A SERRA DO SUÍDO

O SUÍDO (Na estrada que vai de Ponte Caldelas á Cañiza)
      As inmensas carballeiras que había nesta serra, están desaparecendo pouco a pouco, e deixando paso ós alcolitros.
      Quedan un par de quilómetros despois de Verducido nos que aínda non se miran moitos, pero despois, a unha veira da estrada, ata chegar ó empalme do Covelo, xa non se mira outra cousa mais ca alcolitros.
      Son solo seis fotos as que poño, pero podía facer mil centos delas, e todas parecerían a mesma.
      Non temos remedio. Non miramos mais alá dun puñado de cartos, e a moitos, debéronlles “untar” ben os bolsillos para cometer o crime que están cometendo contra os nosos montes autóctonos.
      As comunidades de montes, que non serven pra nada, xunto cos políticos que llo permiten, amosan moi pouco amor pola súa terra. E todo pra manter unha sola empresa, que como desapareza algún dia (Diolo queira) ímolos comer crús en ensalada.
      O das comunidades de montes, non ten nome. Estragan os montes da súa parroquia tan fermosos que viron de cativos, co único beneficio duns miles de euros pra contratar as orquestas Panorama, París de Noia, Combo Dominicano, etc. e presumir de festas, en competencia cás da parroquia veciña, pra ver quenas ten millores.
      Non fai moito, escoiteille a un comunero dunha parroquia achegada a Pontevedra decir textualmente: “Estas orquestas, le dan prestigio a la parroquia y no la mierda de gaiteiros y bandas que teníamos antes”. Probe, que lle imos facer. A cabeza non lle da pra mais.
      Dos políticos é millor non falar. Que intereses poden ter para encher os nosos montes de inmensos alcolitais, nos que desaparece a fauna tan rica que temos nas caraballeiras, soutos e fragas?
      Nos alcolitais non se mira nin un cuello nin un triste paxaro… se acaso, algún corvo que outro, para lembrarnos que foi outra casta de corvos os que os plantaron. Pra iso, tamén podían importar Koalas pra facer xogo, xa que seica están estinguíndose.
      E o peor de todo, é que istes políticos medio corvos, son os mesmos políticos medioambientais que te multan se lle pos unha rede a unha figueira ou a unha cirdeira, pra que non papen os paxaros a froita… que si, que está ben que o fagan, pero a ver se son un pouco consecuentes coas súas leises.
      Pois nada. Por desgraza, dame que esto xa e unha batalla perdida, e non andando moito tempo, veremos a unha Galicia sendo un inmenso alcolital e arrasada polos lumes… xa estamos a medio camiño!

O POZO DAS LANDRAS (Maceira)

O POZO DAS LANDRAS (Maceira)

      No meu paseo de fai uns días polo suído, e na parroquia de Maceira, do outro lado da ponte por onde baixa o rio para a praia fluvial, hai uns penedos enormes, que fan que o río baixe en fervenza, ata chegar mesmo á ponte, onde hai un remanso fondo antes de chegar á área recreativa. A erosión e as fochancas que fixo a auga niles, son impresionantes.

Pois ben. Iste remanso, que foi un enorme pozo ata fai uns anos, coñécese coma “O pozo das Landras”

      Contoumo,xa fai uns anos, o señor Manuel Barcia Vázquez do lugar de Portoparada (Maceira).

      Antes de facerse a ponte actual, había unha pontella de lousas feita sobre dous penedos enormes que facían de embudo á auga do rio, e había un pozo no que se formaba un remuíño moi grande.

      Pois ben. Todas as landras das inmensas carballeiras que había no curso río arraiba, e cando chegaban as primeiras choivas do outono, barrías cara o río, e paraban no remuíño da pontella.

      Contábame, que alí, naquel pozo, xuntábanse toneladas de landras. Os veciños, seica poñían na punta dun pau un saco con un aro na boca para pillalas, e así, axudar á ceba dos ranchos da casa. A inchenta de landras seica duraba uns cuantos días dos choivosos outonos de antes.

      Cando se fixo a carretera nova, dinamitaron as dúas rochas que formaban o embudo, baixou o leito do río, e desapareceu moita da fondura do pozo xunto co remuíño.

      A día de hoxe, as landras seguen baixando en moita menos cantidade, ó ir cortando as caraballeiras para prantar alcolitros, xa non se deteñen alí, e seguen o seu camiño polo río Tea cara a Mondariz.

      O meu agradecemento ó señor Manuel por contarmo.

A IGREXA DE CARITEL (Ponte Caldelas)

A IGREXA DE CARITEL (Ponte Caldelas)
       Que pasa coa Santa Madre Igrexa, que non coida nin arranxa os desperfectos dos seus bens?
       A fermosísima igrexa de Caritel en Ponte Caldelas, loce en este estado de abandono total. Acotan un lateral, ante o perigo de caída das tellas. E as pedras do campanario, desmontado fai tres ou catro anos polo perigo de derrumbe, repousan no chau, pechadas nunha rede metálica, e sen que se tomen as medidas necesarias pra devolvelo ó seu sitio.
       Seguramente, están esperando que lla arranxe Patrimonio, a Xunta, o concello, ou as colectas dos veciños.
       Os mandamaises da igrexa, están afeitos a que outros lles arranxen os seus bens, cando eles son propietarios da banca mais rica do mundo, e con solo o que ingresan no día dos Milagres de Amil, podían arranxala. E poño de exemplo o día dos Milagres, porque cae nistas datas, pero podería falar do Corpiño, a Franqueira ou de tantos outros sitios onde os cartos en negro, entran a maus cheas.
       E co que ingresarán na catedral de Santiago durante o Xacobeo 2021 (Se o permite o Covid), poderían arranxar todo o patrimonio que teñen espallado polas parroquias e vilas galegas, e que se está deteriorando na súa meirande parte a pasos axigantados.
       Eles teñen as chaves, eles son os donos de todo, e eles disfrutan do seu usufructo. Así que, a eles, corresponde arranxalos.
       E falando doutra cousa:
       O que mais me gusta do conxunto arquitectónico, é o contedor de lixo achegado ó lateral da igrexa… dalle un aire de distinción e modernidade, que xa quixera pra sí a Catedral de Tui. 

OS PRIMEIROS FIGOS DO ANO

OS PRIMEIROS FIGOS DO ANO

Achegueime ata unha pereira chea de peras,

e abaleei unha amaixeira chea de ameixas.

Subinme a unha figueira chea de figos,

e mirei unha cirdeira con moitas cereixas,

Acabei sentado baixo unha maceira,

das dos país… chea de mazás!

E logo, deiteime baixo un carballo,

con tanta ledicia, e tanta alegría…

que comín ; Mazás, figos e cereixas,

peras, e ameixas… ó longo de todo o día!