MARIA DO OUTEIRO

..      Maria do Outeiro seica tiña uns peitos moi grandes, tan grandes coma os dous penedos mais grandes da Cima da Costa.

      Era unha gran devota da Virxe do Corpiño,  santuario ó que iba todolos anos para escoitar misa, e facer a procesión detrás da Virxe.

      Anque non era de moitos cartos, sempre tiña algunha peseta daquelas dantes de papel pra espetarlla no manto da Virxe, pedindolle o favor de atoparlle un mozo casadeiro. Ela sabía que non era a Virxe axeitada pra conceder eses desexos, pero contaba con que lle botase unha mau diante da Virxe encargada de tales asuntos.

      Un ano, e mirando que as súas pregarias non tiñan o fin desexado, conseguiu xuntar dez pesetas. A ver se o problema era por falta de liquidez, e facian falta algúns mais.

      Envolveunos nun anaco de papel de estraza, meteu o paquetiño no seu corpiño, colleu o  autobús do Meixide, e alá marchou no día grande do Corpiño para espetarllos no mando da Virse, a ver si así, ese ano e de uhna vez por todas, aparecía o mozo que tantos anos levaba buscando.

      Escoitou a misa con toda a devoción do mundo, e cando saíu a procesíón, púxose a carón da virxe, meteu a mau no seu corpiño para sacar as pesetas que levaba envoltas no papel, e espetarllas no manto para completar a súa pregaria.

      Pero vai ti ver que o paquetiño xa non estaba alí…  ¡¡¡ alguén llo roubara !!!

      Desesperada e chorosa, foise onda a parella da Garda Civil que por aqueles tempos vixiaban as festas mais tradicionais da Nosa Terra, e contoulles  o roubo do que fora vítima.

     – Pero vamos a ver mulleriña, vostede non se decatou de cando lle meteron as mans nas tetas ?  Díxolle un dos guardias

     – Ai!!! Si señor juardia. Si, eu dinme conta no mesmo momento que mas meteron, pero nunca  pensei que lle foran con tan mala intención.

Imaxe

ESTALOTES, SANXOÁS…

ESTALOTES, SANXOÁS…

……Dias atrás, atopei un par de variñas de cor branco, do que eu sempre coñecín como “Estalotes” ou “Sanxoás”. A rareza da cor, levoume a poñer a foto no Facebook, e pedirlle aos amigos que me dixeran os nomes de como se coñecían no seu lugar, xa que ben sabedes a variedade de nomes cos que se coñece esta fermosa “Orquidea autóctona”.

……En poucos días, conseguín algo mais de oitenta nomes diferentes, cousa que di moito da enorme riqueza da nosa fala. Esa misma fala, que moitos queren estragar e rematar con ela dunha vez.

……Pediríavos que se sabedes algún nome mais que non esteña na relación, poñelo nas opinións ao fondo do artigo para poder engadilo.

……Moitas grazas.

Abellocas, albocas, abelurias, abellonas, aabrulas, alcloques, alcroques, avespóns, belicroque, belitroques, bulertas, cálzamos, campanelas, campelos, cloques, consolda, coquelos, croquetes, croquis, croscallos, crostelos, dedaleiras, dedales, estalos, estalotes, estaloucos, estoupallo, estoupacloque, estoupatroques, estoupetos, estoupillos, estoupichos, estoupóns, estoupós, estoupois, estoupotes, estralantes, estraloques, estralotes, estrincóns, estrinquelos, estroques, estroupelos, estroupiños, folla de sapo, herba da cobra, herba de San Xoán, herba dos croqueles, herba dos troques, melincroques, melitroques, palotes, palitroques, pelitroques, quiquiricallo, quiquirinchos, relicroques, retriscos, retrincotes, sanxoás, sabáns, sapoqueiros, tastalás, tastrincóns, torques, trascos, trasquelos, trastalos, trincotes, triscalotes, triscotes, tróqueles, troques, trouquelos, vara das cobras, vespellós, vespóns, xoanas, xalocas, xolcas, xoucas.

A DESFEITA DO NOSO PATRIMONIO MATERIAL.

A DESFEITA DO NOSO PATRIMONIO MATERIAL.

      Non sei se vos pasa a vós, pero eu según vou entrando en anos, e ó volver a vista atrás, énchenseme as noites de moitas lembranzas de cando era cativo na miña aldea, non moi diferente a calquera outra aldea do noso país, onde todos eramos unha familia, onde non había diferencias entre uns e outros, onde se cantaba e se contaban aquelas cousiñas que mantiñan viva a tradición oral dos nosos ancestros, e onde se axudaban os úns aos outros polo simple feito de axudarse, e sen ningún interese mais que non fora ese.

      Non tiñamos auditorios, nin centros DIA, nin clubes de xubilados, pero tiñamos centros de reunión veciñal tan fermosos coma o cuberto da casa, a lareira, a cociña económica, as leiras, hortas, muíños, lavadoiros, fontes, etc.

      Agora, anos despois, ó percorrer camiños e  corredoiras, e mirar pras nosas aldeas, véñense as bagoas ós ollos ó ver o abandono e a desfeita que se está a producir no noso patrimonio. Mires pronde mires, o resultado é desolador. O que foi un auténtico paraíso en tempos non moi lonxanos, hoxe adoece entres silveiras, toxos, xestas e hedras.

      As casas de pedra feitas desobedecendo as normas arquitectónicas e erguidas por simples maos que teceron con auténtica beleza os nosos avós, casiñas que deberían ser un paraíso inmortal, finan dunha maneira tráxica.

      Os muíños e horreos, auténticos almacéns de vida, desfeitos.

      Os camiños carreiros e congostras, inaccesibles.

      O que foron as terras mais productivas… leiras de millo, de trigo, centeo e patacas, morren afogadas por matogueiras.

      Os montes, soutos e fragas cheos de carballos, castiñeiros, piornos, acivros, uces, etc. hoxe adoecen afogados, resecos, e desterrados baixo inmensos alcolitais.

      As veces, penso que nós mesmos somos os culpables da desfeita. Por desgraza, somos alleos a ela, e non somos quen de darlla volta ás cousas que representan a nosa identidade cultural e etnográfica.

      Vivimos de feito alleos e impasibles ante esta desaparición perante os nosos ollos, e eliximos corporacións municipais e autonómicas que son os culpabales en primeira persoa. Nós, non facemos nada, e eles, aínda menos. E así nos vai, e así nos irá.

      Cando a sociedade se decate da riqueza cultural e beleza que está deixando estragar, xa será demasiado tarde. Metéronos nos miolos o odio a todo o galego, á nosa lingua, ós nosos bosques autóctonos, e á fermosísima estampa das nosas aldeas. A perda do mundo rural, non solo rematará coas nosas aldeas. Perderemos  con el algo moito mais importante, algo tan valioso como é a nosa identidade como pobo, a nosa cultura e as nosas tradicións ancestrais, esa tradición oral que eu tanto amo, xa está a mitade de camiño da morte por desgraza.

      Polo camiño que levamos, os nosos netos preguntaranlle ós seus pais por que non se parecen en nada ós seus avós, e porqué Galicia tampouco se parece en nada ó que din os libros que era, e por qué a nosa inmensa cultura, foi cambiada por outras alleas.

      Este puñadiño de fotos que vos amoso, non vou decir a onde perteñecen por vergoña allea, e porque iguais a estas podédelas atopar en calquera das nosas aldeas.

      Que sirvan como tarxeta de presentación para nosa vergoña, diante dos que veñan visitarnos, e saiban do que está acontecendo no noso rural.

      Unha perta.