UN DÍA DE FORNADA


UN DÍA DE FORNADA
           As maiores lembranzas que teño das cousas da aldea, son das fornadas. O día que se cocía o pan viña sendo algo así como o día da festa para os que eramos cativos. Debía de ser dos días nos que máis se madrugaba. Na miña casa había un forno moi grande de pedra, todo interior e de forma semicircular. Cocíanse unha vez á semana uns cuantos moletes grandes de millo.
           Xa de mañá cedo o meu curmán Luís máis eu non saiamos darredor do meu tío Camilo, pois nada máis erguerse da cama, poñíase a preparar o carro para ir á Devesa buscar a leña coa que quentar o forno e non fora ser o demo que marchara sen nós. A leña coa que se quentaba era maiormente de xesta, piornos e uzes,sendo esta última a mellor segundo dicían, pois era unha leña de moita consistencia e que daba moita calor, de feito, as súas raíces rubias usábanse para facer o carbón vexetal e as pipas de fumar.

Imaxe           O de quentar o forno debía de ser unha arte, por saber cando as pedras tiñan a calor adecuada para que se cocera o pan sen que se pasara ou quedara cru. Lembro que no inverno, a noite anterior deixábanse uns cepos ardendo dentro,que segundo dicía o meu tío era para que suaran as pedras e que agora penso que serían para sacarlles a humidade. Tan pronto chegabamos da Devesa co carro ateigado de leña, o meu tío levaba o primeiro brazado de pólas e prendía o forno, e mentres ardía seguía carrexando nela. Nós, polo noso lado, axudando a carretar póla a póla mentres o meu tío non paraba de dicir “estádevos quietos nenos, que vos ides mancar…ide xogar para eira que xa a carreto eu”.
           Mentres se quentaba o forno ata que as pedras se poñían brancas coa calor, a miña nai e a miña tía Asunción, quentaban na lareira a auga coa que remoer a masa que quedara dende o día anterior dentro feita de millo misturado con centeo que se moera no muíño do Fondo das Chousas no río das Abellas, e á que lle mesturaban uns puñados de lévedo que quedara envolta nunhas verzas desde a fornada anterior. Así que estaba a masa feita tapábase cunha saba co fin de que non perdese a calor para que levedase. A influenza relixiosa daqueles tempos facía que a miña tía gravara na masa unha cruz cun garabullo.

Imaxe           Unha vez quente o forno, o meu tío barríao cunha vasoira feita de xestas e ía mollando de cando en vez nun caldeiro con auga para que non se queimase. Unha vez limpo, metíanse os moletes de pan e unhas bolas de trigo redondas feitas á maneira das empanadas, ás que se lles metía dentro, chourizo, torresmos, ou xoubas se é que viñamos nós o día antes de cocer e as traiamos de Pontevedra. Tapábase a boca do forno cunha porta de ferro e selábase con bosta de vaca darredor para que o forno non perdese calor.
           E logo viña a espera, entre contos ao pé do lume da lareira e todos ledos polo traballo ben feito. Non lembro o tempo que botaba o pan no forno, penso que ben mais dun par de horas. Primeiro sacábanse as bolas que cocían moito antes, e volvíase a pechar o forno para que seguira cocendo o pan. E unha vez cocido, meu tío sacábao para enriba da artesa e non se gardaba hasta que enfriara. Que fermosos eran aqueles moletes grandes de millo coa codela tostada e oscura, sobre os que brilaba a fariña que se lle botaba por enriba antes de metelos ao forno.

Imaxe           Unha vez baleiro o forno, botábanse dous cestos de mazás para que se asaran e deixábanse alí ata que enfriaba. Durante os días seguintes, había mazás asadas de postre para despois do xantar.
           O día que se cocía pola noite, facíase de cea algo que sempre foi das cousas que máis me gustaron. Fritíanse uns ovos e machacábanse con faragullas de pan de millo. Que ben sabía! De feito, anos despois, en Pontevedra, cando atopaba pan de millo nalgures, sempre compraba un anaco para facelo na casa con ovos. Como dicía a miña nai…”para comidas ricas, as casas dos probes”.

Imaxe

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s