DOADE – BEARIZ (Ourense)

DOADE – BEARIZ

      Días atrás, e atopándome na feira tan fermosa que hai alí, e unha das miñas preferidas, fun dar unha volta pola parte vella, xa que facía anos que andivera por ela, e tiña a lembranza de que era moi fermosa.

      O que alí atopei, foi pura desolación. Todo abandonado e destruído. Por haber, ata había nun alpendre, un coche Seat 600 abandoado.

      Polo que vin, pasa o que pasa en moitos lugares do noso rural. As casas novas fanse onda a carretera, e as de mais lonxe, abandóanse.

      E a magoa mais grande, e mirar eiras tan grandes e fermosas como a que hai aquí, totalmente abandoada, e ver os “esqueletos” dos horreos, que foron o manantial de vida dos nosos antergos.

      Unha magoa ver como se desfai unha das partes mais fermosas do noso patrimonio material.

      E o peor, é que xa non hai volta atrás!!! Salvo que veña alguén de fora e merque e arranxe.

      Todo depende dos cartos, e ás veces nin dos cartos depende…😢

      Que teñades bo día!!

OS GALEGOS SOMOS ASÍ!

OS GALEGOS SOMOS ASÍ!

      Que non nos chegan os bloques pra facer o alpendre… pois botamos man da tapadeira dun sartego e ó carallo!!

      Non vou dicir onde está. Non vaia ser o demo que sexa un monumento sagrado, se me cabreen os Deuses, e me condenen ó inferno en vida 🤣

      E o sartego? Preguntaredesvos vós.

      Pois nada, o sartego poñémolo onda o cruceiro, facendo de Pía Bautismal 

      O alpendre está na paroquia de Barbudo en Ponte Caldelas.

      O sartego, no cruceiro que  hai onda a igrexa da Ponte Taboada no concello de Silleda

 

MURAL DA “AAVV OLAIA” EN SILLEDA

MURAL DA “SSVV OLAIA” DE SILLEDA      

      Dos murais mais fermosos que mirei… se non o mais fermoso!!

      Que ledicia pararse diante del e ler as palabriñas mais fermosas da Nosa Fala, e os versos dos nosos grandes das letras.

      Non sei o que daría por cantar diante del, e faríao aínda por riba, convidando a unhas cervexas ós da Asociación Olaia.

      Parabéns por tan fermoso traballo, e que ogallá se espalle o exemplo por outras vilas!!!

 

NOMES POPULARES DALGUNHAS FROITAS

NOMES POPULARES DALGUNHAS FROITAS!!! 

      Moitas das froitas que temos en Galicia, coñécense mais polos nomes cós que se baituzaron no rural, que polo seu nome natural.

      Fai uns días, cando puxen no Face o nome dunha casta de mazás como “Mazás pel de sapo” ou “Mazás pel de pataca” a uns moitos estranoulles o nome, e moi poucos coñecían o nome popular.

      Asi que, aproveitando a ocasión, vou poñer  cinto froitas, co nome co que as coñecín dende cativo:

      – COLLÓNS DE FRADE: As ameixas negras (Cirolas). (Os “Collons de frade” tamén se coñecen como “Collóns do Papa” ou “Collóns de Bispo” Porque según conta a lenda, en certa ocasión, nomeouse Papa a unha muller que se disfrazara de home.

Dende aquela, había que comprobar a masculinidade do elexido tocandolle os seus atributos. Un cardenal, era o encargado de facelo, e pra iso sentaban ó futuro papa nunha silla cun burato por onde lle colgaban os atributos. E a fraseciña que se decía o ver que era home, dicia “Hai un par de collóns que colgan coma ameixóns (Cirolas?)”

      E según segue contando a lenda, este comprobante infalible, pasou a facerse tamén nos conventos de frades, onde polas noites metíanse moitas mulleres disfrazadas)

      – AFOGACÁNS: As peras marelo pardo con manchas. Son autóctonas.

      – MAZÁS “PEL DE SAPO” OU “PEL DE PATACA”: Tamén se lles chama “Mailas” Esta mazá, e orixinaria de Galicia, moi parecida á Reineta.

      – MAZÁS DO CURA: As mazás rubias autóctonas, que había en moitas das Casas Rectorais. Supóñome que o nome viralles de aí.

      – CHOCHIÑOS: As brevas que aparecen nas figueiras despois da colleita dos figos (O curioso destas, era que abríanse, pasábaselles a lingua pra saborear o doce que tiñan, e despois comíanse. Bueno, iso segue sendo unha tradición facelo aínda hoxe en día)

      Pois ala. A comer chochiños e collóns de frade que son as mais ricas… sen despreciar ás demais, claro!

      Que teñades bo día, a ser bos, e non vos perder polas congostras.

O TURISMO RURAL

O TURISMO RURAL

      Ven sendo algo así coma un pasatempo ó que os que somos de aldea, pero vivimos na cidade, chamámoslle “Ir pasar o fin de semán á aldea”

      A diferenza está, en que nós imos á nosa aldea de balde, e os que fan turismo rural, van a unha aldea que non é a súa, pagando ademais, uns 600 Euros.

      Para practicar o deporte do turismo rural, non val calquera aldea do noso país. Ten que ser unha aldea cun encanto especial, e que apareza na guía Michelín.

      A istas aldeas, vaise por camiños ou estradas comarcais, cheas de buratos e con tantas curvas, que cando chegas ó destiño, xa perdes un día inteiro en recuperar folgos. Pero chégase ben, sempre e cando non se atope un no camiño con vinte ou trinta vacas que veñen do prado, e perda unha hora trás delas co coche en punto morto, ou como moito en primeira, lixando as rodas todas da bosta que van soltando, e axfisiado polo arrecendo que bota. E o millor de todo é, que as vacas van mirando patrás como decindo: Non poñas o intermitente que non che val de nada. E decide non adiantar, non vaia ser o demo que lle estraguen un dos retrovisores ou lle escornen a chapa e pintura do coche.

      Pero unha vez na aldea, o primeiro que fai un turista rural, é ir a coñecer a casa na que vai pasar o fin de semán, que é unha casa vella adecentada por fora, e por dentro adornada con moitas ristras de cebolas e allos, un par de palanganas, a cabezalla dun carro, un fuso e unha roca, un angazo, e algún que outro aparello de labranza colgado das paredes.

      Polo xeral, nestas casas, non hai nin ordenador nin microhondas, e no seu sitio, está un chinero con un par de queixos duros coma pedras xunto a un candil de gas, dous ou tres potes dos de facer o caldo, e unha ola de mazar o leite xunto a un canado e un balde.

      O que si hai, son uns mosquitos, que polas noites fan mais ruído co chimpín do veciño cando sae as seis da mañá para traballar nas leiras, e o turista está empezando a durmir e pensa para si: Para que carallo terán que levantarse tan cedo os aldeáns. Unha hora despois, atopa a desposta, o espertalo un cheiro a esterco e silo, que non ten nada que ver cos ambientadores de coco e vainilla que ten na súa casa.

      Entón decátase de que a xente da aldea vive en casas que non teñen nada do encanto do que din os organizadores do Turismo Rural e carecen de Jacuzzi, Antena parabólica e Internet. E que en vez de ter porteiro automático, ten unha fechadura cunha chave, que se a colga do pantalón, queda en calzós polo que pesa.

      Outra vantaxe do turismo rural é que se pode escoller vivir coa familia que vive na casa. Esto pode ser bo, pero ten o inconvinte do reparto da programación da TV porque solo hai unha no cuarto de estar. Xa que mentras eles queren ver o Luar na TVGayoso, o turista quere ver o partido de futbol e a súa dona Sálvame Deluxe.

      O segundo, é ir á taberna da aldea, e tratar de entrar nas conversas dos veciños para ir facendo amizades. E o turista, entra todo campechano dicindo algunha das frases típicas que lle diron fama ós aldeáns, como por ejemplo:

      – Boas tardes paisanos… e logo vós de quén vides sendo?

E despois pregunta:

      – Que é o típico aquí?

E o do bar pensa:

      – O típico é que os espabilados da cidade, veñan pasar o fin de semán, e que diexen 100 euros de ganancia na taberna. Pero contesta educadamente, que o mais típico, é xogar a brisca de seis ou ó dominó, ou sentarse á carón da fiestra para mirar pasar ós veciños coas vacas camiño dos prados..

O turista séntase a botar un tute de tres, e perde catro partidas seguidas, porque os aldeáns, saben as señas das baraxas todas do mundo. Pero perde feliz, e ata paga unha ronda a todos, e deixa os 100 euros de ganacia nos que pensaba o taberneiro.

      Tamén pode ter a posibilidade de axudar ós da casa nas labores propias dos agricultores e gandeiros, como por exemplo, erguerse as seis da mañá pra ordeñar ás vacas.

      Entra na “perfumada corte” e a vaca mírao como dicindo, “Non che sería millor ir a neveira e encher o vaso coa leite de cartón?”

      E anque acaba coas maus doentes de tanto turrar polos tetos da vaca, pra sacar tan solo un par de chorros de leite, pensa que xa ten algo fermoso que contar ós amigos cando vaia de volta pra cidade. Claro que tamén se pregunta para que hai que ordeñar as vacas tan cedo, se o leite non se escapa das ubres e vai estar aí todo o día.

      Anque a actividade mais tradicional, é andar de paseo polas congostras e corredoiras da aldea. Eso que lle chaman os modernistas “sendeirismo”, e van tan metidos na cousa, que ata cando aparece un tractor abrindo a cuba e soltando purín a eito, din pechando os ollos: “Guauuu… que cheiro a aldea”, e abreos pra botar unha carreira, porque o can do señor que está coas vacas, bota a ladrar e a correr tras del, pensando que lle vai sacar un anaco do cu, dun bocado… e o gandeiro sen chamar por el!!

      O resto do tempo, pasao sacándolle fotos ó campanario da igrexa e o cruceiro, ós valados, a unha fochanca do regueiro, a un palleiro que está a medio cair, e a algún grilo que pasa ás carreiras por diante del. Así, cando chegue ó luns ó traballo, xa ten unha boa colección delas pra ensiñarllas os compañeiros, presumindo dun gran fin de samán de Turismo rural.

      Pois ala. A disfrutar dun fermoso fin de semán nunha casa rural, todos os que sodes amantes deste tipo de turismo.

Que teñades bo día.

O PREZO DO GEL HIDROALCOHÓLICO!

O PREZO DO GEL HIDROALCOHÓLICO!!!

      Onte achegueime ata o concello da Lama, onde o meu bo amigo José M. Canabal ten un almacén de bebidas, refrescos, desinfectantes e derivados, coa idea de mercar unha botella de Gel dises de lavar as maus.

      Ó chegar, a conversa foi mais ou mensos como segue:

      – Moi boa tarde, Canabal.

      – Boa tarde teña vostede Don Xosé. Como vostede por eiquí…

      – Pois nada, dando unha volta, e xa postos, mercarche un frasco dises de Gel para desinfectar as maus.

      – Pra desinfectar? Pero ti moi burro és, carallo! Parece mentira que sexas de Lalín, e que lle deas un peso a quen che deña un pau, e trinta reás ainda por riba, se o pau é de Carballo.

      – Arre cona, que pasou, ó!!

      – A ver como cho explico… o frasco de Gel, valche 12 Euros, e solo che serve pra desinfectar as maus. Polo mesmo prezo, véndoche unha botella de Ginebra Larios, e un pack de botes de Tónica. Coa mitade da botella, desinfectas as maus, e coa outra mitade e as tónicas, desinfectas o corpo por dentro.

      Que decir ten que saín dalí cunha botella de Ginebra e o pack de Tónicas.

      Grazas, compañeiro. Moitas grazas, meu amigo. É que un, non sabe moito disto de desinfeccións

      Pois resulta que xa estou na casa. Desinfectei as maus unha vez, e agora estou desinfectando o corpo por dentro por terceira vez seguida!

      Canta sabiduría ten o meu amigo Canabal

UN CARBALLO CON GRIFO INCORPORADO!

UN CARBALLO CON GRIFO INCORPORADO! 

       Despois de ledicia de mirar recuperado o castiñeiro tricentenario dos Milagres de Amil, e como non todo é bo facer, mirade o que atopei nún dos carballos.

      E isto non é de dous días. Pola verruga que ten o carballo, xa ven de moitos anos atrás.

      E o peor de todo e que é un carballo centanario, anque tanto ten. O mal, é mal, sen importar a edade da árbore.

      É que ninguén mira por esto estando como está, e por onde pasan milleiros de persoas ó ano?

      Se está no recinto do Santuario, supóñome que será dos curas.

      Pois deberían mirar por estas cousas materiais, e non só preocuparse por salvar as nosas ánimas.

      Despois quéixanse, porque os veciños queren as carballeiras que iles descuidan, e solo protestan cando lles pasa o que lles pasa… Poñamos que falo de San Xusto, que diría Sabina!

      Vou mandar unha queixa coas fotos ó obispado, a ver que caso me fan, anque non sei se a carballeira é da súa propiedade ou non. Se non é, falarei cuns amigos pra ver o que se pode facer.

      Tereivos informado

 

A MÚSICA VAI POR BARRIOS EN PONTEVEDRA.

      Pois vai ti ver, que fai un par de días, entereime de que o concello, estaba levando a musica ás prazas dos arredores do centro da capital. Algo así como ás provincias con respecto de Madrid.

      E souben, pola súa páxina do Face, que o grupo “Os Ghalos do Curral”, cantaban na Parda, a escasos cen metros da miña casa.

Así que alá fun feito un foguete para disfrutar dunha boa sesión vermú musical.

      Cando cheguei alí, o que vin, pareceume desolador. Xa o di todo que solo se puxeran 20 sillas, como se xa o concello, soupera de antemán, que estaba organizando mal a cousa. Eso si… as medidas de seguridade anti coronavirus, perfectas, que todo hai que dicilo.

      Alí xuntámonos duas ducias de persoas para disfrutar da música tradicional, e falando con algún veciño, decatámonos de que no concello, ou son moi burros, ou non teñen nin idea de facer istes concertos. Porque ninguén sabía do evento que se facía alí, nin quen tocaba, e os que nos achegamos, ou ben eramos amigos do grupo, ou algunhas das persoas que por alí paseaban.

      Escoitas tocar, e vas ver que hai.

      E posto a pensar, digo eu: Pero custa moito facer uns cartaces para poñer nas cafeterías e comercios do lugar onde se celebran estas cousas?

      E non se poderían facer uns papelitos para poñer nos mostradores decindo o que hai?

      Ou unha pequena valla publicitaria no sitio, indicando os días e os concertos que alí se fan, para que o sepan polo menos os veciños?

      Pero se ata nas festas da miña aldea se fai!!!

      Pero o peor, veu despois, cando empezou o concerto.

Cagada (con perdón) de escenario, por chamarlle de algunha maneira.

Baixo un sol, que caía a plomo, e sen toldo por riba!!

      Que se torrisquen os músicos, que total, co que cobran, dalles para mercar un pucho!!

      Xa quixera eu ver un pleno municipal onde se fixo o concerto. E alcalde e concelleiros, sen pucho!!! Anda que non me iba rir nin nada!!

Iban saber o que é un carracho tomando o sol na pola dun codeso.

Se nono vexo, nono creo… co que custan catro cartaces para poñer nos arredores, e alo menos, que nos enteremos os veciños da movida que temos á porta da casa, e un toldo para protexer ós músicos dunha insolación.

      Ó millor, é que gastaron todolos cartos no formigón e pedra labrada empregados na ponte do Burgo, que xa parece aquilo a pista de despegue do aeroporto de Peinador en vez dunha ponte romana!!

Bueno, anque iste é outro cantar e non o dos Ghalos. Menos mal que istes coa súa música, fixeron que se me pasara o cabreo por uns intres.

      Que diferencia… Pola tarde, achegueime ó concello da Lama, a escoltar o concerto da banda de música da miña aldea de Muimenta, e alí, si que o publicitaron ben publicitado. E os músicos, sentíronse moi a gusto ante a xente que acudiu a escoitalos. Se ata se pasou algún membro da corporación que coñezo para supervisar as cousas.

Pois a levalo con calma, porque penso que esto é momentaneo. En canto pase isto do coronavirus, xa non haberá mais música nos barrios, e volverá todo po centro.

      Pois ala, veña. Que teñades bo día, a ser bos, e perdédevos polas congostras dos arredores de Pontevedra, que de momento aínda non lles botaron o formigón que tanto gusta a esta corporación municipal.

      Apertas para todos.

(As fotos son dos Ghalos e de Radio Nova da Lama)

PUIDERA SER…

PUIDERA SER..

      E unha das tres cantiguiñas que fixen durante o confinamento.

Niste caso, dedicada ó día da Patria Galega que celebramos o vindeiro día 25, e feita dun poema do meu amigo e compañeiro Baldomero Iglesias  Dobarrio (Mero), do seu poemario “RECENDOS DE LUZ E SOMBRAS”

      Espero que vos guste e que a compartades se vos presta.

      Que teñades bo día da Nosa Patria, moitas grazas, e unha aperta para todos.

       Deixovos o poemiña de Mero:

 

PUIDERA SER

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se a memoria de quen somos se lembrara.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se nacer nesta Nación

fose a honra aínda gardada.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se a nosa Fala, estivese

en boca madurada.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se os seus fillos deixaran de purgala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se deixaran un día de matala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

se os de fóra non viñeran explotala.

Pudiera ser Galicia a Nosa Patria

se os menceres abriran alboradas.

Pudiera ser… E aínda así é a Nosa Patria

se entre todos somos quen de recobrala.

Puidera ser Galicia a Nosa Patria

Se a memoria de quen somos se lembrara.

https://www.youtube.com/channel/UCtCBIG_lsq37q26iSqKSzug/featured?view_as=subscriber

UN CASTIÑEIRO TRI-CENTENARIO NO RECINTO (ADRO?) DOS MILAGRES DE AMIL

        No vindeiro mes de Octubre, van facer 12 anos, que fun cantar ó palco que hai na carballeira dos Milagres de Amil, e fixárame nun vello castiñeiro que aparentaba estar seco, xa que nese mes, tiña que ter folla e ourizos, coma os carballos do seu lado, que si tiñan folla.

        Preguntei por alí, e dixéranme que o estaban tratando, pero que estaba en moi malas condicións.

Tamén me falaran de que, según uns dibuxos da antiga capeliña, podería ter entre 300 e 400 anos. O santuario actual, data de mediados do século XIX.

        Pois onte, pasei por Moraña, e lembreime do castiñeiro. Sen pensalo dúas veces, alá fun pra saber dél, e a miña ledicia foi, atopalo tal como o mirades na foto, ben aseado e peiteadiño. Cheíño de follas e ourizos 

        Parabéns pros responsables de tal feito!!! 

        E xa posto, vouvos contar algo que me pasou aquel día de fai 12 anos.

Cando estaba facéndolle as fotos ó castiñeiro, decateime de que alguén (como podedes ver nunha das fotos) deixara o teléfono no tronco. Mirei se funcionaba, anque estaba bloqueado, e funcionaba. Non se me ocurriu mellor cousa que deixarllo o cura que alí estaba. El pedíume o meu número, por se non aparecía o dono que o entregara na Garda Civil (Non sei porque non podía facelo el)

        A miña ledicia foi, que pasados uns días, chamoume un señor, xa non lembro de onde era, dándome as grazas por atoparlle o teléfono. Seica o puxera no tronco, para dar idea do groso que tiña 

Pois veña. Que ogallá cunda o exemplo.