FLORENTINA GARCÍA… MORREU DE AMOR?

FLORENTINA GARCÍA… MORREU DE AMOR?
…….Contábanme fai uns días uns amigos veciños da parroquia de Carballedo en Cotobade, unha historia desas tan tristes e abondosas nas nosas aldeas por desgraza, sobre unha muller que quedou preñada sendo solteira, alá polos primeiros anos do século XIX.
…….A rapaza era veciña da parroquia de Loureiro e chamábase Florentina Garcia. Esta fermosa rapaza, seica estaba moi namorada dun veciño da mesma parroquia, e ata saían xuntos algunhas veces, anque él era mais de andar na percura dunha moza fora da aldea.
…….Andando o tempo, e cando a rapaza tiña uns vinte anos quedou preñada dél. E tivo un fermoso neno do que o pai non soupo, xa que facía un tempo que marchara para Santiago a estudar.
…….Aos poucos días de nacer o neno, o pai da rapaza, colleuno no colo e foillo ensinar ao avó paterno. Cando chegou a súa casa díxolle:
…….– Mira, aquí tés ao teu neto.
……. – Ese neno nunca será o meu neto, contestoulle. E nunca chegará a ser o meu neto porque o meu fillo, casa cunha rapaza de Santiago dentro duns días.
…….Contan, que Florentina, non volveu poñer un pe fora da porta, e ata dician que encamou nada mais saber da cousa.
…….O caso foi, que a depresión e o encerro na súa casa, levarona á morte pouco tempo despois e con tan só 23 anos.
…….Dinme que seica morreu de amor, pero estou pensando no desprezo que se lle facía ás mulleres que quedaban preñadas estando solteiras naquel tempo por parte dos veciños, pero sobre todo por parte da Igrexa, e ata por parte dos mozos da parroquia, porque estaba moi mal visto que se achegaran a elas.
…….Por eso é moi facil de adiviñar de que mal morreu Florentina: De pena, de soedade, de tristura, de pesadume, de amargura, de desprezo, de melancolía, de depresión… e de amor!
…….Tamén me dín, que nunha visita que Castelao lle fixo a Antón Fraguas, este contoulle a historia, e Castelao seica quedou tan impresionado, que lle dedicou o segundo libro de Cousas. Dedicatoria que reza así: A Florentina, rapaza da feligresía de Loureiro, que morreu de amor no ano 1857.
…….Na igrexa de Loureiro á ezquerda da entrada, hai un fermoso poema labrado nunha pedra que fala da tal desgraza e que di así:

De la prenda tan querida
yacen aquí los despojos
y no se contienen los ojos
de llorar a Florentina García
joven desconsolada
que a los 23 años de edad
pasó a la eternidad
Diciembre día primero
de vida fue el postrero
para esta joya mal lograda
1857.

z

zz

zzz

zzzz

zzzzz

Advertisements

DESDE CANDO NOS ROUBAN OS POLITICOS

DESDE CANDO NOS ROUBAN OS POLITICOS

Cando Dios Noso Señor andaba polo mundo, foron a velo os cregos.

—¿Que queredes?, preguntoulles Noso Señor.

—¡Cartos!, dixeron os cregos.

—Bueno. Terédelos, respondeulles

Despois chegaron os frades, e tamén lles preguntou:

—¿Que queredes?

—Cartos, Señor.

—Chegades tarde, pois xa os levaron os cregos.

—¡Que se lle ha de facer! ¡Teremos pacencia!

—Pacencia teredes.

Logo viñeron os escribanos.

—¿Que queredes?

—¡Cartos!

—Non pode ser: xa os levaron os cregos.

—Pois… pacencia.

—Levárona os frades.

—¡Vaia un enredo!

—Eso teredes: enredos.

De seguida presentáronse os políticos.

—¿Que queredes? Díxolles Noso Señor.

—Querémoslle, cartos.

—¡Tarde piache! Leváronos os cregos.

—Entón, pacencia.

—Esa, xa lla din ós frades.

—¡E bo enredo ese!

—Os enredos dinllos ós escribanos.

—¡Vaia un roubo!

—Pois… deso viviredes, que é o úneco que queda.

E dende entón, os cartos son dos cregos, a pacencia dos frades, os

escribanos viven dos enredos i os políticos do roubo.

cropped-sin-tc3adtulo4.jpg

 

 

A ROMARÍA DA CARBALLEIRA DO SAN XUSTO (Cantigueiro)

A ROMARÍA DA CARBALLEIRA DO SAN XUSTO (Cantigueiro)
… A ermida, pequena, de planta de cruz latina, ten cuberta a cabeceira con bóveda de nervaduras e a nave con artesonado de madeira. A parte máis antiga pode ser do século XV ou do XVI. A romaría é das máis sonadas da parte norte de Cotobade
… Viñan xentes para quen era obrigado oír misa e asistir a unha procesión na ermida de Nosa Señora dos Remedios que está nos montes de Fentáns, na dereita do Lérez…
Logo os festeiros pasaban a noite nas inmediacións da capela. Nas antigas festas, o día 4, pola noite, chegaban as rosquilleiras e panadeiras de Caldas. Traían
empanadas, mel, rosquillas e pan de trigo. Tamén ese mesmo día ían á caza das cabras salvaxes ós montes de Fentáns, ós acantilados que caen perpendiculares para o río, onde tiñan que descolgarse os mozos atados con cordas. Isto agora non se fai.
Desapareceu tamén a “danza de espadas”, que executaban na carballeira…
Había na festa ofrecidos co seu hábito, caixas de mortos, principalmente de neniños, que levaban na procesión o día 6, na cabeza, ofertas dalgún carneiro, polos e cartos…(Antón Fraguas) 

Carballeira do San Xusto,
carballeiriña famosa
naquela carballeiriña
perdín eu a miña rosa.

A Carballeira do San Xusto,
ten ó lado unha xesteira
onde hei de botar a noite
cunha mociña solteira.

San Xusto e San Pastor
andan os dous polos cotos
pra saudar aos de fora,
e para curar ós coxos.

Carballeira de San Xusto
moitos arrodeos ten,
se non fora polos Santos
alá non iba ninguén.

Os carballos de San Xusto,
locen as follas bermellas,
foi que veu por riba diles,
o demo nunca centella.

Carballeira do San Xusto,
Carballeira do San Xusto;
naquela carballeiriña
hei de beillar ó meu gusto.

Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada,
naquela carballeiriña
perdín a miña navalla.

Perdín a miña navalla,
mais valera non perdela,
fíxenme dalí veciño,
por casar coa moza aquela.

Boteiche unha, boteiche outra,
por riba dos carballiños,
a carballeira de San Xusto,
é niño dos paxariños.

María botouse a rolos,
pola a carballeira abaixo,
porque lle picou un toxo,
por debaixo do refaixo.

A caraballeira de San Xusto,
ten tres carros de madeira,
un é meu o outro é teu,
e o outro é de quen o queira.