O CALDIÑO DA SEÑORA HORTENSIA (2ª Parte)

O CALDIÑO DA SEÑORA HORTENSIA (2ª Parte)
Vaia disgusto que ten,
o meu amigo Xanciño,
pois quedou sen o caldiño,
que comía a tutiplén.

Fóiselle a señora Hortensia,
– era súa mellor veciña –
e anda o probe na cociña,
suspirando a súa ausencia.

Pois bota moito de menos,
o caldo a que o convidaba,
xa que unha taza lle daba,
cando o facía de grelos.

Mais non existe problema
que non poida resolver.
Vaino aprender a facer,
pra poder seguir co tema.

Como rapaz amañado,
e moi botado pra diante,
foi por un libro ao estante,
pra facer íl o enzoufado.

Que pra iso mercou na feira,
unha pota das de barro,
e xá ten posto o cacharro,
no trespés da súa lareira.

I el sentado a súa veira,
coa receita no regazo,
está cocendo espiñazo,
e un anaco de cacheira.

Logo botará os cachelos,
os chourizos mai-lo unto,
e completará o asunto,
con un manoxo de grelos.

Sin esquecerse das fabas,
que deixou onte a remollo,
e que lle costaron un ollo,
por non ter das sementadas.

Pra rematar o traballo,
vai facer un rustridiño,
con pementón e touciño,
e catro dentes de allo.

E paparáo de contado,
sin decir nada a ninguén,
pois cos amigos que tén,
non pode andar de fiado.

Sobre todo ún de Lalín,
que presume ter boa boca,
e come todo canto atopa,
sexa sopa ou xabarín.
barcode2-72
Xan Perez, é un pedazo de actor e moito millor rapaz, que vive alá polas terras de Melide. Tiña unha veciña, a Señora Hortensia, que sempre se lembraba díl cando facía o caldo, e agasaiabao con unha taciña. Fai algún tempo, decíame que a súa preocupación era que algún día, a súa vecíña, marchara e deixarao sin aquel caldo que tan a miudo ela facía, e que a íl tanto lle gustaba.
       Daquelas, eu fixéralle un cantar un pouco informal onde describía as inquietudes de Xan. Pasado o tempo, chegou iso que tanto temía… A señora Hortensia, xa moi entrada en anos, marchouse pra vila deixando a casa e abandoando a horta onde ela colleitaba as berzas, nabos, patacas e fabas para facer o caldo co que agasaiaba ao meu amigo Xan.
       Agora, o meu amigo, estando tan preto o inverno, suspira por aquel caldiño e chora ao ver a horta abandonada.
       I eu, presumindo de ser seu bó amigo, e vendo os esforzos que anda facendo para aprender a facer un bó caldiño, non podo menos que dedicarlle outro cantar que ven sendo algo así, como a continuación do primeiro.

198383_196429523721265_4962591_n

A CASA ONDE NACÍN

A CASA ONDE NACÍN

          Non debe de ser moi diferente da de calquera dos que sodes daldea. A miña está no Castelo e perteñece a parroquia de Cadrón no Concello de Lalín. A aldeíña atópase entre o Regato das Abellas, o Rio Arnego ou Rio Grande e ao abrigo do Monte da Costa e os montes de Rodís, entre a carretera que vai de Lalín a Agolada e o Fondo do Val.

Captura           A casa foi feita aproveitando unha enorme laxe que fai de eira e arroupada pola casa de Sucasas, palleira e casa de Amador, casa de García de Riba, Miguelez, García e por un enorme penedo que se coñece así, como “O Penedo” onde din que houbo un castelo, unha torre vixía ou algo parecido, e que se supón deu nome a aldea partíndoa en dúas, o Castelo e o Sucastelo.

……..A entrada pra eira e pra casa, vai dende un antigo camiño vello ou camiño Real que é a principal arteria de comunicación da aldea.Na eira estaba o horreo e un anaquiño de terra que facía de horta, e no que había unha oliveira, un par de cortizos e onde se botaban unhas poucas coles para darlle as galiñas. Nesta eira era onde se facía a malla, poñíanse a secar o millo, as fabas milleiras e ó liño. Tamén andaban as galiñas soltas polo día. Na mesma e pegado a casa estaba o cuberto no que se gardaba o carro, os aparellos da labranza e onde había unha pedra facendo de mesa e na que en tempos mazábase o liño. Niste cuberto xuntabámonos pra xogar as rapazas e os rapaces da aldea durante os dias de inverno e que viñamos sendo do mismo tempo; Luís de Ríos, José Antonio Migueles, Victoriña e Pepe da Casa Nova, Benigno Vilariño, os meus curmáns Luís e María Rosa, Marina de Amador, Luísa de García e algúns dos de Souto da Ponte Vilariño que se achegaban moitas veces ate alí pra xogar con nós. Entre o cuberto e o horreo, estaba a subida ao Penedo, que era onde se facian os palleiros e no que había uns cuantos piornos e mimosas, que aproveitabamos pra xogar as agachadas.

Sin título 1           A casa tiña forma de “L”, pero estaba achegada a outra (a casa vella) que tamén perteñecía a familia e que convertía ó conxunto en unha “U”. Nesta casa vella feita de pedras pequenas, entre as que aniñaban centos de gorriós, a parte baixa estaba dedicada a cortes das vacas, e o andar de riba facía de despensa onde se gardaban as patacas, as fabas, as castañas, o millo, as mazás pro inverno envoltas en herba seca para que non apodreceran, os queixos e unhas plantas moi fermosas que tiña a miña tia Asunción. Lémbrome de que o chao de madeira estaba empezando a apodrecer e o meu tio Camilo iba poñendo taboas novas de calquera xeito para poder andar por alí con moito tino pra non caer pras cortes.
———–No espazo interior da “U” estaba a moa onde se afiaban as gadañas, fouces e fouciños e na que os rapaces tamén afiabamos as puntas dos pinchos e dos trompos pra xogar. Tamen estaba a entrada pras cortes, cuadras dos porcos e outra entrada pra corte das vacas e por onde se metía a leña para a lareira e o forno así como a herba pro gando.

Captura 1           A casa propia onde vivíamos tiña dous andares, abaixo tamén había cortes pras vacas e pros porcos. No pé da “L” estaba a lareira que se asentaba nunha pedra retangular de uns vinte centímetros de altura baixo o canizo, e separada das cortes por unha parede de taboas. A súa dereita estaba o forno, que era grande e todo interior e no que se facía a fornada unha vez por semán, ademais de un pesebre onde había sempre dous ou tres cuxos. A ezquerda na veira de unha ventá estaba o fregadeiro, a espiteira e o salgadoiro, todo incrustado na parede de pedra.

Sin título          Sin título 2          Pro andar de riba subíase por unhas escaleiras de madeira. Alí había un corredor onde se atopaban tres arcóns grandes nos que se gardaba o trigo, o centeo e o millo debullado, e tres cuartos, ademais da porta que daba a eira e ao cuberto. Co andar do tempo tamén se fixo a cociña de ferro.
——-A casa moitos anos despois, quedoulle a miña curmá Mari e ao seu home Otilio (+) que arranxaron as dúas casas facendo unha só moi fermosa, e que remataron por vender fai uns anos. Pero a min sempre me quedarán as lembranzas daquela casa tal como foi feita nos tempos dos meus avós pois nela nacín e pasei moito tempo de cativo.

CASA DO CASTELO g

OS POLITICOS

OS POLITICOS
         Os políticos, veñen sendo algo así coma os xenros pros sogros nas aldeas. Aparecen cando menos o esperas (os días de festa), e desaparecen cando mais falta che fan (botar as patacas, sachar no millo…)
         Cando mais se miran é nas campañas electorais. Están por todas partes: fábricas, talleres, pescaderias, mercados, carnizarías e mais a miudo en restaurantes, pulperías, asadores, marisquerías e en todos os sitios onde poidan atopar algunha vítima dos sobres que con tanta ledicia reparten. E hai tantos que ata tropezan os úns cos outros e corres o risco de pisalos sin querer. Despois da campaña veñen os días de reflexión e eleccións, que son algo así coma eses nos que os contacontos, cóntanlles aos nenos o conto da boa pipa. Son moi dados a expresións como: “que canso estou” “percorrín milleiros de kilometros en vinte días” “todo o meu sacrificio polos cidadáns” “as miñas pestanas levan días que non saben o que é pecharse ” “fai un montón de días que non vexo a familia”… Oes, dincho tan convencidos que ata parece que lles tés lástima e todo. Meus probes
         Pero pasadas as eleccións, chega o tunel e desaparecen ata as próximas. Bueno, tampouco desaparecen de todo, sábese deles pola prensa e fanse famosos polos seus feitos, xa sexa por comisións opacas, por mandar a carteira para Suíza, por tráfico de influencias, malversación de fondos, delitos fiscais, enchufismo, etc.
         Onde sí se miran sempre, é nas distintas feiras e festas gastronómicas que se celebran en todos os Concellos do noso país. Aí si que aparecen aínda que non haxa eleccións. Ademais presumen de ter boa boca e comen te todo. Da gusto mirar pra eles porque non son coma os cativos, que hai que pelexar con eles para meterlles un bocado. Vailles todo, xa sexa empanada, tortilla, xamón, pulpo, cocido, ou ben, cualquera tipo de peixe ou marisco…o que sexa con tal de comer gratis e facerse notar en plan cacique, para despois ter cara de fartura e facerse a foto correspondente para os xornais, que é sempre mais grande que o cartel do evento qu se celebra. Hai uns días, tivo lugar unha famosa e fermosa festa gastronómica nun concello da bisbarra do Deza e alí apareceu o alcalde. Ao chegar a hora das charlas e agradecementos por parte da comisión organizadora do evento, foi o primeiro en coller o micrófono e en dirixirse aos festeiros que estaban pracidamente comendo e desexando que ninguén os molestase, porque a unha festa, vaise para disfrutar e non para escoitarlle decir parvadas ao político de turno. Os rapaces que forman a comisión organizadora, andaban un pouco moscas preguntándose os uns aos outros que quen o convidara. Chegaron á conclusión de que non foi convidado por ninguén e que apareceu alí porque si, como si fose a Santa Compaña para amargarlle o serán a xente.
         Había un vello alá de onde son eu, que ía todos os anos á festa dos vellos a unha carballeira dunha parroquia da Agolada, que os comparaba coas moscas das vacas:
         – Os políticos son como ás moscas dás vacas – dicía-. Andan todas arredor do seu cú esperando que saia a primeira fornada de bosta. En canto esta cae no medio do prado, botanse a ela coma si estivesen mortas de fame.
         A min, nunca me gustou a súa compañía. É mais, nunca comín ao lado dún e cando coindin con algún, procurei afastarme o máximo posible para non me contaminar. É unha raza á que non teño ningún aprecio.
         A única vez que me relacionei deles foi por erro na praia “Pozo do Boi” en Vilatuxe, hai xa moitos anos, cando o Señor Rajoy era ministro de algo que nin él mismo entendía moi ben o que era. Por aquel entón o PP, facía unha festa/pachanga/mitin/carallada nesta fermosa praia do rio Deza. Era noite cando a miña parenta mais eu, xunto con unha filla cativa, volvíamos do fin de semán para Pontevedra. Dende a estrada mirábase a iluminación festeira da praia e adiviñábase un montón de xente. A miña muller comentoume que podiamos parar un pouco, pois aínda era cedo. Eu aceptei de bo grao.
         Cando chegamos alí, aquilo estaba cheo de xente, había un palco cuns micrófonos pero non había orquestra ningunha, unhas longas mesas onde había comida de todas as clases, pulpo, empanada, tortilla, churrasco… ademais de viño e refrescos. Pregunteille a un señor que tiña ao lado, que a que se debía aquelo:
         – Vostede faga coma min, coma e cale, que é gratis -contestoume entre medias risas-
Pois dito e feito, empezamos a picar algo de aquí e un pouco de alí, e niso estabamos, cando a miña muller me di:
         – ¡ Pepe, Pepe, mira a quen tés detrás ¡!
         ¡¡ Meu Deus !! Nunca me esquecín nin me repuxen do susto que levei. Xusto detrás miña, falando coa xente e repartindo sobres estaban ¡¡ Fraga, Rajoy e o Caudillo do Deza !!
         De súpeto atragantáronseme o pulpo e a empanada. Volvín preguntarlle o señor que tiña ao meu lado:
         – Pero, que raios fai esta xente eiquí?.
         – É un mitin do PP para as eleccións municipais.
         – E xa deron as charlas?
         – Si, si. Déronas ao comenzo do acto, pois se as deixan para o remate, a xente ao comer marcha, e cando falen só quedan os  ofrecidos.
         Anda que non tiña retranca o vello nin nada. Collín a parenta e a filla polo brazo e marchamos dalí escopeteados. Un pouco fodidos, iso si, porque o pulpo estaba caralludo…no seu punto que se dí.
         E aínda por riba, a miña filliña que daquelas era cativeira, decatouse de que a cousa non fora moi ben naquel sitio, e debeulle facer gracia o asunto, porque contáballo a todo o mundo:
         – O meu papá, marchou sin pagar a comida da festa.
         ¡¡ Cajonodemo!! i eu dando explicacións a quen lle facía caso.
         Dende aquel día, non me volvín meter onde non me chaman, e pola miña banda…os políticos para quen os queira.

sin-tc3adtulo3

XANCIÑO

XANCIÑO

Xanciño marchou á vila, consultar cun abogado,
regaloulle unha pitiña, e faloulle “castellano”.

Retrouso:
O probes que somos,
a xente da aldea
que ainda mantemos
a quen nos torea,
e quen nos torea,
toréanos ben,
a culpa eche nosa,
non che é de ninguén

E así lle respondeu o abogado:
“Mire Vd.. La Seguridad Social, es la seguridad.
Pero, si quiere Vd. vivir tranquilo, deje al Médico del Seguro,
váyase a Santiago y consulte con uno de pago”.

Xanciño volveu prá casa, pensativo e cabreado,
chorando foise pra cama, co reuma no espiñazo.
Toda a noite sin dormir, decide coa sua muller,
a Santiago sair nun turismo de alquiler.

E así lle respondeu o doutore:
“Le aseguro a Vd., que lo suyo es de pronóstico.
Don Juan, no puede Vd. trabajar más.
Lo que tiene que hacer, es acogerse a la Seguridad Social”.

E Xan pagou ben cartiños, por palparlle o espiñazo,
veuse pra casa fodido, cos dolores aumentados.
Os parentes e veciños, din que todo ten amaño,
que regale “xamonciños” ó fillo do Segredario.

E así lle respondeu, o fillo do Segredario:
“La cosa no está nada fácil.
Le aseguro yo a Vd., que los tiempos están muy malos.
Pero, por lo que se ve, miraremos y haremos lo que se pueda”.

Recolléronlle os xamóns, e voltou coa esperanza,
que lle deran a razón dos males da sua espalda.
Pasaron logo dous anos, e o Xan non sabe nada,
O dos dereitos humanos, evos unha trangallada.

(Esta fermosa cantiga cántase todos os anos dende xa fai moitos, na casa dos meus curmáns de Moneixas polas festas do San Adrián. A que leva a “voz cantante” é a miña curmá Ana, que tena fermosísima. A cantiga según teño escoitado é popolar e esta grabada por algún dos nosos mellores grupos de música tradicional como Os Perillotes, Saraibas etc)

sin-tc3adtulo3