REFRÁNS, CANTIGAS E XANTARES DOS ARRIEIROS


ALGÚNS XANTARES QUE TEÑEN A SUA ORIXE NOS ARRIEIROS.

AS SOPAS D’UNTO.
Facíanse pro almorzo fritindo un anaco d’unto nunha tixola. Así que soltaba toda a grasa, botábaselle un cazo de auga e en canto fervía, probábase do sal, xa que que o unto ten ben dél, e coloreábase con pemento doce. Cortábanse unhas rebanadas de pan de broa e botábanse na tixola sempre cubertas pola auga. Deixabanse cocer uns 15 minutos, repousar un chisco e listo para o almorzo. Había quen lle botaba tamén un par de dentes de allo cortados en láminas.

CARNE AO CALDEIRO
Facíase de xantar na casa onde o arrieiro mercaba o viño. Este, poñía a carne e o pan que mercaba polo Carballiño e Cea, e o vendedor poñía os chourizos, as patacas e o viño.
A carne botábase nunca pota con auga e un bo anaco de unto. Deixábase cocer, cortábase en anacos e salpicábanse de pemento picante e aceite en crú.
Acompañábanse de cachelos.
A auga de cocer a carne, tomábase despois nunca cunca, ensopada de pan trigo.
A carne que sobraba do xantar, levaba o arrieiro para o camiño.
Según parece, este manxar, tamén o facían en grandes caldeiradas os galegos que tempos atrás iban á sega a Castela.

A RICHADA.
A Richada, é un prato tradicional da zona de Forcarei, por onde pasaban vaios camiños de arrieiros.
Según se conta, un dos arrieiros, que por alí pasaba, deulle á cociñeira da pousada onde se xantaba, un anaco de carne que traía para que lla pasase pola tixola.
A cociñeira puxo a tixola ao lume, e aínda non empezara a fritirse cando o arrieiro xa pedía que lla puxera na mesa porque tiña moita fame e moita presa.
– “Señor, a carne aínda richa, estalle moi dura. Espere unha mijiña mais que xa logo está” –dixo a cociñeira.
– “Non importa que esteña dura. Traija pracó que acabo de richala eu” -contestoulle o arrieiro.
Desde entón este prato recibe o nome de “Richada” e no Concello de Forcarei, faise a “Festa da richada” todos os anos.

SOPAS DE CABALO CANSADO
Non sei se será o mais tradicional dos postres dos arrieiros. Aínda hoxe fanse en moitos lugares da nosa xeografía e ben ricas que son.
Facíanas cando as mulas estaban moi esgotadas polo camiño andado e case que non se tiñan de pe.
O que facía o arrieiro era darlles unhas codeas de pan enchoupadas de viño tinto e enzoufadas de zucre. E así collian forzas suficentes para seguir o camiño.

 

REFRÁNS ARRIEIRILES

*Arrieiro que quere viaxar, ao ceo non pode mirar.
*As mulas a coces e os arrrieiros a paus e a voces.
*Arrieiro dunha besta, non gana para unha cesta.
*Encher un pipo valeiro, costa diñeiro
*Cando un arrieiro vende a bota, é que o viño sabe a pez ou que está rota.
*Arrieiros somos, e no camiño nos atoparemos.
*Arrieiro rabudo, malla na besta e malla no burro.
*Mentres leve auga o Miño, non faltará viño.
*Falar de viño e de diñeiro, é cousa dun arrieiro.
*Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador. de cana, perden mais ca ganan.
*De arrieiro a arrieiro non pasa o diñeiro.
*En Soutelo, moito pago e pouco bebo.
*O viño en cunca grande, o caldo en pote pequeño.
*Mula que pasea, ao arrieiro loquea.
*Val mais arrieiro dunha besta que criado dunha recua.
*Cando os arrieiros pelexan, págano as mulas.

 

COPLAS:

Os Alalás son utilizados basicamente nas cantigas de arrieiro. Son unha das formas musicais máis primitivas do folclore galego. Trátanse basicamente de coplas cantadas sen acompañamento de instrumentos e con ritmo libre no que se repiten as sílabas “A-la-lá” como un respiro despois de cada copla.

Teño que ir para Muimenta,
Cuns zoquiños de ameeiro,
Para que se diga de min,
Que son neto de arrieiro.

Arrieiros van baixando,
cara a terra do bo viño,
o pan mércano en Cea,
a carne no Carballiño.

Arrieiros son os homes,
arrieiros homes son;
levan amor feiticeiro
cravado no corazón.

A vida do arrieiro,
non hai vida coma ela;
a semana no carreto
e o domingo na taberna.

Lévame no carro, leva,
carreteiriño das uvas;
lévame no carro, leva,
comerei as máis maduras.

O cantar do arrieiro
é un cantar moi baixiño;
cando soa en Ribadavia
resoa no Carballiño.

O cantar do arrieiro
é un cantar moi guapo,
ten unha volta no medio
para dicir ¡ arre, macho!

A vida dos arrieiros
é moi mala de levar;
á noitiña déitanse tarde,
pola mañá madrugar.

Os arrieiros da Estrada
van polo Paraño arriba
mociñas de Vilapouca
téndelle a carne cocida

¡Válame Dios, ai de min,
poder que ten o diñeiro!;
¡Unha nena coma eu
casada cun arrieiro!

A vida dos arrieiros
éche unha vida pesada,
de día non oen misa,
de noite non dormen nada.

O primeiro amor que eu teña
ha de ser un arrieiro,
que non ten bota sen viño
nin ten bulsa sen diñeiro.

Non te cases co arrieiro
que leva a vida penada,
nin oe misa ós domingos
nin dorme solo na cama.

A muller de Roque Troque
está bailando na eira,
Roque Troque está mirando
como a muller se peneira.

O gaiteiro de Soutelo
foi tocar a Sta. Marta
e no medio do camiño
estragáronlle a gaita.

O que trae o arrieiro
é bo viño e non é auga,
alegría tráina o carro
para as tabernas da Estrada.

Arrieiro do viño son,
hoxe eiquí mañán na feira,
para min non ha faltar
unha vida pasaxeira.

 

CANTIGA DA TERRA DE MONTES

Fun o viño ao Ribeiro,
e pasei pola Almuzara,
e no alto de Soutelo
bateume a neve na cara.

Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.

O arrieiro de Murada
vai polo Paraño arriba,
mociñas de Vilapouca
téndelle a carne cocida.

¡Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.

mulas1

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s