LABREGOS: HEROES


LABREGOS: HEROES

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          Cando alguén se digne escribir sobre as xestas do campesiñado galego, que conseguiu sobrevivir e criar familias numerosas nunha loita permanente coa terra e as adversidades, esa historia terá todas as características da literatura epopeica. Así eran os labregos, así era meu pai e os pais dos meus amigos, os meus veciños. Homes de face curtida, acartonada pola intemperie e as suores, mans enormes e callosas, corpo lanzal sen concesións para adiposidades, cabeza toucada por boina ou chapeu, sempre ao enxoito de chuvias e radiacións solares. Titáns no agro empuñando a rabela do arado, nas encostas dos montes amparando da carga do carro, nas estivadas cavadas a legón, empuñando a fouce para barbear o monte, engavelando herba ou molime en galletadas descomunais, carrexando cestas de herba verde desde o prado da sega, agatuñando aos carballos para podalos, pelando a cortiza das sobreiras…

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          As mulleres labregas teñen protagonizado outra historia de traballos e sacrificios semellantes ou superiores. A Ilíada e a Odisea xuntas. A muller gobernaba a casa, traballaba no campo en tarefas de menos forza pero non de inferior esforzo, ocupacións que soía acompañar con embarazos, partos e crianza dos fillos. Non sei se coñecían a expresión “sentirse realizadas”. Quizais non lles quedaba tempo para pensar niso.

España, Galicia, 1978-1982 Spain, Galicia.

          Para simbolizar tanta heroicidade escollín tres imaxes tomadas por Ton van Vliet en Esperante (Agolada), Santa Mariña (Antas de Ulla) e Muimenta (Lalín) a finais dos anos 70. A elocuencia das imaxes fai superfluas as palabras.

Deixo aquí expresados o meu recoñecemento e homenaxe aos labregos de Galicia e moi especialmente aos meus pais, que nunca tiveron vacacións nin souberon de luxos, pero criaron seis fillos e a todos lles procuraron estudos, a catro deles universitarios.

(Do blog AQUAM LATAM e fotos de Ton Van Vliet: Entrada do 23 de Maio do 2009)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s