VAIA RETRANCA MAIS FERMOSA A DAS NOSAS AVOAS.


VAIA RETRANCA MAIS FERMOSA A DAS NOSAS AVOAS.
(Pra Señora Piedade, que despois de media hora de leria con ela, ainda non sei se a súa aldea perteñece á Cañiza ou ó Covelo. Ten 87 anos )
….. Esta mañá sobre das doce e media, fun xunto con un compañeiro a botarlle unhas cantiguiñas á Cañiza. Decidimos ir por Ponte Caldelas xa que a estrada percorre unha boa parte da Serra do Suído, e anque non está moi ben que digamos, as paisaxes son das que non se esquecen nunca.
……Despois de case unha hora de camiño, a calor apretaba con xenio, polo que as nosas gorxas agradecerían uns grolos de calquera cousa líquida que escorregara por ela.
……Nesas andabamos, cando de súpeto, atopámonos con unha taberna a carón dunha carballeira con unha fermosa sombra. Na porta saudábanos un taboeiro deses da Coca Cola con unha frase que nos fixo estremecer dende os pés á cabeza… “Temos viño do país blanco e tinto”
……Sen saber moi ben o por que, e sen erro mecánico de por medio, o coche detivose preto da porta, polo que decidimos baixar e comprobar se era verdade o asunto do viño ou era un reclamo para chamar ós que por alí pasan.
……Ó pasar a porta, a estampa que vin era igualiña ca das tabernas das miñas aldeas de fai tantos anos. Unha mesa de futbolín, e tres mesas nas que adormiñaban uns tapetes verdes con unha baralla en cada ún deles, esperando ser xogadas polos veciños da aldea.
……Nun recuncho do mostrador, un vello sentado nun tallo, con gafas desas de montura de pasta (gafas de avó dos de antes) cristais de cu de botella e unha boina calada ata as orellas. Pousadas as suas mans nun pau de vidueiro retorto, e apretando cos beizos un anaquiño do que fora un pitillo de liar. Tosía seguido. Sempre me chamau a atención eso de toser sen que se lles caira o pitillo. Tamén o facía o meu Avó.
……O mostrador de madeira. Notábanselle os moitos anos que tiña, pero estaba ben conservado e adecentado con un mantelo de hule a coloríns na parte de riba.
……Nos estantes mais altos, unhas botellas desas de Brandi Soberano, Veterano etc. tan vellas que parecían traidas por Colón nunha das súas viaxes ás Americas. E o mellor de todo, un letreiro no medio dos estantes (que despois contoume a Sra. Piedade, foi feito por unha das súas netas) que poñía:
……“ TEMOS O MILLOR VIÑO DO MUNDO. BUSQUE, COMPARE, E SE ATOPA ALGÚN MILLOR, TRAIAO E BEBÉMOLO XUNTOS”
……Pedímoslle dúas cuncas de tinto (ó ver o tamaño das cuncas, dixémoslle que chegaba con dúas medias) e como non podía ser menos, as cuncas eran de barro, igualiñas que aquelas nas que se papaba o caldo polas noites cando eramos cativos. E o viño estaba bó, vaia si estaba bó. A señora Piedade quedouse mirando pra min mentras bebía como esperando o visto bó… moi bó! lle dixen. E botou un sorriso deses que parecen decir; xa o sabía eu. Pedímoslle algún bocado pra acompañar ó viño porque de seguro que lle ibamos mandar outras medias, e díxonos que só tiña latas de conservas, pero si queriamos uns ovos fritidos das súas galiñas, que nos facía un par deles. Dandolle as grazas dixenlle que non, que con un par de latas de mexilóns, abondaba. Pero os meus ollos, deron con dúas empanadas de millo nun lado do mostrador;
……– E logo, de que son esas empanadas?
……– Unha de mexilóns e outra de xoubas.
……– E pódeme vender a mitade de unha?
……– Si Señor, si. Que mitade quere, a mitade de riba ou a mitade de baixo jaaa.
……Anda que non ten leria a Srª Piedade. Dixome que as trouxera o panadeiro por encargo de unha veciña, polo que non podía vendermas.
……Preguntounos si eramos de por alí, e sen darnos tempo pra contestar dixo, non, non sodes porque senón sabería quenes erades, que por acó somos poucos pero ben coñecidos e escolleitos.
……– Este lugar que perteñece, á Cañiza ou o Covelo, pergunteille.
……– Pois non lle sei. Uns din que de un lado e outros que do outro.
……Ensinoume unha congostra que baixa ao río.
……– Por ahí elle por onde separan os Concellos, pero non lle sei moi ben cal é un e cal é outro. O que o sabe é o meu fillo que está casado en Vigo…
……Bendita inocencia a dos Nosos Vellos, felices co que teñen sin importarlles nada mais.
……Despedimonos dela. Pedinlle un bico e doume dous, e dinlle as grazas pola conversa, polas risas e polo viño.
……Seguro que voltarei algunha vez a tomarlle unhas cuncas daquel viño bo que non ten comparanza con outro, e que según me dixo, era viño Caíño da zona de Pazos de Borbén.
……A todo isto, o velliño, que supuxen era o seu home, non dixo palabra mentres estivemos alí. O que sí, que non nos quitou ollo dende que entramos ata que marchamos. Entón levantou unha man do pau, moveu a cabeza a modo de saúdo e dixo:
……– … que lles vaia ben.

z

zz.jpg

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s