A Cova era o punto de encontro cando nos xuntabamos uns cantos amigos para as cantigas de taberna ou cando coincidía que cantabamos polos arredores de Pontevedra durante a década dos 70 e ata o 77, ano no que morreu o Sr. Fidel.
Abría só a partires das sete do serán, pois durante o día tiña outros quefaceres na súa vida de gandeiro, pero despois, non tiña ningún apuro en pechar. Cando a altas horas da noite lle entraba o sono e a clientela non marchaba, xamais lles dixo que se foran porque quería pechar. Avisaba con tres apagados de luz curtiños que repetía outra vez despois de un anaco se os primeiros non daban resultado, como dicindo que para o outro día as sete da mañá, tiña que estar muxindo e dándolle de comer as vacas, que para iso eran as que lle daban de comer a el, pois á taberna só lle sacaba unhas pesetas os venres e os sábados pola noite. A diario,só tiña tres oucatro veciños e algúns amigos que apareciamos por alí de cando en vez.
Tiña unha voz de barítono moi fermosa, cantara en dúas ou tres corais e tocaba o clarinete na banda de Música de Arcade. Eu preguntábame moitas veces de onde sacaba o tempo para tantas cousas ás que se dedicaba.
No mes de agosto do ano 1977 e durante as festas da Peregrina, coincidimos nun concerto na alameda pontevedresa xunto a outros, Fuxan os Ventos, SusoVaamonde, Bibiano e Benedicto. El era un namorado da música galega e tiña unha boa colección de cintas, que poñía sempre na taberna unha e outra vez nun reprodutor de cassettes que tiña sobre o mostrador.
Uns días antes do concerto fun onda el e díxenlle que pola noite dese día iriamos todos para a taberna tomarlle uns viños, xa que o tiña ben bo, e así de paso presentáballe a todos os compañeiros, porque sabía que era unha cousa que estaba desexando.
Cando rematamos de cantar, Suso Vaamonde faloume de levar algo para picar co viño, pois o Sr. Fidel só tiña o típico das tabernas: arenques salados, bacallao cru e latas de conservas. Chamei por teléfono á panadería Vilela do Marco e mercámoslle unhas tres ou catro empanadas que me dixo que tiñan e unhas barras de pan para comer coas conservas da taberna. Ademais un bo amigo meu, o Sr. Pepe, mercara algo de salchichón e chourizo picados para levar tamén. Todo isto, metémolo no coche de Suso e arrancamos para a Cova.
Nunca esquecerei a estampa que vin ao chegar a taberna sobre as dez da noite. Fóra, estaba a señora de Fidel na compaña da súa filla e de catro ou cinco mulleres máis, con dúas potas pulpeiras de cobre cocendo pulpo e coas tesoiras e os pratos preparados. Dentro da taberna tres rengleiras de mesas sobre as que había, anacos de empanada, chourizo, queixo, xamón, lacón cocido e troceado e todas esas cousas que se poñen nas mesas das xuntanzas dos amigos. O señor Fidel organizara o evento, xunto cos seus amigos e vecinos, para agasallarnos e para que non marcharamos co estómago baleiro.
En total habería alí unhas trinta persoas máis dezasete que eramos nós. Non lle podiamos fallar. Despois do picoteo no que estivemos todos moi apretados empezamos a cantar e o Señor Fidel, vendo que a súa dona máis algunha amiga empezaban co baile, decidiu sacar as mesas para fóra e converteu a taberna nun salón de baile. Non me lembro ata que hora estivemos alí pero o certo é que xa estaba para saír o sol. Foi unha desas noites que por moitos anos que pasen, nunca se esquecen e que sempre se fala delas. Despois entendín por qué o señor Fidel me insistía tanto os días anteriores para que non lle fallase.
O caso foi que dous días despois, chámame a dona de Suso dende Ourense e dime: “Pepe, que dí Suso que fai coas empanadas o pan e os embutidos que hai no coche” jeje. Tal foi a cousa que nos esquecemos do que levaramos nós.
Pouco tempo despois, no mes de novembro, ao señor Fidel paróuselle o corazón unha mañá de moita xeada cando ía levar as vacas ao monte. Eu sóubeno catro días despois cando cheguei de Lugo, pero Suso xa se encargara de mercarlle unha coroa de flores no nome de todos e xa lla levara á súa tumba no cemiterio de Ponte Caldelas.
2 thoughts on “O SEÑOR FIDEL DA TABERNA “A COVA DO MOUCHO””
Lembrome de ese día Buxán. Vaia festa que se armou alí. Rematáramos unha ducia durmindo na túa casa no chao do salón ata ben entrado o serán.
Eu fun xunto con Suso ao enterro del e lembro o moitísimo frio que facía aquel día tamén.
..
Lembrome de ese día Buxán. Vaia festa que se armou alí. Rematáramos unha ducia durmindo na túa casa no chao do salón ata ben entrado o serán.
Eu fun xunto con Suso ao enterro del e lembro o moitísimo frio que facía aquel día tamén.
..
E certo Rafa, xa non me lembraba. Ceaaaaaaaaramos camiño de Lugo alá por Monterroso, ou Antas. Xa choveu.