo que soi di: “Verrugas traio, verrugas vendo… aquí quedan, e eu, voume correndo”

..      Dende calquera lado do entorno, hai unhas impresionantes vistas das terras de Covelo, e das serras de Avión e do Suído.