OS POLITICOS


OS POLITICOS
         Os políticos, veñen sendo algo así coma os xenros pros sogros nas aldeas. Aparecen cando menos o esperas (os días de festa), e desaparecen cando mais falta che fan (botar as patacas, sachar no millo…)
         Cando mais se miran é nas campañas electorais. Están por todas partes: fábricas, talleres, pescaderias, mercados, carnizarías e mais a miudo en restaurantes, pulperías, asadores, marisquerías e en todos os sitios onde poidan atopar algunha vítima dos sobres que con tanta ledicia reparten. E hai tantos que ata tropezan os úns cos outros e corres o risco de pisalos sin querer. Despois da campaña veñen os días de reflexión e eleccións, que son algo así coma eses nos que os contacontos, cóntanlles aos nenos o conto da boa pipa. Son moi dados a expresións como: “que canso estou” “percorrín milleiros de kilometros en vinte días” “todo o meu sacrificio polos cidadáns” “as miñas pestanas levan días que non saben o que é pecharse ” “fai un montón de días que non vexo a familia”… Oes, dincho tan convencidos que ata parece que lles tés lástima e todo. Meus probes
         Pero pasadas as eleccións, chega o tunel e desaparecen ata as próximas. Bueno, tampouco desaparecen de todo, sábese deles pola prensa e fanse famosos polos seus feitos, xa sexa por comisións opacas, por mandar a carteira para Suíza, por tráfico de influencias, malversación de fondos, delitos fiscais, enchufismo, etc.
         Onde sí se miran sempre, é nas distintas feiras e festas gastronómicas que se celebran en todos os Concellos do noso país. Aí si que aparecen aínda que non haxa eleccións. Ademais presumen de ter boa boca e comen te todo. Da gusto mirar pra eles porque non son coma os cativos, que hai que pelexar con eles para meterlles un bocado. Vailles todo, xa sexa empanada, tortilla, xamón, pulpo, cocido, ou ben, cualquera tipo de peixe ou marisco…o que sexa con tal de comer gratis e facerse notar en plan cacique, para despois ter cara de fartura e facerse a foto correspondente para os xornais, que é sempre mais grande que o cartel do evento qu se celebra. Hai uns días, tivo lugar unha famosa e fermosa festa gastronómica nun concello da bisbarra do Deza e alí apareceu o alcalde. Ao chegar a hora das charlas e agradecementos por parte da comisión organizadora do evento, foi o primeiro en coller o micrófono e en dirixirse aos festeiros que estaban pracidamente comendo e desexando que ninguén os molestase, porque a unha festa, vaise para disfrutar e non para escoitarlle decir parvadas ao político de turno. Os rapaces que forman a comisión organizadora, andaban un pouco moscas preguntándose os uns aos outros que quen o convidara. Chegaron á conclusión de que non foi convidado por ninguén e que apareceu alí porque si, como si fose a Santa Compaña para amargarlle o serán a xente.
         Había un vello alá de onde son eu, que ía todos os anos á festa dos vellos a unha carballeira dunha parroquia da Agolada, que os comparaba coas moscas das vacas:
         – Os políticos son como ás moscas dás vacas – dicía-. Andan todas arredor do seu cú esperando que saia a primeira fornada de bosta. En canto esta cae no medio do prado, botanse a ela coma si estivesen mortas de fame.
         A min, nunca me gustou a súa compañía. É mais, nunca comín ao lado dún e cando coindin con algún, procurei afastarme o máximo posible para non me contaminar. É unha raza á que non teño ningún aprecio.
         A única vez que me relacionei deles foi por erro na praia “Pozo do Boi” en Vilatuxe, hai xa moitos anos, cando o Señor Rajoy era ministro de algo que nin él mismo entendía moi ben o que era. Por aquel entón o PP, facía unha festa/pachanga/mitin/carallada nesta fermosa praia do rio Deza. Era noite cando a miña parenta mais eu, xunto con unha filla cativa, volvíamos do fin de semán para Pontevedra. Dende a estrada mirábase a iluminación festeira da praia e adiviñábase un montón de xente. A miña muller comentoume que podiamos parar un pouco, pois aínda era cedo. Eu aceptei de bo grao.
         Cando chegamos alí, aquilo estaba cheo de xente, había un palco cuns micrófonos pero non había orquestra ningunha, unhas longas mesas onde había comida de todas as clases, pulpo, empanada, tortilla, churrasco… ademais de viño e refrescos. Pregunteille a un señor que tiña ao lado, que a que se debía aquelo:
         – Vostede faga coma min, coma e cale, que é gratis -contestoume entre medias risas-
Pois dito e feito, empezamos a picar algo de aquí e un pouco de alí, e niso estabamos, cando a miña muller me di:
         – ¡ Pepe, Pepe, mira a quen tés detrás ¡!
         ¡¡ Meu Deus !! Nunca me esquecín nin me repuxen do susto que levei. Xusto detrás miña, falando coa xente e repartindo sobres estaban ¡¡ Fraga, Rajoy e o Caudillo do Deza !!
         De súpeto atragantáronseme o pulpo e a empanada. Volvín preguntarlle o señor que tiña ao meu lado:
         – Pero, que raios fai esta xente eiquí?.
         – É un mitin do PP para as eleccións municipais.
         – E xa deron as charlas?
         – Si, si. Déronas ao comenzo do acto, pois se as deixan para o remate, a xente ao comer marcha, e cando falen só quedan os  ofrecidos.
         Anda que non tiña retranca o vello nin nada. Collín a parenta e a filla polo brazo e marchamos dalí escopeteados. Un pouco fodidos, iso si, porque o pulpo estaba caralludo…no seu punto que se dí.
         E aínda por riba, a miña filliña que daquelas era cativeira, decatouse de que a cousa non fora moi ben naquel sitio, e debeulle facer gracia o asunto, porque contáballo a todo o mundo:
         – O meu papá, marchou sin pagar a comida da festa.
         ¡¡ Cajonodemo!! i eu dando explicacións a quen lle facía caso.
         Dende aquel día, non me volvín meter onde non me chaman, e pola miña banda…os políticos para quen os queira.

sin-tc3adtulo3

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s